‘O corvo’ vs ‘A merenda’

Nevarada.

Xornada 1. Duelo entre Carlos Vega e Natalia Otero.

O corvo

Natalia Otero.

Continuaba a nevarada do inverno naquel primeiro día de escola despois de Reis, e Manoliño, o mangallón repetidor, xa era, coma sempre, o protagonista.

—Matou o meu corvo!

—Nin un chío! Mirando cara á parede, dixen! —berraba don Pepe mentres ía apiñando na mesa unha a unha, as pedras que lle descubrira no macuto.

O rapaz era moi coñecido polas súas falcatruadas, e tamén por levar con el un corvo, o único animal ao que non lle cortara o rabo tras cruzárselle no camiño e que se lle apegara pola devoción ás migallas de pan que lle daba. As linguas máis afiadas dicían que aquela magna ave, negra e brillante coma os pecados, era o mesmísimo diaño que ía con el. 

O fillo da costureira non labrara nada boa sona. “É como o defunto de su padre!”, ouviase con frecuencia nos curros das aldeas. As pelexas cos rapaces eran cousa corrente, así como cachalo tirando os niños das árbores a pedradas, prendéndolle lume ás cortes ou asombrando as mulleres que levaban o leite en caldeiros polas portas para gañar uns reais, acabando este derramado polos camiños e lambiscado polos gatos. 

Mais o seu principal inimigo era don Amaro, o cura da parroquia, ao que lle xurara morte por matarlle o seu compañeiro de moura plumaxe. 

Soada fora a obra artística a base de balazos de ameixas podres sobre a fachada da casa do párroco. Ata nunha ocasión aparecera unha bosta na pía da auga bendita, e inda que Manoliño era o principal sospeitoso, ninguén puidera probar que fora el. 

—Que para que levas estas pedras no macuto! Estás xordo ou que? Baleira os petos agora mesmo!

Don Pepe remexía con violencia nos pantalóns degastados do Manoliño.

—E isto que é, langrán? —dixo furioso sacando unha navalla ferruxenta xunto cun paquete de papel de periódico dun dos petos dianteiros—.  Deus te libre de facerlle algo ó don Amaro, que has de saber do bolo que o demo amasou!

—Ese cabrón matou a Bobi!

—Ben que fixo se foi tal! Ese paxaro endemoñado acababa cas leiras de millo. Agollá o deixara ben morto e desplumado!

—Hamas de pagar! —Manoliño, coas bágoas asomando, apertaba os puños co mesmo xenio que renxía os dentes.

—Todo isto queda aquí requisado ata que veña túa nai! –sentenciou o mestre metendo a navalla mais o paquete no caixón, no que tamén gardara a colección de rochas.

A nai do Manoliño despediuse do mestre dándolle á cabeza, amosando vergoña pola última trasgada do fillo. Dende a porta da escola, don Pepe veunos afastarse entre a bruma da nevarada. A costureira íalle dando lapotes mentres Manoliño tentaba defenderse deles cubríndose coas mans. 

Antes de marchar, don Pepe quitou as gafas e abriu o caixón para coller a funda. Alí estaba o paquete de papel de periódico descansando sobre as armas do seu alumno máis problemático. Agarrouno con curiosidade e abriuno coidadoso, atopando só un anaco de pan reseso feito farangullas.

………………………………………………

A merenda

Carlos Vega.

—E non quedes a xogares con ela!

Meu pai berra porque quere que volva antes do mediodía, non se fía moito da mesta capa de néboa que nunca abandona a casa en inverno. Ten medo de que se levante e me pille en medio do monte. O avó cala mentres limpa co estropallo de metal a fouce, antes de que se enferruxe. 

Sei que el tamén bota de menos a avoa e que lle gustaría vir comigo, aínda que so sexa a falarlle, pero xa levo o Toby e o pai non quere que armemos moito barullo. A avoa sempre se alegra de verme e aínda que lle buscamos un sitio algo máis lonxe do camiño, basta con que alguén a oía para que teñamos que volver a mudarnos de casa.

