Xornada preliminar da I Liga Maruxairas

KONG JUN.

Bota a andar a I Liga Maruxairas coa publicación dos primeiros oito relatos que compoñen a xornada preliminar. Este “todos contra todos” servirá para definir as posicións de inicio que definirán os emparellamentos da xornada 1 e desfacer duelos que acaben en empate.

O sistema de votación nesta xornada será por puntos. Cada votante (autores/as e “lectoras beta”) deberá outorgar 5, 3 ou 1 puntos aos seus tres relatos favoritos. Os duelistas non poderán votarse a si mesmos nin os “lectores beta” aos seus autores.

Tras as puntuacións de cada xornada cada autor recibirá unha asignación de posto do 1º ao 8º. En caso de empate a puntos, a posición final decidirase por sorteo.

O público en xeral de Biosbardia pode comentar os relatos, igual que en calquera xornada.

Velaquí os relatos de David Botana, Marcos López Concepción, Carlos Vega, Lois Z, Natalia Otero, Marisol Gándara, Ana Vigo e Xosé Carlos Carracedo, anónimos, coma sempre, até despois do resultado da votación.

Desta volta, os autores contaron co apoio dos seus lectores beta: Gonzalo Sanjurjo, Sigrid González, Ana Cataria, Claudia Neira e César Lorenzo.

Á boia

Natalia Otero.

A imaxe do flamengo rosa é tanto ou máis nítida cá de Roi, boca abaixo e inmóbil. Os dous flotando na piscina, alternando o vaivén da auga. Inda me dá arcadas o cheiro a xamón. Eses malditos minutos que empreguei para pór unhas talladas no medio de dúas rebandas de pan, namentres xa ía preparando o sermón que tería que repetirlle por varias veces para lograr que saíse da auga e se puxese a merendar. Lembro o silencio de cando cheguei coa bandexa, antes de que me caese das mans. Dende aquela non soporto a calma, e inda teño os pesadelos co inchable, abaneando maino sobre a auga, con aqueles ollos arrepiantes mirándome.

Á fin foi quen de sacalo da piscina e de desfacerse del?

Non doutor. Él é coma min. Un ser desinchado, estragado e inerte, pero que inda se mantén á boia.

…………………………………………………………

O fuxitivo

Ana Vigo.

O mar golpea con violencia a costa, en consonancia coa axitación que sente Enzo. Está en grave perigo. A súa única protección fronte á súa perseguidora son os restos dun naufraxio. Confía en que o aroma a salitre que o invade todo camufle o seu propio olor.

Escoita pasos que se aproximan. Invádeno as ganas de chorar de desesperación. Agúantase para non revelar a súa posición. Encóllese todo o que pode, pero a embarcación non cobre o seu feble corpo. En cuestión de segundos, unha man fría póusase no seu ombro.

—Xa te teño!

Enzo mira aos ollos de Martina con resignación. Sabe que é a fin, e de nada servirá resistirse. Ela gañou.

Dende a toalla, mamá chámaos a merendar. Os fragmentos de bergantín naufragado convértense de novo na piragua e flotadores que sempre foron. Os irmáns corren xuntos para calar o son das súas tripas.

………………………………………………………………

As lapas

Lois Z.

A nena xogaba na area da praia. Sinalou co dedo primeiro unha lapa grande e despois outra pequena. “A mamá e o bebé”, dixo. O pai achegou unha terceira cuncha ó grupo. A nena apartouna. “A mamá e o bebé”, repetiu. El volveu poñer unha cuncha a carón das outras e engadiu “e o papá tamén”. A nena ignorouno. “A mamá e o bebé”, insistiu, e colleu as dúas cunchas na man. O pai quitoulle a máis grande e lanzouna a unha poza. A nena ergueuse, foi ata aló, deixou caer na auga estancada a que tiña na man e volveu á toalla. “O papá”, dixo por fin, sinalando a lapa que puxera alí o pai, soa e medio enterrada na area.

