‘Míster Eléctrico’ vs ‘As fabas de cores’

Castes de fabas. FABIOLA MELCA.

Xornada 2. Duelo entre Carlos Vega e Lois Z.

As fabas de cores

O clan estaba reunido. O xamán axitou as fabas nas mans e cantou o “Äí-port-ne, Äí-port-ne”. Cando tirou con elas sobre a mesa formaron un debuxo coas súas cores. Era costume ler o destino dos acabados de nacer na busca do Izimaní, o valente elixido, o que había guiar o clan das Penas Longas á terra que había máis aló das estrelas. Recolleu as fabas e fixo outra tirada. A bebé durmía nun cesto, a carón do coitelo, e a tribo gardaba silencio. Era habitual que a primeira tirada fose escura, difícil de interpretar. Desta vez axitou as fabas con máis forza e durante máis tempo, e marcou máis as inflexións do “Äí-port-ne, Äí-port-ne”. As fabas caeron sobre a mesa coma pegadas de gato. Viu unha nena que non gardaba as tradicións, que non obedecía a seus pais, que corría espida cos lobos pola ladeira. O xamán mirou para os anciáns. Eles non sabían ler os debuxos, pero vían as fabas negras. O xamán recolleu as fabas unha a unha, dándose tempo para pensar. Ata que dese o seu ditame ninguén o podía interromper. A bebé estaba espertando, estirou os brazos fóra do cesto e choromicou algo. A nena era a súa filla, o ser que máis amaba, a derradeira da súa estirpe. O xamán desatou un saquiño de coiro e sumou unha nova cor á man. Mesturou o novo pau na baralla de fabas, ergueuse e deixounas caer sobre a mesa desde o alto da súa cabeza. Algunhas caeron ó chan. O debuxo era claro. A vida daquela nena contiña a fin do clan das Penas Longas. O silencio dos anciáns era máis ruidoso que os choros da nena. Algúns miraban para o coitelo. Sobre a mesa só había fabas negras. A nena estaría marcada toda a súa vida. O xamán tamén mirou para o coitelo. Ó mellor a súa filla non quería levar os Setnedne, nin vestir o Saor, nin xuntarse con quen dixesen os anciáns. Ó mellor prendíalle á aldea un lume tan alto e tan forte que o seu fume erguía as cinzas ata as estrelas. O xamán colleu a nena no colo e berrou “Izimaní! Izimaní!”. O pobo enteiro berrou con el.

……………………………………………..

Míster Eléctrico

Na illa de Castillo din que o guarapo, do que só gustan os vellos e os guapos, inventárono un cego e un xordo que se aburriran das fichas de dominó. Sen máis que facer, xuntaron o que un vira sobre o xadrez e o que outro escoitara sobre as damas. Os que logo se interesaron por aprender as regras que ían xurdindo tiveron que esforzarse por collerlles o ritmo aos enganos cos que o cego intentaba gañarlle ao xordo e viceversa. Co tempo, incluso chegou a invadir a maioría das mesas nos clubs sociais.

O Cuarto da Tía Tula xactábase de ser o coliseo de tal deporte e era ben coñecido que alí se xuntaban os mellores xogadores de guarapo. Por iso Malevo Ferreira, que nunca conseguira gañar unha partida, non atopou mellor sitio onde presentar a súa creación. Ao principio pasou desapercibido, pois non se lle distinguía detrás do enorme caixón que arrastraba. Cun pase teatral, desarmou as tapas e todos puideron ver un individuo ríxido, como recén liberado do sarcófago. 

O Míster Eléctrico, como o chamou Malevo, imitaba sobremaneira o aire dun deses vellos que sentan nos clubs polas tardes e que ninguén sabe moi ben cando deixan de ir. Non embargante, na face eran recoñecibles as marcas da ensamblaxe, que a dividían en dous cortes, atravesándolles os ollos sen pálpebras ata a peza da mandíbula. O inventor incluso lles ensinou, erguéndolle a camisa ao autómata, os mecanismos que se lle afundían onde deberían estar os riles. O desconcerto deulle paso á indignación, segundo a sorpresa inicial diminuía. Eran obvias as pretensións do Malevo Ferreira, e ben sabían todos contra quen ían. 

O vello Agripa non finxiu. Fora o máis guapo e agora era o máis vello dos presentes. Correspondíalle aceptar o desafío e as paredes do club semellaron facerse eco das palabras que puxeran punto final entre eles: 

—De que che vale tanto invento se logo non podes nin gañar un marañon. 

