‘Leaving Las Vegas’ vs ‘A soidade do ciclista’

Ciclista.

Xornada 3 e final. Duelo entre David Botana e Lois Z polo título da liga.

Leaving Las Vegas

leixandre era un home corrente tirando a gris. A súa vida oscilaba entre un aburrido traballo estable, a muller coa que durmía vendo Netflix e o fillo no que, para o seu alivio, non se recoñecía. Só foi consciente do feliz que era cando perdeu a familia na lotería da estrada. Desde aquela os espellos da casa só reflectían a imaxe do seu cativo e, reconvertido nunha almofada sen dono, Netflix xa non lle servía de sedante. Tentou con HBO, Amazon, Filmin… e pronto o choio fuxiu tras o sono. Nun mes papara máis tele que en toda a súa vida. Seguindo as tendencias das súas almas xemelgas en Filmaffinity foi dar con Leaving Las Vegas. Xeralmente, escapaba da incerteza das actuacións de Nicolas Cage, pero a sinopse e a inspirada crítica de Niccólito fixeron que se animase. Rematouna marabillado, xamáis imaxinara que a autodestrución poidese ser algo tan fermoso. Esa noite durmiu coma un neno e ao segundo día ergueuse cunha férrea determinación: tiña que atopar un roteiro digno para o seu pasamento. O problema era que Aleixandre, o home gris, nunca tivera moito máis vicio que o da televisión… non fumaba nin bebía, sempre tivera medo das drogas e ata o sexo lle daba certo pudor. A súa única paixón de xuventude fora a bicicleta, deporte co que inda seguía a acompañar as sestas de verán. Vendeu todo o que lle quedaba de valor para mercar unha bicicleta de fibra e o traxe de ultramán neo-deportista a xogo. A súa máxima era a de Forrest Gump, darlle lume ás rodas sen mirar atrás. Confiaba en que nalgún momento da viaxe a estrada o reclamase xunto aos seus. A programación dixital deu paso a un mar de asfalto, liñas brancas, rebentóns. El só focalizaba o horizonte, a súa única constante era a dor muscular. Subía ben alto rechiando o dentame ata a fisura para abandonarse nas baixadas, libre, buscando a morte en cada curva. Cando paraba, ileso, pensaba se non quedaría el coa sorte toda da familia e entón volvía subir. Chegou a ser algo fixo na paixase, un fito recoñecible polos viaxeiros, como unha vella gasolineira ou un piñeiro con forma de vaqueiro. O seu estado mental era tan plano coma o electro dun fieito, custaba adiviñar onde remataba o óso do seu corpo e comezaba a fibra da bicicleta. Un día apartou a vista do punto de fuga, unha anduriña bailaba áxil cun corvo. Tempo despois foi consciente do sabor do seu almorzo. Espertaba moitas veces soñando coa risa que uns nenos lle regalaran tras o vidro dun turismo. Lembraba decote cousas que o facían rir. Ata que nunha forte pendente sentiu o ar na cara, a sensación de liberdade e unha gran ledicia que o percorreu dos pés á cabeza. Atopouse cunha curva e sentiu pánico, foi consciente por primeira vez de ir enriba dunha bicicleta. Xirou, freou, caeu. Un camión parou a atendelo. El ergueuse, roto coa dor, e soltou entre risas: «Case me mato!»

…………………………………..

A soidade do ciclista

Néstor caeu da bici nas Brañas do Sar. Detrás del ía unha rapaza facendo footing. Ela detívose cando chegou á súa altura.

—Estás ben?

Saíalle un fío de sangue do xeonllo. Néstor entón tiña que dicir “Son hemofílico. En media hora estarei morto e non quero morrer virxe”. En cambio, mirouna cunha intensidade maior da humanamente esperable.

—Non foi nada, grazas.

Ela volveu poñer os cascos e seguiu coa súa ruta.