……………………………………………………………………

Nada, dor

Marisol Gándara.

Semella unha imaxe idílica pero non o é, hai que mirar detrás. Pinchado e todo segue a ser bonito. A culpa tamén foi miña por deixar que lle mercase ao rapaz un inchable rosa. Tiña que telo visto, sei de sobra como son os rapaces. Mallaron nel, polo inchable e por non saber nadar. Non sei se nesa orde, calquera sabe o que pasa pola cabeza cando un comeza a zoupar, algo fai clic e non hai volta atrás.

Lembro cando se rían de min. “Emo Manu”, dicían, por vestir de negro, por non meterme na auga, calquera escusa valía. O diferente afógase, pínchase, ata que deixa de alentar.  Que carallo saberían eles, atléticos, valentes, coas roupas cheas de cores. 

Pero estes xa non volverán pegar. Quitareilles as ganas de verán, risas e malleiras. Para sempre. Por min, polo rapaz, polo flamengo rosa que me mira sen vida.

………………………………………………………………………..

A miña estación favorita

Marcos López Concepción.

En Vila Diodati, preto do lago Leman, no ano sen verán de 1816, da espesa negrura toman forma a criatura, o vampiro e a resurrección. O chispazo da palabra ilumina o rostro cosido, os buratos na carne. Por iso o verán. A súa placenta crebará na tormenta eléctrica dos ciclos. O alcouve dos malos soños, a nai que morre no parto, o criadeiro de insectos. Todos palpitantes. Debaixo do verán o sangue embastece entre as patas das moscas esmeraldas. Está aínda máis abaixo a rata que amarra o rabo na roda das outras catro, oito, dezaseis ratas cegas que xiran na engrenaxe para que as constelacións prendan nos ollos. No sol que mingua hai homes ociosos. Durante o verán tamén o determinismo xeográfico da praia. As mareas morren, as nais soñan, os corpos en traxe de baño. Todos palpitantes.

……………………………………………………………………………

A sesta

David Botana.

No camiño da praia

—Merda, quedou o caldeiro no coche.

—Ten tres meses, se dá feito un castelo levámola á tele. Eu non podo con máis cacharrada.

—Levas zoando desde que saímos.

—Será polos tres días sen durmir…

—Despois botas unha sesta.

—Xa…

—Dille a papá que deixe de roñar.

—Pa…

—Miña Rosiña!

Na praia.

—Botámoslle máis crema?

—Así evitamos que cuartee a que leva enriba.

—Boh…

—Está na sombra. Reláxate. Temos cinco minutos antes de que se cague ou algo.

—Pois non…

—Merda.

—Iso mesmo.

Fin de día.

—Crema, auga, cueiro, crema, auga, merenda, evitar que coma area, xogar… onde vai a miña sesta?

—Onda o meu baño.

—Queres ir agora? Quedo eu con ela, ta tranquiliña.

—Seguro?

—Vai.

Despois do enterro.

—A culpa foi miña. Estiven moito tempo na auga.

—Eu… eu, non podo…

—Estabas canso.

—Aniñóuseme… eu… só pechei os ollos un intre…

—Ven. Durme.

…………………………………………………………………………………..

Observatorio

Xosé Carlos Carracedo.

Na praia dous irmáns observan o horizonte. Un barco navega lonxe, invisible. Está cheo de mariñeiros e as ondas cospen os seus soños.

—Será papá? –pregunta o pequeno.

A maior encóllese porque nin sabe nin quere saber. Van moitos meses dende a partida e prefire non pensar en botalo en falta. O retorno estará cheo de xoguetes, pero ficará o ronsel da distancia. Pasan as horas e o sol cae aos poucos.

—O mar pode arder? –volve preguntar o pequeno.

A nena non contesta. Mira o irmán e intenta non chorar. Aguanta. A mestra ensinoulle que as bágoas son auga salgada, como o mar. Dende aquel día retenas para que os barcos naveguen. Pecharaos para durmir, para debuxarse no colo do pai e vivir aventuras. A tristura evaporarase naquel lugar invisible e afastado.

