Sobre poetas e farsas. A conta dunha polémica sobre Rimbaud e Verlaine en Francia

Panteón de Francia, en París.

Xesús González Gómez.

Para Xoán Abeleira, inmenso tradutor das Iluminacións rimbaldianas ao noso idioma.

A inicios deste mes de setembro, o semanario francés Le Point publicaba o chamamento que a continuación reproducimos traducido ao galego. O chamamento ía asinado por dez ex ministros de cultura franceses (e sería apoiado pola actual ministra do ramo), por filósofos como Edgar Morin ou Michel Onfray, escritores como Edmund White, Angelo Rinaldi ou Annie Ernaux, historiadores como Benjamin Stora ou Pascal Ory, o ex alcalde de París Bertrand Delanoë, o fundador de Médicos sen fronteiras e de Médicos Mundi, e ex ministro de Asuntos Exteriores Bernard Kouchner, etcetera etcétera. O chamamento estaba, ou está, promovido por Jean-Luc Barré, escritor e historiador, máis ben de dereitas (gaullista) e Frédéric Martel, sociólogo e escritor, que situariamos dentro das coordenadas do socialismo francés. Como poden imaxinar as e os lectores, as redes sociais incendiáronse.

CHAMAMENTO AO PRESIDENTE DA REPÚBLICA

Pola entrada no Panteón de Arthur Rimbaud e Paul Verlaine

Arthur Rimbaud e Paul Verlaine son dous poetas maiores da nosa lingua. Enriqueceron mediante o seu xenio o noso patrimonio, son tamén dous símbolos da diversidade. Deberon aturar a «homofobia» implacábel da súa época. Son os Oscar Wilde francés.

Só sería xustiza celebrar hoxe a súa memoria facéndoos entrar conxuntamente no Panteón, a carón doutras grandes figuras literarias: Voltaire, Rousseau, Dumas, Hugo, Malraux.

E isto por catro razóns principais:

Primeiramente, literaria, porque o xenio multiforme e as influencias cruzadas dos dous poetas alimentaron desde hai máis dun século o noso imaxinario literario e poético.

Seguidamente, política. É da obra de Verlaine que se tirou en 1944 a mensaxe anunciando o desembarco de Normandía para avisar á resistencia interior –o verso célebre « Les sanglots longs des violons de l’automne/ Bercent mon cœur d’une langueur monotone » [Os longos laios dos violíns do outono/ Arrolan meu corazón dunha languidez monótona][1]. É cara á figura emblemática de Rimbaud que se vira cando estala unha rebelión, surrealista ou estudantil, coma en maio do 68, ou cando se trata de «Cambiar a vida», o eslógan da esquerda dos anos 1970.

Moral. Os dous poetas están enterrados nas súas criptas familiares: Rimbaud co seu inimigo e usurpador, Paterne Berrichon. En Charleville, a súa tumba «mesquiña, avara» confirma que a súa vida «lle foi roubada», como escribe Yves Bonnefoy. Polo que respecta a Verlaine, está enterrado nunha tumba baixo a poeira preto do periférico con horríbeis flores de plástico no cemiterio de Batignolles. É así como Francia honra os seus mais grandes poetas?

Finalmente, xudicial. En 1873, Paul Verlaine foi condenado a dous anos de prisión por dispararlle dous tiros de revólver a Rimbaud. Este último, cuxa ferida era superficial, desistiu de toda acción xudicial. Mais o ministerio fiscal belga e a policía francesa  montaron un expediente, que os arquivos demostran agora que estivo vinculado ao seu papel na Comuna e á súa homosexualidade. Estivo 555 días na cadea, cando debera pasar unhas semanas. Sábese tamén que a Prefectura de Policía de París favoreceu a agravación da súa condena en razón, precisamente, desta «rara parella».

Por todas estas razóns políticas, morais, xudiciais e antes de nada literarias, parécenos que a entrada paralela no Panteón de Rimbaud e de Verlaine, sería un xesto dun alcance simbólico considerábel.

E o xoves 17 de setembro aparecía no vespertino Le Monde (como tal, datado venres 18) a resposta doutros escritores e artistas ao tal chamamento en forma de carta –explicativa– ao presidente da República Francesa.

