‘O bico do vello’ vs ‘Canción de despedida’

Piano.

Xornada 1. Duelo entre Xosé Carlos Carracedo e Ana Vigo.

O bico do vello

Xosé Carlos Carracedo.

Ao meu avó gústalle estar con nós. Cando vemos a televisión senta e espera aos anuncios para falar. Se o deixas non para. Nin sequera cando inicia a película. El é así, un pouco maleducado, que lle imos facer… A cousa é que lle temos cariño e, se son sincero, ata me abraia un pouco como o acabamos escoitando tantas veces. Incluso apagando a tele e todo…

Pasa o mesmo cando a miña irmá maior toca o piano. En canto hai un silencio na partitura, o vello abre a boca, sobre todo se non lle agrada a música. É tan teimudo que as palabras baten coas notas até vencelas e despois pide algún pasodoble alegre. Seica así volve ver a Carme e viaxa aos bailes que botaban de mozos. Á miña irmá párteselle o corazón e obedece. Queríalle moito á avoa. Queriámoslles moito os dous… E a vida levouna.

Cando máis bota a lingua a pacer é cando bebe viño nas comidas. Eu son unha persoa tímida, sobre todo coas mulleres, e impresióname ver como é quen de empezar a falar dunhas tesoiras ou de rarear os carballos da Zanca do Tenente e rematar sempre lembrándose dos bailes. É moi pesado co tema dos bailes! Escoitei mil veces a historia de que, a primeira vez, lle pisou o pé á avoa. E que lles fixo graza aos dous, iso tamén o contou!

El sabe que ando detrás dunha rapaza e, ás veces, ponse a explicar como facía para ligar. El cre que é discreto, pero todos se dan conta de que intenta darme consellos e rin. Rinse moito e eu morro de vergoña, marcho para o cuarto, penso na rapaza e en mil estratexias para conquistala e quedo durmido nas súas mans. Case sempre soño co cine, con ir xuntos e interromper a película cun bico e que nada máis importe. Oxalá fose valente. Oxalá fose valente e ela quixese bicarme. Oxalá me correspondese. Oxalá espertar bailando soños…

Non sei, meu avó —coa súa discreción— dime que vaia canda ela e lle pida un “agarrado” cando nos vexamos na discoteca. A min paréceme un disparate e el contesta que non importa que non saiba, que agora os novos somos medio trencos. É un disparate, mais que outra cousa podo facer? O meu corazón latexa o seu nome, a miña lingua quere expresalo e eu afogo todo o meu amor no silencio. No mesmo silencio que ocupa meu avó coas súas historias. E quedo mudo sen facer nada mentres pasan os días e vexo como outros rapaces intentan ter lío con ela. E eu que fago? Mirar en silencio intentando bailar un soño. Mirar e pechar os ollos para debuxar outra realidade. E eu que fago? Intentar atreverme, pero non son quen porque non teño a valentía do meu avó. Se fose el xa lle tería entrado. E o peor é que pronto haberá alguén que conquiste o seu bico.

……………………………………………………..

Canción de despedida

Ana Vigo.

Escoito as campás ao lonxe. Na miña habitación impera o silencio. Hoxe non chegou Ela para encher de música a casa. Hoxe, Ela marchou a un lugar diferente, a un que eu nunca poderei alcanzar.

Sen Ela, o meu destino é unha incógnita. Pode que me vendan, igual que fixeron co vello contrabaixo cando El desapareceu. Supoño que sería o mellor; a outra opción que se me ocorre é que me boten ao vertedoiro, entre todo ese lixo. Ela nunca o permitiría. Coidaba de min con verdadeiro amor. Limpábame todos os días, asegurábase de que soase como é debido. Por suposto, sempre sentaba unha ou dúas horas para arrincar de min aquelas melodías que desbordaban sentimento.

Gustariame emitir unha canción de despedida. Que terrible é o silencio, ese que noutrora foi espantado polos sons dunha vida compartida. Anoitece e sigo aquí, no silencio.

Sinto pisadas no corredor. Alguén se achega. A porta ábrese e aparece ante min unha desas caras cheas de mocos e roña. Debémonos atopar algunha vez no pasado, nalgunha das poucas ocasións nas que Ela tiña visita. A máis nova das netas mírame cun sorriso inquietante, e eu tremo ata as cordas.

