O enigma do crítico galego-arxentino Critias

Capas da revista ‘Céltiga’.

Xesús González Gómez.

En 1925, Baldomero Fernández Moreno daba ao prelo o seu libro de poemas Aldea española. Fernández Moreno (1886-1950) dérase a coñecer en 1915 co poemario Las iniciales del misal, aparecido nun momento en que na poesía arxentina aínda dominaba a retórica do modernismo e, segundo Adolfo Prieto, «impresionou polo seu ar despoxado, pola tenrura e a suave ironía con que o poeta rescataba feitos e circunstancias da realidade inmediata. Las iniciales del misal, curiosamente, publicouse cunha dedicatoria a Rubén Darío, e esta decisión do autor, contraditoria cos contidos e coa linguaxe utilizada nos seus poemas, parece indicar menos a vontade dun enfrontamento ao modernismo que a de sinalar un rumbo lírico propio, sen estridencias polémicas. O fundamental de Fernández Moreno está xa neste primeiro libro» (Adolfo Prieto, Diccionario básico de la literatura argentina, Buenos Aires, Centro Editor de América Latina, 1968, p. 56). César Fernández Moreno (fillo de Baldomero), no seu imprescindíbel La realidad y los papeles. Panorama y muestra de la poesía argentina (Madrid, Aguilar, SA de Ediciones, 1967), escribe (páx. 113): «Sinalamos até aquí unha situación persoal, biográfica, o que lle acontece a unha persoa que pensa que vai vivir en España e resulta que non, que a traen a vivir a Arxentina. Pero como esa persoa é ademais un poeta, ao transferir ese descubrimento ao plano poético, produce, sen querelo, unha revolución nas letras arxentinas. A realidade é imprevisíbel: a súa fuga dela dotará a Fernández Moreno desa “percepción xenial do mundo exterior” que lle atribúe Borges, e converterao, por iso mesmo, no maior poeta realista arxentino». Reproduzo isto para situar un pouco a Baldomero Fernández na literatura arxentina, porque o tema deste artigo, aínda que xira case todo el arredor deste poeta, é en realidade outro.

No número 22, 10 de setembro de 1925, segundo ano da súa segunda xeira, do «periódico quincenal de arte y crítica libre» Martín Fierro, que se editaba en Buenos Aires, un aínda novo Jorge Luís Borges comenta o libro de Baldomero Fernández Moreno, Aldea española. O futuro autor de Los conjurados, daquela mergullado en plena xeira «criollista», enceta o seu comentario afirmando que coñece (aínda que sabe que hai máis) un par de realidades: «la realidad verídica, mediata, del yo, de cada yo, en función de atisbador directo del mundo y la realidad mendosa, mediata, de quienes no son yo, de quien son los otros de mi yo, de los que pertenecen a la clase de los distintos, como el recién venido». Se ben sabe que esa distinción non é válida, porque cada home posúe a súa realidade, «la única en el mundo válida para él», e mencionar os outros como mencionar o carreiro de enfronte son frases absurdas, pois «cada outro es un yo y cualquier “enfrente” es “aquí”, en cuanto atravesamos la calle». E Borges chega onde quería chegar: «Hay escritores que nos dan un mundo propio […]; hay otros que hasta cuando narran su yo, nos prestan vida ajena, de la que nuestra imaginación haragana supone en los demás». Para el, Fernández Moreno está entre estes últimos, e afirma que el (Borges) nunca solicitou vida inmediata no seu labor (o do poeta), senón un vivir desdebuxado, de oídas. «Hay remanso y lisura y simplificación grata de vida en él».

Pero en Aldea española hai algo máis: «la aventura personal de un nostálgico» que, querendo recuperar o pasado sen aniquilar o presente, «goza con el contraste que esa ficticia vuelta temporal le ocasiona. Hasta lo ineficaz del verso le ayuda, pues arguye emoción:

…Yo, poeta argentino y autor de este soneto,

he habitado este pueblo, vivido entre sus hombres,

mirado sus paisajes, trabucado estos nombres:

Santillana, Escalante, Reynosa, Limpias, Treto.»