A PANTEONIZACIÓN DE RIMBAUD E DE VERLAINE EVIDENCIA UNHA IDEOLOXIA BEN PENSANTE E COMUNITARISTA

Permita (permettez) a algúns escritores, poetas, rimbaldianos, artistas e intelectuais, permita a calquera transeúnte exhortarlle, señor presidente da República, que non faga entrar no Panteón as cinzas de Arthur Rimbaud (1854-1891) e de Paul Verlaine (1844-1896), como lle suxiren, nunha petición recentemente difundida, algunhas sinaturas ilustres –que non teñen, é verdade, obrigatoriamente, sempre todo claro. Pola nosa parte, igualmente, «fous du poéte», como dicía Verlaine a propósito de Arthur Rimbaud, e nunha semellante apertura de espírito ás cuestións societais, queremos avisarlle do erro que constituiría, na nosa opinión, a entrada forzada no Panteón de Arthur Rimbaud (se algunha vez estes termos non soan inmediatamente coma un oxímoro) e de Paul Verlaine, por pouco que teña a ben examinar estas cinco razóns de sentido común.

Rimbaud o «patrouillote»[2]. É necesario lembrarmos que rotundas provocacións do adolescente rebelde se oirían no frontón da «patria agradecida»? «A miña patria érguese! Eu gusto máis vela sentada; non movades as botas, é o meu principio». Por que non respectar as grandiosas vociferacións de Unha tempada no inferno, rexeitar entender até que punto non se destinan ás criptas do noso Panteón: «Son da raza inferior», «Non son deste pobo…»

Tales son algunhas das citas que lembraban xa, en 1927, André Breton e Louis Aragon no panfleto titulado Permettez!, que distribuíron en Charleville (Ardennes) durante a inauguración dun busto de Rimbaud, coas sinaturas de Robert Desnos, Paul Éluard, Max Ernst, Michel Leiris, Jacques Prevert, Raymond Queneau, e moitos outros, todos indignados por esa ridícula tentativa de recuperación ben-pensante, a mesma que hoxe tomaría unha dimensión nacional e irreversíbel!

Como explicarlle á nación que o Panteón acubillaría, a carón de Pierre Brossolette e de René Cassin, un mozo Rimbaud sarcástico, que durante a ocupación prusiana (de 1870 a 1873) ironizaba: «Desexo moito que as Ardenas sexan ocupadas e prensadas cada vez mais abusivamente»? O seu «patrouillisme» sería á maneira de Jean Moulin? Non entra no Panteón quen quere. Mais cando non se quere?

Faga entrar marcha atrás, por favor, o ataúde de Paul Verlaine, que lles pedía aos seus amigos comuneiros que virasen os seus canóns contra o Panteón.

Como reprimirá vostede as inscricións «salvaxes» que non deixarán de degradar regularmente os muros do Panteón, cando aquel que será honrado no interior entre as grandes figuras nos actos edificantes escribía noutrora «merda a Deus» nos bancos dos paseos? Como explicará que a Rimbaud, ao seu pesar, lle sexa concedida esta honra que detestaría e da que non son sempre xulgados dignos, por exemplo, Charles Péguy, conmovedor escritor e patriota morto no campo de honor. Ou Guillaume Apollinaire, ferido nas trincheiras e que acababa as súas ceas co Aduaneiro Rousseau cantando A Marsellesa? Ou Missak Manouchian, poeta, inmigrante armenio morto por Francia? Os primeiros abaixo asinantes reaccionan coma os artistas e intelectuais de 1927. mais considerando que a situación é moito máis grave porque se trata de Francia enteira, o noso país, que presentaría, na confusión dos valores, unha significativa imaxe de si mesma.

Tumba de Voltaire no Panteón de Francia.

Hugo e os outros. Até o presente, sobre 78 personalidades, un único poeta, inmenso, descansa no Panteón… Se o Estado pensa finalmente reparar este esquecemento, habería que facer entrar previa e urxentemente, a carón de Victor Hugo, Baudelaire, Racine, Molière, La Fontane, Marceline Desbordes-Valmore, Léopold Sédar Senghor, Saint-John-Perse, tantos outros poetas e escritores! E non esqueza Poussin! Debussy!

Función do Panteón. Na prestixiosa historia do Panteón prodúcese unha novidade salientábel, que se refire ao proxecto de facer entrar non exactamente un «poeta», senón, tacitamente, unha parella «homosexual». Un internauta compréndeo ben: «A súa panteonización, é pola súa obra ou pola súa relación?». Asociar os nomes de Rimbaud e de Verlaine –o que é unha simplificación biográfica e un erro literario, porque non son da mesma talla– e forzar publicamente, nunha especie de sociedade mórbida de conveniencia, reencontros, que por outra parte Rimbaud rexeitaba absolutamente, semellante operación constitúe, en efecto, unha intervención societal, e non memorial, que non está na vocación do Panteón. Non se trata de facer pasar por unha transgresión (admitir un rebelde) o que é fundamentalmente unha intervención politicamente correcta.

