‘Bailarina’ vs ‘Case vinte e cinco’

Caixa de música.

Xornada 2. Duelo entre Xosé Carlos Carracedo e Natalia Otero.

Case vinte e cinco

 

Na casa

Hahaha!!! Bailarina, disque! Como moito collerante nun parque acuático para o espectáculo das focas!

Que che dean, gilipollas! Pa, ti non lle dis nada?

Xandre, deixa a túa irmá e ponte a comer. E ti remata a carreira dunha vez e despois xa bailarás todo o que queiras. Ana, bótame aí unha pouca auga.

Toma, deixa a botella xa dese lado. Lauriña, diso non se vive, muller, e ademáis para iso hai que estar coma un fiúncho e pasar moita fame.

Ti tamén, ma? Estasme chamando gorda?!

No casting

Así que fixeches dous cursos en Dance Studio.

Si, o de iniciación e o medio. Agora estou co avanzado. 

E tes algunha experiencia como bailarina?

Bueno, fixen baile tradicional de pequena no Centro Cultural e despois apunteime a… 

Cantos anos tes, bonita?

Vinte e catro. Bueno, fago vinte e cinco o mes que vén

Mmm… Xa. A ver, levanta. Dá a volta, por favor… Agora mira para a cámara… Ben. Estabas estudando nestes momentos, non?

Si. Remato bioloxía este ano. Pero o meu soño é ser bailarina, por iso o compaxinei coa escola de danza.

E por exemplo, se che pedísemos que te ispas. Suporía algún problema para ti?

Espirme? Non entendo… 

Verás, isto… Laura, non? Só alguén que logra espirse de corpo pode facelo tamén de alma.

Xa, pero non entendo para que fai falta espirse nun programa de…

Buscamos alguén que sexa capaz de transmitir e abrirse. Entendes, verdade?

S… Si. Supoño

Dispoñibilidade? Tes problema en traballar de noite? Ou iso tampouco?

Eh, non… Non, non. De noite podo. Vaia, teño que consultalo con meus pais pero…

Sabes que esta profesión é moi sacrificada, non si? E que para lograr o que queremos ás veces hai que empezar dende abaixo

Xa, pero…

Mira, Laura. Esta pode ser unha grande oportunidade para ti, e francamente, creo que con case vinte e cinco non tes tempo que perder. Estás de acordo?

Si, claro…

Okey, raíña. Vexamos entón que sabes facer 

No mercado

Que prezo ten a bailarina?

Vinte e catro noventa, guapa

Carai, é un pouco cara. Nin sequera ten a caixa

É que é moi antiga, chuliña. Pero a boneca é de porcelana, e o mecanismo de cobre. Mira como pesa

Vaia, si tal. Co pequeniña que é

Lévaa, muller. Que che ha de dar sorte, verás.

En vinte non ma deixa, non?

No teléfono

Diga?… Si, son eu… Ah si! Dime!… Ahá… En serio?!… Si, si! Acepto! Si, sen problema! O carné e nada máis non?… Vale, nada, pois a esa hora estou alí. Moitas grazas, de verdade!… Chao!

(…)

Hola, ma? Mira unha cousa…

No periódico

“Laura Filgueira será a nova protagonista da madrugada dos Venres en Radio Danza”.

……………………………………………

Bailarina

Era unha vez unha bailarina que practicaba danza clásica. Facíao dende a caixa na que vivía cando alguén abría o tapete.  Era vella, pero parecía ter bebido un elixir e non destacaban engurras. Durante a súa vida as diferentes mans chamárona: Irina, Sabela, Alba, Úrsula… Demasiados nomes anotados para unha soa melodía.

De meniño contáronme que o seu pai era Geppetto. E que se contaba unha trola moi grande medraríalle o nariz. Pasei tanto medo nalgunhas reunións familiares… Dalgún xeito tiven sorte porque nunca me delatou.

Non minto se digo que Bailarina foi o meu xoguete favorito. Tampouco se descubro que, durante a miña infancia, sempre lles pedín aos Reis Magos que me trouxesen a Pinocho porque non quería que Bailarina quedase soa cando eu medrase. Ela merecía poder ver a súa familia.

Insistín tanto que me responderon. Dixéronme que non podían regalarme a Pinocho porque era o seu axudante. Así sabían qué nenos contaban sempre a verdade.

Eu sentín moitísima mágoa por Bailarina. Cando marchase ía quedar soa no fondo dalgún armario e nin a mentira máis brava faría que o seu nariz estirase coa suficiente forza como para rachar a madeira que a escravizaba.

Por iso marchei canda ela aquela tarde de maio. Sentamos na rúa e descubrina ante o gran público. Se a vísedes… Nunca unha volta e reviravolta foi executada con tanta mestría. Pouco a pouco, a caixa foise enchendo de moedas. Pensei que nos fariamos millonarios!