De feito, de ser pola miña nai, ninguén podería ir a vela, pero estes días son para a familia, aínda que teñamos que comer máis cedo. Ademais, como nesta temporada non atopamos ninguén da miña idade, e xa que parece que en Reis tampouco vai cambiar a situación, son algo máis bos comigo e déixanme ir a vela e levarlle o que quedou da comida.

Alegrábame poder levar o Toby, porque aquel dia levaba a cabeza enteira. Miña nai quere que celebremos a vixilia, dentro do que cabe. A bolsa de plástico afundíaselle contra os ollos, coa boca aberta, e daba algo de medo, pero co can, xogando ás carreiras, o camiño ata a cova fáiseme máis curto. Penso que a meu pai non lle gusta que ande só, pois nunca se sabe cando pode aparecer unha cacería no monte.  

Ás veces, cando chego e vexo a pequena creba na pedra, danme ganas de vivir nunha cova, como faciamos antes, e non na vila. Aínda que tamén recordo o chan cheo de ósos pequeniños, co cheiro que apenas chega a escapar pola fenda cuberta de silvas, e as ganas vánseme ben rápido. De todas as formas sempre entro para saudar, antes de deixarlle a comida. Algunhas veces está colgada dos pés e cae dun chimpo cando me sente. Dáme algo de medo porque sempre anda núa, pero a miña nai di que nos vai pasar a todos, canto máis maiores sexamos e nos  vaiamos esquecendo de quen somos. 

Óleme ao chegar, facéndome cóxegas na caluga, e ben pronto cheira a comida comeza a tirar da bolsa cos dentes. Creo que queren deixala aquí cando marchemos, pero o avó di que se a deixamos a ela deixámolo a el. Eu non quero marchar só cos pais. O avó aínda me está a ensinar que camiños teñen luz eléctrica e cales non. Tampouco quero deixar de ir ver a avoa, pois sempre que lle levo comida, mentres ela rilla no óso, a min déixame os miolos. Así, como non vou quedar a merendar? 

9 comentarios en “‘O corvo’ vs ‘A merenda’

  1. Relatazos os dous. Parabéns O corvo Bobi e o can Toby. O corvo un chisco máis clásico e con algunha frase feita que lle resta algo de potencia. A merenda case perfecto. E xa non pola temática escura que me presta bastante… O autor deste conto non acaba de amosar de todo o que está a acontecer o que dá xogo a que a imaxinación non pare de matinar. Lino a primeira hora e prestoume agora unha segunda lectura. O meu voto para A merenda.

  2. O corvo

    Na primera liña quitaria “do inverno”. Xa sabe que o é e alivia algo a frase. O diagolo resultoume confuso, tardei en saber quen era quen e quen fixera que.
    Manoliño poderia ser o que matou o corvo (mangallón con pedras na bulsa) ou o que se queixa diso. Don Pepe poderia ser o que o matou (se a 1º liña de dialogo se toma como unha acusacion) ou outra persoa random. É imposible sabelo con certeza ata ler a seguinte liña. Hai que deixar esas cousas claras desde o inicio. Que importa saber que neva no dia despois de Reis se non sabemos quen matou o corvo de quen, que é do ue vai o relato.
    A lista das trastadas creo que se excusaba poñer. Xa se di como é, iso evitaba ter que describir esas accions, que non eran importantes per se para a trama. E se qeurias poñelas, enton non o definas tanto de inicio (mangallan, diaño, mala sona, falcatruadas, etc) e que o lector se faga a idea.

    “Mais o seu principal inimigo era don Amaro, o cura da parroquia, ao que lle xurara morte por matarlle o seu compañeiro de moura plumaxe”.
    esta é a frase que eu anadaba buscando. por que está no medio do relato en vez de no inicio? é como acudir ó duelo cunha man atada á res (espalda, para os que non sexades de ourense). vale, non a vas por tal cual está aqui (falando diso o de “compañeiro de moura plumaxe” soa ben pero inda mellor soaría “corvo”), pero esa informacion si que era necesario tela antes.

