Eva Moreda: “Con menos páxinas os posmodernos dirían o mesmo”

Eva Moreda.

Eva Moreda vive desde hai anos fóra de Galicia. Desde Escocia mantense atenta ao que ocorre na literatura galega na súa faceta de crítica (que exerce en Biosbardia e Tempos Novos, entre outras cabeceiras). Como autora, tras anos sen publicar, acaba de editar Para toda a vida (Aira). 

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Penso que foi A volta ao mundo en oitenta días, de Jules Verne. Lía nel os domingos no estudio, un pouco ás agachadas do resto da casa e sentíndome ben vella, porque xa era algo un pouco máis substancial que os contos e álbumes ilustrados que lera de máis pequena.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

O de “pouco coñecido” é relativo, porque os dous son autores que gozaron de recoñecemento no seu contexto durante un tempo, pero no 2018 lin, con poucos meses de diferenza, The Beautyful Ones Are Not Yet Born, do ganés Ayi Kwei Armah, e O año carnívoro, do andaluz de expresión francesa Agustín Gómez-Arcos. Cos dous pasei días sen poder deixar de pensar nos universos que retratan; os dous conseguen expresar “desde dentro”, usando a voz narrativa máis que os acontecementos que se contan, cómo unha sociedade autoritaria, inxusta ou corrupta pode destruír o individuo. O de Gómez-Arcos debe de ser a mellor novela que lin sobre o franquismo e penso que non nomea a Franco ata xa pasada a metade o libro.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Intentei ler a William Faulkner varias veces ao longo dos anos; aprecio o inmenso valor das súas innovacións literarias, pero digamos que de xeito máis intelectual ca emocional.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.

Aínda que obviamente hai moitos escritores e escritoras que leo con gusto, tampouco me atrae moito coñecelos en persoa. Agora que me fas esta pregunta, ocórreseme que me gustaría coñecer a Doris Lessing. Igual porque lle estiven lendo a serie dos Fillos da violencia (Children of violence) e me interesa a súa perspectiva do Bildungsroman feminino. Tamén me dá a impresión de que foi unha muller que sempre escribiu o que lle petou e dixo o que lle petou, sen caer en modas pero tampouco sen intentar epatar a toda costa.  

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o.

Teño moita devoción por D.H. Lawrence e a súa Inglaterra tan nostálxica e tan pouco amable ao mesmo tempo. Porén, dáme a impresión de que en persoa non nos entenderíamos demasiado ben. Un exemplo máis contemporáneo sería V. S. Naipaul.

Un libro recente que lle gustase moito…

Non adoito ler moitas novidades, pero un do 2014 que lin uns anos máis tarde e que me deixou pegada é Los extraños, de Vicente Valero.

Unha novela que non puido terminar…

A novela posmoderna, enciclopédica e totalizadora na liña de Pynchon, Bolaño, Moresco, etc. atráeme moito na teoría, pero na práctica remato por pensar que para que tantas páxinas: cun par de centos menos dicían o mesmo e creaban o mesmo artefacto literario mareante. Unha nesta liña que deixei a 100 páxinas do final é A naked singularity, de Sergio de la Pava.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Algunha de Joseph Roth, ou Os demos, de Heimito von Doderer. A decadencia austrohúngara sempre me reinou moito. 

Que novela a reconciliou coa literatura?

A literatura en xeral nunca deixou de interesarme. Coa literatura galega, si que tivemos uns anos que andamos ela e máis eu algo encabuxadas; co tempo volvín ler e decatarme de que si que hai unha apreciable cantidade de autores que intentan escribir con honestidade e construír un proxecto literario de seu, igual que en calquera outra literatura. Por citar un monllo de obras que lin vai aló tres ou catro anos, diría Ana e os homes de Mario Caneiro, A identidade fascinada de Antonio Piñeiro, … e os domingos un croissant de Ursula Heinze, Lémbrome de Xurxo Chapela.  