A nena senta onde o facía Ela. Como se atreve? Fáltanlle algúns dentes, igual que a Ela. Pousa as diminutas mans sobre as miñas teclas. O torpe movemento dos seus dedos rompe o silencio, e con el, os meus temores.

Chega a súa nai. Falan, entendo o que din e o meu corazón roto atopa consolo. Ela xa non está, e non compartiremos máis momentos xuntos; pero iso non significa que sexa o final.

Antes de marchar, a nena xírase para mirarme. Sorrí igual que Ela, e despídese coas súas mesmas palabras:

—Mañá volverei.

10 comentarios en “‘O bico do vello’ vs ‘Canción de despedida’

  1. O bico do vello

    vexo ó narrador un pouco pasado de voltas, como se faltase un filtro ou unha revision. Era mellor un tono mais neutro. uns exemplos:
    “El é así, un pouco maleducado, que lle imos facer… A cousa é que lle temos cariño”. non me ven a conto dicir que é maleducado ou que lle teñen cariño, coma se fose un can. paréceme un erro estratexico. o lector xa se fai á idea das 2 cousas sen ter que facelas explicitas.
    “Queriámoslles moito os dous… E a vida levouna”. isto sobra. pero moito. a prota da escena era a irmá co piano e de golpe o narrador apartaa para un lado e ten que meterse el no medio para poñerse dramatico.

    quitando iso o relato está ben deseñado. comeza falando do avó, dunha mania sua, asi como de casualidade, sen que pareza ir a cousa a ningures, pero no momento xusto o autor mete a frase clave: “Eu son unha persoa tímida, sobre todo coas mulleres”. aqui está o tema. e vai perfectamente enlazado co dos bailes e tamen combina en co contexto global do avó botando de menos á avoa. este relato ten un potencial similar ó do corvo, pero este está moito mellor aproveitado.

    “e quedo durmido nas súas mans”. esto tampouco facia falta. un non se pon poetico falando consigo mesmo.

    “Oxalá fose valente. Oxalá fose valente e ela quixese bicarme. Oxalá me correspondese. Oxalá espertar bailando soños…” chegaban 2 oxalás. fixate que da igual cales ou en que orde. iso xa da unha pista de que algun sobra. ademas o de bailar un soño xa se usa no final con maior acerto qe aqui.

    “O meu corazón latexa o seu nome, a miña lingua quere expresalo e eu afogo todo o meu amor no silencio.” aqui está ben, porque estamos no final e no final sempre pasan e se agardan cousas novas. pero para que teñan o efecto desexado teñen qe aparecer só no final, por iso hai que limar os sentimentalismos anteriores.

    “E eu que fago? Intentar atreverme, pero non son quen porque non teño a valentía do meu avó.” isto é redundante. tanto a pregunta como a autoresposta.
    o certo é que o caracter do final está ben, menos as ultimas frases, que se perden en repetir o xa dito. non saberia dar un consello claro agora mesmo sobre a ultima frase, pero penso que se poderia mellorar (igual que o titulo). creo que deberia ir mais sobre si mesmo, sobre o que sente, e non sobre se ela lle quere dar un bico a outro, cousa totalmente lexitima e que carga con demasiado peso esa accion, como se darllo significase automaticamente “conquistala”. Por suposto tamen seria lexitimo escribir un relato sobre unha personaxe que magnificase ese 1º bico e a idea de conquistala, pero sería outro relato, con outras caracteristicas idoneas que este non quixo e non necesitaba explotar (por exemplo, nomes propios).

    Canción de despedida

    non é facil humanizar obxectos e conseguir que o seu discurso sexa consistente, e menos se o relato non é precisamente de humor. penso que aqui a/o autor/a saiu viva/o do reto.

    “Ela nunca o permitiría.” quitaria isto. é demasiado obvio. é mellor deixar o contraste ó aire:
    “outra opción é que me boten ao vertedoiro, entre todo ese lixo. Ela coidaba de min con verdadeiro amor.”
    tamen quitaria o “por suposto” dese mesmo parágrafo.

