2. Onde se descobre que na provincia de Lugo a internet vai frouxa

Letra A. LEO REYNOLDS/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

—Un millón de euros libres de impostos —pronunciou o home máis rico de Galicia, enmascarado entre enmascarados. E as súas palabras provocaron o eco na sala grande grande.

—Unha grande idea —respondeu en automático o director xeral.

O director financeiro ollou para o director xeral en silencio. 

—Xa falei coa Xunta para que me manden alguén de Cultura que nos axude a organizar. Prefiro que sexan eles quen leven a promoción. Nós empotraremos no seu equipo alguén de márketing, alguén de segunda fila, só para que me informe. Algún problema para xustificar na contabilidade este gasto?

—Non creo, señor —o director financeiro fixo coma quen busca algo na tablet, deslizando o dedo de arriba a abaixo—. O único é que haberá que preparar un informe para as axencias de cualificación, quizais unha newsletter tamén para o Consello, explicando os motivos deste gasto.

—Como que gasto? Isto é un investimento en responsabilidade social corporativa —dixo o seu xefe máximo.

—E por que non facelo a través da fundación? Isto desgrava —contestou o director financeiro.

—Porque xustamente quero que se vexa como unha iniciativa da casa, que non se sospeite que ando con subterfuxios fiscais.

—Non se preocupe, señor —terzou o director xeral—, isto é, se me permite a expresión, «pataca miúda». Mais, se non lle molesta, como foi que naceu a idea. Dígoo para pór algo no informe.

—Pois évos cousa marabillosa a vida, non é? Cando xa estás na prórroga da vida e pensas que nada te pode sorprender, de repente, todo cambia… E non, non volvín namorarme nin isto é o preámbulo a unha nova voda. Por ese lado estou descansado… xa me entendedes. Non, isto foi un romance diferente. Onde vos colleu o confinamento?

—A min na casa —respondeu o director financeiro.

O director xeral asentiu.

—Pois eu estaba pasando a fin de semana na casa dos meus pais, en paz descansen. Unha casa que restaurei hai vinte anos e que xa está pedindo novas obras. De feito fun alá para preparar todo porque hai uns meses pechou unha libraría que estaba instalada no baixo. O caso é que non sei se vós estivestes hai pouco na provincia de Lugo. Non hai internet! Como estaba todo parado non dei conseguido que me puxesen unha liña en condicións. E non vos digo a que prezo me querían cobrar a instalación! E vós vedes a televisión? Iso non hai quen o ature! Xente berrando a todas as horas. Noticias repetidas e máis ben falsas. Tiven que apagala para que non me resucitase a úlcera. Así que unha mañá fun até o local onde estivera a libraría. Estaba pensando en converter o edificio todo nunha tenda vintage onde presentar coleccións exclusivas.

—Que boa idea —interrompeu o director xeral.

—Xa non. Vou reabrir a libraría. Van venderse só os libros que a min me gustan. Nin falta teño de compralos. O inquilino deixounos alí. Blanco Amor, Cunqueiro, Xohana Torres, Rafael Dieste, Luz Pozo… As coleccións de Galaxia alí enteiriñas. Méndez Ferrín e Emma Pedreira! Cid Cabido e Berta Dávila —baixou a máscara para beber un grolo da súa copa de auga.

O director financeiro ía anotando os nomes conforme o seu xefe os pronunciaba. Non coñecía ningún pero tiña unha filla estudando o Bacharelato e malo sería que ela non os coñecese.

—Eu lin a última de Santiago Posteguillo —aproveitou o silencio o director xeral.

—Ánxel Fole é unha marabilla. Os dous de sempre, de Castelao… Que tardes vos pasei alí no patio. Nunca na vida lin tanto. Ben, sabedes que eu son de ler. Mais como paramos todo nas fábricas, pois non tiña dossieres nin memorias nin correo electrónico no que recibilos. Non lestes Xente ao lonxe? Anotade, anotade. Se non volo teñen na libraría xa me encargo eu de que volo envíen á casa. En Amazon non o merquedes. A miña futura libraría tamén vai vender pola internet. E moito máis rápido… Así teña que guindar os libros nos balcóns desde un dron.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s