Será o seu segredo.

………………………………………………………………………………………….

Confesión do rei fratricida

Carlos Vega.

Como saberán, antes de que recollésemos os cheles, despois da merenda,  fixemos un castelo de area que acordamos gobernar con man xusta, encontrando o equilibro entre o ben do súbdito pobo e a coroa.

Atopabámonos nos primeiros segundos da nosa gloriosa dinastía cando, nun arrebato de coraxe impropio dunha persoa do seu cargo, o Chris, a primeira espada do reino, vendo como os nosos primos marcharan co caimán de plástico cara a terra incógnita, onde xa non se facía pé, largounos a torre de astronomía dunha patada. Fíxose obvio que un rei cegado polo desexo non é quen de tal nome, así que, con bagoas nos ollos, tiven que executar o primeiro castigo da nosa historia xudicial, trincándolle o brazo ata que se me detivo de forma inxusta.

A cousa é, respectables pais, que non debería ser eu o castigado con dúas horas menos de DS, senón ese criminal tonto.

 

 

24 comentarios en “Xornada preliminar da I Liga Maruxairas

  1. Boas a todos!

    Estaba a cousa complicada ó ter facer un relato en tan poucas palabras, pero diría que tódolos participantes o resolveron con eficacia.

    A miña puntuación queda da seguinte maneira

    5 puntos van para A sesta. Non sabería describir o desacougo que me provocou que algo tan sinxelo como unha concatenación de sucesos inocuos que rematan nunha gran traxedia

    3 puntos van para A boia. Sendo similar a sensación de desacougo do relato, ó saber o desenlace dende o comezo, non provoca a reacción visceral que da a revelación ó final do anterior

    1 punto vai para O fuxitivo. Gustoume cómo consigue nos primeiros compases crear tensión, como se dun thriller se tratase.

    E mención especial para As lapas, que de algo tan simple como tres cunchas (alguén mais oe iso e pensa en Demolition Man?), consegue recrear un drama familiar

    Boa sorte a todos, e ánimo cos relatos

  2. Estaba claro que entre a foto e o formato iamos ter unha chea de nenos mortos.

    Os meus puntos:

    5 puntos ben merecidos para Confesión do rei fratricida, gústame o seu humor e que non tente ocultar o que é. Desde o inicio se sabe que son nenos e así todo funciona mellor. Ademais está ben escrito.

    3 puntos para A sesta, polo realismo dos dialogos cos que se retrata a escena. O final non me gustou demasiado, excepto loa referencia a durmir, que qeuda ben redonda. Quitaría as entradas de “camiño da praia”, etc. Ata uns asteriscos serían mellores que esa voz en off que non se sabe de onde ven. Ademais así o lector non se preguntaría “o enterro de quen?” e entraria con outro aire na conclusion.

    1 punto para Á boia, pola primeira e as duas ultimas frases. Todo o demais, sobraba.

  3. Xa sei que o meu voto non conta, mais adorei a sinxeleza e forza de As lapas. Tamén gostei do relato do rei fraticida. Como di Lois, funciona ben que se saiba desdevo inicio que son os irmáns a brincar.

  4. Boas noites! En primeiro lugar, quería agradecervos o facerme un buratiño nesta ocasión. Prometo aproveitala tanto como poida! Nas edicións previas gocei lendo tanto os vosos relatos como os vosos comentarios (con golpes na mesa e todo).

    O que máis valoro é un estilo elaborado (a fantasía completa) así como coherencia entre as partes do relato, e con referencia á foto.

    En diante, tratarei de ser de utilidade e expresarme o mellor posible.

    5 puntos para O fuxitivo. En poucas palabras vendeume unha idea clara e ben desenvolvida. Pareceume un relato sinxelo na primeira lectura, pero porque está moi ben escrito. Aprecio un bo xiro non tan dramático nunha foto que para nada pide complexidade. Gocei da lectura sen necesidade de traumatizarme co final.

