24. No que aprendemos xeografía con Ingrid Costoya

Letra G. ELAINE/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Olalla Baluga era a mellor amiga de Ingrid Costoya. Desde o instituto. Chamouna e pediulle que viñese buscala a Barcelona para lle axudar a facer a mudanza. Non lle explicou máis nada. Olalla tampouco preguntou. Había dous días que discutira co irmán e con Booty. Entre as dúas encheron o Fiat Multipla de maletas, caixas e bolsas e partiron de regreso para Galicia.

Ao pouco de saír, Booty chamou. Insistiu durante media hora con chamadas, audios e mensaxes. Minutos despois, recibiu un Whatsapp de Agnès Mascarell: «Puffy, dime que es una inocentada. No puede ser que hayas dejado a Booty». Deixouna en visto. Olalla decatouse do seu rostro entristecido e empezou a contarlle, para distraela, as súas aventuras como aspirante a influencer. Era médica de cabeceira en Neda, divorciada e sen fillos. Había uns meses adoptara unha border collie con pedigrí e agora pasaba o máis do seu tempo libre facéndose fotos, a ela soa e coa cadela, para subilas ao Instagram.

«He dejado Barcelona. Para siempre. Me vuelvo a casa. Ya hablaremos», respondeulle por Whatsapp a Agnès en chegando a Lleida.

Lleida

—Reconozco el lugar —dixo Booty—. Eso está lleno de mataderos, de granjas de cerdos y de almacenes de fruta.

David Garriga levaba horas esperando na sede da Watusi a que Olalla Baluga (@baluguinha) publicase foto no Instagram. Sabía que a súa ex moza recorrería a ela. Xa tiña a pista necesaria. Agnès emprestoulle o seu Smart e pediulle a Nuria, a «galega» que o acompañase.

—Convéncela de que vuelva con Booty —díxolle á parte—. Esta niñata es capaz de dejarnos fuera del premio.

Zaragoza

Olalla convenceu a Ingrid de pararen a comer na cidade. Nunca estivera e en toda a área próxima ao Ebro na que se celebrara a Expo 2008 respirábase fotoxenia. Nun Mercadona compraron pan e embutido.

—Que ironía, eh? —burlouse Olalla—, unha cociñeira coma ti xantando un bocata de pan conxelado e salchichón.

—Non son tal. Sabes o que? O outro día, cando metín a zoca ben metida cos canelóns e meu irmán me puxo coma un trapo, estaba desexando chegar á casa e poñerme a escribir. Agora, aquí contigo e con este vento… Vai moito vento, non?… Agora, a pesar de que só teño gana de chorar e non sei de que vou vivir o mes que vén, o único que teño claro é que vou escribir unha gran novela e vou gañar ese maldito premio.

Burgos

Booty coñecía o coche de Olalla Baluga do Instagram. Ademais, non quedaban moitos Multipla circulando. El e Nuria estaban dentro do coche, coa calefacción ao máximo, nunha área de servizo próxima á antiga capital castelá. Cada cinco minutos, o escritor volvía entrar no Instagram, á espera de que Baluga subise algunha nova foto, tal e como fixera coa paisaxe riojana había unha hora e pico.

—Xa as teño —exclamou—. Acaba de subir unha foto do Arco de Santa María… Espera… o Museo de Farmacia.

Nuria arrancou o Smart e saíron ás carreiras seguindo as indicacións do GPS. Booty ía pendente de todos os coches cos que se cruzaban. Xa en plena cidade, pouco antes da encrucillada entre a praza Vega e a estrada de Logroño, Booty viu a Ingrid e Olalla entrando no Multipla do outro lado da rotonda. Nuria acelerou e conseguiu pórse no seu ronsel, aínda que a bastante distancia.

—Acelera!

—Hai radares, Booty.

—Que máis dá. A multa vaille chegar a Agnès en Barcelona.

Avanzando pola rúa de Madrid camiño da circunvalación, Nuria conseguiu pórse xusto detrás do fiat e en canto tivo ocasión, colocouse á súa altura tocando a bucina para que Olalla parase. Ingrid recoñeceu o seu ex mozo e pediulle á súa condutora que non se detivese.

Co acelerón, Olalla conseguiu unha curta vantaxe, que perdeu tan pronto estiveron na circunvalación.

—Que pretenden? —preguntou Olalla.

—Calquera cousa. Son capaces de nos botar fóra da vía —dixo Ingrid bastante anoxada.

—Vou parar, Ingrid. Ou isto acaba en accidente.

Olalla freou o coche e acenou a través da fiestra para que o Smart a seguise até algunha zona onde parar. Deseguido tomou unha saída e detivo o coche xusto antes dunha rotonda, ao pé dunha nave defendida por un bo fato de camións alaranxados.

Tan pronto estiveron parados, Ingrid saíu do coche coma unha chispa furiosa.

—Es un acosador, David! E ti, Olalla, unha falsa. En que momento lle mandaches a nosa localización?

—Ela non nos mandou nada —cortouna Nuria—. Non te queremos molestar, só pedirche que recapacites. David está moi arrepentido do que fixo e non te quere perder.

—Súper nena —falou Booty—, vas deixar que isto nos separe? En serio, Ingrid. A novela sempre será túa… Só lle estaba metendo combustible para chegar canto antes ás mil páxinas. Non te precipites. Repara nesta situación con perspectiva, faime caso. E le a parte na que aproveito o dióxido de carbono para romper unha lanza polos incendios florestais.

—Unha lanza, Booty? Rompiches unha lanza?

—En Blackie esa idea encantou.

—Non entendes nada —contestoulle Ingrid.

—Escoita… Dáme unha oportunidade. Ti e mais eu facemos un equipo sigur, ósigrandi, invencible!

—Que non quero formar parte dese equipo. Es un boneco finchado, un adolescente de corenta e cinco anos que pasa a metade do día xogando á Play e a outra metade inventando ocorrencias para a internet.

—Non sexas inxusta, Puffy —terzou Nuria—. É unha das grandes promesas da novela actual. É un escritor de raza. Seguro que podedes amañar as vosas diferenzas. Pensa no premio. En como podes mudar as cousas. É a túa hora e sábelo.

—Nuria, xa que viñeches, faime un favor; cando volvas a Barcelona dille á túa xefa que non vou escribir unha novela prosma de mil páxinas. Escribídea vós ou buscade algún pimpín ou pimpina para que aplique o modelo DFW. Eu paso!

—Ingrid, vaste arrepentir disto. Eu en dúas semanas teño posto o cartel de «ocupado». A culpa foi miña por querer insuflar algo de literatura na túa prosa morta, sentimentaloide e decimonónica! Logo vas querer volver pero xa vai ser tarde… Aaai!

Nuria craváralle o cóbado entre as costelas para que calase.

—Non me estraña que te deixe. Así queres recuperala? Non paras de dicir parvadas! —murmuroulle.

Ingrid volveu entrar no Multipla, que iniciou a marcha buscando de novo a ligazón coa autovía A-231.

Horas despois, xa de noite, pasado o Cebreiro, o móbil de Olalla Baluga quedou sen batería no intento de fotografar as beiras da vía cheas de neve.

—Conteiche o argumento da historia do ex presidiario e a prostituta? —empezou a falar Ingrid, sen rastro de pranto na ollada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s