Xabier López: “O escaparate de novidades non me chama a atención”

Xabier López. MANUEL G. VICENTE.

Un dos escritores máis premiados e mellor valorados pola crítica. Unha voz singular en cuxa literatura se atopa sempre o eco doutros libros. Visita a ‘Biblioteca Íntima’ Xabier López. O seu libro máis recente é 900 (Galaxia), co que gañou o Premio Torrente Ballester de Narrativa 2018.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Pois un de Lucky Luke que alguén levou un día á escola unitaria onde fixen os párvulos. Penso que era Dalton city. E un apuntamento agora que falamos disto: os Dalton que coñecemos non eran os “irmáns Dalton” senón os curmáns (cousins) dos irmáns Dalton.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Existe unha extraordinaria cantidade de obras mestras que o gusto actual lector e a inercia editorial (ou viceversa) condenan ao esquecemento e atreveríame a dicir que case dun día para o outro. Leonardo Sciascia, por exemplo, sempre tivo certa presenza nos catálogos das editoriais españolas (singularmente no de Tusquets) aínda que dun tempo a esta parte os seus libros non se reeditan demasiado. E o home ten un par de pequenos libros que participan, penso eu, desa condición de pequenas obras mestras que dignifican sempre unha biblioteca: Os tíos de Sicilia, por exemplo; ou a súa deliciosa versión do Candide,  Cándido ou un soño siciliano

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

As dos “rusos”, así, por non individualizar. 

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

A estas alturas, a perspectiva dunha “noite de festa” cánsame bastante, a verdade. Pode ser un vermú ou unha cervexa antes de xantar?

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Penso que pasar tempo con Bukowski debía de ser algo realmente insoportable.

Un libro recente que lle gustase moito…

De lectura recente ou de recente publicación? Se falamos de libros lidos hai pouco, La isla del segundo rostro, de Albert Vigoleis Thelen, unha desas novelas que un non sabe como é que tardou tanto tempo en saber dela. De falarmos dunha novidade editorial…Fóra da reciprocidade que intento gardar con algún amigo escritor á hora de facerme cos seus libros, o “escaparate” de novidades non me chama o máis mínimo a atención, a verdade sexa dita.  

Unha novela que non puido terminar…

El diccionario de Lemprière, de Lawrence Norfolk. Faláronme ben dela, mirei de conseguila e deixeina ás poucas páxinas. Volveron poñerma polas nubes, volvino intentar e volvina deixar. Non sei a razón, a verdade, pero ás veces hai libros que entran mal na nosa casa, non si?

Que novela lle gustaría protagonizar?

A vida dos protagonistas das novelas acostuma ser demasiado azarosa. A estas alturas conformaríame con repetir algúns deses episodios entre paisaxísticos e culinarios de Cunqueiro ou, se cadra, esas modestas viaxes en veleiro entre Cadaqués e o Roselló (non necesariamente para facer contrabando) dese mozo Josep Pla que non deixa de asar sardiñas a bordo e tomar peixe á grella con viño (rosado ou branco) á espera dos ventos máis propicios.  

Que novela o reconciliou coa literatura?

A literatura e mais eu sempre nos levamos máis ou menos ben. Que eu saiba, non houbo rotura entre nós. 

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Nunca teño libros pendentes. Como lector, procuro ir facendo sitio a certo ritmo. 

Que libro lle gustaría ter escrito?

Sen dúbida, A montaña máxica, de Thomas Mann. 

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Fóra de consideracións sobre calidade da edición (cuberta, tipografía, maqueta, etc.) non lle teño tanta mala lei a ningún deles para desexarlles a desaparición. Non sería xusto.  

Leva vostede un diario ou un dietario? 

 Debería?

Escribirá as súas memorias?

As miñas memorias están debidamente soterradas nas miñas obras de ficción. 

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

O primeiro autor que coñecín persoalmente foi Xoán Babarro, compañeiro da miña nai a finais dos anos setenta en Muxía, onde estaban destinados como mestres e onde vivín un tempo sendo moi pequeno. O seu O raposo pillabán, escrito en colaboración con Ana María Fernández, formou parte da biblioteca da miña casa desde ben cedo. Non sei se os dous poden considerarse responsables de que me dedique á literatura, pero si de lle poñer cara ao que, ata o momento, poida que só fosen entes imaxinarios. Os escritores existen (quero dicir, non están todos mortos), son persoas reais, de carne e óso e se queres dedicarte ao que eles se dedican… 

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Se o responsable da súa escrita ou edición aínda andase por aí, pouco amañabamos con facer unha cousa así, a verdade.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Podo quedar bastante mal respondendo esta pregunta. Se cito libros de autores mortos, non están aquí para defenderse e iso é xogar con vantaxe; se pola contra menciono obras de autores vivos, corro o risco de gañarme algunha que outra inimizade e, a verdade, o sistema é tan cativo (en todos os sentidos) que non paga en absoluto a pena. 

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Voume para os 90, pois xa non se fan cousas así: Eu é, de Xurxo Borrazas.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Sen contradición ningunha co feito de citar con anterioridade o seu autor, Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. E non digo que o título non mereza figurar nunha antoloxía: só que citalo de forma recorrente como argumento ou mérito principal para que lle desen un Nobel a Cunqueiro (que tal se fixo e se fai)  paréceme enteiramente esaxerado.  

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, sen dúbida.

 

Un comentario en “Xabier López: “O escaparate de novidades non me chama a atención”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s