    As trasnadas que lle fixo ó cura si que ten sentido describilas, inda que non teño claro se son anteriores ou posteriores á morte do seu amigo de peteiro cinsento (ves por que é mellor “corvo”?).

    “de papel de periódico dun dos”
    eu teño unha regra que lle chamo a regra dos 3d que é que evito poñer tres preposicions “de” seguidas. Aqui hai 4.

    “Ese paxaro endemoñado acababa cas leiras de millo”
    esta frase tiña que ir en plural para ter sentido.

    Ata case o final do relato non sabemos que don pepe é o mestre. Vale, podes dicir que estaba claro ou que era deducible. Moi ben, enton a estas alturas xa non o digas.

    Creo que a historia ten chicha para ser á vez sentimental e critica, e o prota é interesante porque ten as suas contradiccions e quedan ben plasmadas. Na miña opinion a expresion non acompañou a estas virtudes. Buscouse elevar a linguaxe empregada, cousa que non pega co relato ou polo menos non se fixo pegar ben, e tamen ten alguns erros de redaccion (os que xa sinalei, frases longas e alguna coma).

    A merenda

    É un relato en curioso este. Foi unha boa xogada. Por un lado unha narracion sinxela, que podería pasar polo que parece que está narrando, un neto levandolle comida á avoa. Vese desde o inicio qe hai unha situacion moi pelicuar, claro, e vaisenos desvelando pouco a pouco. Aqui si que ten sentido facelo así, porque o prota fala/pensa en 1º persoa das suas cousas, fala para si mesmo e é normal que sendo asi non nos diga “eh, a miña avoa é unha muller-lobo (ou o que sexa)”. Por suposto o autor/a inserta pistas no relato, e son coherentes co estilo da narracion. A avoa vive nunha cova e iso da pe a dicir certas cousas. levalle comida, que tamen da pe a deixar caer certas cousas. Alguen pode pensar que por que neste relato non digo que a info debe darse antes: e que xa a está dando desde o inicio! O gran erro aqui seria non dar nin unha pista en todo o relato e de golpe ó final mostrar á avoa ouveando ou dicir que sacan unha cabeza humana da bolsa. E non me miredes asi que moitos fixeron exactamente iso no anterior torneo.

    O meu voto vai para A merenda. Pode gustar mais ou menos pero está perfectamente construido.

  3. Boas!!

    O corvo
    Este relato describe moi ben certa parte da nosa historia, parte da cal coñezo gracias ás historias de meu avó e meu pai. O ambiente xeral do relato, e o contraste evidente entre o que pensa a xente de Manoliño e o que realmente é, está moi ben conseguido, facendo incluso que sintamos algo de pena polo pobre cativo. O punto negativo, recórdame demasiado a Memorias dun neno labrego

    A merenda
    Para min, quizais o relato máis redondo da xornada (dos que podo votar, claro)
    O autor neste caso fai un bo exercicio de realismo fantástico, conseguindo crear unha gran ambientación ó mesmo tempo que, contando o xusto para non revelar moito nin demasiado pronto, nos acaba deixando cunha imaxe moi potente, conseguindo ademáis que a criatura quede a discreción do maxín de cada lector.
    Un relato para min, sen dúbida ninguna serviría como presentación, e daría para continuar coas aventuras dos seus protagonistas en posteriores escritos.

