Arredor dun poema de Manuel Forcadela

Manuel Forcadela.

Xesús González Gómez.

L’Éclair

 

Sentado unha noite na Quintana dos Mortos

cando o voo dos reloxos enchía o seu eco de pedra

e pairaba un orballo de cinza nas torres doentes

escoitei a cidade renxer esvaecida,

achegarse nun laio de sombra ao meu corpo

e soprar nos meus beixos a voz dun delirio:

aquí están para sempre

a loucura

  e o outono.

O presente poema, de Manuel Forcadela, está incluído no volume O regreso das ninfas, Vigo, Caixa Ourense, 1985, col. ‘Pero Meogo’ (p. 29). Era este o seu segundo poemario e, xulgamos, non recibiu no seu momento a atención necesaria, é dicir, a atención que merecía debido a ser un poemario dunha rara unidade, onde a solidariedade entre poética, ética e política se expresa cunha forza sen igual. Un poemario no que a historicidade está presente en cada un dos poemas que compoñen o libro. Un libro que é, para min, un dos grandes libros do que se deu en chamar «poeta dos 80». [Aviso. –O que vai a continuación non é, nin quere ser, unha achega á poesía, nin á poética, de Manuel Forcadela, senón, simplemente, a aproximación a un poema. Ou, mellor dito, unha lectura. Unha das múltiplas lecturas ás que convida o poema, porque, a fin de contas, o poema expresa unha verdade; unha verdade que coñecen todos aqueles a quen a súa cidade –sexa a cidade que for– lles murmurou a súa verdade, aínda que logo non soubesen expresala coma o poeta.]

Nunha primeira lectura deste poema, vese axiña que o poeta coñece (e asumiu) o que se deu en denominar a lección de Mallarmé: «as palabras usadas son as palabras da linguaxe instrumental transformadas ou elevadas ao máximo de ordinario». É dicir, as palabras do poema son as palabras de toda a xente, de todo o mundo, as palabras de cada día, mais transformadas. Outramente dito: non son palabras da tradición poética; do, digamos, stock poético. Son palabras que introducen un máximo de subxectivixación na linguaxe, é dicir, que recoñecen –ou serven para recoñecer– a propia historicidade, a propia subxectividade. Por medio desta subxectivización da linguaxe, Forcadela foxe da trampa en que caera no seu primeiro poemario (Ferida acústica de río) e logra escapar das redes da apetencia epocal, superando así, nun primeiro momento, os seus compañeiros de promoción,  ou xeración, se se quere. [Cabería preguntarse se a fuxida desta apetencia epocal foi o que impediu que O regreso das ninfas non fose galardoado no seu día no Premio Esquio: o ano en que a tal premio se presentou, o ganador e o finalista foron libros nos que era forte a presenza do que estamos a denominar apetencia epocal.] Esta superación, repetimos, nun primeiro momento, dos momentos posteriores non dicimos palabra, lévaa a cabo Forcadela nos poemas deste libro porque, por medio da escrita subxectivizada, comprende que a modernidade é… un combate. Un combate do suxeito; un combate, xa que logo, inacabábel, como testemuña moi ben un libro posterior seu: Refutación da musa.

Mais volvamos ao poema que nos trae, a «L’Éclair». Nunha primeira lectura decatámonos da linguaxe usada polo poeta; nunha segunda, vénnos a mente unha forte pegada: Charles Baudelaire. Sobre todo un poema de As flores do mal: o cuarto spleen (poema LXXVIII Gallimard, 1983, edición de La Pléiade, texto estabelecido, presentado e anotado por Claude Pichois, p. 74-75) , que di, en versión galega (miña, por non ter nestes momentos ao meu alcance a tradución de Gonzalo Navaza publicada por Galaxia):

Cando o ceo plúmbeo e baixo pesa como un testo

No espírito xemente presa de inmensos tedios,

E abranguendo todo o círculo do horizonte

Nos verte un día negro máis triste que as noites,

 

Cando a terra se muda nun húmido cárcere,

Onde a Esperanza como un escuro morcego

Vai batendo os muros coas súas tímidas alas 

E golpeando a cabeza nos teitos podrecidos;

 

Cando a choiva estendendo os seus inmensos regueiros

Imita os barrotes dunha vasta prisión,

E todo un pobo mudo de noxentas arañas

Tece os fíos no fondo dos nosos cerebros,

 

Hai campás que con furia subitamente choutan

E lanzan cara aos ceos un arrepiante ouveo,

Igual que espíritos errantes e sen patria

Que se poñen a xemer con gran decisión.

 

– E fúnebres carrozas, sen tambores nin música,

Desfilan lentamente na miña alma; a Esperanza

Vencida, chora, e a Angustia, despótica, atroz,

No meu cranio inclinado planta o seu negro brasón.

 

(Penso que non é necesario sinalar as coincidencisa de fondo, mais iso non quere dicir que o poema do galego sexa unha copia ou paráfrase do poema do francés, mais si foi un estímulo.)

Recapitulemos: a) lección de Mallarmé; b) subxectividade e subxectivización; c) historicidade; d) influencias ou estímulos, ou talvez mellor, reminiscencias, tanto no sentido nabokoviano como –por que non?– psicanalítico.

