‘Game over’ vs ‘Insert coin’

Corazóns pixelados.

Xornada 1. Duelo entre Lois Z e Marisol Gándara.

Game over

Lois Z.

Primeira vida

Rodrigo nunca desexou tanto a morte de ninguén como a de aquel anano de 16 bits chamado Alex Kidd. Era a última semana das vacacións de verán. El estaba tirado no sofá coa Master System II conectada á televisión e o mando nas mans. Quedara con Toño para viciar o día enteiro e xa tiñan aburridos os xogos todos. “Ei, vai unha a este? Por que nunca o probamos?”, propuxo Toño acenando cara á TV. A intro do xogo enchía a pantalla de tubo de cores pixeladas e música MIDI. Rodrigo rexeitou a idea, ese xogo dábaselle moi mal. “Que dis, queres xogar ó Alex Kidd? Pero se é malísimo. Unha merda de xogo, en serio. Vén de regalo na memoria da consola, por algo será”. Toño insistiu e Rodrigo, con desgana, comezou unha partida, só para que calase. “Xogo a primeira vida e así sabes como vai. Cando morra eu vas ti”, explicou. Rodrigo perdeu a vida no mesmo salto de sempre e arreboloulle de mala maneira o mando a Toño, recriminándolle en silencio a elección dese estúpido xogo. Toño colleu os controis e comezou a mover aquel fedello orellón cunha habilidade que deixou a Rodrigo abraiado. Corenta minutos despois Toño remataba o Alex Kidd. Rodrigo non o podía crer. Toño conseguiu cunha soa vida o que el non fora capaz de facer con tres. Forzouse a festexalo con el, pero por dentro fervía. Non volveu chamar a Toño para quedar, non quería velo máis nunca. A Master System II gardouna e mandouna para a cima do armario a criar po ata o día do xuízo final.

Segunda vida

Iria sacou a oposición á primeira. Inspectora de Facenda, grupo A1. Rodrigo non daba creto. El levaba oito anos estudando para iso, “tanto tempo como estiven na EXB”, pensou. Quedaba sempre ás portas do aprobado e a súa muller vai e sácaas á primeira, en só dous anos. El recomendáralle que probase mellor cunhas do grupo C1, porque co neno non ían ter tempo para todo. Ela, coma sempre, fixo o que lle deu a gana, dixo que quería tentalo. Rodrigo non insistiu só para desfrutar vendo como se estrelaba. “Non é xusto”, choraba. “Por que me fixo isto, que vou facer agora”. Rodrigo marchou vivir á casa dos pais e ó pouco tempo separáronse. Non quixo quedar con nada que ela tocase.

Terceira vida

Rodrigo estaba tirado no sofá coa Master System II conectada á televisión e o mando nas mans. A caixa da consola estaba envolta en papel de regalo rachado. Era o aniversario do fillo, Rodrigo estaba invitado á festa que organizaba a familia materna, pero non foi. En cambio, díxolle ó neno que se viña pasar o día con el tería regalo, se non, nada. Aquel  fedello orellón sempre quixo máis a nai. Rodrigo pensou que se perdera a vida naquel intre ninguén se lamentaría. Nin sequera Alex Kidd, que o miraba desde a pantalla morrendo de ganas por facer aquel salto imposible.

…………………………………………………………………

Insert coin

Marisol Gándara.

As mañás nas que acompañaba a seus pais ao hospital, ela abría a porta traseira do coche e iniciábase a partida. Concentrábase no gusto do primeiro café con cigarro e pensaba no segundo par perfecto para evitar a tensión do traxecto. Calquera rutina servía contra o caos e naquel coche sentíase sen poderes. 

Recreaba conversas inexistentes con persoas improbables e detrás da súa pupila espíanse estrelas do pop ou, coitada ela, tiña coitos fantásticos alén da N-550. Nos días bos ata sorría coma os visionarios e utilizaba a súa cámara secreta para evitar o inicio de conversas incómodas. Abstraíase no silencio porque abrir a boca sería perderse e o camiño ao Nirvana non entende de sentimentos, libérate deles. Monosílabos, tópicos, non elabores a linguaxe e que se suicide o novelista romántico adolescente, ou cando menos, que entre en coma. 

“Maloserá”, dixo sen saber a quen respondía, e por dentro pensou que malo ía ser. En calquera visita engadía o maligno dunha pílula e sumábanse efectos secundarios. Pasáronlle as ganas de orxías fabulosas e púxose triste. 

