‘Cans de palla’ vs ‘Pitbull’

Can e gato.

Xornada 2. Duelo entre Marcos López Concepción e Marisol Gándara.

Cans de palla

Pois xa está. Agora deitareime debaixo da maceira tras da casa a ver como se desenvolven os acontecementos. Se todo se torce, dende alí pego un chimpo e escapo polo tellado do galiñeiro, total, nunca tiven nada que perder. Chamaranme mal bicho por algo. Maldita vella. Só fago o que me di o instinto. Non saco as unllas por calquera cousa, pero a min que non me veñan con paus de merda nin mocosos que non teñen desenvoltas as capacidades motoras. Díxenlles máis dunha vez coa mirada que non invadisen o meu espazo, e veña a tocarme os bigotes. Especies inferiores, iso é o que son. Xa o dicía a mai, que nós eramos unha estirpe diferente, observadores, con instinto de cazador. O fodido foi meter ese animal indigno debaixo da manta, como pesaba o fillo de puta. Non estou feito para estes labores pero pagaba a pena intentalo… 

Aí vai, outra carreira. Parva do carallo. Veña, volve polo mimo. Dependente emocional, iso é o que es. Se non fose por estas circunstancias especiais sei ben certo que non ía aguantar esta comedia ridícula. A outra, aínda máis paspana, a encherse de babas e disimular o noxo. Así, agora límpaas ao mandil, despois iso irá dereito ao cativo cando o arroles, porca da virxe. Non sei cal das dúas especies me resulta máis noxenta: conformistas de manual. Unha non sabe vivir sen a comida que lle dan, e a outra disimula a soidade pegada a un animal que lle segue a brincadeira por puro interese, hipócritas ambas. Ai, Laika, Laika! Xa verás ti, xa… 

Velaí vén a Lucía co meniño. Que raro, durmido a estas horas. Estará morto?… Riría con maldade pero é algo que non lle acae á miña nobreza, para que? Nacín para miralo todo na distancia, aínda que iso non quita que non me guste un aloumiño de cando en vez ou que me digan o bonito que son, sentir que formo parte da casa. Pero non, toda a atención é para ese monicreque que dá voltas sobre si mesma e salta a dúas patas. Pallasa. E aínda por riba ter que aturar outro saco de pulgas ao meu redor, outra pelotiña de goma, outro bufón a reclamar aplausos, érache boa. 

“Malo”, chamoume a vella por quitarme de enriba ese bicho baboso, “mico do demo”, dixo. Que pouco entende de taxonomías a moi ignorante. Se son esas as condicións do seu cariño prefiro ficar aquí sendo un animal frío, distante, incapaz de pertencer a ese circo da familia. 

Aí estás ti, xa o uliches, sabía que non ías fallar. Xa te deches conta, e a mona da Lucía mirando o móbil, mentres ti te encirras. Veña, vai por el, está aí, xusto entre as pernas do neno, pinga a pinga, desangrándose. Mórdeo un pouco de paso, ataca, segue o impulso. Xa veremos quen é mal bicho cando sexas sacrificada porque querías, tan só, recuperar o corpo sen vida do teu cachorro.

……………………………………………………………..

Pitbull

–Onde vas?! ven aquí, pitbull do carallo –polo portalón aberto do chalé o cadelo saíu a todo meter detrás dun gato que atopara no xardín. A Roxelio sorprendeuno unha freada. Apoiou as mans no capó amarelo do coche de Prosegur.

–Ei, coidado, que fai? –dixo o condutor. Abriu a porta. 

–Que fago nin que fago! –Roxelio recompúxose–. O puto can que escapou!

O de Prosegur achegouse coa camisa por fóra de levar o día dando voltas pola urbanización. Escudriñou dentro do portalón.

–Traballa aquí?

–Pois si, home. Mira aí de axudarme a coller o can.

O can, dando pasos curtos, achegouse ás pernas do vixilante, que o colleu de ganchete. 

–Ten pedigrí –o cadelo cambiou de mans sen opoñer resistencia.

–Xa teño eu choio abondo como para ocuparme do canciño.

–Anda a limpar? –preguntou o de Prosegur.

–Desbrozo a finca.

–Non están os Mellado?

–Veñen tarde, seica foron á casa dunha filla –Roxelio termaba do can. O vixilante regresou ao coche.

–Pois coide de ter todo pechado que hai unhas semanas asaltaron o chalé do coronel, xa saberá a historia. 

–Nin idea. Eu veño por aquí para gañar unhas poucas pesetas. 

