18. As catro vidas de Penélope Trinta

Letra F. BECKY HOGGE/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Na parede da sala, sobre un taboleiro de cortiza, cunha combinación colorista de fíos de cores, plastilina adhesiva e alfinetes con carapucha plástica, Penélope Trinta dispuxo o seu mapa mental do premio. No centro, o retrato do home máis rico de Galicia, desenfocado, antigo. Desde el partían varios fíos que o unían ao retrato dos outros membros do xurado que ela dera sabido: a súa Helena Camba, Patricio Aragonés e Rosendo Neves. Un post-it rosa cun sinal de interrogación completaba a liña.

Coma tentáculos dun polbo, do retrato de Rosendo Neves xurdían outros catro post-its con textos manuscritos: «Ódiame por non ser cis». «Esbirro das terfas». «Servil cos poderes fácticos». «Votará por un señoro».

Da foto de Camba non saía nada, si da de Aragonés: «Neno bonito do sistema». «Nunca dixo nada de min». «Non sabe de literatura». «Aproveitar o seu medo a que lle danen a reputación».

Penélope Trinta levaba pechada na casa da Gaiteira dúas semanas. Os surtos de covidia que asolaban Galicia desde había tempo fixéranse moi intensos coa chegada do outono e varias comarcas volveran enteiras á fase 2. Na Coruña houbera repuntas virulentas tras a festa pola vitoria do Deportivo sobre o Celta B en Vigo.

A nova corentena valéralle para avanzar nas catro novelas nas que estaba a traballar. Xa tiña practicamente acabadas dúas e das outras dúas xa redactara ao redor de 50 folios. Escribía oito horas por día, dúas para cada historia. Lorena facíalle de comer e arrumbaba o apartamento. Ao mediodía e á noite miraban películas no Filmin.

Ela comprara e instalara o taboleiro e compuxera a trama de fíos. Tomouno coma unha manualidade do tempo da escola. E ao ver todo así, por xunto, decatouse do difícil que ía ser conseguir gañar o premio «para a causa». Dicía así, «para a causa», en todas as conversas, tanto no grupo de Lúa Negra coma na intimidade con Lorena. Mais a súa compañeira apenas a escoitaba, case nunca opinaba dos seus libros. Fora así desde o inicio da súa relación, había xa case cinco anos. Esa aparente indiferenza seguía a resultarlle misteriosamente atractiva. Non lle lera nunca ningún libro nin seguira ningunha das súas intervencións nos debates políticos da Televisión de Galicia. Agora deixábaa leriar sobre como conseguir que Aragonés e Neves votasen por unha das súas novelas mais cando non lle quedaba outra que responder, amañaba co seu habitual: «vas resolvelo, Pe. E valo resolver da mellor maneira posible».

Mais na verdade, a escritora estaba confusa. Con Helena chegara á conclusión de que a mellor vía para o triunfo era a través das matemáticas. E da sorpresa. «Neves nunca vai votar por unha obra túa se sabe que é túa», concluíu Helena. «Tes que disimular, enviar unha novela co único fin de que el a detecte como túa e a condene. Para convencelo completamente de que te ten neutralizada, envías dúas novelas “Penélope Trinta 100%” e déixalo totalmente despistado». A estratexia completábase co envío dun terceiro orixinal, este si asinado por Penélope (as regras do concurso impedían que unha autora presentase máis dun mecanoscrito) que puidese burlar o «veto patriarcal».

As dúas novelas que xa case estaban prontas empezáraas para que actuasen como engados mais conforme avanzaba nelas íanlle gustando máis e máis. Dicían o que había que dicir. Eran obras revolucionarias e potentes. Revelaban as inxustizas dun sistema capitalista criminal e perverso que esmagaba a diversidade.

Por iso empezou as outras dúas, nos tempos mortos, sen demasiadas ganas, procurando o distanciamento. Unha era histórica e a outra policíaca. Mais chegaran a un punto no que se reflectía tanto nos seus argumentos que non podía sacrificalas sen máis.

Penélope estaba absorta diante do seu taboleiro, coa mirada fixa sobre o retrato do promotor do premio. Se puidese saber dos seus gustos, se puidese falar con el media hora. Tiña pinta de ser un pixamurcha, un explotador sen escrúpulos, un patriarca fetén que de seguro inventara aquel premio para perpetuar a idea dunha Galicia sentimental e morriñenta a quen poder domear coa súa masculinidade. Mais, por outro lado, que necesidade tiña de montar todo aquilo se era esa a súa personalidade. Seica estaba a rehabilitar a casa dos pais para abrir nela unha libraría. Había algo alí que non encaixaba.

Apareceu Lorena. Traía unha bandexa de galletas de manteiga. A casa recendeu toda a gloria.

—Sabes? Xa lin as novelas, Pe —dixo.

—Si? —estrañouse Penélope, que sorriu xusto antes de apañar unha galleta e levala á boca—. Que sorpresa. Pensei que ti non querías saber de literatura.

—O confinamento este é moi aburrido. E non teño fermento para facer pan —sorriu. Lorena Vaz era pilota profesional de karts e aguantaba con estoicismo e algo de hiperactividade non poder exercer o seu oficio—. Ti sabes que todas as novelas están protagonizadas pola mesma personaxe?

Penélope Trinta trincou na galleta triga. Decatouse de que lle ía ser imposible rematar unha novela, que pagase a pena ler, que parecese escrita por outra persoa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s