9. No que Patricio Aragonés revela que deporte practica na piscina da casa

Letra C. WAFERBOARD/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Sétima.

O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime.

 

—Hoxe visitamos a casa de Patricio Aragonés no mirador do Castro, en pleno centro de Vigo, a súa cidade natal —a voz de Pau Rodríguez, presentador do programa televisivo de libros BiblioTevé é metálica, sosegada, lixeiramente sensual—. Desde esta atalaia, este escritor que durante anos se foi metendo nas casas de tantos lectores e lectoras a ambas marxes do Atlántico, vixía as rúas tal como vixía o seu maior personaxe literario, o inspector Aymerich, as máis baixas pregas desta cidade portuaria, bretemosa e violenta… Inventou vostede a novela negra viguesa, señor Aragonés?

—Tanto como inventar, Pau… Desde os gregos xa non inventamos nada —Patricio Aragonés ten o pelo louro e moi rizado, o que xunto cos ollos azuis e as pencas da cara lle dan un aire de pícaro nórdico—. Si é certo que sempre me pareceu que Vigo tiña todos os ingredientes para ser un universo literario elocuente e capaz, o berce da modernidade atlántica, a cidade que máis aumentou de poboación en Europa durante o século XX, a metrópole vangardista que linda con Nova York, mar mediante. Nese magma nacen as miñas novelas.

—Acaba de saír Laméntate y anda —Pau Rodríguez amosa para a cámara a capa da edición en castelán da novela—, a última historia protagonizada polo inspector Aymerich, un policía perspicaz e tenro mais cun problema evidente de control das emocións. Como se leva con el, tras tantos anos de travesía xuntos?

—Aymerich é un tipo normal, que ás veces marcha para a cama contente porque lle gañou o Celta ou porque Nataly, a prostituta colombiana coa que vive unha relación de «que si-que non», decide ser cariñosa con el. E outras veces se pon de mal xenio porque lle sae a declaración da renda a pagar ou porque algún malvado aterroriza a cidade con atrocidades… É alguén fácil de entender, non digo de amar… Supoño que por iso lles interesa a tantos miles de lectores.

—Neste libro vemos a Aymerich investigando unha serie de asasinatos en pleno confinamento. Como se documentou ao tempo que vostede mesmo estaba metido na casa sen poder saír?

—Un novelista nunca revela as súas fontes, Pau. Só che direi que investiguei moito sobre os métodos policiais na cidade durante a epidemia. Conversei con persoas moi informadas, outras que forman parte dos corpos e forzas de seguridade… Dentro de que todo é unha ficción, hai moita verdade neste libro… É a miña mellor novela, sen dúbida ningunha.

—Señor Aragonés, cóntenos como é o seu método de traballo? Escribe todos os días… Fai un sprint final?

—Adoito escribir todos os días, tres horas, logo da medianoite. De aí estas olleiras —ensaia unha risiña que semella unha tose produtiva—. Escribo moi rápido, no ordenador, na tablet, no móbil… Todo está na nube! O primeiro manuscrito téñoo en tres semanas. E a partir de aí paso meses e meses puíndoo. Son un obsesivo da corrección. Até soño que elimino parágrafos.

—As novelas do inspector Aymerich son un éxito internacional. Ao tempo que en español aparece en italiano, en francés, en inglés, en alemán e en ruso. E así desde hai tantos anos…

—E en galego. É importante que as novelas teñan unha repercusión global. Vivimos na aldea global, que dicía McLuhan. Un «ghicho» de Vigo, así é como lles chamamos aos homes anónimos en Vigo, un «ghicho», digo, que se mete nas casas de todo o mundo e explica as grandezas e miserias desta gran cidade. É algo impresionante, si.

—Hai unhas semanas soubemos, señor Aragonés, da convocatoria do maior premio en lingua galega para unha novela: un millón de euros, nada menos, para a obra gañadora. Ten pensado presentarse?

—Eu? —ri con gargalladas artificiosas—, eu non, Pau. MIra, eu son un humilde novelista que tece coma un artesán unha urdume que faga felices e entreteña os lectores e lectoras. Non me sinto con valía abonda para competir por esa gloria literaria —inconscientemente mira ao seu redor, localizando coa vista os elementos máis valiosos da decoración da súa sala—. Alégrome moito de que se crease ese galardón e estou certo de que o xurado vai suar para escoller unha soa novela que mereza o premio porque seguro que vai haber moita e moi boa competencia.

—Se vostede non se presenta… quen lle gustaría que gañase?

—Uf. Unha pregunta comprometida, Pau. Non sei. Insisto, hai moitos autores e autoras que o merecen.

—Móllese, señor Aragonés, que non nos escoita ninguén.

Outra vez Patricio Aragonés fai vibrar toda a casa coas súas gargalladas de Gárgamel.

—Vouche dar tres nomes, os tres de mulleres, porque estamos no tempo das mulleres e o nivel da literatura das mulleres novelistas galegas de hoxe en día é brutal, brutal! Tareixa Meicende, Ingrid Costoya, Penélope Trinta… As tres publican habitualmente en castelán.

—Xa oíron —Pau Rodríguez fita para a cámara—, espectadores e espectadoras de BiblioTevé. Quedamos con eses nomes —diríxese novamente a Patricio—. Señor Aragonés, coma sempre, a nosa derradeira pregunta que é igual para todos os nosos entrevistados. Que vai facer ao remate desta entrevista?

—Boa pregunta —volven as gargalladas en estéreo—. Tiña pensado ir mergullar un feixe de libros infames no fondo da piscina.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s