19. Reunión secreta na gasolineira máis famosa de Galicia

Letra F. DUNCAN C/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Na primavera do 1994, o daquela vicepresidente da Xunta de Galicia, Xosé Cuíña, conforme ás ordes do presidente Manuel Fraga e sen que soubese o goberno español de Felipe González, creou unha unidade secreta de investigación cuxo principal fin era detectar a posible presenza de extraterrestres en territorio galego. A serie de televisión Expediente X puxera en boca de todos unha sospeita que Fraga tiña desde os tempos nos que fora ministro de Turismo: «A verdade está aí fóra». A unidade, dotada con once axentes da policía autonómica: O Dream Team de Lalín (aínda que a maioría dos integrantes eran de Forcarei e Vila de Cruces, foi Cuíña quen lle puxo o nome) só culminou unha operación. Nos arquivos de San Caetano hai unha carpeta rotulada como «Memoria económica da Festa da Empanada de Papuxas 1996» que en realidade contén un informe de 300 folios sobre o futbolista brasileiro Mauro Silva, que foi considerado pola unidade un «marciano» con poderes sobrehumanos.

Cos anos, o Dream Team de Lalín reconduciu as súas actividades cara á espionaxe a políticos rivais e, coa chegada do Bipartito, estivo ao cargo de Pachi Vázquez, quen fracasou ao intentar cubrir as prazas vacantes por xubilación e concurso de traslados con persoal oriúndo das terras do Carballiño.

—Home vai, que clase de burrada era esa —di acotío Demetrio Caxade, o xefe operativo da unidade—. Queríanos pasar de Dream Team a «Equipiño» do Carballiño.

Demetrio Caxade conservou o posto logo da chega de Feixoo ao poder e hoxe en día é o único membro adscrito á unidade aínda que todo o mundo o trata de xefe e el sempre fala en plural e alude ao seu «equipo». Á espera do retiro, fai traballos para os departamentos que así llo requiren, operacións ultrasecretas financiadas co fondo de réptiles.

O axente secreto pegouse desde hai varias semanas ao rabo do home máis rico de Galicia. Leva a conta de todos os seus encontros e viaxes. Coñece a súa rutina e elaborou fichas das súas persoas de confianza. Mais aínda non conseguiu cumprir a súa misión: averiguar quen son as mulleres que participarán, da súa parte, no xurado do premio literario do millón de euros. Demorou máis tempo do requirido en ter acceso ás súas comunicacións, mais despois de escoitar varias conversas telefónicas, pensou que por fin podería mandar un informe con garantías a San Caetano.

O home máis rico de Galicia citárase cunha suposta sobriña na estación de servizo próxima á saída de Guitiriz da A-6. Aquilo era un agasallo do destino. Desde había moitos anos, aquela gasolineira e o seu concorrido restaurante eran os lugares máis vixiados de Galicia. Só tivera que chegar e conectar o seu propio equipo ao circuíto cerrado de gravación audiovisual que xa instalaran alí anos atrás e que tan bos rendementos dera no pasado. Caxade foi a Guitiriz con tempo, probou a ensaladilla e o churrasco da estación de servizo e conectou todo para poder ver e oír a reunión, prevista para a noitiña, cómodo no aparcadoiro, dentro do seu coche camuflado, a salvo da sarabela que non parou de caer en todo o día.

O home máis rico de Galicia chegou a iso das oito e media, só, conducindo un Toyota híbrido. Levaba o seu famoso chándal e un mangado de papeis debaixo do brazo. Sentou na barra e pediu un Bitter Kas. Demetrio sorriu el só. «Este home sabe ben como pasar desapercibido. Foi pedir a única bebida que nun sitio destes lles acaba caducando no almacén».

De alí a un pouco chegou outro coche, un Mercedes, con dúas mulleres a bordo. Unha andaba nos sesenta e longos, a outra era noviña, acabada de saír da adolescencia. Desde o portátil, Demetrio manexou o zoom das cámaras do interior con pericia de realizador de eventos deportivos e calcou no botón de gravar farto de satisfacción e de alento a prebe chimichurri.

O home máis rico de Galicia e as súas acompañantes pediron luras á romana, croquetas e unha botella de mosto. «Pero que raros che son os ricos, ho», pensou Demetrio. No vídeo víanse claramente os rostros das mulleres; seguro que en Santiago as habían recoñecer. Durante toda a cea estiveron falando de libros. Que se tal autor por aquí, que se tal novela por alá. Eran as tales. Tanto dialogaban de literatura como enviaban os petiscos. Pediron tortilla e ensalada de tomate e leituga. Demetrio recordou outra garda, había un cento de anos, cando o Dream Team estaba ao completo e aínda non había todos estes adiantos dixitais. Fraga estaba convencido de que tiña unha «toupa» no seu gabinete que lle pasaba información sensible a Beiras mediante partituras cifradas. Caxade, que daquela era axente raso, estivera vixiando a casa de Brión durante unha semana enteira canda un compañeiro de Valiñas. Comían mal e tarde e o tal suposto axente duplo musicólogo non se daba a coñecer. Así que unha noite, logo de deixar a Beiras traducindo a Camus tranquilamente, foron nun salto ao Rei das Tortillas de Cacheiras e estiveron dúas horas mollando pan naquel ovo sen callar. Demetrio estivera por causa daquilo dúas semanas de caganeira, bebendo Aquarius e remoendo sopas de arroz sen sal. Desde aquela era sentir o cheiro da tortilla e vírenlle as bascas ao gasnate.

De prato forte, os comensais pediron entrecostos á pementa con salsa de champiñóns e nata e patacas fritidas. Demetrio apelidaba por que falasen algunha palabra inoportuna, algunha confesión ou confidencia que aumentase o valor da súa investigación pero só captaba nomes de libros e de movementos literarios e acabou por desconectar. Ao día seguinte transcribiría a conversa e pronto.

De repente, sentiu que lle batían na porta do coche. Instintivamente pechou a pantalla do portátil e apalpou o revólver na sobaqueira. Chovía que deuladaba e non daba enxergado quen viña incomodar.

Baixou un dedo a xanela.

—Este non é sitio para vir mirar vídeos porno, xefe —sentiu. Era un rapaz novo, pola roupa, traballador da estación de servizo.

—E ti quen es, o bispo de Lugo, preocupado pola miña alma?

—Aínda te pos teso, monte de merda. Mira que chamo a policía!

Demetrio subiu a xanela e arrincou o coche. Xa vería o resto da «película» en chegando á casa. Só lle quedou pena de non saber se, de sobremesa, o trío pedira torta xelada ou arroz doce.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s