    O meu voto vai para A merenda

  4. O corvo” pareceume un relato moi ben feito. Só hai unha cousa que me pareceu mal elixida ou pouco realista: o nome do corvo. Eu sitúo o relato nos 50 ou antes. De onde saca un rapaz dunha pequena aldea un nome con referencia anglosaxona? Imposible non é, ben sei, pero deume a impresión de que rompía a cohesión do relato. Polo demáis mantén esa tensión coa que empeza moi ben, co rapaz explicando os seus porqués sen que se lle comprenda e vendo cómo lle arrebatan as suas pertenzas. Persoalmente non tiven gran problema en identificar qué pasaba e a quen. Será que eu tamén sufrín algunha que outra situación similar. Qué inxusto!, Verdade, Manoliño? Creo que se nos describe ben a realidade do rapaz, coas suas falcatruadas, o ambiente do pobo… cousas que podo visualizar perfectamente, poco típico do rural galego (e volvo, Bobi? en serio?) Ten un final ben rematado e en harmonía co pouso que deixa todo o relato.

    “A merenda” resultoume moi confuso, ou críptico. Isto non o fai un mal relato, supoño que depende de quen o lea, pois hai lectores que disfrutan dos relatos que non se mostran, que tes que andar xuntando de aquí e dacolá para sacar unha historia que nen podes estar seguro de que sexa a mesma que escribiu o autor. Eu recoñezo que son vaga para iso. Vou lendo e apuntando pistas: unha familia á que non lle gusta que os vexan, a avoa vive apartada (se hai perigo de que a oian non sería mellor que vivise con eles para tela máis controlada?), teñen un can chamado Bobi ((unha aposta dos autores para meter un animal con nome feo no relato?), levalle unha cabeza para comer á avoa (ehmmm… bueno, vale, por que non?), a avoa sabe colgarse dos pés (como os morcegos?), anda núa e come a cabeza (isto é máis de mulleres lobo), ó neno prestánlle os miolos. Fin.

    Creo que o que me fai non poder desfrutar do relato é non entender a situación familiar. Abandoar á avoa agora que polo paso dos anos chegou á esencia do que é (aínda que no relato a nai o considere “olvidar quen somos” a min antóllaseme o contrario) paréceme incoherente. Ela escóndese tamén, a diferencia é que nunha cova porque a botaron da casa… En fin: gústame a naturalidade do neno ó contarnos o que pasa, ata me gustan algunhas imaxes un pouco típicas como a casa escondida na néboa, o avó afiando a fouce… (parece que os autores se puxeran dacordo para meter un animal con nome feo no relato) moitas voltas e non me parece un relato onde as pezas encaixen. .

    O meu voto vai para “O corvo”.

  5. ‘O corvo’ ten un estilo moi directo que engancha, e un protagonista realmente interesante. Penso que se insiste demasiado no seu lado gamberro, polos adxectivos e as accións descritas na primeira parte do relato. É certo que funciona polo contraste entre este carácter agresivo e o amor polo seu corvo, pero este contraste mantería a mesma forza se se recortasen algúns destes elementos caracterizadores.
    Máis alá de Manoliño, o relato perde interese. A linguaxe atraeume, e a historia chamoume a atención, pero noto que lle falta algo; non sei se desenvolvemento dese cura antagonista, ou un intento real de vinganza por parte de Manoliño… Coido que, neste relato, hai algúns baleiros que o desvirtúan.

    ‘A merenda’ paréceme un relato redondo. Deixa as pistas xustas para que o lector intúa aos poucos o segredo desta curiosa familia; é sutil, pero directo no que quere dar a entender. Que son en realidade estas persoas? A resposta queda á imaxinación do lector, unha decisión acertada ao non ser esta cuestión o centro do relato. A boa fantasía fala de temas reais, e neste caso, interpreteina como unha representación de enfermidades asociadas á vellez, como o alzeheimer ou a demencia. Por iso tamén considero un gran acerto que o narrador sexa ese neto, algo máis inocente e que valora o tempo que pasa coa avoa, malia sentir ás veces “algo de medo” polas cousas estrañas que fai.

    O meu voto neste duelo vai para ‘A merenda’.