Os anos pasaron e, dende aquela, son produtor artístico. Camiño polas rúas na procura do gran público. Creo que Bailarina é feliz. Os dous vivimos do seu talento. Se algunha persoa pousa unha moeda por mágoa, no canto de facelo por amor á arte, a Bailarina médralle o nariz. As veces alóngase até tocarme, baixo da nube e lembro que somos dous vagabundos. Por sorte, a verdade esvaécese coa música. 

11 comentarios en “‘Bailarina’ vs ‘Case vinte e cinco’

  1. Bailarina vs Case vinte e cinco

    Boas!!

    Case vinte e cinco

    Gustoume a dinamica dos diálogos deste relato. o único que non me acaba de convencer son a parte do mercado e a do periódico. Entendo que a parte do mercado está para meter a bailarina da foto, pero se a quitamos, o relato non perde nada de significado. A parte do periódico case me sobra tamén. Se a quitamos, a conversa final coa nai relacionase co inevitablemente co primeiro párrafo, onde toda a familia machaca á pobre Laura, ademáis de deixar o final moito máis aberto á interpretación do lector

    Bailarina

    Non sei, non me chegou a enganchar este relato. O de personificar obxectos, como ben demostrou o relato do Piano da xornada anterior, é tarefa farto dificil.
    Ó meu parecer, o problema deste relato é que comeza falando da bailarina como se fose a protagonista, sigue co narrador convertendose nunha especie de protagonista pasivo, para rematar facendo que os dous compartan protagonismo no final do relato.

    Creo que se podía eliminar perfectamente do relato toda a parte de:

    “Tampouco se descubro que, durante a miña infancia, sempre lles pedín aos Reis Magos que me trouxesen a Pinocho porque non quería que Bailarina quedase soa cando eu medrase. Ela merecía poder ver a súa familia.
    Insistín tanto que me responderon. Dixéronme que non podían regalarme a Pinocho porque era o seu axudante. Así sabían qué nenos contaban sempre a verdade.”

    Chega cunha referencia a Pinocho no relato, e a mellor é a de Gepetto.

    Para min o mellor deste relato é o último parágrafo. Creo que este sí consigue recoller a melancolía do protagonista e a dicotomía entre verse como un productor artístico, e darse conta de que non é máis que un mendigo.

    Penso que dándolle un par de voltas, podería dar un relato bastante resultón.

    A pesar de que penso que os dous se poden mellorar, o meu voto vai para Case vinte e cinco, polo axil dos diálogos

  2. Moi boas! Velaquí a miña opinión sobre este duelo:

    En ‘Case vinte e cinco’ funciona ben a estrutura en base aos diferentes escenarios, coma se fose unha película. A historia é universal, quen non ten (ou tivo) un soño cheo de obstáculos? O que non me acaba de convencer é a segunda metade do relato. A parte do mercado sóbrame tamén, malia entendela como unha metáfora (a bailarina vale tanto como a súa idade). Talvez poría antes a do periódico, e deixaría de última a chamada á súa nai. Esa noticia como final déixame fría, e para min non se corresponde de todo co que promete o relato.

    ‘Bailarina’ presenta outra metáfora, o neno co seu xoguete que tamén é productor dunha artista. Non se sabe se é o rapaz quen imaxina que a boneca ten vida (se Pinocho puido converterse en persoa, por que non ela?), ou se todo sucede de verdade, e penso que funciona así, está ben que cadaquén o interprete ao seu xeito.
    Paréceme que o maior fallo deste relato é o momento no que lembra que son vagabundos; réstalle forza a esa ambientación case fantástica, que ben pode ser realismo máxico ou as invención dun neno.
    Malia este detalle, gústame o ton desta historia e o vencello entre o protagonista e a bailarina (real ou non).

    Para min, a gañadora nesta ocasión é ‘Bailarina’.

  3. Por fin saiu unha foto miña!

    Case vinte e cinco

    O primeiro dialogo está en armado. Nesas 4 liñas exponse o problema a tratar, talvez dunha forma pouco sutil, pero bueno, nos dialogos está permitido esaxerar un pouco.

    A seguinte parte é interesante. Prestoulle ó relato saltar espazotemporalmente e ir ó gran. Queda aberto iso de espirse e traballar de noite, deixoume intrigado dentro do contexto do relato.

    A parte do mercado non me desgustou. Este é un relato de matices e hai que ir cociñandoos parao lector. Dito doutra maneira: se esta parte sobra enton o erro non é desta parte senon de que non se resolveu ben o final (ou o inicio) para facer que esta parte non sobrase. É enrevesado, pero é o que mais se achega ó que penso.