Nisto vemos un acto suplementario da americanización, por ese comunitarismo (que pode levar lonxe nas admisións ao Panteón), que invade a cultura francesa e que a compromete cada día até na nosa lingua francesa. E pásase así da cultura (ler a poesía, que nos interroga, nos esclarece) ao cultural, do libro ao espectáculo, da obra á instrumentalización do poeta nun acto de comunicación.

«Rara parella». Tal cambio de rexistro intelectual obriga a facer un balance sobre os aspectos íntimos da relación destes dous poetas: no estado actual da investigación rimbaldiana, é imposíbel afirmar que Rimbaud fose homosexual toda a súa vida. Todo leva a crer que a súa relación amorosa con Verlaine («amores de tigre», «un mal soño») participa da provocación antiburguesa, se se quere situarse no contexto moral da súa época, e o que el chama «encanallamento» (encrapulement) necesario á súa empresa poética. Varias mulleres novas acredítanse na súa vida e nos seus poemas. Rimbaud viviu seis meses cunha muller abisinia en Adén (no actual Iemen) en 1884. Considera, en 1890, casar unha muller que consentiría en seguilo nos seus vagabundeos (muller que foi inencontrábel, o mesmo aconteceu cos seus compañeiros de infortunio). Pola súa banda, a parella Verlaine e a xove Mathilde foi unha das primeiras en se beneficiar da nova lei que favorecía o divorcio, despois de se separar en 1873; e o poeta de Sagesse, que viviu con dúas mulleres ao final da súa vida, é o autor de dous volumes, cumios da poesía erótica francesa, simbolicamente titulados Mulleres e Homes.

Unha superación da separación. Unha pequena camarilla está, de feito, na orixe da petición militante que demanda a panteonización de Rimbaud e de Verlaine: evidencia unha ideoloxía ben pensante e comunitarista. Promove unha biografía de Rimbaud[3], en venda nesta ocasión, moi documentada, mais cuxa particularidade consiste en non desenvolver máis que a infinita simpleza dos feitos, é dicir, en liberarse finalmente da poesía e dos interrogantes que produce desde hai cento cincuenta anos. Ora, o que caracteriza as problemáticas do amor en Rimbaud só se comprende mediante a poesía – na súa busca desesperada, máis alá mesmo das cualificacións sexuais, dun novo corpo amoroso.

Señor presidente da República, vostede, que está atento aos símbolos, non cometa este erro, peor: esta burrada! Non arranque a Rimbaud da súa terra natal! Deixe a Rimbaud descansar entre os seus, como o reclaman o alcalde de Charleville e todos os ardeneses, connosco e tantos outros namorados dos poetas! Respectemos a Césaire na súa illa, a Chateaubriand no seu Gran Bé, solitarios fronte ao océano! Deixemos libres os poetas, tal coma viviron e, por riba de todo, respecte a Arthur Rimbaud que, por abandonar a poesía, nunca deixou de adorar o que el denominada a «liberdade libre!»

Poetas, escritores artistas: Adonis, Muriel Barbery, Stéphane Barsac, Tahar Ben Jelloun, Claudine Bertrand, Zéno Bianu, Jean-Marie Blas de Roblès, Alain Blottière, Alain Borer, Denise Boucher, Frédéric Boyer, Bernard Cerquiglini, Jean Clair, Francis Combes, Antoine Compagnon, Michel Deguy, Florence Delay, Guy Goffette, Anouk Grinberg, Stéphanie Hochet, Mark Irwin, Pierre Jourde, François Jullien, Abdellatif Laâbi, Jean-Marie Laclavetine, Michel LeBris, Erri de Luca, François L’Yvonnet, Gérard Macé, Eric Marty, Gérard Mordillat, Sophie Nauleau, Nimrod, Bernard Noël, Xavier North, Valère Novarina, Gabriel Okoundji, Christian Oliver, Jean-Baptiste Para, Jean-Noël Pancrazi, Serge Pey, Ernest Pignon-Ernest, Denis Poladydès, Bernard Pozier, Jacques Réda, Robin Renucci, Olivier Rolin, Jean Rouaud, Jacques Roubaud, Rodney Saint-Eloi, David St. John, Christian Schiaretti, Gilles Sebhan, Jean-Pierre Siméon, Sylvain Tesson, André Velter, Marci Vogel.

