‘Teletraballo’ vs ‘Dez anos’

EDWARD HOPPER.

Xornada 1. Breogán Martínez fronte a Fran Fernández Davila

Teletraballo

―Señora Gómez? Boa tarde. O meu nome é Hopper, Edward Hopper. Chámoa dende a oficina do señor Caprese ―mafioso―. Que saiba que esta conversa se leva a cabo diante de testemuñas ―mentira―. Infórmoa de que a súa débeda foi comprada polo señor Caprese ―rece―. Si, débeda. Deixou de pagar unhas enaguas na tenda dos Neumann ―catro pesos―. Non lle hai erro ningún, señora. Está todo ante notario ―ou non―. Non, señora. Teño aquí a documentación. Vostede verá. Queda informada ―ameazada―. Ten ata o xoves ás doce para pagar. Se non, aplicaránselle xuros adicionais ―vánselle quedar con todo―. Iso non lle vai funcionar, señora. Cálmese, por favor ―non me chore―. Que saiba que nos reservamos o dereito de tomar as accións oportunas para defender os nosos intereses ―que lles interesa a súa casa, vamos―. Moi ben. Boa tarde, señora. Adeus ―pobriña―.

Cona de xente. Podrécenme. Toda a súa merda aféctame o estómago. Saio ao xardín a angazar un pouco. Oín duns budistas aos que lles relaxa. Está rugoso o pau do rastro. Miro ao horizonte. Trato de calmarme. Concéntrome no son dos pedregullos. Non me podo deixar lear. Lembra a instrucción, home: «É necesario acabar cos morosos. Eles son os que mandaron o país á ruína». Coma os sapos aqueles que atopei de noite, despois da choiva. Ninguén emporca o meu xardín. Repaso o informe na cabeza. A tal Gómez ten unha neta, sete anos, os matóns quererán facerlle unha visita. Ao final vai ser certo que funciona. Un par de morados farán o seu traballo. Volvo para dentro. Cuarto azul. Prendo a lámpada da mesa. Miro a axenda. Marco.

―Señor Jackson. Son o señor Hopper. Si, eu de novo ―o vendido―. Chámoo para informalo de que non recibimos o seu pago ―ni tal que queremos―. Crin que deixaramos claros os termos na nosa última conversa. Non, non preciso falar coa súa neta de Queens ou-tra-vez ―non lle deben quedar ganas de meterse―. Si, señor Jackson, por suposto que vou deixar de chamalo. De feito comunícolle que esta é a derradeira vez ―non se me poña a tusir agora―. Si, a derradeira. A partir deste momento o seu expediente queda en mans dos nosos axentes de campo ―deus o colla confesado―. É o procedemento, señor Jackson. Non, non creo que lles saiban nada do seu can. Eu non podo axudar con iso ―deixe de tusirme na orella, cona―. Ese non é problema noso, señor Jackson ―a este home dálle algo―. Boa tarde, señor Jackson.

Outro que dorme na rúa esta noite, se non morre antes do infarto. O que tal se aproveita a ambición da fame. Se me descoido ata me dá pena. Moito se aferran todos ás lembranzas. Que se a casa onde lle naceron os fillos, que se onde morreu a súa muller. Canto mellor estaba nunha residencia. En fin. Vou baixar ao soto. Hai que darlle de comer ao puto can.

Fran Fernández Davila.

………………………………………………………..

Dez anos

Braulio levantou a cabeça quando ouviu o primeiro estalido, pamm, um ruído forte, seco, inesperado, que lhe fixo piiiiiiii nos ouvidos, piiiiiiii, e o deixou cravado no chão. O corpo tenso, sem capacidade para reaccionar: a cabeça ergueita, piiiiiiii, o pescoço rígido, piiiiiiii, os reflexos esperando algum estímulo que não chegava. Parado. Incapaz de se mexer, estancado. Notou como lhe brotavam raízes por baixo dos pés. Sentiu que se alguém o levantasse em alto nesse instante, arrincaria com ele a terra que pisava.

Não ouviu mais ruído. O piiiiiiii foi-se fazendo piii, e depois pi, e depois nada. O silêncio voltou reconstruído, diferente. A textura violenta dessa nova quietude atravessava-o por completo.