    Precisamente o que menos me gustou foi o final. Non entendo que significa. Vai bailar na radio? Ela está conforme con iso? Se ela o está eu tamen. Hai algo aqui que non pillei? Por que lle preguntaban o de espirse se é na radio? Parecía que ía facer de go-go… entendo que ela sabe que traballo vai facer, e se non era o que pensaba, deixarao ó dia seguinte… porque non o facia pola pasta, senon por satisfacer as suas necesidades danzantes. Concordo con zalo e ana en que ese final habia que amañalo.

    Bailarina

    o inicio é un pouco erratico, coma se o foco estivera algo descentrado e o relato non se definise a tirar por ningun lado. O unico punto unificador é a personalidade tirando a melancolica e inxenua do narrador en 1º persoa. Xa dixen varias veces que a un narrador 1º persoa se lle poden permitir cousas que a un 3º non. Un 1º pode estar tolo e narrar de forma caotica, un 3º (normalmente) non deberia. Enton, aceptando ese inicio, o que vexo é a narracion dun desequilibrado (digoo no sentido de que o qe non está centrado é el e non o relato).

    A fluidez do discurso rompe con este salto temporal: “Por iso marchei canda ela aquela tarde de maio” non casa ben co “Era unha vez unha bailarina que practicaba danza clásica”. Creo que dixo zalo algo sobre isto, e ana indirectamente tamen. Pasamos de que un 1º persoa especial narre un conto sobre a bailarina a que sexa el o prota dunha forma mais directa. Obviamente sempre foi el o prota, pero antes erao dunha forma mais interesante, porque non faciamos unha idea del polo que contaba. E despois pasou a definirse el directamente “son productor artistico”, “somos vagabundos”. O exito deste relato era seguir co tono inicial, contar a propia historia como se fose a doutro, falando da bailarina en presente e de si mesmo só en pasado. Era algo moi dificl, certamente.

    Co permiso do autor/a, vou dar a miña version para qeu se entenda o que quero dicir:

    Por iso marchou comigo aquela tarde, para descubriuse ante o gran público. Se a vísedes… Nunca unha volta e reviravolta foi executada con tanta mestría. Pouco a pouco a súa caixa foise enchendo de moedas.
    Agora camiña polas rúas na procura do gran público. Creo que Bailarina é feliz. Se algunha persoa pousa unha moeda por mágoa, no canto de facelo por amor á arte, a Bailarina médralle o nariz. As veces alóngase até tocarme e acórdome de cando ainda era neno e cría nos Reis Magos.

    O meu voto vai para Bailarina.

  4. Boas!
    Case vinte e cinco
    Deste relato non me acaba de convencer a estructura pero si a historia e o ton deliveradamente ambiguo que trata de buscar o tópico e o cómico, cando menos iso é o que tiro do casting, do feito de espirse, da introducción da escena do mercado.
    Bailarina
    Fascinoume este relato. Tan pronto cheguei ao final tiven que volver ao principio. A min non me desubica o cambio de foco, coido que dalgún xeito non se conta nin a historia da boneca nin a dese narrador vagabundo que descoñecemos senón que está a narrar racionalmente a irracionalidade, certa loucura cun punto melancólico e os protas convértense en figurantes.
    Voto por Bailarina

  5. Aínda gustando dos dous relatos, creo que ambos teñen marxe de mellora. Case vinte e cinco pareceume de final apurado, moito que contar empregando unha estrutura que xa viu na fase preliminar: aforra palabras cando o arco narrativo é amplo, apoiase na axilidade dos diálogos pero o risco é que os saltos temporais acaben sendo apuntamentos ((…) hola, ma?, mira unha cousa?)… Quizáis como xa dixeron algúns compañeiros, poderían reducir ou compactarse algunha escenas. Bailarina ten unha parte inicial que semella que non dá arrancado (Gupetto, Pinocho). Creo que esta historia precisa máis espazo para a trola, que esa vida da bailarina e as moedas entrase antes no texto. VOTO por case vinte e cinco . Se cadra dos dous foi o que me deixou máis pouso estes días.

  6. “Case vinte e cinco” deste relato gústame estructura e os diálogos tan naturais, sen acotacións. Estilo directo e fresco, vai coma un tiro. Poida que algunha das escenas, máis que sobrar, se poidesen usar para aportar datos sobre o que pasa ou sobre a protagonista. A súa humanización está ben feita e é unha mágoa que non forme parte do final de forma directa. Ese bailar en Radio danza ben merecía unha mirada.

    “Bailarina” o que máis me gusta deste relato é o ton. Ten un aquel de ensoñación que lle acae moi ben para o que conta e tamén vindo do narrador. Creo que, como xa apuntaron, poidese mellorar afinanado certas partes, poida que fabulando inda máis a primeria metade e traendo a segunda un pouco máis ao terreal para dar contraste… non sei. Semella que falta certa forza nalgures.

    VOTO por “Case vinte e cinco” pola naturalidade das esceas.