    “Gustariame emitir unha canción de despedida”. se fose unha radio estaría perfecto. pero é un piano. enton, sería mellor un “dedicarlle”, ou un “tocar”. este mini paragrafo en xeral necesita unha revision, non cumple ben a sua funcion de ponte entre a presentacion e a chegada da nena. case era mellor integralo no anterior:

    “Sempre sentaba unha ou dúas horas para arrincar de min aquelas melodías que desbordaban sentimento. Gustariame dedicarlle unha canción de despedida. Que terrible é o silencio.”

    por certo, dame a sensacion tamen de que o relato xa sufriu un recorte importante desde a sua fase orixinal, cousa que me parece que lle veu moi ben.

    “Sinto pisadas no corredor. Alguén se achega.” esto sobraba: o paragrafo podia empezar tranquilamente coa frase seguinte.

    “unha desas caras cheas” mellor en singular.

    “Debémonos atopar” atopámonos.

    “A máis nova das netas”, pasa exactamente o mesmo que co mestre don pepe. é tarde para dicir que é unha neta. isto habia que dicilo antes, na sa presentacion. se o sabe, dio, porque é o loxico. dicir que é unha cara con mocos e que igual se atoparon antes e logo afirmar tan segura qe é a neta mais nova non é coherente. era mellor non dicilo, xa o deducimos. ou dio, pero na sua introduccion, non 2 liñas despois.

    o final é complicado. que tal se quitamos isto?

    “Chega a súa nai. Falan, entendo o que din e o meu corazón roto atopa consolo. Ela xa non está, e non compartiremos máis momentos xuntos; pero iso non significa que sexa o final.”

    penso que todo iso se pode deducir da ultima frase. entendo que haia que poñer algo mais, pero pareceme que poderia ser algo mais sutil. que entra a nai e fai algo que indica que se van quedar co piano, ou que a nena limpa o po do piano. pero non dicir directa e explicitaente o que o lector ten que elaborar.

    polo demais as ultimas liñas parecenme perfectas. os sentimentos do piano están moi ben transmitidos e o final cheo de esperanza alegra a lectura. o relato dosifica ben a sua carga sentimental. o piano mostrase á vez humano e obxecto.

    ambos relatos teñen puntos fortes que eloxiar, o bo deseño do primeiro e a efectividade do segundo. o meu voto vai para “cancion de despedida” porque o final conseguiu emocionarme.

  2. Os dous relatos están ben construidos. Pero se cadra teño a sensación de que o primeiro (o bico do vello) vai para adiante e para atrás no que nos quere contar, e mesmo o piano aparece de xeito tanxencial.. Canción de despedida funciona máis directo. A sinxeleza e o final optimista quédanlle ben a esta historia. A humanización do piano funciona e as comparacións entre a ELA que morreu e a nena son acertadas con ese intre de intriga no que o piano e o lector temen o peor… Voto por canción de despedida

  3. Boas!!

    Dous relatos tirando de melancolía, pero de maneiras completamente distintas

    O bico do vello
    Neste relato hai moitos protagonistas, o avó, o narrador e a irmá (a que menos dos tres, máis ben parece unha anécdota para facer ver o caracter irreverente do avó), e ó final cónta un pouco a forma de ser de todos, pero ó mesmo tempo ningún fai un avance significativo ó remate da historia, nin o avó lle axuda ó neto co seu problema, nin éste é capaz de saír do seu estado de desexo adolescente, aínda que só sexa para que o rexeiten e poida madurar.

    Cancion de despedida
    Ó meu parecer, un bo relato, ben escrito, cunha boa economía de recursos, e que consigue chegar ben ó corazonciño do lector coas tribulacións dun piano que bota de menos á súa dona. Por dicir algo non necesariamente negativo, pero que eu faría, quitaría toda esta frase “Falan, entendo o que din e o meu corazón roto atopa consolo. Ela xa non está, e non compartiremos máis momentos xuntos; pero iso non significa que sexa o final”

    O meu voto vai para Canción de despedida

  4. O bico do vello
    En galego espérase algo ou por algo (ollo cos verbos transitivos, que lles metemos o “a” do castelán por defecto).
    “E a vida levouna”. Sóbrame esta frase. Ben entendo polo anterior que a avoa morreu e como setenza non ten efecto ningún (calquera rostro anónimo podería soltala nun tanatorio). Se fose unha morte tráxica cabería dicir algo máis, pero non parece tal.
    Logo a parte toda dos sentimentos do rapaz, na que explica a súa frustración e o namoramento, paréceme que necesita algo máis de traballo. Hai moitos elementos que se repiten nos dous últimos parágrafos (a valentía, o silencio, o “e eu que fago”, os oxalás, a discreción do vello, os soños, o durmir e o imaxinar) que tal como están, na miña opinión, restan forza ao que se conta.
    Se o relato acabase aquí: “O meu corazón latexa o seu nome, a miña lingua quere expresalo e eu afogo todo o meu amor no silencio. No mesmo silencio que ocupa meu avó coas súas historias” penso que lle iría moito mellor. O que segue xa se contou no parágrafo anterior e os outros rapaces sobran. Para min o verdadeiro rival do noso namorado é o avó con todo o que representa.