Rimbaldianos: Jacques Bienvenu, Olivier Bivort,  Pierre Brunel, André Guyaux, Yanny Hureaux, Boris Ravignon, Henri Scepi, Jean-Luc Steinmetz, Jacqueline Tessier Rimbaud [descendente da irmá de Rimbaud], Alain Tourneux e os 119 adherentes dos Amigos de Rimbaud-Asociación Internacional.

En 1927, outubro, o grupo surrealista francés, tal como din os autores da carta ao presidente da República francesa que acabamos de entregar, distribuíu o panfleto do que a continuación damos a versión galega.

Tumba de Arthur Rimbaud en Charleville, nas Ardenas.

Panfleto que, talvez, responde mellor ao chamamento ao presidente da República para a «panteonización» de Rimbaud e de Verlaine, que a resposta aparecida en Le Monde, aínda que esta resposta pon sobre o tapete algo que ultimamente, entre nós, se está a obviar: unha cousa é a obra literaria e outra a persoa que a argallou. O escritor, a escritora, pode ser unha excelente persoa civil e ser un infame ou unha infame novelista ou poeta. E viceversa, ser unha mala persoa e ser un grande ou unha grande escritora. Midamos os escritores/as e poetas pola súa obra escrita, non pola súa condición política ou social, como adoita acontecer con demasiada frecuencia cando se pide o Día das letras galegas para nulidades poéticas e narrativas: estase a valorar máis a biografía, e mesmo o xénero (é dicir, cáese no peor dos comunitarismos: o comunitarismo case que fascista), que a obra. E así nos vai: aos escritores e escritoras comemorado/as e reivindicado/as (finalmente, ao ser a súa obra de baixa calidade, non os len nin os seus propios familiares) e a nós todos, que perdemos un tempo do que xa non dispomos.

PERMITAN

COMPRENDERÍA MENOS A RIMBAUD SEN O SURREALISMO.

ERNEST DELAHAYE

París, 23 de outubro de 1927.

Señores Representantes das Ardenas,

Señor Alcalde de Charleville,

Señores Notábeis[4],

Señor Presidente da Sociedade de Poetas Ardeneses,

Asumiron vostedes, segundo parece, a responsabilidade de inaugurar hoxe, por segunda vez, un monumento á memoria de Arthur Rimbaud e organizar con este pretexto unha festiña rexional. É lamentábel que a consagración oficial falte á súa empresa, mais non importa, nós ficamos os fiadores. Non conseguiron molestar ao sr. Louis Barthou[5], nin distraelo aínda que fose un intre das preocupacións que lle ocasiona o comunismo, nin espertar nel o bibliófilo que se eclipsou un pouco nestes últimos tempos en favor do provedor de prisións!

Admitirán, señores, que a ocasión talvez estea mal escollida para deixarse levar ao delirio patriótico, aquel que vostedes celebran só ten para vostedes xestos de noxo e palabras de odio, e só pode gozar para sempre dunha gloria completamente contraria á dos escritores mortos por Francia, eses «Cabaleiros do espírito en quen se concentra o que Francia defendeu no curso da última guerra»[6].

É verdade que vostedes non saben quen é Rimbaud e novamente vostedes lle fan ver ben:

–A MIÑA VILA NATAL É SUPERIORMENTE IDIOTA ENTRE AS PEQUENAS VILAS DE PROVINCIA. SAIBAN VOSTEDES, XA NON TEÑO ILUSIÓNS. PORQUE ESTÁ A CARÓN DE MEZIÈRES.

–UNHA VILA COMO NON SE ENCONTRA – PORQUE VE PEREGRINAR NAS SÚAS RÚAS DOUS OU TRESCENTOS PAXARIÑOS, ESTA HIPÓCRITA POBOACION XESTICULA, SANTONAMENTE ASASINA, DE MANEIRA MOI DIFERENTE AOS ASEDIADOS DE METZ OU DE ESTRASBURGO! É HORROROSO, OS TENDEIROS RETIRADOS QUE VOLVEN ENFUNDARSE O UNIFORME! É ASOMBROSO COMO SE SEMELLAN AOS CANS OS NOTARIOS, OS VIDREIROS, OS PRECEPTORES, OS CARPINTEIROS E TODOS OS VENTRES QUE, FUSIL NO CORAZÓN, FAN PATRULLAS [patroullisme] NAS PORTAS DE MEZIÈRES. A MIÑA PATRIA ÉRGUESE! EU GOSTO MÁIS VELA SENTADA; NON MOVADES AS BOTAS! É O MEU PRINCIPIO.

