Miro Villar: “Gustaríame ter escrito ‘Estirpe’”

Miro Villar.

Escritor, tradutor, profesor e crítico. Desta volta visitamos a ‘Biblioteca Íntima’ de Miro Villar, que presenta nestas datas a súa tradución do libro Aramados, de Manuel García Gerpe, publicado por Alvarellos.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Alén das lecturas escolares, os primeiros libros que me agasallaron e que lin até completar a colección foron a serie ‘Los cinco’, principiando por Los cinco y el tesoro de la isla, aos que seguiron axiña varios clásicos ilustrados daqueloutra serie ‘Joyas literarias juveniles’ da mítica Editorial Bruguera. Por suposto, todo en castelán, pois até 2º do vello BUP non tiven galego no ensino e agás Rosalía non coñecía nada da literatura galega. O primeiro libro en galego, con 16 anos, foi a primeira edición en Xerais (había outra anterior en Galaxia) dos relatos O crepúsculo e as formigas, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Algún deses relatos fascinoume, e foi fundamental para min. 

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Hai moitos. Se falamos da nosa literatura creo que a Nova crónica das Indias, obra narrativa do poeta Antón Avilés de Taramancos, debería ter moita máis trascendencia da que tivo no seu momento. Na miña opinión é unha descuberta.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Son un lector bastante disciplinado ou militante e rara vez deixei unha lectura, aínda que me custou ferro e fariña algún dos clásicos da literatura castelá que tiven que ler na Facultade de Filoloxía, por exemplo El libro del buen amor, do Arcipreste de Hita, ou Pepita Jiménez, de Juan Valera. Coa literatura galega a verdade é que non me sucedeu, nin sequera con Otero Pedrayo que se lle atragoaba a compañeiros/as de estudos.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Xa hai tempo que non estou para moita festa nocturna, prestaríame andar polas tabernas con Bernardino Graña para lle escoitar poemas subido a unha mesa. Hoxe por hoxe, Rosalía Fernández Rial non me podería Sacar a bailar, préstame máis unha cea con tertulia e escoitar a Manuel María engaioloume sempre.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Hai un excelente poeta dos oitenta, malfadadamente finado, Ramiro Fonte, que tiña un carácter ríspeto bastante incompatible co meu. Hai algún outro vivente que prefiro silenciar, porque hai moitas navallas afiadas por aí adiante.

Un libro recente que lle gustase moito…

Dos máis recentes da nosa literatura, pois citaría Virtudes e misterios, de Xesús Fraga, en narrativa, e A ganancia e a perda, de Martín Veiga, en poesía. Doutras literaturas, Casas y tumbas, de Bernardo Atxaga, que botei de menos non ler na nosa lingua. Até non hai moito as súas obras eran traducidas ao galego ao mesmo tempo de se publicaren.

Unha novela que non puido terminar…

Reitero o da miña disciplina (será inxenuidade?) e sempre fago por rematar as novelas coas que me poño. Normalmente son lecturas que xa me interesan ou que me recomenda algunha persoa con criterio na que teño confianza. Lembro moitas dificultades para rematar o Ulysses, de Joyce, mais fun quen de o facer. Anos despois lin dous libros de crítica sobre esa obra e deille outra (re)lectura. Non me botou para atrás.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Cando era mozo envexaba a afouteza do capitán Achab do Moby Dick, de Melville, e sempre me vén á cabeza Gregory Peck no filme de John Huston. Era loucura. Hoxe estou lonxe das aventuras, coido que me conformaría con ser aquel libreiro de 84 Charing Cross Road, de Helen Hanff.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Semella que as preguntas sempre se dirixen á novela como o xénero maior e debo dicir que nas miñas lecturas é a poesía. Porén, no seu momento, calquera de Gabriel García Márquez, e dos últimos anos non esquezo Desgraza, de Coetzee, que agora pódese ler tamén na nosa lingua.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Propositadamente deixo para o nadal, cando teña máis vagar, o tomo segundo de Castelao. Construtor da Nación (1931-1939), de Miguel Anxo Seixas, porque son 1.500 páxinas e eu sonche dos que len até as notas a rodapé.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Moitísimos. Por nomear un dos fundamentais, Estirpe, de Méndez Ferrín.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Ai, ho, téñolles estima. Ora ben, sempre digo que do meu primeiro libro de poemas, Ausencias pretéritas (rematado en 1990, publicado en 1992) reescribiría todos os sonetos agás media ducia. Mais iso desde a ollada crítica de hoxe, daquela estimaba que era un libro redondo e moi pensado.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Non, nunca o fixen. Porén manteño unha bitácora desde xuño de 2011, na que nos primeiros tempos publicaba anotacións case a diario e había días que incluso dúas ou tres. Agora xa case só funciona coma un repositorio na rede de diversos textos que vou publicando en diferentes lugares ou para recuperar vellas cousas doutras épocas.

Escribirá as súas memorias?

Non, non creo que teñan ningún interese. Pola contra, teño moito interese pola lectura de libros de memorias (o último as que escribiu María Xosé Queizán) e estimaría que as escribisen autores coma Ferrín, poñamos por caso. De feito veño de traducir para o galego Alambradas (Aramados) que veñen sendo as memorias do tempo que pasou Manuel García Gerpe, de Izquierda Republicana, nos campos de concentración franceses na posguerra. De todos os xeitos na xa citada bitácora teño unha sección denominada «Memoria Literaria» para lembrar de cando en vez acontecementos literarios nos que estiven hai unha chea de anos.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Non hai dúbida, aínda que eu xa escribía poesía e prosa con premios escolares e xuvenís, para min foi fundamental coñecer a Darío Xohán Cabana cando era garda municipal en Corcubión. Influíu moito en min, de feito aquel primeiro libro de poemas que citei leva o seu prólogo e é un sonetario, influenciado polos sonetos do propio Darío (todos premiados naquela época, libros como A fraga amurallada, Amor e tempo liso, Patria do mar, etc.)

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non son eu nin de afundir nin de queimar libros, aínda que os haxa que estimaría moito que nunca fosen publicados.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Son de bastante bo dente e mesmo bastante ecléctico nas lecturas. Sempre penso que podo sacar algunha cousiña de proveito, até nas lecturas máis insípidas. O editor deste cuestionario gusta das navalladas e non quero facer sangue, vaimo permitir.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Veñen por ducias. Por non reiterar títulos xa citados, pois a Última fuxida a Harar, de Antón Avilés de Taramancos.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Direi que algún dos poetas que hai na obra plural de Celso Emilio Ferreiro.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Pois entre os que máis agasallei ultimamente está a edición dos manuscritos orixinais do poemario De catro a catro, de Manuel Antonio, que para min sempre é un libro de cabeceira, na magnífica reprodución da editorial Alvarellos. Unha alfaia.

Un comentario en “Miro Villar: “Gustaríame ter escrito ‘Estirpe’”

  1. Pingback: Na «Biblioteca íntima» da revista literaria dixital BiosBardia. O país dos libros en galego: «Gustaríame ter escrito Estirpe, de Méndez Ferrín.» | crebas.gal

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s