Estes versos, en opinión de Borges, son «dramaticamente bos», xa que o ton é o da evocación, e esa va restra xeográfica podemos supola rebordante de imaxes na lembranza do poeta, mais «liricamente no existen». Logo lembra o comentarista, que xa Francis Bacon dixera que a poesía é «la sustitución de un mundo inesperado y variado a la igualdad y al fastidio de éste», e esta fórmula parécelle que convida a incluír na arte o xogo do xadrez, os de barallas e os chamados xogos de azar, «cousa que non me asusta», matiza, e a «soslayar toda poesía descriptiva»; poesía da que en Aldea española hai exemplos abondo, «hay unas terribles versadas en que el poeta, olvidadizo de inventar o sentir, nos diseña entes o paisajes según los atributos lógicos que los cuadran y nos cocina perogrulladas como esta:

Este otro panzón, de color sano,

metido en una tenebrosa funda

que yanta en casa todos los domingos,

que cobra diezmos y que vende bulas,

a quien hay que besar la áspera mano,

Don Celso, el señor cura.»

E apostila: «El cura imaginario de Herrera y Reissig, hecho a pura alucinación, es más real que este cura acaso verídico, trazado a pura lógica.»

Ás veces, porén, Fernández Moreno inventa, ou sexa: «dice un detalle inverosímil (la uña amarilla del estudiantón en Juanito, los tritones en un estanque de pueblo…) y hace poesía gustosísima», e dentro deste libro, afirma Borges, hai poemas admirábeis: «Revelación, «Compañeros» e «Estos recuerdos». E tamén o é a seguinte estrofa, onde a vida alcanza a súa mellor realidade: «su realidad de ensoñación»:

¿Entonces, Dios mío,

yo he tenido infancia

y he saltado cercas

y he escalado tapias

y he robado quimas

de fruta cargadas?

¿Y que esto ha ocurrido

en una lejana

aldehuela de oro

allá, por España?»

Ese mesmo ano de graza de 1925, na revista Céltiga. Revista gallega de arte, crítica y actividades, nº 18, 25 de setembro de 1925, é dicir, xusto dúas semanas despois de que se distribuíra o número de Martín Fierro en que Jorge Luis Borges comentaba o libro de Baldomero Fernández Moreno, na sección de libros, dábase unha ampla recensión (unha páxina enteira) de Aldea española. Versos de Fernández Moreno.– Buenos Aires, 1925.

A recensión iniciábase coa reprodución duns versos (un poema enteiro?) do libro, e logo viña a frase seguinte: «Fernández Moreno, vivió años claros de niñez, en una dorada aldea castellana». Veñen despois unhas frases máis ou menos líricas sobre as primeiras visións do hoxe poeta, etc., e acaba o primeiro parágrafo. Pode afirmarse que é a partir do segundo que se inicia, en verdade, a recensión. Parágrafo que comeza así: «El título es un poco ambicioso. “Aldea Castellana”, y no española debió ser», xa que a aldea é o máis característico do mosaico hispánico e, xa que logo, diferente en cada lugar, e di o comentarista: «Yo, gallego, no veo en el libro de Fernández Moreno, la aldea de mi paisaje nativo». Todo do que fala o poeta: terra dourada, mañá dourada, etc, é castelá, e como é castelá tamén o é a «ampulosidad de los sonetos que inician el libro. Justamente, por ser castellanos los versos y los asuntos, hay en este libro barroquismo». (Pode ser, de seguro que o é, certo, non coñezo o libro do arxentino-español, pero a aldea está localizada en… Santander: unha aldea cantábrica, non castelá.) Un barroquismo descoñecido nos anteriores libros do poeta, de simplicidade cativadora, de emocións a flor de verso; uns libros que achegaban unha reacción implícita «contra el otro y más perjudicial barroquismo de los post-rubenianos, que había invadido las jóvenes vocaciones líricas de estos lados del mundo, y las había apestado de cisnes, bufones, lirios y otras mandolinatas, tan gratas al denso paladar de los mestizos».