    3 puntos para A sesta. Calquera sabe que tras un diálogo ‘natural’ hai toneladas de traballo. Encántame como se desvela a personalidade de cada personaxe a medida que falan sen demasiados adornos. Estaba a gozar con cada intervención ata a última parte; claro que a morte dun meniño non che deixa indiferente, pero tamén é un recurso un bastante viciado.

    1 punto para As lapas. O máis simpático sen deixar de lado unha escena realista. Tendo en conta que descríbense varios momentos dunha acción en progreso, foi fácil de visualizar, polo que a cohesión está bastante lograda.

  5. Boas! Despois de ler varias veces os relatos, estes son, na miña opinión, os mellores da xornada:
    1 punto iría para ‘A sesta’. Resúltame orixinal o formato a base de diálogos, o que o asemella a unha película. Esta é a rolda dos nenos afogados, e dos que escolleron este tema foi o que máis me convenceu.

    Os 3 puntos son para ‘Observatorio’. Os seus tintes poéticos chegáronme, e conseguiu transmitirme ese sentimento de tristeza e incertidume que sente a rapaza, e a obriga de disimulalos fronte ao irmán é tan dorosa como real.

    Os meus 5 puntos mereceunos ‘As lapas’, por todo o que conta sen dicilo. Unhas poucas palabras e unha escena cotiá abondan para que os lectores engadamos todo o demais. Menos é máis, e este relato demóstrao.

  6. Hola a todos, e noraboa ós participantes porque todos salistes con dignidade dun reto cunha foto complicada.
    5 puntos para ”Observatorio”. Creo que en poucas líneas consigue transmitir moitísimos matices. A relación entre os irmáns, entre eles e o pai e incluso entre eles coa nai, tan ausente no relato…pero o que máis brila para min é o carácter estoico da nena.
    3 puntos para ”A sesta”. O final deixoume coa incógnita de cal foi a causa exacta pero o diálogo é tan ameno e natural, tan realista!, que nos gana a tódolos que somos pais. Hai unha cousiña que me resulta incoherente e que non direi porque non quero influír na lectura dos demáis. Por iso non se leva os 5 puntos.
    1 punto para “Á boia”. Xa desde as primeiras liñas se cheira a desgracia, sen embargo consigue manter a atención e o interés sen apelar descaradamente á bágoa fácil. A metáfora é sinxela pero efectiva.

  7. Cantas máis voltas lle dou máis difícil me resulta decidir entre os relatos.
    Doulle os 5 puntos a “Observatorio” porque canto máis o leo máis me gusta e coido que soubo encaixar moi ben unha historia complexa en só 150 palabras. Enténdese perfectamente e non precisamos máis aínda sabendo que hai moito máis.
    Os 3 puntos van para a “As lapas” porque amosou unha vía moi alternativa á imaxe e di moito cunha sinxeleza que me deixou abraiada.
    1 punto vai para “A sesta” gustoume a historia, chea de realismo pero quizais non me acaba de convencer o prantexamento con tanto diálogo.

  8. Boas tardes a todas e a todos. Estou encantado de compartir este espazo con vós. Seguro que nos divertimos e aprendemos moito xuntos.
    Logo de ler todos os contos decidinme a votar do seguinte xeito. Non foi doado.
    5 puntos para As lapas. Gústame moito como, en base a algo tan aparentemente sinxelo, se constrúe a historia.
    3 puntos para Confesión do Rei fraticida. Gústame a dialéctica na que nos mergulla e como emprega o xogo de facer un castelo para falar deses aspectos.
    1 punto para A Boia. Ten algunhas frases que me gustaron moito e o peche da historia resultoume moi apropiado.
    Saúdos a todas e todos. Seguimos falando por aquí 🙂
    Apertas!

  9. Boas! Antes de nada, aclarar que son Claudia Neira (por se o nome no WordPress leva a confusión). E agora o que conta, o reparto de puntos nesta primeira xornada.

