Libros soñados, argallados, pensados e nunca publicados (1)

Basilio Losada.

Pequena homenaxe a Basilio Losada no seu 90 aniversario

Xesús González Gómez.

Xa hai once anos (no 2009) que se lle dedicou o Día das Letras a Ramón Piñeiro. Aquel ano publicáronse diversos libros sobre o personaxe, a favor e en contra. Xa sabemos que a esquerda galega e o nacionalismo, na procura de razóns que defendan as súas posicións, nunca atopan erros no seu seo, así que toda a culpa vén de fóra, e, historicamente, a de Piñeiro é, seica, maiúscula, como debe ser. Todo é moi curioso. Mais vaiamos ao que iamos. Ese 2009 publicouse un libro que non foi nin moi dilucidado nin moi estudado (a non ser polo finado M. Rodríguez Alonso, sobre todo na parte que lle interesaba: a poesía de Celso Emilio e a súa tradución e recepción). Outros aspectos da correspondencia, mesmo os que son puro «cotilleo», foron silenciados. O libro de que estamos a falar non é outro que Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984), de Ramón Piñeiro e Basilio Losada, publicado pola Editorial Galaxia en edición de María Xesús Lama e Helena González Fernández. Como todo volume que recolle correspondencias, hai nel moita información útil sobre os «correspondentes» e tamén, neste caso, sobre o que poderiamos denominar «sociedade literaria galega», se é que esta existía naqueles anos (mellor sería dicir, ou escribir, «fauna literaria galega»), e informacións políticas, etc. E tamén, hélas!, moito «cotilleo», o que alegra a lectura, digan o que digan as mentes ben pensantes dunha ou outra cor. Un lector, unha lectora, pode non estar de acordo co que din un e outro na súa valoración tanto das obras literarias coma das persoas, mais concedámoslle o don da «sinceridade», como, por exemplo, cando pensan (ambos) –e chegan a escribilo!– que o defunto Xosé Luís Franco Grande é un gran poeta!!!

Diciamos hai unhas liñas que o volume trae moita información útil sobre os correspondentes. Por exemplo esta: carta nº 14, de Ramón Piñeiro a Basilio Losada, datada en Compostela o 5 de abril de 1962. Había uns seis meses que iniciaran a correspondencia e aínda se trataban de vostede. Piñeiro escríbelle a Losada: «Recibín a súa carta e mais o exemplar de Dos ensayos sobre la saudade, sin duda o segundo que chegou á Península, pois soio teño noticias do exemplar que me enviaron a min e diste seu. Con moitísimo gusto llo adico, ¡non faltaría máis! Coa edición ocurriu o seguinte: un día apareceume eiquí en Compostela o meu bo amigo Fernando Quiñones e pediume, no seu propio nome e no de Luis Rosales, que enviase colaboración a Cuadernos Hispanoamericanos. Díxenlle que as miñas aitividás cotiáns impedíanme escribir e que por ise motivo non podera atender os requerementos de Galaxia, de Guimarães de Lisboa e de Citania de B. Aires, cada unha das cales me tiñan pedido un libro pra editar. Coa máis cordial diplomacia, Quiñones insistiu e fíxome esta suxerencia: “ti tes publicado algúns ensaios en galego sobre a saudade, ¿Por que non autorizas que os publiquemos en castelán?”. Non tiven máis remedio que lle confesar a verdade do meu sentir: que non tiña desexos de colaborar nos Cuadernos Hispanoamericanos. Como é moi intelixente, decatouse rapidamente de todo. Reclamou, eso sí, que lle contase os verdadeiros fundamentos da miña aititude, cousa que fixen. E así quedou todo […]» (p. 123). Curioso, sobre todo sabendo o ben que pagaban en Cuadernos Hispanoamericanos, revista dependente do Instituto de Cultura Hispánica (propaganda franquista) na que xa daquela colaboraban conspicuos militantes do Partido Comunista de España e «confesos» anti-franquistas, que compartían cartel co máis «granado» da cultura franquista daqueles anos.