    Canción de despedida
    Hai eleccións de linguaxe no texto que non me acaban de convencer: “emitir unha canción de despedida” coma se o piano fose una emisora de radio… igual era mellor empregar outro verbo menos frío aquí, un “entoar”, mesmamente. “Arrincar de min aquelas melodías que desbordaban sentimento” é unha frase grandilocuente que non me di gran cousa. Ese verdadeiro amor co que coidaba e limpaba o piano non o vexo logo cando se me conta cando o tocaba. E para un instrumento isto é máis importante que pasarlle o pano todos os días.
    A introdución da nena, do medo inicial á familiaridade que vai collendo para o piano, foi o que máis me gustou do relato. Quitaría a parte da nai, coma dixeron xa outros, e igual aproveitaba para describir algunha emoción máis do piano. De feito, con esa parte volve pasarme un pouco como co “emitir”, a emotividade queda en suspenso. Xa que se nos poñen diante semellanzas físicas entre a nena e a antiga dona (a falta de dentes), e tamén na frase do final, igual tamén encaixaba contarnos un pouco máis do que sentiu o piano cando o tocou a cativa. Sabemos que deixa de ter medo, si, pero aí estaba a oportunidade para explicar a renovación do vínculo sen ter que recorrer ao que se fala coa nai.

    Voto por “O bico do vello”. A canción de despedida a min non conseguiu emocionarme e, pola contra, creo que as frustracións do noso namorado teñen máis posibilidades se se traballa un pouco máis esa parte do final.

  5. Boas!
    O meu voto vai para O bico do vello. Non sei se a intención era que o avó eclipsase o relato enteiro, pero así foi. Sóbrame o demáis. Sinto que se alonga demasiado nalgúns detalles ‘e a vida levouna’ (suponse que isto o di un adolescente?) e que pouco interesa ó final a vida romántica do rapaz. En momentos dáse unha intensidade de amor que nace da nada e sácame bastante do que debería de ser unha anécdota e xa. O avoíño gañouse o meu voto.

    Perdinme co señor piano narrador-omnisciente-de-cando-en-vez. Síntoo moi atropelado; suponse que a súa dona morreu onte e hoxe xa ten á filla e a neta na casa preparando o conservatorio?
    O final gustoume, sinxelo e efectivo aunque tamén deixoume bastante fría.

  6. “O bico do vello” creo que o relato funcionaría mellor se se presentase coma a entrada dun diario ou algo así. Certas palabras grandilocuentes do rapazolo collerían moito máis sentido, nesas idades escribimos moi distinto a como falamos (as hormonas fannos realmente dramáticos). O texto está algo ciclado, pero xa non sei se é feito adrede para casar co estilo do rapaz (outra vez o diario). Hai certas repeticións de ideas e nun relato curto iso sempre pesa. O avó é o protagonista indiscutible e debería ter máis peso canda o desaforado amor do testosterónico rapaz.

    De “Canción de despedida” valoro o eficaz uso da información. En xeral aborrezo da personificación de todo o que non sexa humano: animais, cousas, estrelas, contas bancarias… Pero o certo é que aquí fíxose ben, e iso xa ten mérito. A min tamén me estrañou que inda estean metendo á vella no buraco e xa poñan á neta a tocar… pero igual é que a nora odiaba á vella (eu xa me monto as miñas películas).

    VOTO por “Canción de despedida” porque penso que está máis traballado.

  7. “O bico do vello”, como xa explicaron moi ben outros nas suas críticas, penso que fala de varias cousas, non todas necesarias. Fala demasiado e demasiadas veces sobre os mesmos sentimentos. Tes 500 palabras e unha boa idea, só 500, non unha novela, céntrate en contalo de forma clara e efectiva. Son tenras moitas frases, gustoume moito a de ““e quedo durmido nas súas mans”, pero o volver unha e outra vez sobre o mesmo acaba por cansar ó lector. Olvidas a tenrura inicial e fai que o protagonista che pareza un raparigo que necesita que a vida lle deixe caer en media ducia de asaltos para que madure.

