Libros soñados, argallados, pensados e nunca publicados (e 4)

Pequena homenaxe a Basilio Losada no seu 90 aniversario

Basilio Losada.

Xesús González Gómez.

O 1 de xaneiro de 1969, Basilio Losada escribe a Ramón Piñeiro, cóntalle que días atrás estivo con Fermín Penzol, con Luís Seoane. Acompañado deste último, falou con Ricard Salvat, que non puido estrear en Coimbra, ao ser expulsado do país, Castelao e a sua época: «Agora vai editar os testos do montaxe en Bos Aires. A idea de Salvat é representar en catalán Os vellos non deben de namorarse si é que Espriu dá rematada a súa versión. Sería un verdadeiro acontecemento. A versión do montaxe Castelao e a sua época vouna facer eu» (p. 731). Como lembrara o/a lector/a desta serie, Espriu nunca traduciu a obra de Castelao e, xa que logo, Ricard Salvat nunca a montou e dirixiu Os vellos… Por outra parte, a versión galega de Castelao e a sua época nunca se fixo. O texto dramático argallado por Salvat en catalán, en principio, continúa inédito, que saibamos nós. Por certo, aquel mesmo ano (1969), Ricard Salvat, o 8 de agosto (naquel momento estaba en Tortosa) anotaba no seu diario: «Tambè m’escriu Xesús Alonso. Vaja, m’ha escrit dues cartes que he trobat en tornar. Ell ha anat a Buenos Aires. Havíem parlat, és una idea seva, de publicar Castelao e a sua época a l’Argentina, en versió gallega. També es veu que volen fer-me una mena de acte o petit homenatge els gallecs de Barcelona, és clar, els galleguistes. Sembla que és idea d’en Xesús. A mi aquestes coses em fan més aviat basarda. Em va frapar, si, la falta d’interès de la gent gallega quam van estrenar Castelao e a sua época […]», Ricard Salvat, Diaris (1969-1972), Barcelona, Universitat de Barcelona Edicions, 2009, p. 69. Como vemos, dous libros que nunca se deron[1]. Continuando coa carta de Basilio Losada do 1 de xaneiro daquel 1969, parágrafos mais adiante pódese ler: «Onte estiven co Corredor Matheos, e díxome que lle tes feita  unha Historia da lit[eratura] galega de 180, páxinas pra Espasa. Interésame moito vela pubricada.» (p. 732). Escribiu algunha vez Ramón Piñeiro esa Historia da literatura galega, en 180 páxinas? Se así fose, onde está o orixinal? Ou atopámonos fronte a outro libro «fantasma»?

Tres meses máis tarde, o dez de marzo, Ramón Piñeiro escríbelle a Basilio Losada: «Mandeille a Díaz-Plaja os 100 folios cos textos traducidos dos ensaístas galegos. Levan unha breve nota sobre cada autor i a referencia bibliográfica de onde están tomados» (p. 747). Estes folios que Piñeiro lle envía a Díaz-Plaja, forman a parte dedicada ao ensaio que apareceu no tomo dedicado á Literatura galega, do Tesoro Breve de las letras hispánicas / Volumen VII. Mosaico español 2, Madrid, Editorial Magisterio Español, 1974, colección Novelas y Cuentos, nº150. O volume dirixido por Guillermo Díaz-Plaja estaba supervisado por Basilio Losada Castro. Enrique Chao Espina, Xosé L. Franco Grande, Manuel María e Ramón Piñeiro realizaron os capítulos dos séculos XIX e XX. A parte dedicada ao ensaísmo galego son unhas trinta páxinas, polo que podemos deducir que os 100 folios enviados por Piñeiro, Díaz-Plaja reduciunos a case un terzo. Ou en realidade aconteceu o que Basilio Losada lle explicaría a Ramón Piñeiro nunha carta datada o 4 de novembro de 1974 «[…] A escolma quedou coxa dende que o Díaz-Plaja e mais o Cerezales decidiron pola súa conta, e pra aforrar papel, suprimir a obra en prosa daqueles que xa figuraban coma poetas –Ferrín, Casares e algún outro– e tamén suprimir o anaco escolmado dalgúns prosistas cuio nome non lle soaba: é o caso de Fole, e penso tamén o do Silvio Santiago e mais o Neira Vilas. Non o sei esactamente porque a escolma da prosa fixéraa o Manuel María. Sei que chamou alporizado a Díaz-Plaja. E fixo ben.» (p. 936).