Ainda tardaria um tempo em ser soberano sobre o seu corpo. Quando reconquistou a mobilidade roubada por aquele estoupido (fora aquilo um estoupido?), reparou que, de novo, aquela manhã esquecera almorçar. Decidiu entrar em casa e preparar um café. Necessitou fazer um esforço para apanhar a cafeteira italiana, que ele mesmo colocara demasiado em cima a última vez. Seguia empenhado em pôr-se as cousas difíceis: ingeniava pequenos retos para demonstrar-se que era capaz de resolvê-los sem ajuda de ninguém. Dez anos vivendo só, apartado do mundo, tranquilo. Dez anos de êxito.

A cafeteira começou a fazer o seu trabalho. Com o grlgrlgrl do líquido negro a brotar, Braulio foi ao banho para lavar a cara, e de repente grlgrlgrlgrlpamm, grlgrlpamm, pamm, pamm, pamm de novo, um segundo, terceiro, quarto, estalido.

Correu à janela. Viu um soldado caindo ladeira abaixo.

O soldado parou de rodar ao pé da montanha. Acto seguido, deixou escapar o suspiro laborioso de quem vai morrer.

Apressurado, Braulio saíu da sua casa. Botou a correr até o lugar onde jazia moribundo, talvez já morto, aquele soldado. Para deixar-lhe as cousas claras a esse homem. Para dizer-lhe que não. Que não, não, não, não, não, não. Que aquele não era sítio para morrer. Que se negava. Que tivera um pouco de respeito e decência. Que ele não levava dez anos de êxito, dez anos, dez!, cultivando a autosuficiência; como para ter que lidar agora com todo isso. Com essa morte tão grosseira. Com perguntas da polícia. Com jornalistas, com curiosos, com vizinhos. Com ter que reconectar-se ao mundo depois de tanto, tanto esforço.

Correu como nunca antes correra, sentido que lhe ia a vida nessa galopada. 

A apenas douscentos metros daquele corpo, começaram a fraquear-lhe as forças. Quanto mais avançava, maior parecia a distância a recorrer. Uma dor no peito. Uma dor. O soldado. Cada vez. mais. cada. vez. dez… anos… esse… aquilo… não… era… lugar… dez… a… nos… dez… 

Caíu justo no momento em que o soldado se levantava, sacudindo o barro da roupa. Baixando a montanha, um grupo de gente aproximava-se empunhando bandeiras e espingardas anacrónicas. Na fronte, uma pancarta que, em letras grandes e vermelhas, dizia: “Recreação Histórica da Guerra Civil. X Edição”. 

O último que ouviu foi o ranrataplán, ranrataplán dos tamborileiros.

Breogán Martínez.

8 comentarios en “‘Teletraballo’ vs ‘Dez anos’

  1. Boa tarde, vou deixar as miñas impresisións e o meu voto para este duelo.

    O relato ‘Teletraballo’ non acabou de engancharme por mor das excesivas (para o meu gusto) reflexións/pensamentos do narrador. Que conste que, por unha banda, teñen a súa graza e, nalgúns momentos, mesmo aportan información engadida, pero, o dito, non rematou por conectar comigo.

    O relato ‘Dez anos’ comezou con mal pé por vir eu do texto anterior con tanta interrupción autoreflexiva e facer este un pequeno abuso da onomatopea. Así e todo, gustoume o protagonista e a súa historia e, sobre todo, a retranca da parte final.

    O meu voto é para ‘Dez anos’.

  2. Vaia un duelo interesante! Dous relatos radicalmente diferentes, en ton e forma.
    ‘Teletraballo’ funciona como crítica, non tanto, na miña opinión, como historia completa; sentín que algo faltaba, talvez un desenlace máis contundente.

    ‘Dez anos’ é fantástica, ten moito humor e non decae en ningún momento. Neste caso, o que máis me gustou foi precisamente o final.

    O meu voto é para ‘Dez anos’.