Mais non é a actitude de Ramón Piñeiro o que nos trae aquí. Non pretendemos enxuizar a ninguén e moito menos os dous correspondentes cos que me ligou (a un, por sorte vivo, aínda me liga) amizade. O que non quere dicir que estea de acordo con todas as opinións que deitan, ou con certos feitos. Pero un debe aceptar os amigos como son… mentres non sexan uns delincuentes. Mais vaiamos aos «feitos», é dicir, a aquilo do queremos hoxe falar.

Hai uns meses fixen unha serie de artigos sobre os libros «soñados» por Álvaro Cunqueiro. Ao final, chegaba eu a unha cantidade determinada de libros que «soñou», proxectou, ou inventou Cunqueiro. Esa cantidade era a de corenta e un (41) libros, dos que seis (6) deles correspondían a traducións que, segundo el, fixera, iniciara ou pensaba facer. O número pode parecerlles esaxerado, e iso que só contabilicei aqueles libros «soñados» aos que o propio Cunqueiro lles puxera título. Por exemplo, se respondía á pregunta «que vai publicar proximamente», ou «que ten en preparación», con «unha novela, un libro de poemas, etc.», e non daba un título determinado, non o contabilicei. E así e todo, corenta e un libros, con título e todo, soñados. Logo de publicada esa serie de artigos, dei na hemeroteca dixital «Memoria de Madrid» coa revista Tajo, na que Álvaro Cunqueiro só publicou un artigo e mais un conto, pero no número 43, correspondente ao 22 de marzo de 1941, aparece unha pequena entrevista co de Mondoñedo, acompañada dunha curiosa caricatura. Nesta entrevista, á pregunta «¿Qué preparas? —Una novela romántica. Próximo otoño, y una traducción —responde. —¿De qué, Álvaro? —Del Napoleón, de Teixeira de Pascoaes. —¿Y qué más? —Nada más. Artículos y lectura. Alvaro Cunqueiro mira ahora los libros de los estantes y comenta títulos y autores con frases ingeniosas. Su gruesa voz y sus citas oportunas animan toda una tarde.» Supomos que esa novela romántica é a mesma da que se daba noticia, sen citar título, na revista Destino, no numero 188 (22 de febreiro de 1941), na sección «Secreto a voces», na que brevemente se informaba de que «Nuestro colaborador Álvaro Cunqueiro ha terminado durante su última estancia en la capital portuguesa una novela, todavía sin título, para el editor Luis Miracle. La acción transcurre en plena época romántica.». Como esta novela, ao non darse o título, non a contabilizaramos, a cantidade de libros soñados modificaríase, polo que sería un total de corenta e dous (42) libros soñados polo mindoniense, dos que 6 traducións (a tradución do Napoleão de Teixeira si se consigna neses artigos citados).

Mais non só, na literatura galega, Álvaro Cunqueiro «soñou» (ou argallou na súa mente) libros. Houbo outros, non sei se moitos, pero bastantes, polo que hoxe queremos facer un artigo sobre aqueles libros que se mencionan na correspondencia de que estabamos a falar e que, infelizmente, nunca viron lume (ou luz), así como algunha que outra «curiosidade» bibliográfica. Avancemos que a maioría destes libros que nunca apareceron debía argallalos Basilio Losada. Dalgúns falan as editoras da correspondencia, mais como ese non era o seu labor, non afondaron no tema que, por outra parte, é un tema menor e, simplemente, un pasatempo para quen isto escribe. Non; Basilio Losada Castro non escribiu eses libros, e xa non o fará… pois está superado o contexto en que puideron nacer. Mais pode ser o momento de repasar ese catálogo de ilusións e ideas de quen agora cumpre os 90 anos.

