‘Seguro de cancelación’ vs ‘Turbulencias’

Avión.

Xornada 2. Duelo entre David Botana e Ana Vigo.

Seguro de cancelación

Voo soa e quente. O amor do meu ex non aguantou nin a pre-reserva das nosas primeiras vacacións xuntos, a súa pantasma ocupa o asento do corredor. Seis horas de voo pola miña cona cabezona e por pasar do seguro de cancelación. Os avións sempre me poñen quente. Tras o pánico da engalaxe, síntome eufórica e só penso en foder. O Super-Cavill-Man da pantalla non arrefría o ambiente precisamente, o seu torso nu fai que a minisaia se me suba pola pernas. Nestas aparece El. Costas de boxeador, andares de felino. A manaza que apoia no repousabrazos vaporiza a pantasma do meu ex. Xírase, estou a morder os beizos mentres lle fago o plano secuencia vertical. Ri, dentes de depredador. A miña cara ferve ao vinte por cento en vergoña. Fixo a vista na á do avión, apreto as pernas.

A absurda morte de Jonathan-Costner-Kent axúdame a entear unha relaxante sesta cando El aparece ao meu carón. Chega dicindo non sei que duns nenos e algo sobre ler con tranquilidade. Apenas o entendo. Entre a desorientación da sesta-interrupta e o feito de telo diante, falándome, só dou artellado un absurdo: «Claro que si, guapi.» Escacha a rir e constato que certos sons mollan. Saca unha mantiña estilo hippie e un libro dun macuto, O lobo estepario, puto guión malo de peli porno. Non sei en que punto pasamos da conversa casual á risa franca. Di que sempre leva a manta porque o aire do avión é matador, «Complexo de avoíña», remarca lucindo o marfil. Bótama por enriba das pernas, seica teño a pel de galiña. «Se me dás máis calor choco un ovo». Escarállase e faime un mudo «chissst…» coa man dereita, mentres escorre a esquerda por debaixo do cobertor facendo presa na miña cacha coma nunha boleira: o maimiño acaríñame a perna, o anular traballa o clítoris, o maior entra ata a cociña, o índice vai paseniño estirando o trasteiro, o polgar toca a guitarra coa corda da tanga; eu fago números para non acompañalo aos coros. A miña man describe un movemento harmónico simple ao longo dunha pirola escala 2:1 onde o 1 son eu. A cousa escala tanto que a miña boca tenta darlle o relevo ás cansas falanxes. O cativo apareceseme desde un ángulo estraño. Terá uns sete anos. «Di mamá se remataches de ler». Chimpo cara ao meu asento. El cólleo no colo, non podo deixar de pensar na pixa que hai debaixo. Segue excitado. «Estaba rematando». Ponlle os dedos diante do nariz. «Ule», di, tradeándome co mirar. O rapaz pon cara rara. «Queres probar?» achegándolle os dedos á boca. Apártollos cun sonoro «NON!» que esperta o avión enteiro. «Dille á mamá que vou agora». O cativo marcha, el dime algo do baño, de carne, de suor… Apenas o escoito. O meu cerebro fixa a ventá, o aleiro, as nubes, mentres o meu corpo pecha, asqueado, as portas abertas e articulo un seco e irónico: «Claro que si, guapi».

…………………………………………..

Turbulencias

Martiño volvía do colexio cando presenciou as turbulencias dunha boliña de pelella. Caera dende unha árbore, e escoitábao chirlar de medo. Martiño entendíao. El asustárase tamén cando o vento o sorprendera no ar durante as vacacións; Antón afirmara que o avión caería e que ían morrer, e para o seu gozo, Martiño entrara en pánico.

Recolleu o pitiño.

—Ti tamén tes medo de voar, Pluma?

Xa na casa, Martiño acomodou a Pluma nunha caixa de cartón. Desfaragullou un anaco de pan para alimentalo e saíu na procura de materiais para facerlle un niño. Cando volvía, bateu de fociños con Antón. O seu irmán agarrouno.

—Aquí estás!

Martiño viu que levaba a caixa. Revolveuse.

—Deixa en paz a Pluma!

—Onde o atopaches?

Como non respondía, Martiño levou unha labazada. Antón era cada día máis forte, de nada serviría resistirse. Puxéronse en marcha.

—Por favor, Pluma está asustado —choromicou Martiño—. Caeu do niño.

Antón ollouno moi serio.

—Gustaríache que un xigante te levase? Sabes como me sentiría eu? Este paxaro necesita volver ao niño para practicar o seu voo.

O seu irmán soltárao para tenderlle a caixa; quería que devolvese el o pitiño. Martiño pousou a caixa ao pé da árbore. Escoitou miaños e un calafrío paralizouno.