  3. Boas noites;
    Calquera dos dous textos parecéronme complicados e de difícil lectura. Se cadra é culpa miña, non dos textos.
    “Teletraballo” acaboume enganchando con esa mente perversa de Hopper. Orixinal a maneira de reflectir o diálogo e o pensamento do protagonista (estilo teatral). E gustei do final, vai gañando en intensidade.
    “Dez anos”, non acabou de engancharme a historia que me contaba. Demasiadas onomatopeas que interrompen a acción, unha ortografía (lusista ou portuguesa?) que dificulta bastante a lectura.
    O meu voto para “Teletraballo”.

  4. Teletraballo

    Foi boa idea intercalar eses flashes (do narrador? de Hopper?) no dialogo inicial. A conversa en si é moi profesional (por parte da personaxe e tamen do autor) pero é á vez tamen algo topica (non o digo a mal), asi que lle queda moi fresca calquera cousa nova.
    O seguinte parágrafo é como unha diapositiva que me situou moi ben na mente de Hopper (non me caeu moi ben o tipo), e está ben narrada esa 1º persoa. Isto ademais significa que as intervencións no dialogo son de Hopper. Non sei por que me gustaba mais pensar que eran dun narrador que reinterpretaba o que Hopper dicia.
    Este relato estouno comentando segun leo. Vou pola metade e o certo é que agora espero algo mais, un avance na trama, algo que contraste co que xa me deu o autor. A posta en escena levou medio relato, a ver como sigue.
    Un novo dialogo. É unha repeticion exacta do primeiro. Refírome ó que transmite. Sube a intensidade das ameazas, pero o contido é o que un podía imaxinar a estas alturas. Un apunte: agora Hopper está mais involucrado, antes dicia “queren a sua casa”, agora di “queremos a sua casa”. Non sei que cambiou para que sexa así.
    O final está ben resolto como final do relato pero non trae tampouco nada novo consigo, ou polo menos eu non o vin.
    Penso se este non sería un relato para 3º persoa. Como di Duncan Hopper ten algo de chispa, pero non enche a pantalla, é un secundario no seu propio relato. Calquera mandado de Caprese faría ese traballo de igual maneira nos tempos do confinamento, enton, por que foi elexido Hopper polo autor?

  5. Dez anos

    Gustame como se describe o que sente Braulio co estoupido ese. Está moi ben conseguido.
    Cando mencionei en Teletraballo o de que, trala posta en escena, “esperaba algo mais”, referiame a algo como o qeu si sucede en Dez anos. Tralo asunto do estoupido o tema do relato parece cambiar totalmente a outra cousa, ó illamento voluntario de Braulio e as trapalladas que fai estando so. Xa temos duas paisaxes diferentes no relato coas que traballar e que se fusionan igual que o ruido da cafeteira e os disparos do soldado. Iso é bo deseño de relato.
    A galopada de Brauiio tenme un toque surrealista que me despistou un pouco. Bueno, mais que a carreira en si (non é raro que alguen corra cara un ferido), a razon que se da da mesma. Eu teriao suavizado un pouco (xornalistas? veciños?). Do final gustoume o ranrataplán do tambor. O demais pareceume forzado ó redor da carreira e a (falsa) morte do soldado. Por exemplo, que importa que sexa unha recreacion, unha guerra real ou esten filmando unha peli? O ataque ó corazón teria ocorrido igual e ningunha das opcions me parece mais ironica que outra, porque el non corre por iso, nin seqeura cre morto ó soldado, faria o mesmo se se estrelara un dron na leira.
    hai un dato interesante que non notei ata agora. É a X edicion da recreacion historica da guerra civil e Braulio leva (tamen) 10 anos vivindo só. ok, pero isto que significa? que Braulio se perdeu as IX edicions anteriores? Supoño que a tal guerra non ocorreu hai 10 anos, senon moito antes (di que as bandeiras son anacronicas). Ó mellor algun comentarista me axuda a comprender mellor isto, estarei atento.