A correspondencia cruzada de Basilio Losada e Ramón Piñeiro dá un total dunhas 450 cartas publicadas (perderíase algunha?), sendo as máis «informativas» as que van de 1961 a 1975, non é que as outras non teñan interese, mais este, penso, «decrece». Talvez outro día falemos de novas e noticias de feitos que se dan nesta correspondencia, hoxe, como avanzabamos, tráenos outro tema.

A primeira carta que Losada lle envía a Piñeiro data o 10 de outubro de 1961. O tratamento é, como xa se dixo, inicialmente de vostede por ambas partes. Logo, gañada a confianza mutua, atúanse. Basilio informa a Piñeiro dos movementos «galeguistas» de Barcelona, das visitas de conferenciantes, etc., e das súas realizacións e proxectos. Piñeiro infórmao de infinidade de acontecementos que teñen lugar en Galicia e das novidades da Editorial Galaxia, de novidades bibliográficas, etc., como, por exemplo, na carta datada o 16 de marzo de 1963, na que lle di ao seu correspondente en Barcelona que Galaxia lle encargou unha historia de Galicia a Xesús Ferro Couselo, e unha historia da arte galega a José Manuel Pita Andrade. Como din en nota as editoras da correspondencia, «ningún destes proxectos se levou a termo» (p. 194). A pouco máis de dous anos de manteren correspondencia, Basilio Losada envíalle unha carta a Piñeiro (22 de xaneiro de 1964) na que di: «[…] J. M. Casacuberta. É un vello catedrático da Universidade autónoma […] dirixe a colección “Els Nostres Clàssics”. […] Ten moitísimo interés polas nosas cousas, veu ás dúas derradeiras conferencias miñas i encarregoume que faga un “Resume de literatura galega” pra publicar na Colecció Popular Barcino (sic). Será un testo pequeniño, dunhas cen páxinas. Fareino no vrao cando o meu traballo decai un pouco e teño tempo dabondo» (p. 299).

Un pouco máis de catro meses despois (o 26 de maio daquel 1964), Losada informa a Piñeiro de que «o outro día veu a verme un editor catalán pra propoñerme que lle faga en catalán un libro (un libriño de 75 páxinas) encol de Galicia […] Publicaríase en Quaderns d’Aportació Catalana e levará un tíduo semellante a Galicia i dos problemes; os dous problemas son cultura galega i economía. Eu en principio dixen que si; pero non agora, que estou ateigado de traballo. Podereino facer cara ao vrao, que encetarei tamén a Historia da literatura galega contemporánea, outro folleto que publicará en catalán a Ed. Barcino» (p. 330). Na seguinte carta que lle envía Losada a Piñeiro (14 de xuño 1964), infórmao de que «hai en Barcelona un editor, o máis prestixioso editor de poesía en catalán, Josep M. Pedreira, que é tamén un dos poetas máis conspicuos desta terra, i é fillo de galegos; […] sei que escribiu algunha cousa en galego. Penso que sería interesante pedirlle un feixe de poemas, seis ou sete, no orixinal catalán, ca versión galega feita por el mesmo (aínda que houbera que axudarlle algo) e poderíanse publicar na seición “Escolma” de Grial. ¿Qué lle parez?». Piñeiro respóndelle case tres meses despois (4 de setembro) e dille que «A idea de publicar os poemas galegos de Josep Pedreira no Grial paréceme atinada. Si chos dá publicámolos cunha nota» (p. 351). Digamos que Losada nunca escribiu ningún deses dous libriños que debían publicarse en catalán (aínda que sobre o dedicado á literatura galega contemporánea matizaremos algo máis adiante) e os poemas de Josep Pedreira nunca apareceron en Grial. Sobre Pedreira, ver: Helena González Fernández: «Josep Pedreira, editor… e escritor “no galego de Cervantes” (I e II)», Vieiros Barcelona (12-VII e 19-VII- 2005); Josep Pedreira: «Poemes», Reduccions. Revista de poesia, nº 79, Vic, Eumo (marzo 2004), varios poemas en galego. Josep Pedreira: «A manchada», Antologia dels fets, les idees i els homes d’Occident, nº 4, agosto, 1947 (p.77-80) –relato a todas luces baseado en vivencias infantís na aldea luguesa de seus pais– e, sobre todo, Mireia Sopena, Josep Pedreira, un editor en terra de naufragis. Els llibres de l’Óssa menor, 1949-1963, Barcelona, Edicions Proa, 2011.