  7. Case vinte e cinco

    Concordo con varios dos comentarios que foron antes ca min en que a estrutura a base de escenas e os diálogos son o punto forte deste relato. Naturalidade, verosimilitude e axilidade, e iso incluso sen estar acoutados á maneira tradicional. Iso si, a frase final sacoume do relato. Non entendín (e dinlle varias voltas) a que viña ser a protagonista de Radio Danza. E non foi esta unha estrañeza como a que me deixan os finais abertos, para min esa frase é coma un salto de eixo no cinema, un erro de sintaxe narrativa. A escena do cásting (xeniais aquí as xustificacións para conseguir un espido que intuimos completamente innecesario), a rapaza no mercado, a chamada posterior e o introito de diálogo coa nai levábanme por unha liña que ese final rachou sen deixarme nada a cambio.

    Bailarina

    Isto de votar case de última fai que moitas cousas xa as dixeran outros, así que intentarei non repetirme moito. O inicio estilo conto deste relato e que logo sexa un narrador en primeira persoa quen conta a historia non me convence. Con ese primeiro parágrafo eu tamén cría que a protagonista ía ser a bailarina e logo resulta que a historia que se nos conta é a do neno-vagabundo. O ton melancólico e soñador do relato penso que está bastante ben conseguido, e a idea de que á bailarina lle medre o nariz como a Pinocho encantoume. Sóbrame a resposta dos reis magos e a última frase do relato, ese baixar das nubes á realidade para facela evidente. Podía acabar aquí “Se algunha persoa pousa unha moeda por mágoa, no canto de facelo por amor á arte, a Bailarina médralle o nariz” ou incluso engandindo a seguinte, “As veces alóngase até tocarme”, e tería moita máis forza.

    Voto por “Bailarina”.

  8. Boas¡
    De Case vinte e cinco podo dicir que o lin sen moitas ganas a primeira vez, pois non traguei de todo a estrutura de dialogo, pero cun par de lecturas máis, gustoume bastante. Quizais, como se comenta, con mais espazo puidese ambientar mellor a situación para que o final non quede tan acelerado. Penso que leva a foto por un lado que non se me ocorreu e a iso concédolle moito mérito.
    De Bailarina o que mais me gustou e a sensación de soño que da o texto en conxunto e penso que podia ter nela a forza do relato. Resúltame pouco fluído pero é cuestión de pulirlle os bordes, quizais. Repito que me gustou moito o ton case inconsciente que ten e por iso o meu voto vai para Bailarina. Creo que o que dí Lois de manter o personaxe podería ser un bo camiño por onde levalo.

  9. Vexo que están a triunfar os diálogos!
    Pois eu creo que ‘Case vinte e cinco’ acaba perfecto. Non necesita máis explicación nin parecéume abrupto. Gocei léndoo e sinto que economizou a información bastante ben. Non me sobran frases e o estilo aínda que quizá mellorable como xa puntualizachedes, dálle o toque ao relato enteiro.
    ‘Bailarina’ tira de orixinalidade, pero fíxoseme máis pesado xa que o primeiro parágrafo non encaixa ben co resto ao meu parecer. Hai moitos cambio de tempo entre oracións como xa sinalou Lois que me rompen o desenvolvemento da historia. Máis nada que dicir que non se dixo xa.

  10. De Case vinte e cinco gústame a estructura elexida. Os primeiros escenarios contan moito en poucas líneas, parécenme moi ben escritos e mostran a realidade das bailarinas non profesionais e incluso das que se formaron durante anos na danza. A min a escea do mercado non me sobra, non creo que esté só pola foto, penso que fai referencia ó prezo da bailarina como “esclava”, o inicio xoga con nós para que pensemos iso. O único que lle atopo de mal ó relato é o final. Por unha parte en radio danza han ter moita xente con máis que dicir da danza que unha rapaza que bailará moi ben pero tampouco poderá facer sesudos análisis de coreografías con dous anos de academia de baile. Por certo, é unha ironía do autor o de radio danza? falar de algo que non podes mostrar a quen te oe ten que ser moi complicado. Existirá realmente unha cadea de radio adicada á danza? Igual por iso ese final. Laura quere bailar pero o que consigue é únicamente un traballo falando do baile. Triste final ou afortunado?

    Bailarina ten moitos componentes para crear un relato con imaxes belas e bonito de ler. Fala da infancia, mistura con outros componentes máis ou menos collido polos pelos, como meter a Pinocho polo medio, un desexo non cumprido e a vida errante do neno adulto e a sua bailarina. Estou dacordo en que o final tiña que ser unhas líneas antes. Non facía falta meterse tanto na auga, de feito sóbralle porque ó relato acaíalle un final máis sutil.

    Voto por Case vinte e cinco

Deixa unha resposta a Carlos Vega Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s