No mes de outubro, en carta datada o día 6, Losada  a Piñeiro: «Hai tres días firmei o contrato pra un fermoso libro. Será un mangado de fotos, un cento pouco máis ou menos, encol das Rías. Cada foto cun comento meu. Non será un libro turístico. O que pretende reflexar é o mundo das Rías, cos traballos artesáns, as paisaxes, os monumentos, as vilas, os cultivos. Será un volumen de gran formato cunha presentación verdadeiramente fastuosa. Voume poñer en contacto co fotógrafo Suárez por se quere dar as fotos. Pagaránllas a 350 pts por foto […]» (p. 765-766). Libro, se saíu, non creo que se publicase, nunca o asinou Basilio Losada. Ou sexa, outro deses libros máis ou menos «fantasmas», malia que tiña asinado un contrato para a súa publicación. Ou talvez foi un libro deses que acaba asinando un incerto «equipo editorial».

No pouco máis de dous meses e medio que faltaba para que acabase aquel 1969, nin Basilio Losada nin Ramón Piñeiro dan noticia de libros que poden aparecer de autor galego, só o 10 de decembro, Piñeiro escribe a Losada dicíndolle que «O Dámaso Alonso deu unha conferencia en Vigo i estivo en Galaxia. Seguramente lle publicaremos un libro cos seus traballos de lingüística galega» (p. 776). Estou convencido de que os «traballos de lingüística galega» de Dámaso Alonso están recollidos en volume, pero tamén sabemos todos que non foron publicados pola Editorial Galaxia. Non chegaron a un acordo ambas partes, ou que se torceu polo camiño?

E encetábase a década de 1970, talvez máis prodixiosa que a anterior, a pesar do mítico 1968. Basilio Losada publicara en 1967 a antoloxía de poesía galega na revista leonesa Claraboya, antoloxía que remodelada aparecería en 1971 co título Poetas gallegos de posguerra, Barcelona, Llibres de Sinera (Ocnos), 1971. En 1969, puxéralle o prólogo e fixera a versión dunha Escolma poética/Antoloxía poética, de Manuel María, publicada na Col. Adonais. A selección, teoricamente, tamén era de B. L., mais… apostaba moito que a fixo o propio poeta. Ese mesmo ano de 1969 publicaría na Editorial Taber o libro Galicia. Tamén en 1971 publicara unha antoloxía de Rosalía: Rosalía de Castro, prólogo, selección e tradución de Basilio Losada Castro, ed. bilingüe galego-castelán, Navarra, Salvat, 1971 (Biblioteca General Salvat 6). En 1972 vería luz o seu Poetas gallegos contemporáneos, na Editorial Seix & Barral. E continuaba a colaborar nos suplementos de diversas enciclopedias, a poñer tantos prólogos que el mesmo se chegou a alcumar «Basilio o prologón», mais tamén nesa década, en 1971, vai abandonar o labor de crítico, de comentarista de libros galegos, sobre todo na revista Grial, o que non quere dicir que de cando en vez non recuncara, para se dedicar, maiormente, a dar aulas, e a traducir… En 1976, non obstante, publica no volume colectivo Los Gallegos, Madrid, Editorial Itsmo, 1976, un traballo titulado «La literatura gallega», que vai das paxinas 241 á 284, e que, en certa medida, debeu recuperar materiais que lle serviran no seu día para argallar a pequena historia da literatura galega, que tiña que aparecer na Editorial Barcino, en catalán, e que nunca viu lume.