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Hai varios. Bastard battle, de Céline Minard, ponme respecto porque é moi curtiño pero está escrito nun pastiche de francés antigo. Under the Frog, de Tibor Fischer, un autor británico de orixe húngara; aínda que o libro é dos anos noventa, hai pouco lin unha entrevista con el e interesoume o que dicía. Unha escolma de poesía irlandesa editada e traducida ao galego por Alberte Momán, etc.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Tiven a sorte ao longo dos anos de ter lectores que me dixeron cousas ben amables dos meus libros, pero ao mesmo tempo hai unha crítica que se repite: Achei de menos algunhas páxinas máis. Gustaríame escribir algunha novela, xa non digo de 1.000 páxinas, pero si de polo menos 300. En realidade gustaríame facer o que Dorothy Richardson co seu Pilgrimage: unha serie de trece libros que en realidade ela consideraba capítulos da mesma única novela e que seguen a vida e experiencias formativas dunha muller ao longo da primeira metade do século XX.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Penso que cando escribín O país das bestas crera demasiado relixiosamente o mantra ese que aínda se escoita de que á literatura galega lle fan falta máis obras comerciais. Non digo que non haxa aí algo de verdade, sobre todo desde o punto de vista empresarial, pero non creo que iso signifique que cada autora ou cada libro teñan que tirar pola vía comercial. Entón, intentei encaixar unha trama que a min me semellaba de intriga nun tema que se cadra pedía outro tratamento. Agradézolle moito a Tucho Calvo, o editor, a súa fe nesta novela e a súa paciencia no esperar varios anos a que o terminase, e tamén lle agradezo a Méndez Ferrín (que estivera no xurado do premio Biblos ao que presentei o proxecto do libro) algún comentario amable de máis que fixo sobre a novela, pero hoxe seguramente a escribiría doutro xeito.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Empecei a escribir un no confinamento e fíxeno durante uns tres meses e medio. 

Escribirá as súas memorias?

Gustaríame escribir unha serie de microensaios de 100 ou 200 palabras sobre aspectos da vida cotiá en Inglaterra e Escocia que me chamaron a atención cando vin para aquí e que ma seguen chamando. Hai un ano ou así escribin catro ou cinco e logo mandéillelos a dúas revistas que me pediran unha contribución. Non sei se terei a paciencia para escribir todo un libro nesta liña, nin tampouco cousas abondo que dicir.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Gloria Fuertes. Tiñamos na casa un libro que recollía os poemas premiados nun certame que ela organizara entre a rapazada da altura. Fíxome ver que había outros nenos e nenas que escribían tamén.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Véñenme ganas abondas de facelo cando leo en libros de ficción ou poesía algunha frase antiliteraria tipo “desmantelar as estruturas de poder”, sen que sexa de xeito irónico ou nun diálogo para definir a unha personaxe. Tamén che digo que seguramente logo me lanzaría á piscina rescatalo, que a visión e o tacto dos libros empapados dáme moita grima.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Moita da literatura de unidade didáctica que tanto campa ultimamente.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Lin Dos anxos e dos mortos, de Anxo Rei Ballesteros relativamente tarde, cando xa cría ter un coñecemento bastante aceptable da literatura galega, e quedei marabillada. Non vou dicir que sexa un escritor esquecido pero tampouco se lle fai moito caso comparado con outros da súa xeración. 

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Hai varios clásicos, obras e autores, da LIX galega, que para min entran dentro desta categoría. Son libros que nin me atraparon de pequena nin me emocionaron cando os relín de adulta. Por outra parte, é obvio que estas obras e autores foron pioneiros en anos ben difíciles e que conseguiron crear un público lector e unha escena literaria que hoxe ten recoñecemento internacional, así que está ben claro que o problema o teño eu e non eles. 

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Temos a sorte de que tanto A esmorga como Xente de aquí e de acolá existan en tradución ao inglés (e moi boa en ambos casos), que é moi práctico para que os que temos a vida fóra de Galicia poidamos achegarlles algo do que somos ás nosas parellas e amizades.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s