O espiritual naturalismo de Fernández Moreno «afirma su robustez en este libro». Ora, é un naturalismo no bo sentido da palabra: naturalismo de observación penetrante; naturalismo que recolle do medio toda a colleita emocional e que explora todos os expresivos recunchos da paisaxe e a descobre na beleza transcendental dos seus máis ocultos «accidentes»; naturalismo de achados imprevistos, de novas asociacións insospeitadas e atopadas ao azar… Por todo isto, o poeta empeza a non «querer ser entendido por la juventud “avant-gardista” argentina, tributaria del “boulevard”, que no podrá jamás entender el espírito oculto de Aldea», e lanza seguidamente unha frase do máis rancio nacionalismo-colonialismo: «en cuya exégesis [do libro de Fernández Moreno] podemos decir la ultima palabra solamente los españoles o aquellos que no han echado a ganancias y pérdidas el patrimonio étnico de su país».

E un exemplo desta incomprensión «está en un artículo de Borges, publicado en Martín Fierro» (o que resumimos nós). O comentarista explícalles aos seus lectores quen é Borges: «un muchacho agudo, que tiene en su haber intelectual la rehabilitación contemporánea de Anastasio el pollo, y la invención del vocábulo “crioelledá”». Borges non entendeu unha palabra do libro de Fernández Moreno, porque os libros, dinos o comentarista, para seren entendidos precisan no noso espírito «una disposición simpática, y no crítica», e así o futuro autor de Historia universal de la infamia, desde a inopia sentimental «a que o reduce su calidad de erudito presunto, se queda en el umbral del libro», os seus pés fican aprisionados nas «terribles versadas, como él dice» e non pode seguir máis alá. «Su mirada sagaz se parte en cachos, contras las formas exteriores». Pero nin mesmo isto das «formas exteriores» acaba de entendelo. «Por ejemplo: le parece imposible –lo atribuye a invenciones del poeta– que haya en un prócer e hidalgo lugar castellano “una fuente con tritones”, y en el dedo meñique de Juanito, el guapo aldeano, se curve una larguísima “uña amarillenta”, de Mefistófeles de saldo». Uña que o comentarista galego viu desde os «80 centímetros de nuestros seis años» na man do guapo, que case sempre era barbeiro; uña quen é tan certa, continúa, como os tritóns barbados de granito e de «limos verdes y resbaladizos». E iso que Borges estivo en España, pero, di o comentarista, «vio a nuestra tierra desde la triple deformidad de los cristales tóricos de su magnífica miopía, psiquiatado por las sogas del prejuicio de su “crioellidá”, y sumido en el sapientísimo receptáculo de Pombo, donde ahora ponen a las gentes agudas, marchamos de talento y etiquetas de garantía mental». O ataque a Jorge Luis Borges é duro, como se ve. (Por outra banda, quen vai negar os achados lingüísticos do comentarista, ese adxectivo, psiquiatado, é, verdadeiramente xenial, e non o digo en coña.)

E remata o comentarista de Céltiga con este parágrafo: «Mucho más podrá decirse del admirable libro de Fernández Moreno. Consignemos, por último, que el sublibro “Infancia” es encantador y se ajusta al “modo” conocido como personal de este poeta: una graciosa simplicidad (¡no simplismo!) constelada de ágiles síntesis. No somos dados a señalar influencias, pero a ratos hay cierto sabor remoto de Valle Inclán. ¡Ciertamente del Valle Inclán de La Pipa de Kif, que es el menos valleinclanizado de los libros de D. Ramón!» (Consignemos nós, pola nosa banda, que o comentarista nunca di o nome do poeta, só os apelidos.)

E asina o comentarista co pseudónimo que viña utilizando dende o número 15 da revista, correspondente ao 25 de xullo daquel 1925: Critias.

Antes de pasar a dilucidar, apresuradamente, quen se «acochaba», se é que se acochaba (acho que non) baixo este pseudónimo, digamos que non entendemos o «ataque» a Borges, sobre todo porque, en última instancia, baséase nun neocolonialismo e un nacionalismo algo reseso. [Non creo que Jorge Luis Borges escribira en 1931 «Nuestras imposibilidades», que en 1953 «canibalizaría» e dará como resultado «El escritor argentino y la tradición», pensando no que di Critias sobre ganancias e perdas do patrimonio étnico do seu país.) Por outra parte, o «ataque» (ou «asalto») a Borges, a quen se dirixía: aos lectores galegos de Céltiga en Arxentina e/ou Uruguai, ou aos escritores galegos, aos lectores, galegos de Galicia? Penso que máis a estes últimos, sobre todo se analizamos as posteriores recensións que nesta revista publicará Critias.]