  6. Boas!
    Paréceme o mellor duelo desta xornada. Os dous relatos puxéronme a funcionar a neurona. Se me colle entre semana ao mellor non os gozaría tanto.Culpa miña, non dos relatos.
    Teletraballo.
    Gustoume todo o risco e as molestias que se tomou, paréceme de 10 como vai metendo os pensamentos Se fora Pepe en vez de Hopper sería o mesmo, ou non? porque entón non preguntaríamos porque é Pepe. Que sexa Hopper, dálle un toque cómico ao meu ver, igual que o das enaguas, o puto can. Aí tamén vexo un algo de resignación, coma no “non me podo deixar enlear”. E rastrillar, pedregallos. Traballos forzados? Está ameazado? Vou arriscar con Hopper e a escolla. O autor mestura dous tempos, a idea do teletraballo actual e o tempo de Hopper, as enaguas, a mafia. A miña cabeza non se daba ubicado nun tempo así que que o autor o fixera a propósito gústame.

    Dez anos.
    Tamén me gustou e aínda que na primeira lectura despistoume tanta onomatopeia, en sucesivas pareceume fresco, interesante, arriscado. Ben polo autor. O problema téñoo co personaxe, que non o acabo de entender e non sei se me arrepentirei disto, chamádeme tola pero eu vexo unha árbore por cousas como “o deixou cravado no chão”, ” Incapaz de se mexer,” ” Notou como lhe brotavam raízes por baixo dos pés.” así ten sentido que a carreira o mate, o da altura pero non o da cafeteira. Non teño resposta para o dos X anos.

    Voto por Teletraballo.

  7. Boas. Duelo moi parello este. É curioso como os autores sincronizaron as súas máquinas de narrar presentando dous relatos de “persoaxe” inspirada pola imaxe.

    “Teletraballo”. De este relato gustoume moito a linguaxe e a maneira de ir metendo ideas. A min tamén me pareceu acertado en xeral ir intercalando os pensamentos do tipo entre as sentenzas. Sospeito que é algo máis difícil do que parece de lograr sen que quede cargante, aquí vai no límite nalgunhas partes e queda suavizado polo parágrafo do medio. Como xa dixen é un relato este de persoaxe onde a graza está en escoitalo e saber, realmente do que está feito. Moita pena, moito zen, pero o can teno el na casa. Hai que traballar. Como curiosidade para o autor teño que confesar que despois de lelo por primeira vez (era tarde) soñei que a última chamada a facía a sí mesmo para autoextorsionarse. Ao relelo levei unha pequena decepción pero iso xa é culpa miña namais.

    En “Dez anos” volvemos a falar dunha persoaxe, pero aquí cóllese o surrealismo como bandeira. Teño que confesar que as onomatopeias ao principio me fixeron graza, pero ao final me cargaron algo (creo que é cousa miña tamén). Está moi ben escrito, flue sen ningún problema e a persoaxe ten graza. Pero non dou pillado se hai algo, ou non o hai, o dos dez anos, a recreación da guerra, esa morte na “resistencia”…

    O meu VOTO vai para “Teletraballo”, as relecturas séntanlle mellor porque amosan as varias capas da persoaxe, que é o núcleo da súa narrativa.

  8. Boas¡ Moi bo duelo. O cadro dende logo é bonito e creo que chama moito a escribir sobre a personaxe porque todo o cadro é a personaxe, a Hopper dábaselle de medo pintar á xente soa, e creo que esa forza contaxiou aos relatos, pois se ben en Dez anos é máis obvio, penso que en Teletraballo aparece unha personaxe ben solitaria. Que marabilla¡
    Ao comezar Teletraballo pensei que me ía custar máis facerme a tanto pensamento, pero creo que o autor o usa moi ben. Non pensara no problema da personaxe que parece secundaria, pero non me amola moito. Creo que lle acae ben ao rol de mandao. Penso que o autor se arriscou co estilo e agradézolle moito iso. A pesar de que é case un calco da primeira chamada, a segunda penso que subraia o carácter de encargo, aínda que quizais si que nalgún dos pensamentos de Hopper parece que se involucra máis sen haber razón aparente.
    Dez anos encantoume, non sei se é o meu gusto persoal, pero as onomatopeas encaixáronme moi ben, así como o estoupido do comezo. En xeral penso que está moi ben escrito, tanto o ritmo como a carreira final gustáronme moito. O texto completo parecíame impecable, pero ao ler os comentarios si que non me encaixa tan ben a manifestación histórica que en teoría o tiña que ter imatado nove anos máis, pero se teño que sacrificar algo de incredulidade por gozarme tremendo relato fágoo encantado.
    O meu voto vai para Dez anos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s