–Catro fulanos. Déronlle unha boa tunda para que confesase o agocho dos cartos. Cortáronlle unha orella por pura maldade. De raíz. Deixáronlla no frigorífico.

–Cago en diola…

O vixilante arrincou para seguir a rolda. A Roxelio a advertencia pareceulle esaxerada. Quen ía entrar a plena luz do día? Meteu o can, pechou o portalón e púxose á faena. Pedíranlle que acabase pronto pero era traballo de máis. Colocou a máquina no cinto. Rozou debaixo duns piñeiros. Desde alí podíase ver a praia. Que envexa de vistas! Rematou no lusco. Ergueu a cabeza para descubrir que o cadelo andaba outra vez detrás do micho. O portalón tiña o fecho. Máis arriba, a porta traseira da casa estaba entornada. Estrañouse porque non se vía o coche dos Mellado. Cando a empurrou atopou catro homes dentro. Fortes. Con máscaras. 

O que daba ordes nun idioma pedregoso quedou con Roxelio. Atouno a unha cadeira e púxolle unha navalla nos fociños. Aínda coa cara tapada asomáballe nos ollos un brillo desalmado.

–Míster, eu son un mandado… –dixo Roxelio lembrando como a orella dun coronel fora dar entre os iogures.

O gato entrou pola porta. O cadelo íalle atrás. Montouno para machear a todo tren. O da navalla botou unha gargallada. Deulle co cóbado a Roxelio para que rise tamén. El fíxoo de mala gana.

–Este pitbull é a monda, macho –comentou sen poder tragar cuspe.

O do coitelo dobrou o volume da risada cando escoitou que Roxelio lle chamaba pitbull ao caniche. Deu un golpe co pé: o gato escapou e o can quedou coa mirada triste.

–Tú gracioso como perro –dixo o tipo sen parar de rir marcando moito os erres da palabra perro. Deixou de xogar coa navalla e gardouna nun peto. Arramplaron co que puideron. Fite a fite, o can fíxolle compañía a Roxelio ata que chegaron os Mellado.

10 comentarios en “‘Cans de palla’ vs ‘Pitbull’

  1. Gustoume moito ‘Cans de palla’. Sérvese ben do recurso da humanización para meternos de cheo no pensamento do gato. Ten toques de humor moi bos, ao presentar este unha personalidade marcada e recoñecible na maioría destes felinos. Paréceme un personaxe moi bo, coas súas contradicións, míntese a si mesmo (nótase que devece por formar parte desa familia de “seres inferiores”, e ten ciúmes dos cans, algo que xamais admitiría).
    Gustoume tamén a construción do relato; consegue achegarnos unha acción que non presenciamos, pero que armamos na nosa cabeza a partir dos pensamentos do animal. Váisenos revelando aos poucos o que sucedeu previamente, sen que sexa evidente ata o final; e non nos conta o desenlace, porque non é necesario, e non casaría co ton xeral.

    ‘Pitbull’ deulle algunha volta máis á foto para afastarse do evidente, a historia entre o can e o gato. Gústame que o relato nos sorprenda, coa simpática revelación sobre o “pitbull”, o seu interese no gato e a inexistente defensa da casa e de Roxelio.
    En contraste, a historia dos ladróns fáiseme demasiado previsible e non acabou de interesarme. Talvez cunha mención máis sutil á ameaza dun asalto, sería máis efectiva.

    Neste duelo, decántome por ‘Cans de palla’.

  2. Gustoume máis Cans de palla. Pareceume unha historia envolvente ao introducirnos dese xeito nos pensamentos do animal. Pitbull é unha historia que, gustándome, non me chegou tanto.
    Unha aperta para tod@s

  3. Cans de palla

    Non estou seguro de ter entendido o que sucede. O gato matou ó cachorro da Laika por celos e agochouno para provocar que a cadela atacase ó neno. Ou matouno porque o neno o incordiaba e ver se a Laika se cargaba ó neno? en calquera caso, vaia psicopata de gato.

    “Que raro, durmido a estas horas. Estará morto?…” por que se pregunta iso? confundeme…

    “recuperar o corpo sen vida do teu cachorro.” pareceme moi de redaccion de xornalista esta frase. deixariao en recuperar o teu cachorro.

    O discurso do gato está ben conseguido. Pareceme, iso si, un pouco dramatico todo. Como dicilo? O que fai o gato tapa ó gato en si. Comprendo que non pretende ser un relato realista, pero costame ver as regras internas desta ficcion. É unha humanizacion deshumanizadora, ainda non sei onde me veu levar esta historia.