    5 puntos para “As Lapas”
    Paréceme un relato moi ben medido. Pola súa economía na descrición (nada sobra), polo bo uso da repetición e do ritmo, pola escolla das lapas e non doutro molusco para falar de como construímos as relacións nai-filla-pai nos primeiros anos de vida.

    3 puntos para “Confesión do rei fraticida”
    Persoalmente, se un relato me fai sorrir xa me ten un punto gañado como mínimo, e esta confesión conseguiuno. Gustoume especialmente como recrea o cotiá misturando a épica e a linguaxe convencional, sen pasarse de voltas. Penso que non é algo fácil de conseguir, que require traballar ben tanto o léxico como a sintaxe.

    1 punto para “A miña estación favorita”
    Foi para min o relato máis estraño da xornada, mais igual precisamente foi por iso que chamou a miña atención. Enganchei moi ben con ese inicio cargado de referencias no que se nos fala precisamente do que naceu aquel ano que non houbo verán. Tamén coa linguaxe e as imaxes que emprega, esa maneira de falar da creación e do Frankestein en “O chispazo da palabra ilumina o rostro cosido, os buratos na carne”. Logo perdinme un pouco na engranaxe de ratas e as mareas ausentes, non fun quen de seguir totalmente o fío do pensamento da autora, mais optei por deixarme levar. Tampouco teño que entendelo todo para gustar dun texto. Deixoume pouso, e iso xa conta.

  10. Parabéns a todos polos relatos. Aí vai a miña seleccción: As lapas 5. (Boa idea contada dun xeito orixinal) A sesta 3 (xenial os diálogos). Confesión do rei 1 (dos que xogaron coa imaxinación dos nenos pareceume o máis curioso mantendo o neno o xeito de falar do seu personaxe)

  11. Boas a todos e todas. Parabéns polos relatos! Agardo que vos guste este refrescante torneo de verán. Como son as cabeciñas, é curioso como esa imaxe nos uniu á maioría asociando praia con cativos. Son moitos relatos a comentar así que me vou centrar nos meus elixidos. Non sei a vos, pero a min o das 150 palabras deume moita guerra.

    Deixo 1 punto en “A miña estación favorita”. Teño que confesar que non o entendín de todo, pero hai certas imaxes dentro que me parecen moi atractivas e potentes.

    Os meus 3 puntos van para a “Confesión do rei”. Encantoume a idea, o ben fiado que está o contraste dos cativos coa linguaxe e o divertido final. Ademáis é moi evocador.

    Os 5 puntos teño que deixalos en “As lapas”. Penso que é o que mellor se soubo adapatar ao formato das 150 palabras, contando tanto e tan pouco e dunha maneira tan sutil. Bo traballo.

  12. Boas a todos. Feliz de ler estas marabillas. Moi difícil elección. Pásame como a Marisol, canto máis os leo máis me gustan e máis dúbidas teño. Pero bueno, vamos alá.

    Voulle dar 1 puntazo a “A sesta”. Coincido con todos en que o diálogo é TOP. Non me gustou tanto o tremendismo da temática e como o resolveu ó final. Pero vaia, relatazo.

    Os meus 3 puntiños serán para darlle un empurrón a “Nada, dor”. A verdade é que me tocou moito o corazón esa narración da exclusión social en forma de xoguete desinchado. O que menos me gusta é o título.

    Por último, os meus 5 puntos van para “A confesión do rei fraticida”. Paréceme maxistralmente relatado. Moi coidado no vocabulario pero comprensible, con un humor nada pretencioso e moi tenro. Considero que evoca moi ben certas actitudes que temos na vida pero desde a óptica imaxinativa e aventureira dunha nena ou neno. Foi coa proposta ca que máis desfrutei, así que a miña máxima puntuación para el.

  13. Noraboa a todos polos vosos relatos. Eu tampouco podo votar pero gustaríame salientar o logrado que está o mundo dos xogos infantís na Confesión do rei fratricida así coma os diálogos da Sesta.