Temos curiosidade por saber como poden conciliar na súa vila a presenza dun monumento aos mortos pola patria e a dun monumento á memoria dun home no que se encarna a máis alta concepción do derrotismo, do derrotismo activo que en tempos de guerra vostedes fusilan!

GUERRA: MEZIÈRES NON ESTÁ SITIADA. PARA CANDO? NON SE ME FALE… POR AQUÍ, POR ACOLÁ FRANCOTIRADORES. ABOMINÁBEL PRURIGO DE IDIOTISMO, TAL É O ESPÍRITO DA POBOACIÓN. CÓNTANAS BOAS, VAMOS! É DISOLVENTE.

(2 de novembro de 1870)

……………………………………………………………………………………………

DESEXO ARDENTEMENTE QUE AS ARDENAS SEXAN OCUPADAS E PRENSADAS CADA VEZ MÁIS. PERO TODO ISTO É AÍNDA NORMAL.

(xuño 1872)

…………………………………………………………………………………………….

FUN ANTONTE VER OS PRUSSMANS[7] A VOUZIERS, UNHA SUBPREFECTURA DE 10.000 ALMAS, A SETE KM DE AQUÍ. ISTO REVITALIZOUME.

(Maio 1873)

De calquera maneira, Francia anoxábao. O seu espírito, os seus grandes homes. Os seus costumes, as súas leis simbolizaban para el todo o que no mundo pode haber de insignificante e de máis baixo.

QUE HORROR ESTA CAMPIÑA FRANCESA… QUE CAGADA! E QUE MONSTROS DE INOCENCIA ESTES CAMPESIÑOS. POLO SERÁN, PARA BEBER UN POUCO, HAI QUE ANDAR DÚAS LÉGOAS OU MÁIS. A MOTHER PÚXOME ALÁ NUN TRISTE BURACO.

(maio 1873)

…………………………………………………………………………………………….

SEMPRE OS VEXETAIS FRANCESES,

ÁSPEROS,TÍSICOS, RIDÍCULOS

ONDE O VENTRE DOS CANS BASSETS

NAVEGA EN PAZ NOS CREPÚSCULOS.

…………………………………………………………………………………………….

MUSSET É CATORCE VECES EXECRÁBEL PARA NÓS, XERACIÓNS DOLOROSAS E TOMADAS POR VISIÓNS – QUE A SÚA PREGUIZA DE ANXO INSULTOU! OH, OS CONTOS E OS PROVERBIOS INSÍPIDOS! OH «AS NOITES», OH «ROLLA», OH «NAMOUNA», OH «LA COUPE»! TODO É FRANCÉS, É DICIR, ODIOSO AO MÁIS ALTO GRAO; FRANCÉS, NON PARISIENSE! UNHA OBRA MÁIS DESTE ODIOSO XENIO QUE INSPIROU A RABELAIS, VOLTAIRE, JEAN DE LA FONTAINE! ENCANTADOR, O SEU AMOR! VELAÍ, DA PINTURA AO ESMALTE, A POESÍA SÓLIDA! SABOREARASE DURANTE MOITO TEMPO A POESÍA «FRANCESA», PERO EN FRANCIA.

(5 de maio de 1871)

Rimbaud? Non toleraba que se saudase os mortos diante del, escribía «MERDA A DEUS» nos muros dos igrexas; non amaba a súa nai «TAN INFLEXÍBEL COMA 73 ADMINISTRACIÓNS CON GORRA DE CHUMBO».