En 1971 só dei cunha carta na que un dos correspondentes, Ramón Piñeiro, lle escribe ao outro falando dun posíbel libro a editar, trátase da carta datada en Compostela o 26 de xaneiro daquel ano: «[…] tiven ocasión de falar demoradamente co meu vello amigo Piel, que nos tiñamos visto a derradeira vez hai cinco anos. Foi unha conversa moi proveitosa, pois prometeume un libro de Introducción á toponimia galega» (p. 834). Como anotan as editoras: «O libro prometido por Piel non chega a editarse en Galaxia, pero si un opúsculo titulado Novos ensaios de toponimia astur-galego-portuguesa (Universidade de Coimbra) e numerosos artigos sobre toponimia galega nas revistas Grial, Verba, Boletín Auriense e outras» (p. 834). Nos anos 1972 e 1973, en ningunha das cartas enviadas polos dous correspondentes (digamos que a partir de 1972 o número e a intensidade da correspondencia baixa: nos 11 primeiros anos, é dicir, de 1961 a 1971, ambos incluídos, o número de cartas intercambiadas foi de 360 –cando menos, o número das que se conservaron–; de 1972 a 1982, ambos inclusive, o número é de 92 cartas), aparece citado ningún libro que non chegase a ser publicado, até o 13 de xullo de 1974, en que Basilio Losada, na carta que lle envía a Piñeiro infórmao de que: «Hai unhas semáns mandeille a Alonso [Montero], pra unha coleición de versiós ao galego, unha do Medo e miseria do III Reich, de Brecht. Quixera traducir moito do alemán, que é un idioma que estou traballando agora constantemente. Ando a argallar tamén unha versión do Werther, e teño encetada outra do Siddharta (sic), de Hesse. Todas ao galego.» (p. 929). Lembremos que Siddhartha foi traducida ao galego por Franck Meyer e publicada pola Editorial Galaxia en 1999, e que a novela de Goethe As mágoas do mozo Werther, en tradución de Sabine Geck e Francisco Manuel Mariño, foi publicada pola mesma editorial no 2007. E de Medo e miseria do III Reich só podemos dicir o que nos dixo o seu tradutor hai anos, que o orixinal se perdera[2]. Que continuaba coa teima das traducións do alemán, demóstrao a carta que lle envía ao seu correspondente de Compostela o 4 de novembro dese 1974: «Cando, dun xeito ou outro, teña normalizada a miña vida, vou encetar unha laboura sostida de tradución ao galego. Quixera rematar unha versión da Divina Comedia que empecei hai vinte anos. Teño ademais a medio traducir o Werther e mais unha obra de Herman Hesse» (p. 937). Días antes, o 1 de novembro de 1974, Ramón Piñeiro  a Basilio Losada que «O Alonso [Montero] está escribindo unha Htª da Literatura Galega para Castalia» (p. 935). E a última carta na que se mencionan libros que logo non serían publicados, é a que envía Basilio Losada a Piñeiro, datada o 30 de xuño de 1979. Nela, Basilio di que lle escribiu Bieito Ledo e «dime que falou contigo (con Piñeiro) da posibilidade de que eu fixera para Galaxia unha Historia da literatura galega actual. Si vos interesa, faréivola con muito gusto en canto remate un libro –unha escolma, cun amplio limiar e tradución dos textos– encol do conto literario en Galicia, que me pediu Corredor Matheos pra Selecciones Col. Austral» (p.1021). A esta carta de Losada contesta rapidamente Ramón Piñeiro o 4 de xullo: «Da Historia da literatura galega temos falado hai tempo, como un dos nosos manuais. Persoalmente, eu tiña o convencemento de que ti eras o autor idóneo dese manual por tres razóns: porque sigues moi directamente o desenvolvemento da nosa literatura, porque coñeces o panorama actual da literatura europea, e porque a distancia física permíteche unha obxetividade e unha independencia de xuicio que, sendo esencial, é moi difícil para os que conviven demasiado proximamente a nosa vida literaria. […] Ultimamente falei co Carlos Casares […] para que explorase si poderías ou non facer ese manual, e falei co Bieito da posibilidade de que ti o fixeses. Ao saber que estás disposto a facelo de inmediato, saltoume o corazón de alegría» (p. 1023). Ou sexa, dous libros máis que nunca se fixeron, e iso que, penso, para a Historia Basilio tiña materiais de abondo e, malia os problemas que lle explica a Piñeiro, un primeiro esbozo que sería o que publicou no libro Los gallegos, citado máis atrás. Polo que respecta a unha posíbel antoloxía do conto galego, non sei porque non a levou a cabo: nugalla? aburrimento?, problemas editoriais? chi lo sa.

Chegados a este punto, o que agora faremos é relacionar os libros pensados, soñados, mesmo contratados, e, talvez, algún escrito (ou traducido) e todo, que nunca se publicaron por diversas razóns (como vimos, algún  «cargouno» a censura). Velaí a lista, non sei se exhaustiva, deses libros que nunca veremos publicados e dos que se dan noticia nesta correspondencia. Ou, cando menos, foron os libros que eu encontrei na tantas veces citada correspondencia, o que non quere dicir que non se me escapase algún que outro.