Xa se explicou o que se entende por lección de Mallarmé e a súa comprensión (e asunción, parécenos) por parte de Manuel Forcadela. Verbo da subxectividade –que en certa maneira vai ligada á lección mallarmeana–, ben presente neste poema, quizais deberiamos baseala no conxunto dos poemas que conforman o libro (ou a obra poética de Forcadela), mais, acho, «L’Éclair» contén elementos culturais e ideolóxicos (Quintana dos Mortos, choiva, cidade, outono, loucura, etc., que se inscriben dentro dunha tradición que non imos descubrir aquí) que lle permiten ao poeta converter a súa poesía en teorizábel para non confundir os procedementos e o poema. (Uns poemas, o deste libro, e «L’éclair» en particular, que son (é) a aventura dun eu como relación dunha linguaxe e unha historia, individual-colectiva.) A parábola, a súa propia transcendencia, como (e n)un sistema de signos. Nin fenomenoloxía da poesía nin «poesía da fenomenoloxía» –e aquí cumpriría salientarmos como neste punto se afasta Forcadela dos seus compañeiros de xeración ou promoción; non de todos, evidentemente, mais si de moitos. O poema como figura mesma da primeira persoa na linguaxe: eu-aquí-agora. (Esperemos que en futuros estudos críticos sobre a denominada poesía dos 80 se intente dilucidar por que moitos dos poetas desta promoción –normalmente, os «menores»– abusaron tanto da fenomenoloxía da poesía como da poesía da fenomenoloxía. Mais este talvez sexa un traballo que só se poida facer cando xa non fique vivo ningún dos poetas desa promoción; é dicir, cando xa non quede nada destes poetas por publicar.

Primeira persoa da linguaxe que vai, digamos, acumular toda a experiencia colectiva dunha comunidade, en certo modo sería mellor afirmar que da súa parte máis lúcida, e dunha cidade. A unión destas experiencias co eu do poeta estoura nos versos finais: «aquí están para sempre/ a loucura/ e o outono». Loucura que, en certa maneira, é como unha correspondencia coa angustia do poema baudeleriano, como a cidade que renxe esvaecida. O voo dos reloxios, o orballo de cinza corresponderían ao ceo plúmbeo, á choiva que estende os seus regueiros, a terra que se muda en cárcere do poema do francés. Mais se no poema baudeleriano todos os elementos converxen para que a Angustia se faga presente e plante o seu negro brasón, no poema de Forcadela, os elementos serven para que a cidade lle fale ao poeta e lle diga o que de verdade a conforma: a loucura e o outono. Loucura que tamén podemos considerar como correspondencia do negro brasón que chanta a angustia no poema baudelerianio, pero, para nós, a loucura corresponde máis ben melancolía, unha melancolía que é a outra cara da revolución (Sobre o tema, Enzo Traverso, Melancolía de izquierda. Después de las utopías, Barcelona, Galaxia Gutenberg, 2019 –sobre tal libro, ver a recensión que fixen no seu día cando a súa publicación en francés: tampouco estará de máis lembrar que o título orixinal da obra era o seguinte:  Mélancolie de gauche. La force d’une tradition cachée (XIXeXXIe siècles).) E o outono pode simbolizar o lugar, o territorio, no que mora a xente á que a voz do delirio musitará que vivira coa loucura; ou na loucura. Noutras palabras, a xente que vive na cidade, a xente que mora no amplo territorio no que se inscribe a cidade, e outras cidades e outras xentes, é, por así dicilo, Galicia. Porque ao cabo, Galicia (a nación, se se quere usar ese vocabulario; ou a comunidade, intentando fuxir á perigosidade que encerra este termo) está representada pola cidade, que todos sabemos cal é. Mesmo se non se citase a Quintana dos Mortos, acho que mediante os versos iniciais saberiamos de que cidade se trata. Esta intuición da cidade é unha reminiscencia baudeleriana. Con todo, hai diferenzas co poeta francés, como non podía deixar de ser despois de máis de cento cincuenta anos da publicación do libro de Baudelaire. O poeta francés, o eu do poeta, manifesta unha experiencia: a da angustia. Aínda que talvez o poema non se pode sentir (ben que se poida comprender) se a angustia, algunha vez, non chantou en nós o seu negro estandarte –polo dito, podemos pensar que en Baudelaire se chantou a angustia. En Forcadela, o poeta recibe unha mensaxe, mensaxe que lle vén da experiencia histórica do suxeito-colectividade. Esta experiencia, personificada pola cidade, é a que lle sopra nos seus beixos mediante a voz de delirio que alí «están instalados para sempre a loucura e o outono». O poeta é aquí, un flâneur, mais un flâneur reconciliado coa tradición e, xa que logo, coa colectividade e disposto a ser, en certa maneira, o transmisor das súas experiencias, da súas dores, da súas ansias, dos seus fracasos, das súas esperanzas, dos seus triunfos… ao tempo que é o «transmisor» da melancolía. O poeta é, como diciamos, o flâneur e a cidade só a el se pode confesar. Unha vez recibida a confidencia da cidade, o poeta diríxese aos seus contemporáneos e –traizoando a cidade?– mediante os niveis fónicos, semánticos e sintácticos que forman a relación analóxica, «cóntalles», ou «transmítelles», non só a confidencia da cidade, senón a súa «experiencia» (a do poeta). Ou, mellor dito, talvez non conte nin transmita nin a confidencia da cidade nin a propia experiencia, senón que, simplemente, como afirmaba Paul Éluard, as «dá a ver», porque a función da poesía, do poema, talvez sexa a tan simple e tan difícil de dar a ver.

«L’Éclair» é un dos grandes poemas non só dun excelente libro como O regreso das ninfas, senón, penso, de toda a poesía de Forcadela; un dos grandes poemas da promoción ou xeración dos oitenta. Un poema no que a historicidade se vincula ao continuo da linguaxe. Un poema que une a tradición da poesía galega (a que nace con Rosalía) á tradición da modernidade poética europea (a que nace con Baudelaire, ou, se se prefire, a que se afianza co autor d’As flores do mal) e continúa coa lección de Mallarmé. Un excelente poema no que o poeta «descobre» a cidade sen describila, e descubrindo a cidade descobre o que mora en nós e o lugar no que moramos: a loucura e o outono.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s