Rimbaud? Un comuneiro, un bolxevista segundo o testemuño do Sr. Ernest Delahaye:

–HAI DESTRUCIÓNS NECESARIAS… HAI OUTRAS VELLAS ARBORES QUE É NECESARIO CORTAR, HAI OUTRAS SOMBRAS SECULARES DAS QUE PERDEMOS O AMÁBEL COSTUME. ESTA MESMA SOCIEDADE: PASARÁNSELLE OS MACHADOS, OS PICOS, OS ROLETES NIVELADORES. «TODO VAL SERÁ CUBERTO, TODA CUÍÑA REBAIXADA, OS CAMIÑOS TORTUOSOS CONVERTERANSE EN RECTOS E OS RUGOSOS SERÁN APLANADOS». AFEITARANSE AS FORTUNAS E ABATERANSE OS ORGULLOS INDIVIDUAIS. UN HOME XA NON PODERÁ DICIR: «SON MÁIS PODEROSO, MÁIS RICO». SUBSTITUIRASE A ENVEXA AMARGA E A ADMIRACIÓN ESTÚPIDA POLA APRACÍBEL CONCORDIA, A IGUALDADE, O TRABALLO DE TODOS PARA TODOS».

Rimbaud? Viviu coma vostedes, CARAPOLMERDEUX[8], xulguen que non é necesario vivir: embebedábase, pelexábase, durmía baixo as pontes, tiña piollos.

Mais tíñalle horror ao traballo:

NUNCA TRABALLAREI.

…………………………………………………………………………………………….

REPUGNA TRABALLAR.

…………………………………………………………………………………………….
TODOS OS OFICIOS ME HORRORIZAN. PATRÓNS E OBREIROS, TODOS CAMPESIÑOS INNOBRES. A MAN NA PLUMA VAL TANTO COMA A MAN QUE ARA. –QUE SÉCULO DE MANS!– NUNCA TERÍA UNHA MAN!

Sen esperanza ningunha, nin na terra, nin noutra parte, sempre soñou con irse, perseguido por ese noxo terríbel que vostedes nunca coñeceran; espreitaba a través do mundo, nos lugares mais desolados, a imaxe máis desoladora del mesmo e de nós:

AI!, XA NON ME IMPORTA A VIDA E SE VIVO, AFÍXENME A VIVIR CON FATIGA… E A ME ALIMENTAR NESTES CLIMAS ATROCES DE MÁGOAS TAN VEHEMENTES COMA ABSURDAS… OXALÁ POIDAMOS GOZAR ALGÚNS ANOS DE VERDADEIRO DESCANSO NESTA VIDA; E FELIZMENTE ESTA VIDA É A ÚNICA VIDA, EVIDENTEMENTE, PORQUE NON SE PODE IMAXINAR OUTRA CUN NOXO MÁIS GRANDE QUE ESTA!

(Adén, 25 de maio de 1881)

Todo o que conforma a súa porca vida repugnáballe, vomitábao:

TODO PARA A GUERRA, A VINGANZA, O TERROR.

O MEU ESPÍRITO! XIREMOS NA MORDEDURA: AH, PASADE,

REPÚBLICAS DESTE MUNDO! EMPERADORES,

REXEMENTOS, COLONOS, POBOS: BASTA!

Estivo sempre contra todo o que existe, vostedes simplemente finxen que o esqueceron. Non intenten facer trampas: non lle erguen unha estatua a un poeta «coma calquera outro», vostedes erguen esta estatua por rancor, por mesquindade, por vinganza. Queren reducir o que admiraba «O PRESIDIARIO INFLEXÍBEL SOBRE O QUE SE CERRA SEMPRE A CADEA» a un busto grotesco nun lugar innobre:

Charleville, Place de la Gare.

NA PRAZA TALLADA EN MESQUIÑOS CÉSPEDES,

PARQUE ONDE TODO É CORRECTO, AS ÁRBORES E AS FLORES,

TODOS OS BURGUESES ASMÁTICOS QUE ASFIXIAN AS CALORES

PORTAN, OS XOVES POLO SERÁN, IDIOTECES CELOSAS.

«Singular retorno das cousa de aquí abaixo, escribía P. Berrichon, o monumento elevado en 1901 á memoria de Rimbaud érguese, bronce e granito, sobre esta Place de la Gare onde, máis que nunca, os habitantes de Charleville van, o xoves, escoitar a música militar; e é a música militar que, na inauguración do monumento, executou a adaptación da sinfonía de Émile Ratez, inspirada polo Barco Ebrio».

A música militar! Vostedes esquecen os chantres:  

«A BANDEIRA VAI Á PASAXE INMUNDA» coma as vosas caras están feitas para «O BEIXO PÚTRIDO DE XESÚS».