    Pitbull

    Hoxe tocoume o dia de non entender. O tipo este traballa na casa dos Mellado mentres están fora? E trouxo o can con el mentres desbroza? Se non é o del debía aclaralo, porque por defecto foi o que pensei. E o vixiante ve a un tipo raro na casa dos Mellado e dalle igual? Non din entrado na loxica da escena. é crible, é verosimil, si, pero tamen me resultou confusa. A primera vez qe o lin pensei que o prota era un veciño dos Mellado (e o can era seu). Agora parece que é un traballador que está limpando na casa dos Mellados e o can é dos da casa. E o curioso é que da igual, só se trata dunha preparacion para o chiste do final.
    De feito o chiste do final non está mal. Fixome graza o de tu gracioso como perro, o mellor do relato. Ó mellor habia que prescindir da intro toda e empezar o relato xa cos atracadores.

    Ningún dos dous relatos me gustou demasiado, estou ata sorprendido de dicir iso tendo en conta que están ben escritos e non teñen ningunha debilidade evidente (só o que dixen, pero son suxerencias de baixa intensidade).

    Voulle votar a Pitbull porque o pasei mellor lendoo do que o pasei co seu rival.

  4. Por favor, non sei se me gustaron máis os relatos ou a foto. Que cuquis!!!!!

    Cans de palla encantoume. Sí que é certo que me confundeu en certos momentos e non logro ver exactamente onde quedou o cachorro e que intenta o gato, se que ataque ó cachorro pensando que é outro animal ou ó neno. Pero en tal caso, desfrutei moitísimo con ese pensamento retorcido do gato. Rinme moitísimo e logrei identificar facilmente a etiqueta personalizada do micho. O diálogo interior xenial, é como cando ves á trepa da túa compañeira facerlle a pelota á xefa. Iso si, chafoume o final, porque me dou moita pena a Laikiña.

    Pitbull gustoume tamén. Resultoume dinámico de ler, pero como historia quizáis se me quedou un pouco descolorida. Deume a impresión de que se perdeu demasiada letra na escea do principio para despois contar o dos atracadores a correr e sen detalle ningún. Como que a historia do relato me pide que sexa máis ben ao revés. E despois teño moitas dúbidas en canto ó empate coa foto. O can si que está retratado, pero o gato mesmo puidera ser unha lebre, que tampouco pasaba nada.

    Se tivera que elexir un relato gañador de toda esta xornada, sería para “Cans de palla”. Linno polo menos unha ducia de veces e non me cansa. Voto por este.

  5. Vexo que a foto da nosa Perliña e do Nevadito (en paz estean) deu para unhas historias ben orixinais. Este duelo vaime custar votalo.

    En “Cans de palla” valoro a trama en si, o discurso interno do gato está moi ben e defíneo á perfección, inda que penso que hai veces onde parece unha narración en terceira persoa: “Riría con maldade pero é algo que non lle acae á miña nobreza, para que? Nacín para miralo todo na distancia…” Esta frase en concreto penso que está pensada para terceira persoa, é raro que alguén pense que non fai algo porque non acae coa súa nobreza, non sei se me explico. En xeral non me gustan as personificacións da bichería, penso que nesta, e con unha trama tan complicada, ao conto lle ía ben certo aire de fábula, unha personificación maior onde os gatos e cans falasen coa xente ou algo así. Estilo debuxo animado. Cústame entrar, tal como está, na lóxica interna do relato. Porque a escena dos humanos e o can narrada polo gato é tan real e mundana que non dou imaxinado ao micho armando toda a vendeta, de maneira física, quero dicir. Ese mata, arrastra, esconde…

    “Pitbull” é un relato sobre o cotián. Unha historia que lle pode pasar a calquera. Está moi ben contado, fácil de ler e entender. O ritmo ben medido e os espazos moi claros. A persoaxe tamén aparece ben debuxada para o pouco que sabemos dela. O mandadiño que está aí a deixar o lombo e se salva da malleira porque non sabe ben a raza do can. Salvado por ser un chiste ambulante (historia da miña vida). O contrapunto da brutal e inminente ameaza desinchada polo repentino esperpento é un final que, sen ser tampouco moi potente, resulta efectivo.

    O certo é que a Perliña cando se enfadaba sempre lle mordía os ovos ao Nevado, así que penso que vou a VOTAR a “Pitbull”. De todas maneiras parabéns aos dous, estaba igualado.

