Daniel Salgado: “Son teimudo, non adoito deixar novelas sen rematar”

Daniel Salgado.

Daniel Salgado é unha das voces poéticas actuais máis solventes e autónomas. Desta volta comparte a súa ‘Biblioteca íntima’, chea de substanciosas recomendacións, ás que sumamos os seus libros máis recentes: Huelga general. Antología (Libros de la Marisma, 2018), unha escolma bilingüe de toda a súa obra realizada por Alberto García-Teresa e traducida por Miriam Reyes, e O Gran Rexeitamento/Flores para Albert Ayler (Apiario, 2017).

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Non o sei. Seguramente algún de Barco de Vapor serie azul ou un Mortadelo.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

A estética da resistencia, de Peter Weiss. O Poema sujo, de Ferreira Gullar. Non estou seguro de que sexan pouco coñecidos, si de que merecerían selo máis. E ambos os dous son obras mestras.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Son un lector bastante teimudo, insistente. Hei de dicir, con todo, que Na procura do tempo perdido, de Marcel Proust, estame custando máis tempo do habitual. Levo catro anos con el e cheguei ao quinto tomo. Penso rematalo. 

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Pois iríame con María do Cebreiro, Keith Payne, Manuel Darriba e Xabier Cordal a que Amiri Baraka nos levase escoitar unha sesión de jazz libre e, cunha pouca de sorte, a el mesmo recitando acompañado de, por caso, David Murray ou Albert Ayler. Se cadra aínda topabamos a Ismael Ramos, Antía Otero, Pati Janeiro e Alberto Lema. A noite podía virar mesmo épica.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

De todo se aprende, pero se cadra non me apetecería pasar demasiado tempo con Fernando Pessoa.

Un libro recente que lle gustase moito…

Unha nouvelle de Simone de Beauvoir, Malentendido en Moscova; A herba de namorar, de María do Cebreiro; algúns poemas que non coñecía de Adrienne Rich. Tamén me interesou moito Atlas, de Alba Cid, aínda estou ás voltas con el.

Unha novela que non puido terminar…

Como dicía antes, son teimudo. Non adoito deixar novelas sen rematar. 

Que novela lle gustaría protagonizar?

A Anábase, de Xenofonte, pero non como Ciro O Mozo, senón como soldado dos dez mil que deserta e coñece aquela Persia pola súa conta.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Non é unha novela, pero para min foi importantísimo ler o Caderno dun retorno á terra natal, primeiramente na tradución ao castelán de Agustí Bartra. É unha alegría que, desde o pasado ano, exista publicada unha versión galega a cargo de Manuel Ángel García Fernández.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

A poesía enteira de Robert Lowell, o Decamerón na tradución de Moisés Barcia, A morte de Virxilio, de Hermann Broch.

Que libro lle gustaría ter escrito?

As Elexías de Buckow, de Bertolt Brecht, Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro, Vem à quinta feira, de Filipa Leal.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Entendo que debo apandar co que publiquei, estea máis ou menos conforme (e con algunhas cousas estou pouco conforme). En todo o caso, por azares editoriais, varios dos meus libros xa non están nas librarías.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Anoto cousas en cadernos continuamente, relacionadas sobre todo con lecturas e filmes.

Escribirá as súas memorias?

Non teño pensado.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Celso Emilio Ferreiro. En concreto o seu poema Deitado frente ao mar impreso no libro de lingua galega de oitavo de EXB.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Adoitan aboiar, non?

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Máis ca un libro, non me gusta nada certa tendencia a adoptar as formas da novela negra e nada da súa substancia. Para compensala, Diego Ameixeiras, adscrito ao xénero, paréceme un dos mellores prosistas da literatura galega.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Estirpe, de Méndez Ferrín.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

A poesía de Arcadio López-Casanova.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín; M-Talá, de Chus Pato; a poesía enteira de Celso Emilio Ferreiro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s