Critias encetará o seu labor de comentarista de libros no número 14 de Céltiga, correspondente ao 25 de xullo de 1925 e rematarao no número 112 da revista, correspondente ao 25 de agosto de 1929. Nestes catro anos, nestes noventa e oito números (algún menos, por ter cinco números dobre numeración), a sección «Libros» a cargo de Critias aparecerá en trinta e dúas ocasións (32) e comentará trinta e dous (32) libros. Destes libros, un é un libro portugués, Divina Tristeza, de Anrique Paço d’Arcos; seis de autores arxentinos (dous arxentino-galegos: Francisco Luis Bernárdez e Amado Villar) e/ou españois; sete de escritores nacidos en Galicia, mais os libros escritos en castelán; e dezasete (17) de libros galegos. Entre estes dezasete libros salientan: Os señores da terra, de Ramón Otero Pedrayo (cuxo comentario divide en dúas partes, publicadas en dous números), O Porco de pé, de Vicente Risco, A fiestra valdeira, de Rafael Dieste, Estebo, de Lesta Meis, Da vella roseira, de Victoriano Taibo, Na noite estrelecida e A rosa de cen follas, de Ramón Cabanillas, O mariscal, de R. Cabanillas e A. Villar Ponte, Romances Galegos, de Eduardo Blanco Amor, Proel, de Luís Amado Carballo, etc., até o total de dezasete.

Mais quen se «acochaba» baixo este pseudónimo. En ningunhas das listas de pseudónimos galegos que corren pola rede dei con quen podía ser este Critias. No libro Céltiga (1924-1932). Revista gallega de Arte, Crítica, Literatura y Actualidades, edición de Luis Alonso Girgado, Élida Abal Santorum e Alexandra Cillero Prieto (Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para investigación en Humanidades, 2009), como só analizan os primeiros números da revista, o nome de Critias non aparece –sinalemos, de pasada, que a reprodución facsímile dos primeiros sete números da revista é, simplemente, infame: así se gastan os cartos públicos. Catro anos máis tarde, o mesmo centro publica en dous DVD os anos 1925 e 1926 da revista, ao cargo dos mesmos editores do que o libro anterior, e mais Manuel Quintáns Suárez e Lorena Dominguez Mallo: desta vez aparece Critias, pero malia ser un equipo de cinco, non avanzan nin unha pequena hipótese de quen pode ser o tal Critias. Sylvia Pulpeiro e Pablo Rodríguez, no libro Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata), publicado polo Consello da Cultura Galega (só en formato dixital?), afirman, na páxina dez, que baixo este pseudónimo e o de Xandomar se acochaba Eliseo Pulpeiro (1901-1974). Pódese afirmar que non «afinaron» moito. Non vou discutir se Xandomar era ou non Eliseo Pulpeiro (teño as miñas dúbidas, mais hoxe non vou entrar no tema), pero despois de ler todos os escritos que Critias publicou na revista Céltiga, queda máis claro que unha bogada lavada con Ariel que quen se acochaba baixo ese pseudónimo era, é, Eduardo Blanco Amor. [Por mor do confinamento, non teño a man a biografía de Blanco Amor feita por Gonzalo Allegue (Diante dun xuíz ausente. Biografía de Eduardo Blanco Amor, Vigo, Nigra, 1993)], pero estrañaríame que aclarase este punto.], pero estrañaríame que aclarase este punto. No 2016, Emilio Ínsua no seu A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931 (A Coruña, Bahía Edicións, 2016) escribe: «E nas páxinas de Céltiga (nº 75, 10-2-29), o autor que asinou Critias (Blanco Amor?) tamén tivo gabanzas para o de Viveiro e para a obra que agora nos ocupa [Ramón Villar Ponte, Doutrina Nazonalista]». Pero o primeiro en descubrir que baixo o pseudónimo de Critias se agochaba Eduardo Blanco Amor foi Xoé Luís Axeito en «El Teatro gallego en el exilio» (in ManuelAznar ed., El exilio teatral republicano de 1939, Sant Cugat del Vallès, Associació d’Idees-GEXEL, 1999, agora en). Como que Axeitos, non era o tema que o levaba, non «incidía» no tema do pseudónimo, deamos unhas cantas probas en apoio de que Blanco Amor Critias; «probas» tiradas das recensións aparecidas en Céltiga.