Cando se inicia 1965, o 3 de xaneiro, Basilio Losada escribe a Piñeiro contándolle que está a piques de acabar as vacacións, «que en verdade non foron nin vacacións nin nada semellante. Encetei Historia da literatura galega contemporánea pra Ed. Barcino, e traduxen –como simple exercicio lingüístico– un par de obras breves de Brecht» (p. 391). O proxecto da Historia da literatura galega a publicar en catalán, non morrera… aínda, e, ademais, vertía ao galego dúas pezas curtas de Bertold Brecht. Supomos que esas traducións das peciñas de Brecht se perderon ou se extraviaron.

Meses mais tarde, o 27 de maio daquel 1965, escríbelle Basilio Losada a Ramón Piñeiro: «Onte encarregáronme a preparación dunha escolma de lírica nova –poetas nados despois de 1920–. A intención, mellor dito o proieto, vén de México. A revista El cuerno emplumado (sic; El corno emplumado) que é unha das mellores revistas de poesía do mundo, con edición en inglés e castelán, quere facer un número-escolma de poesía española, con tres partes: castelán, galego e catalán» (p. 442), xusto un mes despois, o 27 de xuño, infórmao de que vai «empezar o prólogo á Escolma de novísima poesía galega prá editora mexicana de quen lle falei» (p. 449) e, finalmente, o 18 de xullo dese 1965 dille Losada a Piñeiro: «Onte entreguei a Escolma da nova poesía galega. Comprende poetas nados despois de 1920. Leva unha nota de introdución e poemas ca versión castelán. Pedíronme que metera especialmente poemas de siño “testemuñal”, e incluín poemas de M. María, Novoneira, Bodaño, X. Torres, Arcadio, Cribeiro, Méndez Ferrín (este mandoume poemas fermosísimos que causaron unha forte impresión)» (p. 456). Mais esa escolma nunca apareceu na revista mexicana-estadounidense que dirixía a poeta Margaret Randall. Como tampouco apareceu ningún número dedicado á poesía española «en tres partes». Só no número 19 desta revista, correspondente a xullo de 1966, apareceu unha escolma titulada «20 poetas españoles contemporáneos», na que aparecían catro poetas cataláns: Gabriel Ferrater, Jordi Sarsanedas, Miquel Bauçà e Joaquim Horta, e dous galegos: Méndez Ferrín («Roi Xordo») e Salvador García-Bodaño («Profecía en las tinieblas»; como non teño a man os libros de García Bodaño, non sei cal pode ser o seu título exacto en galego), ambos traducidos por Basilio Losada. Sobre El corno emplumado: Con todo, e a pesar da posíbel decepción que lle puido supor non ver o seu traballo publicado nunha revista do renome de El corno…, penso que as versións, e mais a nota introdutoria que puxera aos poemas, servíronlle a Basilio Losada como «borrador» para a antoloxía de poesía galega que publicaría na leonesa Claraboya co título «La poesía gallega de posguerra». (Claraboya, nº 16-17, xullo-outubro 1967, e remodelada daría en 1971 Poetas gallegos de posguerra, Barcelona, Llibres de Sinera/Editorial Ocnos.)

E en outubro, en carta datada o día 24, dese 1965, Basilio Losada informa a Ramón Piñeiro de que [Xavier] Costa Clavell anda a preparar unha Escolma da lírica galega que sairá bilingüe (galego-catalana) e coido que en dous volumes» (p. 488).

Por hoxe acabamos, mais continuaremos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s