A sombra semella deterse cada día nos bulleiros invasores. A hipocrisía estende o cheirume da súa man sobre os homes que amamos para facelos traballar na preservación do que sempre combateron. Nin hai que dicir que non nos enganamos sobre o alcance de tales empresas de confiscación, que non nos alarmamos excesivamente polas súas manobras vergonzosas e habituais, persuadidos como estamos de que unha forza de realización total anima contra vostedes todo o que no mundo foi verdadeiramente inspirado. Pouco nos importa que se inaugure unha estatua a…, que se editen as obras completas de…, que se tire o partido que sexa das intelixencias máis subversivas porque o seu veleno marabilloso continuará a se infiltrar eternamente na alma dos mozos para corrompelos ou para engrandecelos.

Arthur Rimbaud.

A estatua que se inaugura hoxe sufrirá, talvez, a mesma sorte que a precedente. Esta, que os alemáns fixeron desaparecer, debeu servir para a fabricación de obuses e Rimbaud esperaría con delicia que un deles conmocionase de arriba a abaixo a súa Place de la Gare ou reducise á nada o museo no que se aprestan a negociar innobremente a súa gloria.

SACERDOTES, PROFESORES, MESTRES, EQUIVOCÁDEVOS AO ME ENTREGAR Á XUSTIZA. NUNCA FUN CRISTIÁN. SON DA RAZA QUE CANTA NO MARTIRIO. NON COMPRENDO AS LEIS. NON TEÑO SENTIDO MORAL. SON UN BRUTO: EQUIVOCÁDEVOS.

Maxime Alexandre, Louis Aragon, Arp, Jacques Baron, Pierre Bernard, Jacques Boiffard, André Breton, Jean Carrive, Robert Desnos, Marcel Duhamel, Paul Éluard, Max Ernst, Jean Genbach, Camile Goemans, Paul Hooreman, Michel Leiris, Georges Limbour, Georges Malkine, André Masson, Max Morise, Pierre Naville, Marcel Noll, Paul Nougé, Benjamin Péret, Jacques Prévert, Raymond Queneau, Georges Sadoul, Yves Tanguy, Roland Tual, Pierre Unik.

Este panfleto surrealista, aparecido en outubro de 1927 nunha folla dobre 267×200 mm, segundo José Pierre, foi redactado colectivamente: Aragon, Éluard, Breton, Raymond Queneau, etc. O panfleto foi enviado a algúns dos «notables» de Charleville, así como aos oradores que debían tomar a palabra na inauguración do novo busto de Rimbaud. Nun principio, os membros do grupo tiñan pensado acudir á inauguración e, no posíbel, deteriorar o monumento. Non perderon o tempo e deixaron que os malos pallasos falasen e se refocilasen na súa pallasada.

Para acabarmos este dossier, velaí, en versión galega nosa, este poema de Luis Cernuda que, como comprobaran a/os lectora/as vai polo mesmo camiño que o panfleto surrealista e tampouco goza do que hoxe coñecemos como «corrección política»:

BIRDS IN THE NIGHT[9]

O goberno francés, ou foi o goberno inglés? Puxo unha lápida

Nesa casa de 8 Great College Street, Camden Twon, Londres,

Onde nunha habitación Rimbaud e Verlaine, rara parella,

Viviron, beberon, traballaron, fornicaron,

Durante algunha breves semanas tormentosas.

Ao acto inaugural asistiron sen dúbida embaixador e alcalde,

Todos aqueles que foron inimigos de Verlaine e Rimbaud cando vivían.

 

A casa é triste e pobre, coma o barrio,

Coa tristeza sórdida que vai co que é pobre,

Non a tristeza funeral do que é rico sen espírito.

Cando o serán cae, coma no tempo deles,

Sobre o seu paseo, húmido e gris, un órgano de manivela

Soa, e os veciños, de volta do traballo,

Bailan uns, os novos, os outros van á taberna.

 

Curta foi a amizade singular de Verlaine o bébedo

E de Rimbaud o pillabán, querelándose amplamente.

Mais podemos pensar que acaso un bo intre

Houbo para os dous, cando menos se lembraba cada un

Que deixaron atrás a nai inaguantábel e a aburrida esposa.

Mais a liberdade non é deste mundo, e os libertos,

En ruptura con todo, tiveron que pagala a prezo alto.

 

Si, estiveron aí, a lápida dío, tras o muro,

Presos do seu destino: a amizade imposíbel, a amargura

Da separación, o escándalo logo; e para este

O proceso, a cadea por dous anos, grazas aos seus costumes

Que sociedade e lei condenan, hoxe cando menos; para aquel a soas 

Errar desde un recanto a outro da terra,

Fuxindo ao noso mundo e o seu progreso famoso.