O grupo do Branco andaba á espreita. Eran cinco gatos enormes, salvaxes e crueis. Martiño evitábaos porque adoitaban atacar a quen se interpuña no seu camiño. El mesmo experimentara as súas rabuñadas e dentes.

Pluma chirlou con temor. O Branco chimpou preto da caixa e mirou ao neno. Debera sentir o medo dos dous pequenos, paxaro e humano, e burlábase deles. Os seus secuaces rodeábanos. Martiño sentiuse igual que durante as turbulencias. Terror, ansiedade, morte. El tamén quería voar sen medo, como Antón.

Localizou un pau groso. Recolleuno e golpeou, coa intención de destruír os seus temores. Estrelouno contra o chan, a poucos centímetros do Branco. Martiño tragou cuspe e repetiu o movemento, en dirección aos demais gatos, e de novo, contra o líder. Avanzou mentres eles retrocedían. O Branco quixo trabar no pau, e Martiño guindouno lonxe. Viuno caer e fuxir, sempre seguido do seu grupo.

Martiño choraba e ría. Afastárase da árbore, e volveu para tranquilizar a Pluma. O pitiño xa non estaba na caixa. Máis alá, Antón deixouse ver por fin. Pasoulle o brazo polos ombros e contoulle como Pluma alzara o voo, sobre o corpo dun fermoso paxaro de cores.

12 comentarios en “‘Seguro de cancelación’ vs ‘Turbulencias’

  1. Boas!!

    Seguro de cancelación

    Creo que é un dos mellores relatos da xornada, dos que non deixa indiferente a ninguén. Consigue provocar múltiples estados de ánimo. É facil identificarse coa protagonista do relato, con ese aire de hastío irónico que gasta, e acabar, igual ca ela, flipando por colores coa escena final, sentindo esa estraña combinación de sorpresa e vergoña/asco/indignación pola escena que estamos vendo.

    Un relato que busca provocar e o consigue con endiañada facilidade, gracias a un ritmo axil que fai que non paremos de ler ata o final

    Turbulencias

    Con este relato pasoume ó reves que co seu rival. Fíxoseme lento de ler, e a pesar de que a idea non está mal, non me acaba de convencer a relación dos dous irmáns, Antón ten unha actitude que parece máis o pai de Martiño que un rapaz.

    A parte dos gatos e o pequeno sobrepoñéndose ó medo e enfrontandose a eles si me gustou, é unha escena ben contada e na que non te perdes.

    Onde si me perdín é co final do relato. Ó final non me quedou nada claro que pasou con Pluma.

    O meu voto vai para Seguro de cancelación

  2. Convencéronme máis as turbulencias e a historia da pluma. É unha historia que consegue atraparme e que me gusta. O conto “Seguro de cancelación” gustoume e tiven dúbidas, mais o meu voto vai ir para Turbulencias.

  3. Seguro de cancelación

    ten un inicio potente. en mans que saiban usala a 1º persoa presente é unha arma poderosa. Neste caso poderiamos dicir que unha ametralladora de posicion. O relato flue perfectamente cos pensamentos da prota ata a escena final. Se alguen pensou que a escena de sexo ía ser o plato forte da historia estaba equivocado. Eu polo menos quedei impactado co que fixo o tipo. Iso, literariamente falando é bo. Botei un pouco de menos que a prota transmitira mellor o que sentiu nese momento. Sentiu medo ou só noxo? E foi un noxo fisico ou tamen emocional/ético? Non o sei. De deixalo así casi era mellor facer mais breve o final e facer que virase a mirar pola ventá sen dicir mais. O claro que si guapi irónico do final non o entendo, non empatizo moito con el nese momento, sobre todo con pararse a matizar que é irónico, porque da a entender que a prota controla a situacion e as suas emocions. E eu creo que era momento para un blackout emocional e non só mencionar que se lle pasaron as ganas. Igual é que teño alta sensibilidade á depravacion desde que vin requiem por un sueño.

    Turbulencias

    as turbulencias experimentaas o fluido no que se move un obxecto, non o obxeto en si.

    “Sabes como me sentiría eu?”
    creo que a pregunta correcta sería: “Como te sentirías ti?”. ou senon que diga como se sentiria el, pero a que o pregunte non lle vexo xeito.

    Houbo un momento no que me perdin e non sei onde foi Antón.

    O dos gatos… bueno, deixoume cousas boas e outras que non tanto. É moi moi raro que os gatos se comporten así. É tan raro que ese feito xa xustificaría un relato centrado niso. Enton, tomalo como un elemento auxiliar potenciador da trama é matar moscas a cañonazos. Se inda fose un gato só.. pero unha pandilla de gatos (totalmente innecesaria, de verdade que bastaba un). Ademais, por que eran crueis? Parece unha descripcion moi parcial para vir do narrador, incluso vindo do neno sería excesiva. Non me prestou esta dibuxoanimalizacion do relato. Tampouco entendin o qe pasou co pau e co gato? Tirou o pau? Tirou ó gato e viuno caer lonxe??