Cando a perdeu de vista deuse unha ducia de golpes co casco na cachola. Ensaiara a caída varias veces, tiña o xeonllo dereito en carne viva. E todo para nada. No momento crucial non lle saíra a frase. Volveu á casa e puxo xeo na ferida. Odiaba o deporte e o ciclismo en particular. Volvería tentalo, non quedaba outra. Pero tiña que pensar nunha frase nova.

 

Chegou o domingo. Néstor colleu a bicicleta e volveu ás brañas. Agochouse, viuna vir trotando polo camiño e lanzouse á lama. Era o mesmo lugar, o único punto do percorrido no que era plausible unha caída accidental.

—Ola. Mancácheste? —hoxe ela levaba o pelo distinto e a camiseta de Megadeath—. Tes que ter coidado con esas pedras. Un día vaste matar.

Logo sorriu e retomou a carreira. A súa frase era “Desta vez non caín, tireime só por ver se volvías aparecer”. Un all-in moi made in Hollywood. Introducía o tema sen asustar. Pero quedáralle atravesada na gorxa. Marchou para a casa coxeando e pensando no seguinte domingo.

 

No terceiro intento ela cambiou a ruta. Veulle por detrás e rompeulle os esquemas. Néstor montou na bici de golpe, impulsouse cos pés, non acertou co pedal e foi dar ó río. Ela non o viu. Se non levara os cascos igual o tería oído chapuzar, pero case deu grazas por que non. Case.

 

O cambio de ruta foi un golpe. Néstor probou unha táctica nova o seguinte domingo. Xa que non era capaz de executar un plan como era debido, decidiu improvisar. Colleu a bici e estivo dando voltas polas brañas ata que se cruzou con ela. Era un lugar e unha hora diferentes ó acostumado. Decidiu tirarse á gabia, pero cando viu as silvas de preto o corpo arrepióuselle e o instinto premeu os freos. Pousou un pé en terra e deixouse caer a cámara lenta. Cando tocou co casco no chan soltou un “ai” tan ridículo que lle deron ganas de chorar. Ó mellor tiña sorte e pasaba por un esvaecemento. Quedou así un anaco. Non o podía crer, ela pasara de largo. Incorporouse devastado. Tirou a bici ó río, lanzou o casco ás silveiras e berroulles ás nubes.

—Eu son Ozymandias, rei de reis, contemplade as miñas obras, poderosos, e perdede toda esperanza!

Cando deu a volta para marchar ela estaba alí. Estivera alí todo o tempo quieta mirando. Néstor quedou frío, obrigouse a dicir algo intelixente por unha vez.

—É de Lord Byron.

Ela negou coa cabeza.

—É de Percy Bysshe Shelley. Putos románticos tarados.

E marchou correndo.

13 comentarios en “‘Leaving Las Vegas’ vs ‘A soidade do ciclista’

  1. Ole. Miña noraboa aos autores, penso que isto está nunha liga distinta. Merecidísima final.
    Leaving Las Vegas gustoume moitísimo. As primeiras liñas case me perdo entre tanta referencia pero a presentación é impecable e segundo vai discorrendo cada vez me parecía mellor escrito. Moi bo ritmo, e unha personaxe perfectamente retratada. A partir da frase da dor muscular é intocábel. O único que me rechía un pouco é a frase do riso dos nenos, pero tampouco sei se é un problema meu. En resumo, un dez.
    A soidade do ciclista é un dignísimo rival. Funcióname ao principio que pareza que non coñece a rapaza, na primeira frase. O resto está armado maxistralmente. E lixeiro e demostra moito oficio detrás. O ritmo, para conseguir abarcar tanta acción en quiñentas palabras, e todo un mérito. O final paréceme do mellor que lin, pero tamén é porque teño o Ozzymandias impreso na cama. Sinto que non podo ser moi imparcial nisto pero o meu voto vai para A soidade do ciclista.

  2. Moi bos relatos, abofé. Dignos do final desta liga. Quen gañara? O campión do torneo deste ano ou o enfant terrible da crítica? Sexa que sexa, será merecido. Parabéns a ambos autores.