Historia de Galicia, Xesús Ferro Couselo. A publicar por: Editorial Galaxia.

Historia da arte galega, Jose Manuel Pita Andrade. A publicar por: Editorial Galaxia.

Resum de literatura gallega (tamén: Historia da literatura galega contemporánea), Basilio Losada. A publicar, en catalán por: Editorial Barcino).

Galícia i dos problemes, Basilio Losada. A publicar por: Quaderns d’Aportació Catalana.

Basilio Losada: Tradución de dúas peciñas de Bertold Bretch (non se dá o titulo; non se traduciron para seren, en principio, publicadas).

Escolma de lírica nova/Antología de la lírica nueva gallega, Basilio Losada. A publicar pola revista mexicana-estadounidense que se editaba en México: El corno emplumado.

Escolma de lírica galega (2 volumes, en catalán), Xavier Costa Clavell, tradución ao catalán de Felip Cid. A publicar por: Ed. Roca?

Proxectos de Basilio Losada de traducir H. Böll, G. Grass e outros novelistas alemáns de posguerra, e, de paso facer un traballo sobre esa novelística. Nunca realizados nin un nin outro proxecto.

Edición de Poema de Mío Cid, Basilio Losada. Non se sabe que fixera tal edición. Non obstante, Verón editor, na colección Scriba, dirixida por Basilio Losada, anuncia unha edición do Cantar de Mío Cid que nunca se publicou (cando menos non hai datos dela no ISBN): era a que preparaba Basilio Losada?

[Verón editor prometeu e anunciou libros que nunca se publicarían e, mesmo, que nunca se escribiron… como exemplo os números 12 e 13 da colección da devandita colección Scriba. Publicidade que aparece no volume Gustavo Adolfo Bécquer, Rimas, publicado en 1982:

Destes dous libros estou seguro que o autor anunciado non argallou nin a primeira liña, o que non quere dicir que no seu día non se comprometera a escribilos.]

Escolma de poesía galega (en catalán), Josep Pedreira. A editar por: Llibres de l’Òssa Menor?

O segredo do humor, Celestino Fernández de la Vega, tradución ao castelán de Núria Clarà? A publicar por: Editorial Aymá.

Escolma do conto galego, Xavier Costa Clavell (en castelán). A editar por: Editorial Aymá.

Sombra do aire na herba, L. Pimentel, versión e edición castelá de Basilio Losada, a publicar por El Bardo.

Antologia de la poesía testimonial gallega, autor?, a publicar por El Bardo.

30 anos de poesía galega 1936-1966. 30 poetas protestan, Xesús Alonso Montero, a publicar por (?); só se dá o lugar de edición: Ourense.

Versións de Molière, Basilio Losada. A publicar por: Centro Galego de Barcelona.

Antoloxía da poesía catalá, Manuel Casado Nieto. A publicar por: Centro Galego de Barcelona.

Os vellos non deben de namorarse, de A. R. Castelao, tradución ao catalán de Salvador Espriu, a publicar por (?), ou só era para representar baixo a dirección de Ricard Salvat?

Escolma da lírica nova de Galicia, Xosé Luís Méndez Ferrín. A publicar por: Editorial Ciencia Nueva; cargada pola censura.

La pell de brau, Salvador Espriu, tradución ao galego: Basilio Losada, para unha edición catrilingüe. A publicar por Editorial Aymá.

Castelao e a súa época, de Ricard Salvat, tradución ao galego, Basilio Losada. A publicar: en Buenos Aires.

Historia da literatura galega, Ramón Piñeiro. A publicar por: Espasa-Calpe.

Libro de fotos con comentarios sobre As Rías, por Basilio Losada. A publicar por Escudo de Oro?

Escritos sobre lingüística gallega, Dámaso Alonso. A publicar por: Editorial Galaxia.

Introducción á toponimia galega, Joseph M. Piel. A publicar por Editorial Galaxia.

Medo e terror do III Reich, Bertold Brecht, tradución de Basilio Losada (feita, acabada e enviada), a publicar por: Gran Enciclopedia Gallega?

Werther, de J. W. Goethe, proxecto de tradución de Basilio Losada.

Siddhartha, de Hermann Hesse, tradución encetada de Basilio Losada.

Divina Comedia, Dante Aligheri, tradución empezada por Basilio Losada.