Cando viu o manequín fitando para a parede enfronte del, soubo que Malevo Ferreira estaba agardando. Mesmo a illa pareceu sinalalo como o contendente ideal, soprando aire de tormenta sobre as follas dos plataneiros que espiaban a escena. 

Non perdeu a calma cando colocaron o gobelete na mesa entre eles, nin cando comezou a escoitar o murmurio mecánico que precedeu o primeiro movemento. Perdeuna cando o autómata picou o dedo co gume dunha das pezas, tinguíndoa da cor do sangue. Buscou coa mirada o Malevo, pero non o deu atopado. Impaciente, o rival movera a cabeza por primeira vez e agora afundía nel os ollos sen pálpebras.

11 comentarios en “‘Míster Eléctrico’ vs ‘As fabas de cores’

  1. Boas!!

    As fabas de cores
    Cun relato entre oscuro e melancólico, transmitenos a desesperación dun pai encadeado ás tradicións, por manter a súa filla a salvo.
    Facendo outra lectura, máis actual, tamén podemos dicir que deixa ver que tódalas costumes, normas, relixións, etc. dependen de quen sexa o sacerdote, chamán, político, ou similar, encargado de interpretalas.

    Míster eléctrico

    Este relato ten un aire Borgiano, pola maneira na que está escrito, e sen embargo, unha vez leído, quedoume un regusto a Western, co seu correspondente desafío dos dous rivais eternos a un inevitable duelo baixo o sol

    A pesar de que os dous relatos son moi bos, e Mister eléctrico está escrito de maneira impecable, resultoume un pouco frio, e As fabas de cores consegue contar unha historia na que se palpa moito máis a tensión ata chegar ó desenlace

    O meu voto vai para As fabas de cores

  2. Neste duelo está a cousa complicada, desfrutei con ambas lecturas. Parabéns aos autores!

    ‘As fabas de cores’ presenta un dilema complicado para que o protagonista tome unha difícil elección: a súa responsabilidade de protexer ao pobo, fronte á vida e liberdade da filla. O relato métenos na súa pel e sufrimos con el ata o final e máis alá (porque, intuimos, os problemas só acaban de empezar). Gústame a ambientación e o ritmo da historia, acordes coa tensión da situación que plantexa.

    ‘Míster eléctrico’ gaña puntos pola orixinalidade e linguaxe utilizada, de dez. Pareceume interesante a aparición dese personaxe mecánico nun ambiente con aire tan “tradicional” (os vellos, o xogo de mesa…). Sinto que a súa partida contra Agripa, da que podemos supoñer o resultado, funciona como paralelismo da robotización que se leva a cabo hoxe en día, cando as máquinas substitúen cada vez máis aos humanos.

    É difícil escoller, como dixen, porque ambas historias teñen moita calidade. Porén, ‘As fabas de cores’ atrapoume con máis facilidade, así é o que leva o meu voto.

  3. O meu voto vai para Mister Eléctrico. Metinme máis na atmosfera da historia que conta e a emoción pisou máis neste segundo relato. Gustoume das fabas de cores o exótico da historia e o tratamento melancólica da mesma. Chamoume a atención positivamente.

  4. Os dous relatos me gustaron moito e están marabillosamente escritos, non embargante, voto por “As fabas de cores”, que me pareceu máis atractivo como relato, máis claro na narrativa e máis acorde coa imaxe proposta.

  5. Duelo de altura. Míster Eléctrico amais de ser un bonito título contén unha historia chea de imaxinación. con despuntes que nalgún intre semella que lles falta tesoira, pero non, o que aí é un estilo moi persoal e fresco que nos leva da man desde unha intro fundacional a un western de tapete . Postos os dous contos, un a carón do outro, a perfección das Fabas de Cores queda moi pechada sobre si mesma cun xamán trampulleiro que aínda que saca feixóns negros á vista de todos dirá que a tirada foi boa. O talento de Míster Electríco lévame a un territorio máis aberto, a unha partida sen rematar que xoga un boneco demoníaco sen pálpebras contra Agripa, o máis vello que foi o máis guapo: Este duelo dentro do duelo, entre semellantes contricantes é de aupa, quero saber como acaba! … aposto polo continuará de Mr. Eléctrico. Meu voto para el.