 

O silencio do un e a locuacidade do outro

Compensáronse. Rimbaud rexeitou a man que oprimía

A súa vida; Verlaine béixaa, aceptando o seu castigo.

Un arrastra o cinto de ouro que gañou; o outro

Malgástao en absinta e pelellos. Mais ambos

Sospeitosos sempre para as autoridades, para a xente

Que con traballo alleo se enriquece e triunfa.

 

Entón até a negra prostituta tiña dereito de insultalos;

Hoxe, como o tempo pasou, como pasa no mundo,

Vida á marxe de todo, sodomía, bebedeira, versos escarnecidos,

Xa non importan neles, e Francia usa de ambos nomes e ambas obras

Para maior gloria de Francia e a súa arte lóxica.

Os seus actos e os seus pasos investíganse, dando ao público

Detalles íntimos da súa vida. Ninguén se asusta agora, nin protesta.

 

«Verlaine? Vaia, amigo meu, un sátiro, un verdadeiro sátiro

Cando da muller se trata; ben normal era o home,

Igual que vostede e ca min. Rimbaud? Católico sincero, como está demostrado».

E recítanse anacos do «Barco Bébedo» e do soneto ás «Vogais»..

Mais de Verlaine non se recita nada, porque non está de moda

Coma o outro, do que se lanzan textos falsos en edición de luxo[10];

Poetas mozos de todos os países falan moito del nas súas provincias.

 

Paul Verlaine.

Oen os mortos o que os vivos din deles logo?

Oxalá nada oian: debe ser un alivio ese silencio interminábel

Para aqueles que viviron pola palabra e morreron por ela,

Coma Rimbaud e Verlaine. Mais o silencio alá non evita

Acó a farsa eloxiosa noxenta. Algunha vez desexou un

Que a humanidade tivese unha soa cabeza, para así cortarlla.

Talvez esaxeraba: se fose só unha cascuda, e esmagala.

 

[1] En realidade non son dous versos, senón a primeira estrofa do poema «Canción de outono»:

Les sanglots longs
Des violons
De l’automne
Blessent mon coeur
D’une langueur
Monotone.

[2] «Patrouillotisme»: «Mot-valise» [aínda que algúns dicionarios traducen esta palabra como acrónimo, quizais sería mellor aceptar de palabra-bagaxe] antipatriótica redescuberta por Rimbaud en agosto de 1870, durante a guerra franco-prusiana. Os notábeis de Charleville, nas Ardenas, estremecíanse organizando patrullas (patrouilles) armadas nas portas da súa vila. Sen perigo, pois os prusianos estaban lonxe, ocupados en asediar Metz e Estrasburgo. Ao mozo Arthur, que se aburría nesta pouco alegre cidade, estas patrullas impedíanlle vagabundear polos campos do contorno. Achou, para se moquear delas, esta paralabra, creada en París durante a revolución. E esta frase para rematala: «A miña patria érguese!… Eu gusto máis vela sentada». (Blog dos correctores de Le Monde.)

 

[3] Están a referirse a Arthur Rimbaud. Biographie, de Jean-Jacques Lefrère, prólogo de Frédéric Martel (Paris, Robert Lafont, col. Bouquins, 2020).

[4] Os «notables» franceses son o que nós coñecemos coma caciques políticos.

[5] Político francés, naquel momento ministro de Xustiza.

[6] Herriot (aviso dos autores).

[7] É decir, os prusianos, os invasores de Francia.

[8] Cara de poli merdento?

[9] Título dunha serie de poemas de Paul Verlaine, do seu libro Romance sans paroles.

[10] Sendo o poema de 1956, Luis Cernuda debe referir ao «escándalo Rimbaud», cando en 1949 se deu a coñecer o inédito La Chasse spirituelle, con grande ruído e apoio dos grandes críticos franceses, de Pascal Pia –quen prologou o «inédito» que, seica, tivo moi boas vendas–  a Maurice Nadeau pasando por Maurice Saillet: André Breton denunciou a impostura en carta ao xornal Combat e despois no panfleto Flagrant délit, que segue o «escñandalo» paso a paso. Logo demostrouse que os «inéditos» eran feitura de  Nicolas Bataille, actor, e Akakia Vialadun, director teatral.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s