‘A illa das mentiras’, o territorio dos galegos brutos

Nerea Barros (á esquerda) e Vitoria Teixeiro n’A illa das mentiras.

Alejandro Bonmatí.

Unha illa poboada por aldeáns, o naufraxio dun buque contra os seus cantís unha noite de Nadal, un rescate protagonizado por tres mulleres e a premisa manida de que nada é o que parece. Así comeza a grande aposta da Administración pública pola cinematografía galega desta temporada, La isla de las mentiras, unha coprodución hispanoarxentina, vasca e galega a un tempo que se estreou este xullo na plataforma Filmin, ante a imposibilidade de facelo en cinemas por mor da epidemia. A primeira longametraxe da directora Paula Cons toma como pretexto o afundimento real do barco Santa Isabel na illa de Sálvora en decembro de 1921 para desenvolver o enésimo intento de noir con acento galego e néboa engadida en posprodución. E é só un intento porque case nada funciona nel, sacando contadas interpretacións de secundarios que aboian malia unha mediocre dirección de actores que os lastra e, por suposto, as localizacións. Mérito este último máis atribuíble á paisaxe en si que á dirección de fotografía. O calendario de produción condicionou ata tal punto a estética da imaxe que parece que os feitos transcorren no verán, a pesar da etalonaxe (corrección dixital da cor), os efectos de posprodución e a choiva falsa creada con mangueiras. A pretendida historia de mulleres, que non feminista, no océano da ruindade humana contrasta cunha foto demasiado limpa, luminosa e estival.

A película naufraga polos catro costados porque parte de dous erros graves de base: o guión é malo e non está ben dirixida. A ambientación e o previsible conflito principal da trama son de partida interesantes, pero conforme avanza a narración esfarélase a solidez inicial do argumento e non consegue manter a tensión pasados os primeiros trinta minutos. O ritmo da historia avanza a pantocazos, con elipses agresivas ao comezo que non deixan tempo a descubrir e afondar nos personaxes e precipitan a chegada da acción. A montaxe a machetadas da presentación dálle paso a un segundo acto interminable e a un desenlace sen unha resolución emocionante, porque non hai moito xa que resolver.

Cando a tensión non está na trama, haina que procurar na psicoloxía dos protagonistas, pero tampouco aquí hai moito traballo. A profundidade dos personaxes non é maior que a da piscina onde se rodou a paupérrima secuencia do rescate “no mar”. Os aldeáns da illa están construídos todos eles de maneira semellante e ningún ten unha personalidade que destaque sobre o outro. Domina neles o tópico do paisano que só expresa os seus sentimentos a través de gruñidos e olladas insondables, que sabemos que sente medo porque se persigna e que dá por única resposta ambigüidades ou silencios cando os personaxes civilizados, encarnados por un vasco e un arxentino, lles intentan tirar da lingua. Os diálogos chegan a ser tan torpes que expulsan o espectador da diéxese, pola restra de frases tópicas que os conforman e polo modelo lingüístico inverosímil que se construíu. Nin sequera a morea de subvencións que deu apañado parece que xustificou a rodaxe en lingua galega. O español oral remeda o de Fariña, con escollas estrañísimas para representar o castelán de Galicia e que semellan escritas por alguén que non escoitou nunca falar a un galego. O retrato en conxunto é un estudo orientalista da paisanaxe. A representación da sociedade é tan deturpadora porque a ollada da autora que describe a aldea está situada fóra da aldea e Galicia está descrita desde fóra de Galicia. Faise difícil adiviñar que se trata dunha coprodución galega capitaneada por unha muller galega.

É curioso como La isla de las mentiras lembra tanto a Los santos inocentes, de Mario Camus, por contraste. O personaxe do rapaz atrasado é grotesco, animalizado, sen sutilezas. O atraso está representado sen empatía nin sensibilidade. O enfoque social non é comprometido e o de xénero é mesmo oportunista, ambos os dous sen transgresión ningunha. Quizais, máis por todo isto que polas limitacións orzamentarias, a sensación de estar asistindo a un telefilme é constante ao longo de toda a metraxe. Se cadra, distribuíla sen pasar por salas non foi tan mala idea.

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s