  6. Boas!
    Dous relatos moi interesantes e moi distintos pero nos que non fun quen de entrar de todo nunha primeira lectura. Coido que ambos deixan o final un tanto aberto e quizais gostaría máis de algo un pouco máis pechado.
    As fabas de cores.
    Gostei moito de como está construído, pouco a pouco. Por momentos semella que a sintaxe segue esa tensión crecente do xamán e vólvese complexa á par, e iso tamén me gusta. Ao final os berros do xamán convirten á nena no valente elexido, ou cando menos eu é o que quixera sacar do final.
    Míster Eléctrico.
    Pareceume moi inxeniosa toda a recreación e invención dese mundo de tabernas e partidas do que sexa. Un marco de tradición e un elemento futurista pero nin un nin outro converxen nunha historia que me fascine.
    Voto por As fabas de cores.

  7. Para min este duelo é o máis igualado e tamén o de máis calidade da xornada. Parabéns aos dous autores.

    “As fabas de cores” o relato é unha fábula con regusto clásico e feita ao milímetro (empreguei a palabra fábula nos tres comentarios que fixen… estou moi orixinal). Non sobra nin falta nada, a idea está clara e a mensaxe flúe coma o fume cara as estrelas. O cariño de un pai pode ampliar as miras respecto ao que debe ser un “elixido”. Oxalá fixeran esta mesma reflexión co pobre Anakin Skywalker, que veu a equilibrar a forza matando “younlings”…

    “Mister Eléctrico” coincido en gran parte co que apuntou Marcos. Un gran título, un estilo fresco que sabe a vello dalgunha maneira, a atmósfera e ese mundo tabernario de competicións extravagantes é un puntazo. Realismo máxico, lembroume a Macondo nalgún pase. Pero para min perde algo de forza ao final… igual o monicreque chega algo tarde. Igual había que plantexar o conflicto entre os dous algo antes. Cunha pequena revisión isto queda para concurso (ou cunha ampliación igual se pode mandar a Contos Estraños e tampouco pasa nada).

    VOTO pola precisión de “As fabas de cores”. Pero os meus aplausos son para os dous.

  8. Parabéns aos dous autores. Hai moito nivel (destreza, sobre todo) pero quedei coa sensación de que a ambos relatos lles falta ese nonseiqué que converte un relato en arte, un “algo” que parece pairar sobre as dúas obras mais ao final non asenta. Como esta “alma” está ou non está e eu podo ou non percibila só sentíndoa como unha presenza irracional, non podo dicirlles aos autores como conseguila ou por que non está. Mais quería advertilo porque, como ben di María do Cebreiro, a perfección non converte, necesariamente, unha obra literaria nunha obra de arte.

    As fabas de cores

    Aquí o autor amosa un dominio do ritmo e da dosificación da información que pasma. Coido que tamén hai que gabarlle a capacidade de extraer da imaxe todo un universo narrativo (a foto é boa, moi boa, ademais). Onde me renxe é no contido, na antropoloxía do relato. Vemos unha especie de baltarato xamánico no que o sacerdote impón que a súa propia estirpe se converta en elixida. Narrativamente ten chispa pero non me acaba de convencer esa visión humanista nunha sociedade teocrática. A principal diferenza entre as sociedades primitivas e as modernas, dinnos os antropólogos, poño por caso a Joseph Campbell, é a concepción do papel do individuo. Neste mundo que deseña o autor o individuo acaba por ter máis poder que a sociedade, que o colectivo. O xamán indulta a filla, non só iso, a pesar de saber que será nociva para a comunidade, fai dela a elixida. Este movemento contradí a propia filosofía na que se criou o xamán. Sei que é fiar moi fino e que o relato é ahistórico mais a min non me convenceu.

    Mr Eléctrico

    Coido que este relato vai no ronsel de Borges, especialmente na primeira parte (até Malevo é unha palabra moi borgiana). Hai imaxes e frases moi logradas. De todos os xeitos, penso que o relato vai de máis a menos. As frases fanse máis complicadas, con elementos innecesarios, e as descricións perden forza. Para o desenlace xa non hai nin rastro da atmosfera do primeiro parágrafo. E diredes vós, incluído o autor: “Nin falta que fai”. Pode ser. Mais a min ese tránsito entre tradicións narrativas quedoume algo apresurado, coma un cruzamento de universos onde se ven demasiado as costuras, igual ca a cara do autómata. Un dez pola escolla onomástica e polo lema do guarapo. Por certo, o guarapo, coñecido no Brasil como caldo de cana, é un refresco feito de espremer cana de azucre. É unha delicia que mata a sede por sublimación cando tes moita calor.

