13. Xulio Telleiro e Jéssica Pernas contra inesperadas curvas

Letra E. DUNCAN C/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

—O moi cabrón non se fía de nós! —Xulio Telleiro estaba moi anoxado—. Como imos facer agora, Jéssica, como?!

A Jéssica Pernas custáballe seguir o ascenso da agulla do contaquilómetros. O coche de Telleiro cimbreaba nas curvas da estrada comarcal.

—Algo se poderá facer —dixo Jéssica—. Cando remate o prazo, o señoriño vai ter que amosar as súas cartas. E na primeira peneirada estaremos xuntas a súa xente e mais eu. Con sorte, mándanos algunha colaboradora súa a quen isto non lle apeteza nada e agradeza que eu llo poña doado.

—Non sei, non sei. Estao levando moi a peito. Débeche estar ben asesorado. Mira o que dixo sobre Aragonés! Vai haber que investigar con quen está a falar deste tema, quen o visita na libraría… Peitear os lectorados de Galego para ver se hai algún merlo branco, merla branca máis ben. Fala con Neves; seguro que na asociación de críticos, se falou con alguén, se sabe algo. Esta xente da cultura non é quen de gardar un segredo.

—Outra opción é asegurar a maioría sen contar con el e coa súa persoa de confianza —dixo Jéssica, amarrándose ben ao asento para non desequilibrarse nunha nova curva.

—O voto de Helena Camba? Neves e ela non se soportan. Bloqueados mutuamente no Facebook… Cando el entra a locutar a súa crítica, ela seica sae do estudio, non che digo máis.

—Pois deberemos ser nós quen poñamos paz e cordura neste tema, non cres?

Xulio Telleiro freou en seco. Viña de fronte un camión e a estrada parecía demasiado estreita para as dúas carrozarías.

—En serio non hai unha ruta mellor para Santiago?!! —bufou—. Temos que ir visitar a Aragonés. Iso non pode quedar só nas mans de Neves. Vilatuxe díxome que Aragonés o ve como unha gloria pasada, un deses vellos ídolos que tanto gusto dá sobrepasar e ignorar. Xa pode escribir algo que o namore!

Volveu acelerar. Un letreiro indicaba a próxima incorporación á autovía.

—Sigo pensando que non hai que descartar un achegamento a Helena Camba —dixo Jéssica—. Non é funcionaria na radio e en calquera momento hai un ERE ou unha reestruturación. Sempre pode haber unha vacante que urxe cubrir na delegación de Ourense…

—Teño que saber que cisma a asociación de escritores nomeándoa a ela. Esta elección tenme un cheiro estraño.

—Polo das Lúas Novas esas? Podo investigar algo máis, se queres.

—Por ese lado a sospeita téñoa clara pero necesito saber se é só iso ou hai outra cousa.

—Non te estou entendendo —dixo Jéssica, aliviada cando o coche se asentou no carril de compacto piche da autovía.

—Helena Camba lévase coma uña e carne con Penélope Trinta. E ambas son cabezas visibles das Lúas Novas. O máis natural é que ela vote por Trinta ou por algunha outra moi próxima a elas… Talvez algunha veterana que queiran recoñecer.

—E darlle un millón de euros como recoñecemento? Se é como dis, daquela a misión é clara: queren o premio para Penélope. 

—Ti controlas a escrita de Trinta? —preguntou Xulio Telleiro.

—Xa sabes que teño pendentes algúns autores. Linlle algún libro, hai anos. Pero é que publica moito, varios títulos por ano… Non hai quen a siga!

—Pois hai que estudala… para que non pase do primeiro filtro, por se acaso.

—Temes que haxa unha tapada? Un gañador alternativo?

—Mantela fóra non lle vai facer dano a ninguén… Anota tamén aí: hai que buscar, nos últimos tres ou catro premios que gañou Trinta se estivo Helena nalgún dos xurados.

—E será tan descarada, Xulio?

O director xeral ollou para a súa copilota con tenrura e instintivamente relaxou a postura sobre o volante.

—Respírase moita inocencia neste coche.

—Para que logo falen de nós! Como di a miña tía Agustina, que viviu toda a vida na Arxentina: «Aquí el más lerdo se coge una avestruz a la carrera».

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s