  14. Boa tarde: Quero darvos a grazas a todos, duelistas e lectores beta, por empregardes un tempo do voso verán, nesta liga. Sei que o tempo pide máis relax e aire libre que concentración e teclado. E a pesar diso, aí estades, combatendo pola gloria.

    Este todo contra todos inicial coido que foi un experimento exitoso. O formato máis comprimido obrigou a certas decisións de economía expresiva e axilizou a familiarización coa referencia entre texto e imaxe inspiradora. Na maioría dos casos, a foto pasou de ser (no anterior torneo) un marco ao que cinxirse a ser un concepto que cadaquén utilizou como quixo, e penso que con moi bos resultados. Certo que nin todas as imaxes desta liga van permitir esa liberación mais polo momento, sorprendéstesme.

    Di o Lois Z que era obvio que a imaxe ía provocar unha herodiada entre os duelistas. A min o que me resulta interesante é que dous relatos traten o tema da morte infantil con tanta distancia expresiva. Na literatura, permitídime a obviedade, todo está escrito mais así mesmo seguimos inventando cada vez que poñemos a nosa voz no folio.

    O outro eixo temático que vos gustou foi o da infancia, así en xeral. Noto que entre os autores a paternidade está a influír na escolla de temas e ambientes e tamén que o verán como concepto agroma a nostalxia polos paraísos perdidos. Cadaquén desde o seu propio enfoque mais sempre con dominio dos recursos.

    Como sabedes, desta volta estou ligado por lazos dos que me honro con catro dos duelistas, polo que desta volta non voto, así como non votarei en moitos duelos. Aínda así quería comentar algunhas cousas en xeral.

    Os relatos que funcionan son sempre os que economizan. En 150 palabras pódense dicir moitas cousas se se reduce a expresividade ao esencial. Pola mesma razón, os textos máis sinxelos en canto a trama chaman máis a nosa atención. Coido que se dá unha relación venturosa entre o formato do texto e o formato onde se le (na pantalla, seguro que no móbil). Estes mesmos relatos lidos nun libro terían un efecto distinto sobre os lectores.

    Gústame que experimentedes, que rachedes a mecánica do xiro final e que incluso haxa espazo para a prosa poética. Nas competicións literarias de Biosbardia corre o rumor de que sempre gañan os conservadores mais coido que non é así. Atreverse é moi importante. Un relato correcto pode causar boa impresión pero un que rabuña vai quedar para máis tempo aloxado no noso cerebro.

    Á espera de Carlos Vega (se é que chega a tempo), só quero insistir no agradecemento por poñer as vosas plumas ao servizo desta liga e espero de vós, parafraseando o presidente, literatura, literatura, literatura.

  15. Hola a todos,
    En primer lugar gustaríame felicitarvos pola calidade dos relatos. Non podo votar, pero sí podo elixir os meus preferidos. Ahí van:
    Á boia é un relato moi ben construído. Os feitos narrados son moi realistas tanto que coa lectura respírase certa dor e tamén tensión. O final lapidario impactoume bastante.
    As lapas. Con tres cunchas pódese construir unha historia magnífica. A soidade dun pai afundido.
    A sesta. Deixa un golpe emocional pola dureza da historia. No obstante, a incursión do diálogo pareceume acertada xa que infunde dinamismo ó relato.