  6. Cans de palla

    A historia de vinganza deste gato humanizado-deshumanizado non me convenceu. Nas reflexións do gato, que se me fixeron longas de máis con tanta volta e xustificación para as súas accións, vexo máis un humano ca un micho. Sobre todo cando se me mete esta frase no primeiro parágrafo “Só fago o que me di o instinto” para logo narrar un plan de vinganza tan elaborado e impropio desa natureza animal. Se quedo con algo bo son coas descricións que se fan de cadela e humanos desde a óptica felina, especialmente co tema das babas e o noxo que lle dan. Apuntou Botana de tirar máis ao ton da fábula para darlle consistencia e concordo con el en que igual lle ía ben, porque eu así, non mo creo.

    Pitbull

    Así como o anterior conto se me fixo inverosímil polo seu protagonista, o Roxelio si que mo creo de todo. Cóntanme esta historia como se lle pasase ao curmán ou tío dun amigo e non a poño en dúbida, pitbull incluído. O relato é un chiste (o protagonista tamén) pero está ben contado. Fíxoseme un pouco raro que todo o diálogo do comezo fose só para poñernos en situación e logo pase a contar o resto da historia o narrador, penso que iso queda algo desequilibrado. Se ben é certo que no ritmo non parece notarse, porque o narrador é axil tamén nesa segunda parte e vai ao gran, con frases curtas, o diálogo do comezo perde peso para o longo que é.

    Voto por “Pitbull”

  7. Aí, sinto oír iso Botana, que o deus dos fanfics os teña na súa gloria.
    Pois Cans de palla chamoume moito a atención, todo a corrente de pensamento paréceme algo moi difícil de facer ben e aquí, aínda que me perda nalgunhas frases penso que e por culpa da falta de referencia, pero a personificación é moi boa. Non so iso, senón que a trama gustoume, ao pedirme máis dunha lectura para pillala. Toda a personaxe endiañada cásame moi ben coa foto. Logo, seméllame un bo exercicio de estilo, cunha boa idea detrás.
    Pitbull fíxoseme lixeiro, cun ton que pasa desapercibido do ben tecido que está. Coñece a medida exacta das súas partes e iso fai que como texto sexa impecable. Gústame todo del e o final o que máis. Funcionoume moi ben e agardo ver algo mais deste estilo. Hai moita calidade neste duelo, parabéns aos autores¡

  8. Boas noites! Veño pechando a marcha.
    Non me gustou por onde foi Cans de palla, a personificación foi tan esaxerada que me fixo desconectar por completo. O de que o gato sexa un sádico amargado cómprocho, o de mal falado … quizais sobraba. Falláchesme cando o gato di ‘fillo de puta’ e non ‘fillo de perra’.
    Pitbull fíxoseme moito máis lixeiro e entretido. Perdinme un pouco e tiven que reler bastante, pero en xeral, gústame máis.
    O meu voto vai para Pitbul.

  9. De Cans de palla gustoume a visión da personalidade do gato. Tópica pero bastante ben feita agás, como xa dixeron, algunha frase que non lle acae á primeira persona. Nunha primeira lectura non tiña nin idea de quen estaba pingando sangue, na segunda quedei sen saber de onde saiu o corpo do cachorro nen cómo foi parar ás mans do neno. Isto para min non e bó, xa dixen que non son amiga dos relatos que deixan o sutil de lado para directamente non contar qué sucede. Sen embargo a lectura é fluída e consegue manter o interés e, desde logo, o final consegue impactar.

    De Pitbull valoro os diálogos, e que cun par de líneas debuxa cada personaxe sen necesidade de moitas voltas. A historia e máis cotiá que a do outro relato, coa sua chicha pero sen ese impacto do que falaba. Aínda así paréceme mellor formado, como conxunto, e deixame unha sensación de continuidade máis agradable. Seguramente para ser un bó relato necesitase ter máis traballo no final.

    Penso que Cans de palla fixo ben en arriscar, lastimosamente un final tan atrevido necesita de maior precisión, por decilo dalgunha maneira.

    Voto por Pitbull.

  10. Antes de nada parabéns para Marcos polo seu relato, confeso que o ton cómico e a sorpresa final tamén me gustaron e teceu moi ben os diálogos.
    Tedes razón no de que o gato psicópata se converte en persoa psicópata e a verdade e que a intención era un pouco esa, falar por boca dun gato con sentimentos de humano.
    O de fillo de puta na vez de fillo de cadela ou fillo de perra pareceume máis natural e aí sigo a pensar o mesmo pero a observación é moi boa.
    A miña idea ao escribilo era realmente amosar un gato marxinado pero soberbio, cabreado co seu microcosmos, vella, neno, cadela e cachorro incluídos. Para iso válese do cachorro que agocha baixo a manta do neno coa esperanza de que ao intentar recuperalo ataque ao neno pero claro está non fiei moi fino o final.
    Grazas polas observacións e os comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s