    Tampouco me gustou o uso tan pasivo da personaxe da rapaza. A ela “conquístana”, con ela “intentan ter lío” (só intentan, como se ela se resistise a todos, porque ten que manterse a aura virxinal da personaxe) e rematamos “pronto haberá alguén que conquiste o seu bico”. Bueno, rapaz, que quen da un bico pode dar máis, sabes? Entendo o dramatismo adolescente do que todos e todas fumos vítimas máis non podo evitar que me teña un non sei qué desagradable nestes aspectos.

    “Canción de despedida” ten máis clara a línea a seguir e cómo transmitila, pero aínda así non estivo de todo acertado. Consegue que me crea que é o piano o que narra, cousa nada sinxela, pero creo que necesitaba un par de revisións e dedicarlle máis tempo a expoñer os sentimentos do piano dunha maneira máis concreta e bonita. Eu son fiel defensora do bonitismo ben administrado. Creo que máis que decir que ela lle limpaba o pó a min me gustaría ler qué sentía o piano cando Ela o facía soar, a expresión dela, se solía tocar pola mañá ou máis á tardiña e que tipo de música era. Por outra parte creo que o forte do relato non está na presentación da futura rapaza que o tocará. Unha cara chea de mocos e roña faime pensar nunha criatura da posguerra, que pasa fame e penurias. Non nunha nena dos nosos días que ten acceso a un piano e a poder aprender a tocalo. Como idea que se me ocorre, quizáis simplemente o interés da rapaza puido ser máis casual. Deume a sensación de que nunca visitaban a vella pero o día mesmo que morreu xa foron coa furgoneta a polo piano.

    En fin, para min os dous relatos son boas ideas que necesitan un pouco de traballo. Un máis que outro. O meu voto é para “Canción de despedida”.

  8. O bico do vello sorprendeume mentres o ía lendo. Penso que o estilo personifica moi ben ao adolescente. A estrutura funciona ben e o relato non se perde en si mesmo. Quizais hai varias frases que se poden reformular pero o esquelete está ben erguido.
    O xogo co obxecto de Canción de despedida non colle un reto doado, ao escoller como protagonista ao obxecto. Penso que se pode relacionar a marcha do vello contrabaixo cos antecedentes dentais que se narran máis abaixo. Dende logo tamén pode pulir algunhas frases, pero penso que xoga a un segundo nivel ben encuberto. Ou igual e que eu lle dou demasiadas voltas. De todos modos, foi un duelo que se me fixo ameno e agradezo moito ás autoras. Como me gusta algo máis como expón a súa personaxe e o como desliza o tema, como se lle dera vergonza, o meu voto vai para O bico do vello.

  9. O bico de vello paréceme en si un relato precioso, moi sentido. A min que me gustan as historias de desamores, non me soubo mal esta posta sobre a mesa do cortexo segundo distintas xeracións. Porén, como microrrelato, deume a impresión de ser repetitivo en varias liñas, tanto en palabras coma en mensaxes, que innecesariamente van como freando a narración e despilfarrando frases feitas, o que lle resta riqueza. Coido que como idea é moi bonita, pero requería un par de voltiñas ó mellor.
    En canto a Canción de Despedida, paréceme un pouco máis directo que o do seu rival. Sen ser unha gran historia, ten o seu aquel. Non é un relato que a min me espertara grandes emocións, pero está ben escrito e rematado. Ten mellor ritmo e é agradable de ler.

    Voto por Canción de Despedida

  10. Con “O bico do vello” pásame que ás veces parece que vai poñer o avó a caer dun burro, como se fose un can, porque o escoitan e lle teñen cariño e esas cousas cos vellos que non soportamos. Eu coñezo algún, pero despois dalle outra volta, como de valentía. Non me encaixa. De feito o de vello non é nin medio cariñoso ou a min non mo parece.Creo que non se definiron de todo ben os personaxes nin a relación entre eles.
    “Canción de despedida” gustoume moito aínda que é certo que hai que facer algúns saltos para entender como un piano sabe todo o que sabe e pulir detalles que se apuntan nos comentarios. Con todo, voto por este último.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s