11. O crítico literario que tecía máscaras de la

Letra D. KEVIN HARBER/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Sexta

Dúas persoas de contrastada experiencia editorial cuxa identidade permanecerá no anonimato, nomeadas pola organización para este fin, serán as encargadas de facer a selección final dos orixinais que han ler os membros do xurado.

 

As dúas grandes afeccións de Rosendo Neves son facer calceta e formar parte de xurados literarios. Des que se convocou o premio literario do que toda Galicia fala, non só el senón practicamente toda a comunidade literaria, deu por feito que el sería o primeiro membro do xurado que había decidir a novela gañadora do certame. 

«Ai, se tan cantado estivese o nome do gañador coma iso», díxolle a súa muller, Mila, cando sacou o tema.

Tiña ducias de whatsapps de escritores, editores, catedráticos e profesores de ensino medio; varios comentarios na súa canle de Youtube; até cartas que chegaran ás redaccións da media ducia de xornais onde publicaba as súas críticas de libros. As compañeiras do obradoiro de calceta das galerías de San Domingos, coas que comenta acotío as súas experiencias nos tribunais literarios, ofrecéronlle axuda se se lle facía costa arriba ler tantos orixinais. «Mándanos as novelas experimentais, as sisudas, que lles facemos un traxe».

Mais xa pasou un mes desde a publicación das bases e ninguén o contactara. Nas redes sociais o ruxe-ruxe vai situando tal ou cal nome. De cando en vez chéganlle «inocentes» solicitudes de consello: «Rosendo, amigo, pódesme ler esta novela na que estou traballando? Quería presentala a algún premio. Encantaríame saber a túa opinión», veñen dicir sempre os correos electrónicos. Sempre responde con afecto, repetindo a fórmula de cortesía que o acompaña desde hai anos. «Lereino con rigor e entusiasmo. Parabéns polo gran traballo. O aroma que desprenden as primeiras liñas é realmente embriagador». A continuación, esquece para sempre o documento en pdf que trae por xunto e volve pórse a tecer. Antes de que retorne o outono quere ter rematada unha ducia de cálidas e seguras máscaras de fío.

Enlazar confinamento coas vacacións do verán deulle lecer, mais tamén preguiza para ler. As últimas críticas que publicou na prensa compúxoas logo de lecturas verticais, cun extra de requeixos expresivos: «velaquí o alento dunha autora destinada a afianzar a súa particular poética»; «o poemario respira polos catro costados iso tan difícil de ver a simple vista», «atesoura esta alfaia narrativa todos os ingredientes que a poden converter nunha lectura imprescindible»…

A lentitude do desconfinamento no ámbito dos eventos impediulle coincidir con autoridades do Goberno ou da Academia. Invitou o director xeral Xulio Telleiro ao seu programa do Youtube para falar do plan de reconstrución cultural mais respondeulle que a súa webcam capta moi poucos megapíxels e non se pode permitir quedar inmortalizado coma unha pintura de Francis Bacon. 

Mila Dorneda mira para el esta noite tórrida. As últimas repuntas da covidia mantéñenos na casa en pleno ferragosto. A través da fiestra aberta chega o balbordo dalgunha esmorga clandestina nas ribeiras do Barbaña. Veo aparentemente concentrado no seu punto, contando mentalmente cada volta das agullas. Mais coñéceo tanto que sabe que anda tristeiro, pendente do móbil.

Onte mesmo falaran do premio, mentres facían entre os dous sushi California.

—A chave dese xurado está no control da preselección —dixo Rosendo mentres estendía a alga nori—. De aí que nas bases falen de dúas persoas. Coma os cónsules da República de Roma, para controlarse mutuamente.

—Explícate.

—O xurado fixa o campo literario en función das obras que ten que ler. Define os marcos non sobre as súas expectativas previas porque non hai precedentes dun premio así senón en base aos orixinais que están… —o rolo resistíase a gardar simetría— …están… Quero dicir, se o xurado ve que hai, poñamos trinta, trinta orixinais e dez son novelas policiais, inconscientemente pensará que o padrón hexemónico do canon literario que eles deben consagrar e, polo tanto perpetuar, ha vir dese xénero…

—Estoume perdendo, Rosendo.

—A ver, en definitiva, se dos centos de libros que se presentan, eses preseleccionadores collen dúas ou tres novelas que paguen a pena e o resto son purrela porque a mantenta se apartaron da final obras con potencial, esas poucas «válidas» xa teñen practicamente todo o traballo feito.

Hoxe, Mila aproveita unha visita ao baño para escribirlle un whatsapp a Mara Bouzón, a muller de Xulio Telleiro. Con discreción pregúntalle como leva o home o do premio. Ela, que desas horas está a velar a cea que lle ten preparada ao marido que está de regreso de Compostela, respóndelle que todo ben, que moito traballo para ser agosto pero que ben. Así sen querer, Mila conta que Rosendo está taciturno porque coida que perdeu a confianza de Xulio, que está moi ilusionado por converter o premio do millón de euros na oportunidade que a literatura galega merece para fixar o padrón hexemónico do canon literario. Mara coloca como única resposta varios emojis tenros (gatos e monos sorridentes, cabeza de robó estrinxido e xenia da lámpada).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s