  3. Boas!!
    O enfrontamento da xornada

    Leaving las Vegas

    Un relato moi ben escrito, co punto xusto de drama para resultar efectivo sen quedar feito un dramón dos mediodías de A3. Define moi ben ó protagonista e a súa situación, de maneira directa e sen complicarse a vida. Gustoume moito como no final do relato, o protagonista se vai recuperando, atopando de novo o gusto pola vida nas pequenas cousas.
    Tamén teño que dicir que con tódalas referencias televisivas, e como están colocadas no relato, recordoume un pouco a aquela serie (da que por desgracia non recordo o título) dun chaval que vía a tele a todas horas de pequeno, e de adulto todo o vivía en base a flashbacks do que vira na tele de pequeno.

    A soidade do ciclista

    Un relato axil, con un humor moi fino, e que se le nun respiro, que nos conta as desgracias dun pobre Romeo que con respecto a materia do ligoteo, parece unha mezcla entre o Coiote e o pato Donald, pois tódalas estratexias que sigue se volven contra el por moi ben planeadas que as teña. O certo é que se te paras a pensar, o relato recorda a un deses capítulos do coiote e o correcamiños. Só lle faltou que a última frase fose “E marchou correndo tras soltar un sonoro Meep Meep!!”

    E falando do correcamiños, digoo… da rapaza do relato, case caio da silla coa risa a raíz da súa última sentencia. O pobre coiote levaas claras como non espabile un pouco máis.

    Para min, os dous mellores relatos desta xornada, coa ironía de que o máis lixeiro remata cunha esperanza rota, e o máis triste cunha esperanza renacida
    Se poidese dáballe un empate a estes dous relatos, pero como hai que escoller un, vou quedar con Leaving las vegas.

  4. Gran duelo final! Ambos relatos son unha marabilla, ben escritos e con moitos puntos ao seu favor.
    ‘Leaving Las Vegas’ presenta ao protagonista nunha situación tráxica, pero sen regodearse no seu sufrimento, o que é moi de agradecer. Resulta un relato inspirador, e o punto humorístico da frase final é a guinda que coroa o pastel.
    ‘A soidade do ciclista’ lémbrame a ‘Atrapado no tempo’, con ese protagonista que se enfrenta á mesma situación día tras días, con diferentes estratexias e resultados igual de desastrosos. Resulta simpático no seu patetismo, e o ton desenfadado transmíteme boas emocións.
    Despois de moito pensalo, xa que ambos son moi bos, voulle dar o meu voto a ‘Leaving Las Vegas’ porque me chegou máis fondo que o seu adversario.

  5. Parabéns os dous finalistas. Postos de cabeceira merecidos. Dous bos relatos que culminan un traballiño de semanas nos que nos agasallaron cos mellores textos do campionato. Living las Vegas: esa parte na que o protagonista empeza a revivir é o mellor. Un pouco antes, tamén é especialmente chula a parte na que o ciclista o recoñecen como parte da paisaxe: “como unha vella gasolineira ou un piñeiro con forma de vaqueiro”. O relato empeza, na miña opinión, un pouco abaixo co tema da autodestrucción. Porque dar esa volta por Living Las Vegas e as plataformas das series, e non ir directamente a polo tema central da autodestrucción? Pouco a pouco a historia vai gañando e eu creo que ten un final moi bo. O seu rival “A soidade do ciclista” non ten tan bo final, ou a min non me acaba de convencer, pero creo que conseguiu facer un relato máis redondo. Catro actos para que o ciclista se faga catro veces o encontradizo. A cada volta, e xogando coas expectativas no lector dun final que acabase coa aflición amorosa, imos enganchando na historia. Este romántico ou acosador enfermizo (que todo podería ser) non consegue o que quere pero acaba chamando da lectura e da curiosidade con potencia. Estou seguro que o intentará unha quinta vez. Os dous relatos moi parellos. Hai que escoller un: VOTO por A Soidade.

