‘Un anaco de madeira’ vs ‘Escolle a túa propia aventura’

Cruz e reloxo.

Xornada 3 e final. Duelo entre Marcos López Concepción e Xosé Carlos Carracedo.

Un anaco de madeira

Unha formiga repta procurando comida nun altar. Hai un reloxo que non é quen de asimilar. O insecto é inmortal porque descoñece a súa morte, un becho sen patas e con instinto de supervivencia que ergue a orientación da súa especie.

Unha cruz observa. É Deus. Confunde a formiga cunha serpe e ten medo. Está maior, cego e invisible ante o mito da súa propia creación. Non recolle oracións e perde a fe aos poucos. Deus está a transformarse na cruz.

A formiga continúa a súa odisea. Quere atopar alimentos cos que facer provisións para un inverno ao que non chegará.

Deus está cada vez máis asustado e non lembra as capacidades que lle deu ao demo na súa infancia, tampouco os seus propios milagres. O intruso achégase aos poucos. Noutro tempo algún cruceiro esgrimiría, na súa base, a ameaza do mal. Hoxe non.

Cando a formiga chega á cruz arrinca un anaco minúsculo de Deus e marcha por onde viu. Comunicaralles o descubrimento ás súas irmás e pronto serán máis dun cento.

…………………..

Escolle a túa propia aventura 

“A miña casa transformouse nunha cova de pecadores”. A frase queda gravada co teu falar húmido. Es o que acaba de disparar 76 balas nunha igrexa. Cando alguén fai o que acabas de facer ti, preguntámonos que é o que se lle pode pasar pola cabeza. Pero mesmo a ti che custa atopar a resposta nos pensamentos ensarillados. O que te move na vida, máis que a violencia, é o espírito do supervivente, e cres que os que mataches tamén poden escoller de novo a súa propia aventura: Entrar polo oco da páxina 17 ou retroceder na historia pola páxina 83.  

17 O método Stanislavski

Estás fronte ao espello e pensas con cara anoxada: “Vou entrar aí. Vouno facer. Vós pensades que eu son unha merda de tío. Non é suficiente con vivirdes as vosas vidas? Non, tedes que asoballar e abusar dos demais. Sinalades a cicatriz que teño na cara como se fose a marca do perdedor, rindo da miña forma de falar. Comportádesvos como se non tivésedes posibilidade de escoller pero foi a min a quen acurralastes. Tivestes a oportunidade de comprenderme na páxina 83. Non vexo que poidades parar a matanza que vou comezar na páxina 24”

24  A frase

Saes da vella caravana coa metralladora que non che custou manexar á primeira no país que ten as balas e as bragas de oferta no K-mart. Levas unha túnica e sandalias. Pelo longo e lentes de contacto azuis como se foses un Cristo con fusil de asalto. Abres a porta da igrexa para esparexer o teu odio. Tes que expulsar os mercadores do templo. Dentro, varios curas obrigan a axeonllarse a unha muller. Mentres apertas o gatillo regresas á túa primeira frase do guión: “A miña casa transformouse nunha cova de pecadores”. 

83 Inicios

Naciches coa cicatriz: o labio leporino e o padal fendido. O teu pai intentou soldarte a puñazos porque pensaba que era a única forma de curar un fillo que envolvía todas as palabras en saliva. Tratoute como se foses un animal e nunca durmiches cos teus irmáns dentro da casa. Na feira do condado ofreceute ao circo Weissmuller como se vende un escravo. Decidiuse aí o teu futuro cando alguén puido aceptarte para facer de coello tolo no número dos pallasos (páxina 105) ou rexeitarte para que comezases a contar 76 balas nunha vida solitaria (páxina 17)  

105 Subxénero

“Non quero”, di ela. Un fulano tíralle do pelo. Outros miran. Entón entras ti matando os malos, os cregos pecadores caen polo chan cheos de sangue dicindo: “Ooooh!… ahhhh!…”. O director explícache a escena. A túa experiencia de pallaso de circo faite desinhibido, interpretar con nervio. Sabes meterte no personaxe. Es o actor do labio leporino. Pero sobre todo tela moi grande. Funciona ben contigo no papel protagonista esta peli porno relixiosa. Escóitase o grito de “acción”. Ti fas: “Ooooh!…”. Ela contesta: “Ahhhh..!”.