No número 51 (10 de febreiro de 1927), Critias fai a recensión de Síntese xeográfica de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo. Despois dunhas consideracións interesantes e que agora non veñen a conto, escribe: «Ramón Otero Pedrayo, llegado al nacionalismo por natural gravitación, es uno de los hombres de más poderosa cultura con que cuenta actualmente Galicia. En Otero Pedrayo –profesor de Geografía del Instituto de Orense– se realiza el tipo del eterno estudiante. Vicente Risco le dedicó un hermoso y justo artículo en estas mismas columnas. Otero Pedrayo, señor de pazo y tierras, hombre de vida resuelta, se ha entregado a los estudios más diversos con una irritada e insaciable curiosidad de diletante. Pasó largos años en lo oscuro de su hosca autodidacia. Y cuando todos creíamos [subliño eu, XGG] que estaba irremediablemente perdido en los recodos de una erudición estéril –donde sin duda se extraviará Eugenio Montes– he aquí que le vemos entrar en las letras gallegas, dando a manos llenas la madura cosecha de su larga austeridad estudiosa». Quen escribe estas liñas, non cabe dúbida, coñecía a Otero Pedrayo, e coñecíao no seu lugar natal, é dicir, en Ourense. Por outra parte, quen lea as cartas de Vicente Risco lle enviara a Losada Diéguez (Epistolario de Vicente Risco a Antón Losada Diéguez, edición de Joaquim Ventura, Deputación de Ourense, 2010), observará que o que di de botado a perder de Otero é o mesmo que lle dicía Risco a Losada Diéguez sobre a persoa do autor de Arredor de si antes de que Otero se lanzase a escribir.

No número 26 da revista, o libro comentado é Alma triste, de Augusto Mª Casas. A recensión iníciase falando de Ourense: «Decía Eugenio Montes en una de sus espirituales exégesis, que Orense es, entre las ciudades gallegas, la más propicia a la espontánea floración de poetas.» E liñas máis adiante: «La lluvia que empaña las perspectivas y las almas; la forzosa vida interior a que se ven confinadas las sensibilidades de excepción para aislarse tanto de la vulgaridad ambiente, como de la excesiva “peña” estéril, con sus largas sesiones de virtuosismo verbal […]; el rencor sordo, provocado por la indecente sorna y la cobarde befa con que siempre el populacho de Orense saluda a sus artistas […]», «Si Orense estuviese dotado de una buena escuela de artes […]», «Mientras tanto, Orense no producirá otra cosas que poetas […]». De seguro que quen asina estas liñas viviu en Ribadeo e por Ourense quizais só estivo un día ou dous, se é que estivo? Quen escribe estas liñas coñece moi ben a cidade do Cristo barbado. No número 83 de Céltiga, 10 de xuño de 1928, comenta, nunha primeira entrega, Os señores da terra, de Ramón Otero Pedrayo, e despois dun longo parágrafo de alguén que coñeceu a Otero cando aínda non era «escritor», continúa da seguinte maneira: «Para nosotros, que conocíamos a Pedrayo, lector universal, degustador de las mejores y más puras literaturas del mundo; nosotros, que revivíamos en él –lejanas y brumosas tardes de las “peñas” en el “Royalty” y en “La Unión”– en su conversación llena de imprevistos su cultura extraordinaria que se ofrecía desmenuzada y pintoresca en las charlas del café, y en su calidad señorial de, hidalgo gallego, que vivía temporadas en Madrid, y que visitaba sus labranzas y descansaba, fecundo descanso estudioso, en su “pazo” del Ribero (sic), etc.» (Supomos que Eliseo Pulpeiro non era asiduo deses dous cafés ourensáns.) Por se isto non fose definitivo, aí van dúas «probas» máis. No número 65 (10 de setembro de 1927), na recensión que fai de Proel, de Luis Amado Carballo, lese: «La Centuria, revista orensana que abrió los ciertos caminos a algunos extraviados viandantes, hizo en su tiempo, un somero balance de las escuelas modernas, y el Preludio a toda estética futura, de Vicente Risco, publicado fragmentariamente en la misma fue buena pauta para las auténticas inquietudes y una eficaz invitación a las lecturas de fondo, que nunca hemos de agradecerle bastante»; e no número 108, 25 de xuño de 1929, Critias comenta o libro de Vicente Medina, Aires murcianos. Como ilustración, unha fotografía de Medina con esta dedicatoria: «A Eduardo Blanco Amor, muy afectuosamente. Vicente Medina, 25/4/29». E por se todas estas «probas» non fosen suficientes, podemos engadir os seguintes «feitos»: a partir do número 112 da revista, en que Critias comenta o libro do P. José Mouriño, La literatura medioeval en Galicia, a súa firma, así como a sección «Libros», desaparece de Céltiga, como desaparecen os nomes e a colaboracións de Ramón Suárez Picallo e de Eduardo Blanco Amor ao estes dous romperen coa liña seguida pola revista, coa que mantiñan graves e duras discrepancias (por certo, tamén desaparece da revista a sección de Xandomar, «Do vivir cotidián»; e o seu nome-pseudónimo).