    O relato parece que deixa caer que Anton estivo mirando todo. Ten que ser asi, posto que Anton sabe que o pito non está na caixa. E esa é outra, onde foi? O de que marchou a lombos dun fermoso paxaro de cores non mo trago. Só pode ser unha explicacion incrible que Anton lle inventa a Martiño para que quede tranquilo. Pero enton, que foi del? Nin idea.

    Pareceme unha idea con potencial, a dualidade de Anton está moi ben conseguida e iso gustoume. Martiño é mais plano, é un prota instrumentalizado pola historia, fai o que ten que facer, o que se espera del.

    Voto por Seguro de cancelacion. A pesar de que o final non me convence, non puiden desfrutar como é debido do relato rival.

  4. “Seguro de cancelación”: isto… en serio? A ver, a pesares de que o final me causou un noxo que nadie pode imaxinar, non cabe dúbida de que é sorprendente, e penso que iso, sexa para ben ou para mal, sempre é bo nun relato. Pero tamén digo que me costa moito imaxinar como chegaron a esa escea. Pode que moitos pensen que non é necesario é que o importante é o intre erótico, pero sendo unha situación tan atípica, boto de menos eses preliminares (nunca mellor dito). O baile ese que o tipo fixo coa man non mo imaxino. Ou é o Mago Pop facendo trucos con cada un dos dedos, ou cada un destes ten vida propia. O de “Claro que si, guapi”, non me convence en ningún dos dous momentos que se citan. O final? Xa digo, noxento non, o seguinte, pero vaia, sorpresivo a tope. Non vou a decir que me deixou mal sabor de boca porque creo que é a expresión máis desafortunada para describilo.

    “Turbulencias”: a conexión coa foto paréceme bastante forzada, pero todos sabemos que adecuarse á imaxe é unha das grandes dificultades deste certame, así que vou a obviar isto. Pouco teño que engadir ás dúbidas que xa se plantexaron. Pase que Martiño é pequeno e lle poida ter medo a un mico, pero eu que teño cinco gatos na casa, asegúrovos que non fixeron manada na súa vida. Se hai algún tipo de ameaza, cada un lisca á súa bola, e se é por comida, en tal caso arríncanse os ollos entre eles, co cal esta parte sacoume moitísimo da historia. Os diálogos dos nenos non me resultaron moi verosímiles e súmome á gran dúbida de que pasou con Pluma. Con todo, paréceme un relato moi tenro. Non cansa, é agradable de ler e creo que cunha voltiña quedaría xenial. Gustoume ese paralelismo entre a superación dos medos de Martiño e a mentira que lle contou o seu irmán Antón, coa metáfora de alzar o voo.

    Este é o voto máis difícil de dar para min. Ambos relatos teñen grandes fortalezas pero tamén partes, como xa comentei, que me sacan da historia e me fan ler esas liñas varias veces, sen chegar a entendelas. Repartiría o voto, pero voume decantar por “Turbulencias”, xa que polo menos me deixou mellor corpo.

  5. Boas!
    Seguro de cancelación
    Un relato moi baixo nas alturas, cun toque sórdido e vulgar ata o final. A escena do neno tamén me deixou fría, pero creo que iso é o que pretende o autor, así que o meu apluso a pesar do noxo. Quizabes un pouco de alcol viríalle ben a escena para facela máis verosímil. Iso sempre libera.
    Sóbrame complexidade nas referencias ás películas que tentan engadir unha carga erótica que non lle fai falta ningunha. A escena da man paréceme moi lograda en canto á idea pero sintácticamente resúltame moi complexa e difícil de seguir o cal é unha mágoa porque é unha gran parte. O “claro que si, guapi” coido que é unha desas frases con data de caducidade por iso non encaixa de todo ou para todos.
    Turbulencias
    Paréceme moi tenro o xeito en que se retrata a Martiño en contraposición ao seu irmán pero o dos gatos desubicoume, xa tiñan que ser grandes para provocar o medo do neno ou o neno moi pequeno. Non sei, a partir de aí semella que o relato queda descolgado e xa non son quen de entender que pasa con Pluma ou se Antón di a verdade.
    Voto por Seguro de cancelación.