 

11 comentarios en “‘Un anaco de madeira’ vs ‘Escolle a túa propia aventura’

  1. Boa noite¡
    Un anaco de madeira penso que é unha aposta arriscada. Moitas veces, facendo os relatos, pensei que que arriscaba moito quedándome lonxe do máximo de palabras, pero este relato é o perfecto exemplo de que me equivocaba. O motivo do relato e o formato non me podían caer mellor. Creo que é unha aposta moi valente e que sae moi ben dela.

    Por outro lado, Escolle a túa propia aventura gustoume mais que os propios libriños. Non esperaba para nada que alguén tirase por aí. Gústame que o narrador faga alusións ao formato pero non que as meta nos pensamentos dos personaxes. Rebótame un pouco a historia pero o autor gañoume incondicionalmente co formato.

    A pesar diso, penso que debería apostar polo atrevemento así que o meu voto vai para Un anaco de madeira.

  2. Un anaco de madeira

    Teño que confesar que o da formiga sen patas me deixou intrigado. Se o autor quería destacar algo do relato cun punteiro laser, para min é a formiga sen patas que, para mais INRI, come madeira. A verdade é que non entendo a escolla desa formiga no lugar dunha normal. Será polo tema da serpe, pero tal como está deus poderia tela confundida igual inda coas patas.

    Independentemente diso gustoume este relato da decadencia e depredación de deus. É un relato no que non sobra nada e iso gústame. A narracion en presente foi unha boa idea, casa moi ben coa irrealidade (ou surrealidade) da historia, que está por certo moi ben montada. Transmite ben o medo de deus -o medo dun ser que foi omnipotente- e o cego instinto da tartaruga, que só fai o que lle dita o instinto, para ben ou para mal.

    “marcha por onde viu”, non sería “veu”, do verbo vir?

    Escolle a túa propia aventura

    o formato é chamativo, é moi bo para un relato ter un punto ganado xa antes de empezar a lelo.

    pero ademais o relato ten unha historia que se presta ben a ser contada deste xeito, inda que hai unha frase en 1º persoa:
    “Cando alguén fai o que acabas de facer ti, preguntámonos que é o que se lle pode pasar pola cabeza”
    Ese “preguntámonos” fai saltar polos aires o caracter de 2º persoa da narracion. Penso que foi un erro facilmente sustituible por “a xente pregúntase”.

    Como dicía, a historia do rapaz co labio leporino imponse ó formato, o cal é un gran mérito. O de Stanislavski soname moito, non houbo outro relato no torneo pasado que o mencionaba? un que ía sobre actores ou pelis.
    É certo que queda rara esa integracion dos saltos de paxina nos pensamentos do prota. Penso que o autor quixo que nos meteramos na pel do prota pero deixando á vez claro que nós non eramos el. Non sei se isto é positivo ou negativo. A min como lector lector de libroxogos teriame gustado unha version mais pura e achegada a estes. Dígoo porque non vexo en que supera a alternativa do autor a iso.

    Inda digo mais, o que estamos elexindo non é que accion realiza o prota, senon as das suas victimas. Queremos que chegue a ser un asasino? Seremos complices dese final, ou elexiremos o outro? É moi interesante.

    Ó final, polo que se ve, non hai final feliz para o protagonista. O único que podemos facer é evitar que nos mate derivandoo como producto de entretenemento.

    O meu voto é para Escolle a túa propia aventura

  3. Que gozada! Xa fai anos que son fan de Marcos e seguíndoo sempre aprendo cousas boas. Neste caso a gañancia é doble porque descubro a Carlos. Parabéns a ambos autores.