Apoiou a cabeza no cristal e daba igual onde mirase, as vilas antollábanselle un maldito test de Rorschach: introvertida, pesimista. Sucedíanse imaxes nas que só podía ver proxectos, casas en ruínas comestas polas malas herbas. Pensaba nos migrantes que nunca retornaron para facer fogar, lei de vida, mentres polas beirarrúas desfilaban anciáns camiñando con dificultades, sen axuda, e consideraba a economía dos coidados. Utopías. 

“Xoán, praia, escapa”, pensou como autoinstrución, pero caeu na conta de que pensaba no que tiña que pensar e que se estaba volvendo tola. Tensouse.  

A rotonda do ensanche anunciaba o desvío e pronto aparecería a encrucillada de cristal pola que arrastraría aquel corpo sen forza, cando ela mesma estaba falta de corazóns, cogomelos ou salvadores aneis dourados.  

Sorría e amosaba calma se era quen de ignorar o espazo, a decrepitude, para actuar como a boa filla á que lle nace esperanza nas tripas ou ten respostas para enigmas de vida e morte. Así a miraba a nai, coma se ela tivese chegado a algo, cando de feito estaba bloqueada noutro chan pegañento, sen poder pasar de pantalla.  

Seguiu xogando o seu papel, memorizando a perspectiva pechada dos corredores, a frialdade das paredes, os segredos das portas de saída. Podía ser un día longo, algúns tiñan durado meses. Ingreso de urxencia sen saber ata cando. 

Sentiu tremer o edificio, a ansiedade por escapar, descompasarse o corazón e debaterse o cerebro. “Respira”, díxose. Pensou en escribir un relato de fantasía, todo estaba en Propp, e sentiu certo valor, a motivación dos obxectivos.  

Cruzaron as plantas, buscoulle asento e recolleu os códigos de acceso ás salas. Preparáronse para o desafío final, enchéronse de paciencia. 

OPO3A, leu no papel que escondía os seus nomes, e desexou que fose un deses días con oportunidades para sacala de alí, se non san, cando menos salva.

12 comentarios en “‘Game over’ vs ‘Insert coin’

  1. Custoume bastante decidir neste pero hai no segundo (insert coin) un xeito máis franco de amosar a situación vital con partes ben chulas. Entendo que un ingreso en urxencias por algunha enfermidade grave ou transplante. En game over teño a sensación de que o protagonista queda sen explicar de todo. Mesmo que o relato vai de máis a menos e que podería mellorar intercambiando a posición das vidas. Voto por insert coin.

  2. Dos que podo votar e opinar, este foi o duelo que máis me gustou da xornada. Parabéns. Curioso que os corazóns pixelados levasen a ambas autoras a falar de loitas e derrotas vitais, con dous personaxes tan distintos. De “Game over” gustáronme especialmente as dúas primeiras vidas, penso que é onde mellor se caracteriza ao protagonista, da envexa á xenreira. Penso que os momentos que escolle para narrar, a amizade na infancia-adolescencia e a relación coa muller na madurez están moi ben acaídos. Porén, na terceira vida creo que o relato perde forza. A anécdota co fillo non está tan ben contada como as outras dúas. Supoño que está a idea do legado do home, logo de ter fracasado en todo o demais. Mais de aí a pensar na propia morte hai un salto que se me atraganta coa evolución do personaxe, a pesar de saber que non ten intención real de quitar a vida (por iso di perder e non quitar e por iso o salto é imposible).

    En Insert coin temos unha personaxe case oposta: que non abandona a loita —que nin sequera é dela— aínda que iso lle supoña desfacerse por completo, deixar de lado a vida propia e os seus proxectos. Creo que ela está mellor debuxada. As diferentes fases do seu pensamento: a ensoñación, o illamento, a derrota, a (finxida) calma e forza, a esperanza, encaixan todas ben e están contadas ademais con verdadeira e xusta emotividade. Quitaría, iso si, a frase: “Xoán, praia, escapa”, pensou como autoinstrución, pero caeu na conta de que (non?) pensaba no que tiña que pensar e que se estaba volvendo tola. Tensouse”. Ademais de que repite tres veces o “pensar” non lle vexo moito sentido a que diga, por pensar en fuxir, que está a perder a razón. Por que?
    Por outro lado, gustoume como van aparecendo as referencias aos videoxogo no relato. Nin están aí por encher unha cota nin soan forzadas: “bloqueada noutro chan pegañento, sen poder pasar de pantalla; “cando ela mesma estaba falta de corazóns, cogomelos ou salvadores aneis dourados”; “Seguiu xogando o seu papel, memorizando a perspectiva pechada dos corredores, a frialdade das paredes, os segredos das portas de saída”.