  6. O corvo
    Xa o comentou alguén tamén: os epítetos para falar do corvo (“magna ave”, “compañeiro de moura plumaxe”) non me acaban de casar co ton do relato. Quitando estes, si que lle recoñezo a quen escribiu unha escolla coidada da linguaxe para ambientar a historia e os diálogos. Eu ao lelo vexo perfectamente perfilados tanto a Manoliño como á aldea. Parabéns.
    Penso que hai un uso incorrecto do xerundio con sentido de posterioridade na frase “ou asombrando as mulleres que levaban o leite en caldeiros polas portas para gañar uns reais, acabando este derramado polos camiños e lambiscado polos gatos”.
    Aínda que eu non atopei problema en saber quen di que e quen fixera o que, si que me provocou certa confusión a primeira frase de Manoliño. Ese “Matou o meu corvo!” lévame a pensar que a morte do paxaro sucedeu hai nada, senón, a que viña dicilo cando o mestre o interroga. Mais logo o relato dinos que a xenreira e a morte do paxaron sucederan co tempo suficiente para ser acusado do ataque das ameixas podres e da bosta na auga bendita. E aí é cando a frase e a denuncia do rapaz non me encaixan, porque o están a interrogar e rexistrar na escola, non si? Non o cacharon a carón da casa do párroco.

    A merenda
    Outro dos meus favoritos da xornada. Eu si que gusto das historias que se deixan entrever, que van deixando faragullas e non acaban de explicalo todo. Aquí, onde ademais se xoga con elementos de horror, penso que a técnica está moi ben empregada. O que se nos vai contando é o xusto para provocar estrañamento (e curiosidade) no comezo, logo inquietude e ao final ata un sorriso (polo menos eu sorrín) con ese “como non vou quedar a merendar?”.
    Un par de detalles: en “volver a mudarnos”, “ir a vela” sobra a preposición, en galego imos e volvemos sen ela cos infinitivos. A forme “óleme” debería ser “úleme”, o verbo é ulir.

    Voto por “A merenda”.

  7. A foto é fantástica, moi evocadora. Penso que os dou relatos souberon pegarse moi ben ás sensacións que transmite (máis alá do can).

    En canto a “O corvo”. Están ben representadas as persoaxes para o espazo que tiña, o problema, ao mellor, foi meter tantos elementos. Creo que un tandem cura-neno (que mal soa isto…) ía mellor. Atopo ao mestre un tanto fóra de lugar. Pasoume coma Klaudia que non dou ubicado temporalmente a trasnada e a morte do corvo. Creo que cuns remendiños pode quedar un relato moi bo.

    “A merenda”, este está dentro do meu top tres da semana. Encántanme os relatos que lle dan traballo á cabeza, un “faino ti mesmo”. A dificultade destos relatos está en dar a información xusta para ir entendendo e tamén deducindo o que falta. Elixir a voz do meniño para iso é un gran acerto. O ton casa perfectamente coa foto. Encantoume.

    O meu VOTO só pode ir para “A merenda”.

  8. Curiosos os dous relatos que hai neste duelo.
    Gustoume moito como se retrata o rapaz de “o corvo” aínda que algunhas das falcatruadas que se mencionan resulten repetitivas. Supoño que podería parecer necesario para facer máis impactante a sensibilidade do final e non facía falta, por eso chirría. Coido que esa acusación que se repite ao aparecer a navalla foi unha pola que quedou sen podar. Quería matar ao cura, por eso a navalla?
    Con “a merenda” pásame que me gusta moito o prantexamento e a idea pero non sei o que pasa. O rapaz e a familia son cans? non o son? só o é a avoa?. Esta frase descolócame. “sempre anda núa, pero a miña nai di que nos vai pasar a todos, canto máis maiores sexamos e nos vaiamos esquecendo de quen somos”Non sei de que vai a historia. É tan aberta que non podo dicir a ciencia certa que pasa.
    Voto por “O corvo” porque sendo quizais menos creativo paréceme máis coherente e sentínme moi identificada con ese rapaz.

  9. Vou votar pola merenda. Conectei máis con ese conto e gustoume máis como desenvolve a súa trama.
    Foi difícil decidirme. Os dous autores fixeron un traballo notable.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s