    Moi axeitados os comentarios anteriores aínda que teño que dicir que o primeiro me parece un poema. Por aí sempre se me gaña.

    O segundo é fresco e divertido, e dá lugar a varias lecturas diferentes variando a orde das páxinas. Non é estatisticamente infinito, pero da xogo a construír moitas historias diferentes.

    Ben feito os dous!

  4. Boas!!

    Un anaco de madeira

    Fíxoseme corto, aínda que a veces mellor eso que alargar sen sentido o relato. Gústame a narración dende o punto de vista do pobre cristo clavado na cruz, e como logra o autor a tensión que lle provoca o non saber que lle vai facer o insecto, pero por desgracia, recórdame demasiado ó pendulo de Poe, o que lle resta orixinalidade ó relato.

    Escolle a túa propia aventura

    Igual que di Lois no seu comentario, eu era fan deste tipo de aventuras de pequeno, e esta quedou moi orixinal, aínda que rara ó cambiar o punto de vista dende o protagonista ó espectador. Aínda así, gustoume o risco que correu o autor facendo este tipo de aventura con tan pouco marxe de maniobra como da a limitación de caracteres.

    o meu voto vai para Escolle a túa propia aventura

  5. Sen dúbida, dúas propostas moi interesantes.

    ‘Un anaco de madeira’ é unha historia efectiva e moi ben escrita, escueta pero que non precisa de máis elementos para brillar. Gústame que se diga tanto con tan pouco, e o paradoxo dese deus asustado, reducido a alimento de formigas.

    ‘Escolle a túa propia aventura’: pareceume unha gran idea traer este formato a un relato. É un risco, e penso que o autor saíu ben parado, malia ese cambio de segunda a primeira persoa. Resulta moi entretido xogar coas diferentes variantes da historia.

    Malia a orixinalidade do segundo relato, nesta ocasión votarei ‘Un anaco de madeira’ porque penso que apenas ten fisuras.

  6. Un anaco de madeira

    O único que me renxe de todo o relato é esa formiga reptante. Que me corrixa alguén con máis coñecementos de bioloxía ca min pero nunca escoitei falar de formigas sen patas. E Google só me trae de volta unha páxina cunha teoría sobre liderado e recursos humanos pero que non me encaixa no relato (se alguén ten curiosidade, pásolle o enlace).

    Quitando o tipo de insecto, parabéns ao autor. Gustoume o ton do relato, para min tamén hai moita poesía nel, nas imaxes, no ritmo das frases, e creo que lle acae moi ben a esta historia de decadencia relixiosa. Ao mellor hai algunha frase ou algunha elección léxica que se podía mellorar, como o “Deus está cada vez máis asustado” ou as “capacidades que lle deu ao demo” (poderes?). Pero a imaxe da formiguiña roendo no deus-cruz ten moita forza e a frase do final levoume a pensar moito máis aló do que se me conta.

    Escolle a túa propia aventura

    Desde logo, aquí o que primeiro que hai que aplaudir é o risco co formato. Eu levaríao aínda máis alá e montaría a historia con hipervínculos para cada unha das opcións, pero claro, aí van os coñecementos de cada un e as posibilidades que ofreza a web onde publicas.

    Sobre a historia en si, paréceme menos orixinal que o seu rival. Xógase con elementos pulp (personaxe marcado e maltratado desde a infancia, violencia, sexo) e dásenos a posibilidade de reconducir o protagonista pero sen sacalo desa narrativa: ou asasino ou actor porno. Está ben, pero non me di nada novo, aínda que recoñezo que o final pornográfico si que me fixo chiste. No fragmento “O método Stanislavski” resúltame estraño cambiar á narración en primeira persoa para contar o que pensa o personaxe. Creo que á identificación lector-protagonista iríalle mellor manter a segunda persoa..