    O meu voto vai para “Insert coin”

  3. Gústame cando dous autores se encontran a través da foto. Game over e insert coin forman parte do mesmo campo semántico, non só dos videoxogos senón das máquinas recreativas que triunfaron nas décadas finais do século XX.

    ‘Game over’

    É un relato case perfecto. Fáltalle axustar a adxectiación e controlar algunha frase feita “até o día do xuízo final” pero coido que é moi traballoso definir un personaxe, o seu conflito interno, a sua miseria, a través de tres momentos da súa vida. Concordo con Claudia en que o terceiro episodio non ten a mesma forza ca os outros pero certifica o seu fracaso vital sen saír da atmosfera cotiá onde se move toda a historia.

    “Insert coin”

    É un relato máis psicolóxico e menos concreto. Coido que hai elementos moi interesantes, destreza na narración e dominio das imaxes literarias pero quizais hai parágrafos que son prescindibles (a referencia a Propp, por exemplo). Por outro lado, hai textos que son correctos desde todos os puntos expresivos mais que non conseguen crebar a distancia entre narrador e lector. É unha cuestión subxectiva e secundaria mais coido que é obrigado pola miña parte indicar que nunca me vin dentro do universo deste relato.

    Voto por ‘Game over’.

  4. Coincido en que poida que sexa o mellor duelo da xornada. Os dous con con moitos paralelismos máis alá dos nomes.

    “Game over”. Do relato hai que destacar a estructura e o medidas que están as esceas coa información que aportan. Un debuxo de persoaxe perfecta en tres parrafiños. Coincido en que as dúas primeiras vidas son as mellores, a terceira ía cobrando un bo nivel ata que, penso, se desinfla. Ao meu ver sucede por apartarnos o foco da persoaxe que era o realmentre importante no que se estaba a contar. Poida que un final onde o prota volve xogar, supera o salto, para despois morrer no seguinte e decida de novo gardar a consola lle poida ir mellor. (O Alex kid era unha merda).

    En “Insert coin” temos tamén outro estudo de persoaxe moi ben fiado. Aquí a estrutura é máis libre e caótica, moito máis centrada nos sentimentos primarios e inmediatos da protagonista. Ten pasaxes brutais: “Apoiou a cabeza no cristal e daba igual onde mirase, as vilas antollábanselle un maldito test de Rorschach: introvertida, pesimista”. Esta é unha das miña favoritas. Ao ser tan intimista poida que me prestase mellor unha primeira persoa, non sei. As veces o narrador parece que toma certo partido, que sinte tamén, e iso causa un efecto raro. Creo que algunha parte se podería resumir ou unificar, hai certa repetición de ideas.

    Realmente estou a dudar inda agora. Están moi parellos os dous. Penso que lle vou dar o VOTO a Game over. Creo que está mellor construído e ten mellor optimizados os recursos.

  5. Os dous relatos parécenme fantásticos, con estilos ben diferenciados o un do outro. Encántame a idea que plantexa ‘Game over’: cada unha das etapas vitais do protagonista como unha vida no xogo, e que dalgún xeito estáncase nese salto concreto (o cal imaxino que simboliza a súa actitude envexosa e resentida co amigo, a muller e o fillo, que lle impide avanzar nesas relacións). O principal defecto que notei é o final, nótase máis frouxo e deixoume coa impresión de que falta algo; coido que precisa un desenlace máis contundente, na liña das outras dúas partes do relato.
    ‘Insert coin’ utiliza unha linguaxe máis traballada, e céntrase no mundo interno da protagonista. Os pensamentos pesimistas mestúranse coas esperanzas dun xeito moi real. No meu caso particular, sentín como propios os sentimentos que describe; pregúntome se alguén que non pasase por unha situación parecida poderá relacionarse co texto co mesmo interese, xa que hai partes nas que a atención decae. En calquera caso, é excelente.
    Parabéns a ambos. É unha decisión complicada, pero voume decantar por ‘Game over’, xa que me pareceu máis orixinal na proposta e atrapou mellor a miña atención.