  6. Boas! Dous relatos de altura para unha foto que me resulta de entrada moi complicada, debe ser porque son máis de alcol que de bicicleta. Quizáis tamén por iso conectei dende o principio co relato de “Leaving Las Vegas”. Ese personaxe que busca autodestruirse dunha forma tan atípica.
    Fascinoume este relato. En cada lectura atopo referencias tecidas con mestría, dándolle un toque sutil de humor a un relato que en principio ten todos os punto para ser tráxico. Referencias que tamén axudan a crear unha imaxe do prota. Fáltanme quizais algúns puntos aparte e paragrafos, non sei dicir o porqué, manías posiblemente.
    De “A soidade do ciclista” gustoume moito a historia, o xeito de ir preparando o ridículo final e o final en sí paréceme xenial. Os personaxes están tamén moi ben recreadas e é doado imaxinarse todas as esceas.
    Voto por moi pouco por “Leaving las vegas”, aínda que eu tería tirado ao fulano polo barranco. Grazas polos finais alternativos e parabéns a ambos.

  7. Parabéns a David e Lois por esta final. En ambos os relatos hai moito oficio e precisión. Sen parecérense en nada os dous apóstano todo á estrutura. E ganan.

    Leaving Las Vegas

    Non son moi fan das historias con tremendismo polo medio pero o autor desta traxedia conseguiu combinar o cotián co hiperbólico dunha maneira moi solvente. Hai suspense e esperanza, brillo expresivo e cultura pop.

    A soidade do ciclista

    É unha especie de conto moderno con todos os ingredientes da fábula mais cun desenlace sen ensino moral. Ten un aire de anuncio publicitario, talvez de BH ou Decathlon: Ciclista, deixa a incerteza do ligue da ruta do colesterol e namórate da túa bici.

    Voto por A soidade do ciclista.

  8. Gustáronme moito ambas historias. Eu, que son ciclista e corredor afeccionado, desfruto moito de todo o que rodea estes deportes. Cústame moito decidir onde vai o meu voto, mais penso que vai ir cara a Soidade do ciclista. Conecto máis con esa historia pois paréceme máis acorde coas miñas vivencias e identifícome máis. A maiores hei de dicir que me gusta como está sintetizada e executada. Paréceme sinxela -que non simple- e efectiva.

  9. Flípame por onde levades os relatos, unha foto dun señor esmorrándo da bici e dádesme todo isto, a verdade é que é xenial.
    Leaving as Veigas rómpeme os esquemas a cada frase, gocei do léxico, a referencias e o final, moi acorde todo e moi ben tecido.
    A soidade do ciclista é perfecto para un público como eu sen contar co final, que me deixou bastante fría. Non se que me pasa cando alguén di o nome completo de autores coñecidos, dáme como un cringe irracional, non sei. Encantome o ‘Son hemofílico. En media hora estarei morto e non quero morrer virxe’ foi tan de súbito e tan patético, non sei, goceino moitísimo.
    O meu voto vai para A soidade do ciclista.

  10. A ver estes dous titáns loitando por ese podio!
    Pois deixeinos de últimos porque gustar gustar, non me gustou ningún.
    O “Leaving las Vegas” está como super interesante ata o final, a pesares de que me extraña que o prota non se espetara antes. E o final, non sei, paréceme un pouco un chiste de botellón. O do “estado mental plano coma o electro dun fieito”, marcouse. Top!

    A soidade do ciclista é un pouco xusto o contrario. O prantexamento da historia caréceme de interese, pero recoñezo que vai mellorando, ata o final, que me parece que o arregla todo. Está ben escrita. Non ten culpa de que haxa partes que me parezan un pouco daquela maneira.

    Para min non son os mellores relatos destes autores, que ámbolos dous me parecen nivel Cum Laude. Será que me teñen mal acostumada. Vou votar pola Soidade do Ciclista, xa que en conxunto gústame máis.

  11. ola!
    xa que esta liga foi de betas, teño que dicir que sen os consellos da miña beta, Ana Cataria, tería enviado outro relato en lugar de o das Lapas, o relato das fabas de cores non existiría (ía enviar outro que non me convencía nada) e o do ciclista tampouco (e aparte neste tamén me deu a idea do final).

Deixa unha resposta a Carlos Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s