    Voto por “Un anaco de madeira”

  7. Boas tardes! Vaia un duelo difícil, en parte por seren dúas propostas tan diferentes.
    De “Un anaco de madeira” Gústame moito a sinxeleza lingüística que agocha unha complexidade con moitos significados, con revolución anunciada na última frase e a verdade e que me soubo a pouco.
    De “Escolle a túa propia aventura” impactóume o formato pero non acabei de entrar na historia quizáis por esa ambientación pulp que me soubo un pouco yanki de máis e a introducción do actor porno pareceume fora de lugar.
    Voto por “Un anaco de madeira”.

  8. Este duelo ten moitísima calidade, gustaríame ter feito o relato desa foto tamén.

    “Un anaco de madeira”. Bravo, por varias cousas. Primeiro por non andar contando palabras, colliches as que che fixeron falta e pasaches do recheo. Segundo polo formato escollido, ton e ritmo perfectos. Eu vexo este relato como unha alegoría/pesadelo, a parábola do deus morto e a formiga. Igual as imposibles formigas reptantes somos nós e Deus morra sepultado polo mesmo concepto do tempo. Calquera que sexa o sentido que lle queiras dar é moi evocador e potente, porque as imaxes nas que se asenta son fortes e sólidas.

    “Escolle a túa propia aventura”. Bravo tamén. A aposta por este formato é moi valente. Abordar algo tan complexo como o libroxogo con cincocentas palabras é moi difícil. Eu teño feito algún borrador e sempre borro todo. Son moi fan da narrativa variable e destos libros de escolle o teu propio camiño (sempre os vin como un xogo de rol onanista, dúas cousas moi asentadas na miña vida), así que este experimento chegoume ao corazonciño. Ademáis o relato ten calidade, porque o importante, o prota, aparece definido en calquera das vías que segue e todas obedecen a unha causa efecto.

    Pois ao final estame custando votar en todos os duelos… repito: moi bo nivel nesta xornada. Parabéns a todos. Creo que “Un anaco de madeira” me deixou cavilando en máis cousas, ademáis hai moito que non sae un relato alegórico coma este por aquí, así que para el vai o meu VOTO.

  9. “Un anaco de madeira gustoume moito. Ata o mesmísimo Cristo pode morrer ós poucos cando alguén descobre que pode sacar proveito del. Ademáis é un relato moi ben medido, de alguén que sabe escribir e conta o que ten que contar.
    “Escolle a túa propia…”, mola. Moitísimo. O formato paréceme acertadísimo para a final, e inda porriba está ben escrito. Varias historias en unha.
    Dificilísima elección. Noraboa ós dous autores. Voto finalmente por “Escolle a túa propia aventura”, porque me parece un formato moi difícil de desenvolver con tan poucas palabras

  10. Copio os coments de Ana Cataria (a miña beta), que non da entrado na web:

    Un anaco de madeira entendoo como unha metáfora da humanidade e a relixión. A formiga-serpe
    recórdame a adán e eva e os seus descendentes, medio serpes tamén tras comer a mazá que lle
    ofrecía. Pasar o inverno ou superar a morte dun ser querido, a perda dun traballo, que teu fillo
    non queira seguir co negocio familiar ou que o teu equipo perda frente a un pimpín que acaba de
    subir de segunda. Todo se leva mellor se pensas que tiña que pasar para un ben maior. E
    finalmente o formigueiro enteiro devorando o crucifixo. Resultoume interesante a metáfora en sí,
    como relato, a nivel literario, non me aporta todo o que quixera.

    Escolle a tua propia aventura sorprendeume, mantívo a miña atención de principio a fin e creo que
    ata a sordidez da parte final lle ven perfecta para que sexa un paseo por un lote de emocións
    distintas. Creo que ten moito traballo encima, tanto antes de escribilo como no lío que debeu ser
    pasar esa idea a papel (Word, o que sexa).

    Voto por Escolle a tua propia aventura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s