  16. Cheguei, cheguei, pero marcho logo que teño que ir axuda-lo pai.
    Boa noite¡ Alégrome de lervos a todos e agardo que este sexa un bo torneo para pasar o verán á sombra¡ Sinto comentar as presas pero andei a mil coa mudanza e quedei bastante defenestrado de tanto quenda dobre no restaurante, pero polo menos hei de dicir que tendo o corpo a piques da espiritualización ler estes contos axudoume a despexar a cabeza, así que dobre grazas.
    Os meus cinco puntos van para As lapas, aprecio moito que se consiga sintetizar unha idea de tal forma, é un paragrafo perfectamente pechado.
    Os tres puntos doullos a A sesta, case por méritos idénticos, o dialogo fíxoseme ben escrito, e creo que se nota cando un ten práctica nestas cousas. A historia xa pode ser máis ou menos dramática, pero é un risco contalo en apenas dúas frases, e semella complicado de narices.
    O meu punto vai para A miña estación favorita. Non creo que sexa o que máis se axusta a foto, pero ten un linguaxe riquísimo e que che vou a dicir, eu son un groupie de Polidori.
    Ao marxe, gustáronme moito O fuxitivo e Nada, dor. Dos outros relatos pouco máis podo dicir que penso que teñen bo nivel e que se alguén me botou, ao peor, é porque quere un rival doado non vale é trampa. Va, deixádeme gañar, va va.
    Que conste que subo isto xusto, pero antes das doce eh

  17. ola de novo!

    Antes non podía falar de todos, asi que aí vou:

    Á boia ten un inicio e un final potentes. A cousa tórcese cando comeza a falar do xamón e a calma. É un paso atrás na intensidade do relato. Recordame a esas series ou pelis que comezan cunha escena tremenda e con gancho, unha persecucion, por exemplo, e ó pouco salta un “2 anos antes”. Odio iso. Un gran inicio e un gran final non xustifican meter recheo polo medio. Nun relato de 150 palabras cada unha deles ten que ser imprescindible e facer avanzar o relato cara algures.

    O fuxitivo non me gustou. A primeira parte é tan xenérica que soa a falsa. E a segunda nega a primeira. Xa postos, por que non ir máis aló e fliparse máis coa 1º escena? Pode facerse de mil maneiras, pero algo como:

    O mar golpea con violencia a costa. O profesor Enzo Silvestri foxe pola praia de Lampedusa dun perseguidor invisible. Hai un anaco que deixou varados na area os seus Tucci negros, pero non solta a estatuiña que sostén contra o peito. Detense xadeando cando non pode máis e agóchase entre os restos dun naufraxio. Confía en que o aroma a salitre que o invade todo camufle o seu propio olor. Invádeno as ganas de chorar de desesperación. Escoita pasos que se aproximan. Se non fose imposible diría que veñen do mesmo océano.

    Ó que me refiro é a que se nada desa parte importa realmente, por que conterse? Usaa polo menos para que o lector disfrute. Recordo un relato do torneo pasado que fixo algo así, creo que coa foto do Groucho de cera.

    As lapas é o meu.

    Nada, dor penso que non acertou ben co formato de 150 palabras. O inicio é demasiado lento. O segundo parágrafo segue a formar parte do inicio e o final aparece entón brusco e non lle favorece o tempo futuro. Talvez se fose un “Pero estes xa non volverán pegar. QUITEILLES as ganas de verán, risas e malleiras. Para sempre”.
    Así, en pasado, coa accion xa feita, encaixaría todo mellor, porque sería todo unha reflexion a posteriori.

    A miña estación favorita entretén coas referencia literarias pero non conseguiu que nacese na miña mente ningunha emoción ou historia. A segunda parte fíxoseme especialmente críptica.

    O que ten a sesta de bo xa o mencionamos todos. Para o meu gusto falla no final. Ó mellor “fallar” non é a palabra adecuada. O final dramático non impide que os dialogos sexan uns moi bos dialogos pero tampouco converte ó relato nunha boa historia.

    Observatorio é un relato interesante, pero non logrei entrar na sua poetica. O rollo das bagoas e o segredo escapoume entre os dedos sen deixarme nada nas mans. Pero entendo que a outra xente si lle tocara. Estiven a punto de darlle o punto que lle din Á boia.

    A confesion do rei fraticida foi o que mais me gustou. Dicir mais cousas sería repetir o que xa se dixo del. Cando saen ben, os relatos que fan rir son imbatibles.

    Por certo, de quen é cada relato?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s