    Voto por Mr Eléctrico.

  9. Vaia por diante que este foi o meu duelo favorito da xornada. E onde máis me custou decidir o voto tamén.

    As fabas de cores

    Neste relato o dominio do ritmo é sobresaínte. Aínda que se nos vai dando información para intuír por onde podería ir a cousa, a tensión non se perde nunca. Moi bo traballo aí. Pode que a historia que se conta, ou similar, xa a lese nalgures outra vez, pero aínda así estiven eu coma os anciáns, pendente das fabas agardando polo veredicto. Sobre os animais que se mencionan, gato e lobos, penso que igual lle acaía mellor ao relato elexir outros, menos “comúns” (non se me ocorre outro adxectivo mellor agora mesmo) ou incluso inventalos, igual que se inventou o Saor, o Setnedne ou a frase do xamán antes de lanzar. Na miña lectura persoal, a nena si é realmente a elexida que levará o seu clan máis aló das estrelas, pero para iso vai ter que desfacelo todo. O dilema do xamán non o vexo tanto en facer trampas para salvar á filla, senón en ter que asumir o destino destrutor da Izimaní.

    Míster Eléctrico

    Se no anterior tiña que poñerlle un dez ao ritmo, ao seu rival voullo dar polo ton conseguido e o uso da linguaxe. Recoñezo que a primeira vez que o lin quedei atrapada nese universo de taberna tropical con aires do deserto (houbo quen dixo western, penso que con moi bo ollo) pero do que se contaba entereime pouco. Ler ás présas, no móbil, ten estas cousas. Segundas e terceiras lecturas fixeron agromar unha historia e uns personaxes que me fixeron sorrir e me deixaron con ganas de máis. Porque nese último parágrafo, coa desaparición do Malevo e a pinga de sangue que agroma non vexo un final para o que se estaba a contar, senón o inicio doutro capítulo na mesma historia, e ese, quizais é o maior fallo que ten “Míster Eléctrico” como relato.

    O meu voto vai para “Míster Eléctrico” pola orixinalidade. Recoñezo que “As fabas de cores” é máis redondo, pero voulle dar premio a quen arriscou todo, como o xamán.

  10. Unha das cousas que me fixeron dubidar á hora de escribir o relato foi se a nena debia ser filla do chamán ou non. Decanteime por que si para non cargar a personalidade do chaman con demasiado peso na decision que toma (estaba o chaman enfadado por algo? tolo da cabeza? etc). O vínculo entre o chaman e a nena facia mais doado explicar, dentro do relato e tamen para o lector, a súa decision, pero non debía ser esa a razon principal de que a proclamase como a elexida (esa é a clave, porque podía tela salvado sen proclamala elexida, faino polo que viu nas fabas).
    Agora penso que foi un erro, porque o que conseguin foi que moitos lectores só visen que o chaman fixo trampas para salvar a sua filla. O chamán, na miña cabeza, non fai trampa: escolle o camiño que el cre que é mellor para o clan. O chamán escolle o cambio. Que a nena fose a sua filla só tiña que ser un facilitador dese razonamento. Ó mellor fun un pouco bruto ó falar de “destruccion” do clan, como se a nena fose arrasalo lanzando raios polos ollos. Esta interpretacion miña segue sendo pouco realista se pensamos nos chamáns das peliculas.
    Se fixera iso (que non fose filla), penso que tamen teria que eliminar o coitelo.
    Gustoume a idea de Klaudia de inventar os nomes do gato e o lobo, debin facelo.

    A historia de mister electrico vina un pouco erratica, coma se nacese froito dun cadaver exquisito. Poderíase dicir que empeza forte e despois floxea ou que empeza floxa e despois se pon interesante, depende de onde poña o foco de interés o lector. Non entendin a importancia do da sangue no final.

    Por que ninguen fala dos seus relatos ó rematar as xornadas?

  11. Boas¡ Pois agradézovos moito polos comentarios. Fixéronme pensar e ceo que nunha extensión tan corta o xiro final ben podía sobrar. O relato de Lois, que vou dicir, está xenial, aínda que ben se pode adornar cos nomes, como apuntaron.
    Bo día¡

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s