Para acabarmos xa dunha vez por todas. No número 92 de Céltiga (25 de outubro de 1928), Critias asina a recensión de Romances galegos, de Eduardo Blanco Amor. En 1931, unha vez proclamada a República Española, Blanco Amor está na Federación de Sociedades Gallegas e dirixe o seu órgano, Galicia. A Federación «celebra unha entusiasta xuntanza e, xunto coa ORGA, ofrécelle un grandioso homenaxe ao cónsul de España Buhígas Dalmau, neste acto como noutros días sucesivos […] Alonso Ríos, Suárez Picallo, Campos Couceiro, Lino Pérez, fan o brinde de man a man con Blanco Amor, que non para de lembrar que o xornalismo español en América só tivo unha voz republicana: Galicia (Federación)» (Gonzalo Allegue, Diante dun xuíz…, op. cit., p. 106-107 –un amigo, Enrique Acuña, envioume, ao meu pedido, escaneadas diversas páxinas do libro). Alonso Ríos, Sigüenza e Suárez Picallo parten para España, Blanco Amor terá que esperar. Os arredistas d’A Fouce (a quen Blanco Amor denominaba «a couce») e os socialistas de Acción Gallega, tremen biblicamente «diante do escándalo dese desquiciado quinteto orguista, esa irmandade galaico-hispanoamericana de inescrupulosos que viaxan a España con pasaxes do consulado, etc» (Allegue, p. 107). E dispáranse os ataques por todas as bandas e desde todos os bandos. Recoméndolles á/os lectora/as curiosos as páxinas 107/108 do libro de Allegue, en que se reproducen unha restra de ataques a Blanco Amor e algunha resposta deste. Desde A Fouce, o 15 de agosto de 1931, disparan directamente a matar, e entre o que din, que son demasiadas cousas para reproducilas aquí, está a que nos interesa: «Un botarate que en ocasión de editar un libro de versos, tivo a ousadía de facerlle el mesmo a crítica que firmou con pseudónimo», asina o «Perfil» Critios (a alusión, como se percibe, non é nada indirecta) que, segundo Gonzalo Allegue, seguramente era «Vicente Barro (sic, en realidade Barros) “A mosca branca”, vello anarquista ganado para o galeguismo. Barro foi home intelixente, de pluma áxil, de profesión pintor, grande inimigo de Blanco Amor que, sen dúbida se refire a el cando fala dos “pintores de tapias e carteis”» (p. 108).

Outro día comentaremos o que dicía Eduardo Blanco Amor, Critias, nas súas recensións de libros galegos nesta revista, que foi, non cabe dúbida, unha das grandes revistas galegas da Arxentina antes de 1936. A non ser que a Fundación Blanco Amor nos sorprenda e edite estes «textos», e moitos máis do escritor ourensán que infelizmente continúan inéditos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s