  6. Boas¡
    Game Over gustoume enteiriño, dende o Alex Kidd grazas ao que levo tres horas vendo Que vida máis triste, ao propio formato das tres vidas e a personaxe. O formato e a linguaxe tamén me recordan ao de botar unha partida ata que cansas. O de o bicho mirando para ti dende a pantalla, a min pasoume con Kratos cando non me sabia un puzzle. O que quero dicir é que creo que simpaticei demasiado con este relato, máis ala de que me pareza moi ben escrito e que utiliza ben a forma que escolle.
    De Insert Coin creo que usa ben as referencias, aínda que quizais se me acaban facendo demasiadas. Tamén pode ser que non caera en gracia con elas, ou quizás xa me machacaron demasiado con Propp en Conceptos e téñolle algo de manía. Penso que conserva moi ben a unidade e que busca un ritmo máis complexo, con estruturas que non me terminan de encaixar. Pode ser que atopase máis rápido as referencias do primeiro relato. De non ser por isto seríame moito máis complicado votar, porque creo que andan pretos en calidade.
    O meu voto vai para Game Over.

  7. Para min, o mellor duelo de esta xornada. Gustáronme ambos relatos. Game Over está moi construido e fai un compendio bastante redondo de tódolos elementos e o perfil das personaxes. Porén, ese paralelismo da vida como xogo, como unha maneira de ir pasando retos e pantallas, que doutra maneira sería case insoportable, canto menos frustrante, chegoume moito máis á pataca. Ademáis, sentinme bastante identificada coa personaxe principal en varias partes do relato, así que, a pesares de que a nivel narrativo puidera ter dúbidas, o meu voto vai directo a Insert Coin

  8. Boas noites.
    O meu voto vai para Game Over. O xiro do segundo parágrafo é top notch. Gustoume moito e deixoume moi satisfeita.
    Insert coin ten demasiado contido por liña. Un demasiado de todo. Usa moitos recursos adecuadamente pero faise excesivo o leer. Gústame o que conta, pero acabei distraída con tanto apuntamento.

  9. Boas noites.
    Vou votar por Game Over. Gustoume o plantexamento que se fixo da historia. É orixinal e captou a miña atención máis que Insert Coin.
    Noraboa ás dúas persoas por este espléndido duelo.

  10. grazas polos comentarios, xa fixen algun cambio no relato tendoos en conta. A idea de marcos de cambiar a orde das vidas pasouseme pola cabeza pero iso significaría que, para xustificar a inversion da orde temporal, o final adquiriría un caracter de “explicacion do trauma” que non posue nin quere posuir, porque rodrigo sempre foi así, ou polo menos xa o era daquela. o final deste relato non ten a importancia que normalmente teñen os finais nos relatos. Podo buscar algun pequeno xiro que lle de algo de peso (por exemplo, que si consiga realizar ese salto co alex kidd e sexa ainda mais deprimente porque iso xa non cambia nada), pero teño dubidas: quen necesita ese xiro en realidade, o relato ou os lectores?
    Falando de xiros inexistentes, eu penso que Rodrigo non ten gana ningunha de morrer. A frase na que menciona a sua morte é de autocompasion, non de tendencias suicidas.
    No que si estou dacordo é en que a 3º é a vida a menos impactante, e que esa sexa a ultima é un handicap. Ó mellor con 100 palabras mais amañao, pero quedei sen tempo nin espazo.

    O relato da miña rival mostroume unha autora de gran potencial e tamen con algunha habilidade inda por pulir. A min o que mais de descentrou é que o narrador ten espirito de 1º persoa (notase moito nalgunhas frases, como a do “maldito” test, que por certo me encantou), pero o relato está en 3º. A unha 1º persoa podeselle perdoar o caos, a falta de referencias, que sexa criptico e que non diga claramente as cousas. A un narrador en 3º… non. O relato da avoa canibal se fose en 3º persoa sería un desastre. Pero narra o neno, enton non non ten uqe explicar nada nin ten por que esperar que ninguen comprenda o seu discurso. Por iso se un narrador inventado expresamente para transmitirnos unha historia é criptico e laxo nos seus deberes de comunicacion a cousa non funciona tan ben.

  11. Grazas a todos polos comentarios, a piques estiven de abandonar porque estaba bloqueada pola imaxe e por enfrontarme a Lois …e o relato non saiu tan mal parado. Grazas sobre todo a Zalo porque as referencias ao video xogo veñen del, eu vía triades e gaitas semióticas. Escribino sabendo, como ben di Ana, que para alguén alleo a este universo o relato podia resultar pouco satisfactorio pero tamén creo que está ben correr riscos con temas menos visitados. Seguimos aprendendo.

Deixa unha resposta a Marcos López Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s