Historia da literatura galega, Xesús Alonso Montero. A publicar por: Editorial Castalia.

Historia da literatura galega actual, Basilio Losada. A publicar por: Editorial Galaxia.

Escolma do conto galego, Basilio Losada, edición e tradución. A publicar por: Espasa-Calpe, Selecciones Colección Austral.

Como comprobara o/a lector/a, trinta libros (dos que só un, unha edición do Cantar de Mío Cid, nada ten a ver con Galicia ou a literatura galega, cando menos directamente) pensados, argallados, algún contratado e todo e algún mesmo enviado á censura, que nunca se publicaron, case todos traducións do galego ou ao galego, ou antoloxías de poesía e/ou narrativa. Non consignamos os traballos que Basilio Losada promete, maiormente para Grial, e que finalmente non escribiu.

Antes de acabarmos, subdividamos estes libros non natos da seguinte maneira:

Antoloxías de poesía:

Escolma da lírica nova, Basilio Losada (trad. ao castelán).

Escolma da lírica galega, Xavier Costa Clavell (trad. ao catalán)

Escolma de poesía galega, Josep Pedreira. (trad. ao catalán)

Escolma da lírica nova de Galicia, Xosé Luís Méndez Ferrín (trad. ao castelán)

Antología de la poesía testimonial gallega, (autor?; trad, ao castelán)

30 anos de poesía galega 1936-1966. 30 poetas protestan, Xesús Alonso Montero.

Antoloxía de poesía catalá, Manuel Casado Nieto.

Antoloxías de narrativa:

Escolma do conto galego, Xavier Costa Clavell (trad, ao castelán).

Escolma do conto galego, Basilio Losada (trad. ao castelán).

Historias:

De Galicia, Xesus Ferro Couselo (a publicar en galego).

De arte galega, José M.Pita Andrade (a publicar en galego).

De literatura:

Resume de literatura gallega, Basilio Losada (a publicar en catalán).

Historia de la literatura gallega, Ramón Piñeiro.

Historia de la literatura gallega, Xesús Alonso Montero.

Historia da literatura galega actual, Basilio Losada Castro.

Libros sobre Galicia:

Galicia i dos problemes, Basilio Losada (a publicar en catalán).

Traducións do galego ao castelán (á parte antoloxías):

Sombra do aire na herba, Luis Pimentel (trad. Basilio Losada).

O segredo do humor, Celestino Fernández de la Vega (Núria Clarà?).

Traducións do catalán ao galego (á parte antoloxías):

La Pell de Brau, Salvador Espriu (trad. Basilio Losada).

Castelao e a súa época, Ricard Salvat (trad. Basilio Losada).

Traducións do galego ao catalán (á parte antoloxías):

Os vellos non deben de namorarse, A. R. Castelao (trad. Salvador Espriu).

Traducións doutros idiomas ao galego:

Do francés: Obras de Molière, trad. Basilio Losada.

Do italiano: Divina Comedia, Dante Aligheri, trad. Basilio Losada,

Do alemán: Siddhartha, trad. Basilio Losada.

As mágoas do mozo Werther, J. W. Goethe, trad. Basilio Losada.

Medo e terror do III Reich, Bertold Brecht, trad. Basilio Losada.

Varios:

Escritos sobre lingüística gallega, Dámaso Alonso.

Introducción á toponimia galega, Joseph M. Piel.

Libro de fotografías sobre as Rías con comentarios de Basilio Losada, sen título (a publicar en castelán).

Perdemos moito os lectores galegos ao non ver publicados eses libros? Eu, persoalmente, penso que si, cando menos algo de tempo, pero non se trata nin de recompor o pasado nin de facer ucronías. Aqueles anos deron o que deron, os presentes dan o que poden, e de nada serve laiarse: só se laia aquel (ou aquela) que sempre está disposto/a a non facer absolutamente nada.

[1] O texto de Castelao e a súa época está incluído en Ricard Salvat en Portugal: Brecht, Castelao e a súa época e censura, tese doutoral de Antonio Mira Iglesias, presentada no 2017 na Universitat de Barcelona. A tese está colgada na web desta institución (https://www.tdx.cat/handle/10803/458764#page=4) última visita, 3 de xuño de 2020.

[2] Digamos que quen isto asina tivo nas súas mans o orixinal mecanografado da tradución de Basilio Losada.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s