  6. Que difícil escoller! Os dous textos dentro dos seus estilos tan diferentes penso que están moi ben. A seguro de cancelación igual lle sobra a frase final do “guapi” que a min nin fú nin fá e meterse un pouco máis na cabeciña dos personaxes, e a Pluma unha frase máis liviá tamén contra o final… pareceume unha explicación (a do páxaro de cores…) que non casa co resto de conto. O da banda de gatos, a min, por certo, gustoume bastante e creo que lle queda xenial. Decisión complicada que desempato coa aproximación máis directa coa foto do conto Seguro de Cancelación (VOTO por este). En Pluma a foto está máis collida polos pelos. Parabéns os dous.

  7. Vaia marabilla de duelo.
    A pesar das referencias oxidadas, coido que o ton de Seguro de cancelación mantense moi ben e que mostra moito oficio no emprego da 1º persoa. Xa encaixe mellor ou peor cos camiños polos que se leva a historia, pero creo que lanzarse a un relato así non é unha decisión doada e que demostra confianza no estilo. E dende logo escribir algo e que salia ben parado merece todo o mérito do mundo.
    En Turbulencias perdinme na primeira lectura, pero cunha revisión quedoume todo claro ata ese final, no que creo que quedaron cousas na cabeza que non caeron no papel. Sen embargo, é cuestión de reformulalo, porque a relación entre os irmáns gustoume moito e o dialogo coido que está ben levado.
    Para min, Seguro de cancelación é o relato desta xornada e por iso o meu voto vai para el.

  8. Seguros de cancelación: O mellor que lin en meses. O morbo percorre cada centímetro do meu negro negro ser. E eu tan contenta. Non podía parar de ler, necesitaba ver ata que punto íasnos levar e punto, coma, clave de sol, numero pi e de todo. O inicio e o corpo do relato son un dez a pesar de que o ‘claro que se guapi’ como xa se comentou antes, desconcerta. Pero oe, que non me importa que me saques un pouco de onda porque cun contido así de turbio e escandaloso perdóocho todo. Quizais cedín o meu criterio á manipulación das baixas paixóns pero xa non é só iso como digo, é que está tan ben descrito, que xuraría telo asistido entre parpadeos. Moitísimas grazas, o meu voto vai para Seguros de cancelación.

    Turbulencias deixoume con tantas incógnitas que producíume más desinterese que intriga. Como xa comentaron, a idea é boa, pero hai tanto que se pode mellorar. Sinto que non está claro nada do que pasa e dáme rabia porque podía quedar algo bastante bo. Quizá necesite un cambio de punto de vista ou centrarche nalgúns aspectos (os gatos) e eliminar outros (descricións forzadas).

    • Seguro de cancelación deixanos claro desde o comezo que a cousa non nos vai deixar indiferentes. Se di cona na segunda linea, xa ten a miña atención. Creo que o relato alcanza un tono moi ben conseguido, simpático e agradable aínda que non me cadraran as contas da lonxitude que ten que ter un índice se os outros están coas tarefas descritas. O final é fascinante. Fascinante que se conte con tal naturalidade o xesto tan sórdido de darlle a ulir os dedos ó rapaz pero fascinante tamén a reacción da protagonista. Que sí, fecha portas, di ela, pero o normal sería en vez de decirlle o que lle di darlle unha lista de non menos de 50 insultos. Penso que acabar o relato con algo tan frívolo como o Claro que sí, guapi, forma parte da provocación do relato.

      Turbulencias ten demasiadas aristas que necesitan pulirse para ser un bó relato, na miña opinión. A relación entre os irmáns non da tempo a debuxala ben. O enfrentamento cos gatos e a superación dos medos está moi logrado salvo porque a etoloxia felina non concorda co descrito.
      Non sei se era buscado pero o nome do paxaro, Pluma, recórdame a cómo se pode sentir un neno ante a vida. Os problemas e obstáculos cos que se atopa poden facelo ir dando tumbos sentindo que nada depende del . Ata que agarra un pau e se enfrenta a unha morea de gatos macarras. Igual é un desvarío meu pero recordoume a todo iso. O final non o pillei. Paréceme tremendamente poético e evocadora a imaxe de Pluma alzando o vó por encima do corpo dun paxaro de cores. Agora ben, quen demo é ese paxaro? un dos pais de Pluma? Digoo porque pluma ten pelusa, máis que plumas, así que ou é o Pluma de dentro dun mes ou non ten xeito.
      Un pouco máis de traballo e será un relato ben bonito.

      O meu voto é para Seguro de cancelación

  9. Leva Ana 2 horas intentando postear os seus votos pero o wordpress volvese tolo porque compartimos o mesmo PC para comentar e por moito que saiamos da conta de un para entrar outro, non funciona. Conseguimos agora por fin que o blog aceptase os post, van posteados fora de tempo, pero foron escritos e “emitidos” antes das 00h.

Deixa unha resposta a Carlos Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s