Os romanistas e o nazismo (I)

Victor Kemplerer.

Xesús González Gómez.

Despois de ler dun tirón Luna amarilla, novela do escritor vasco (en eusquera) Joxemari Iturralde, publicada pola editorial Pamiela en tradución do seu autor, que trata da guerra de Marrocos cando o desastre de Annual, e que contén «escenas» que se poden considerar gore, mais que son necesarias para explicar o que aconteceu naquela guerra colonial, considero persoalmente que falla no desenlace, pois sen saber cal será este, o lector pode descubrilo, ou intuílo, bastantes páxinas antes de chegar ás últimas. O que non quere dicir que o desenlace non estea ben ligado, que a trama podía dar facilmente ese desenlace, pero, acho, é darlle unha volta de mais ao parafuso. A narrativa vasca actual, como a catalá, está a pasar un momento de esplendor: mágoa que un teña que ler estes autores en castelán ou catalán, por descoñecemento do idioma orixinal, xa que nas bibliotecas de Barcelona hai cantidade de libros en éuscaro, doados polo goberno vasco ás bibliotecas catalás. Como ía dicindo, ao rematar esta novela, que recomendo, collo na biblioteca do barrio El vell i el nou humanisme, de Victor Kemplerer (Barcelona, Universitat de Barcelona Edicions, tradución de Marc Jiménez Buzzi e presentación de Antoni Martí Monterde). É curioso constatar que de Klemperer como ensaísta da súa  «parcela» profesoral (é dicir, romanista) este é o segundo libro que se publica en catalán (o primeiro foi Assaigs, Valencia, Publicacions de la Universitat de Valencia, 2008): en castelán só esta traducido, publicado, o seu pequeno ensaio Literatura universal, Literatura europea (Barcelona, Acantilado, 2010)

Este libro de Klemperer reúne dous escritos de despois de 1945 sobre o tema do humanismo: «Cultura, consideracións despois do afundimento do nazismo», «Vello e novo humanismo», e como apéndice documental, as recensións de tres libros de Ernst Robert Curtius. O vello humanismo sería o humanismo renacentista; o novo humanismo, o que provén da Rusia soviética, do marxismo, sendo o seu heraldo maior Máximo Gorki. Quen lera os diarios de Klemperer (unha das obras mestras do século XX), publicados postumamente, Quero dar testemuño até o final: diarios 1931-1942 e Quero dar testemuño até o final: diarios 1942-1945 (Barcelona, Galaxia Gutenberg, 2003), pode ficar sorprendido, xa que nos diarios non é moi benévolo cos comunistas (e menos cos sionistas, malia el ser xudeu), mais despois de 1945 decatouse de que só na hoxe defunta República democrática alemá se levaba a cabo seriamente o proceso de desnazificación, de aí que acabara afiliándose ao Partido comunista. (Sobre o tema, o da desnazificación tanto na RDA como na República Federal Alemá, recomendo o libro de Uwe-Karsten Heye: Los Benjamin. Una familia alemana (Madrid, Editorial Trotta, 2020), no que se demostra claramente que na RFA non houbo desnazificación até máis alá de 1968: a prensa, o exército, a administración, as universidades, a educación, a xustiza, os servizos secretos da Alemaña do oeste estaban «copados» por ex-nazis, moitas veces notorios)[1].

Os estudos sobre Klemperer, sobre todo como autor dese outro libro capital: LTI. A lingua do Terceiro Reich son innumerábeis, menos coñecida é a súa faceta de romanista, polo que recomendo o artigo de Joseph Jurt, «Victor Kemplerer dans le contexte de la romanistique allemande», publicado na revista francesa Raison Presente, traballo no que Jurt sinala que despois de 1945 Klemperer abandona toda referencia esencialista, calquera alusión á denominada psicoloxía dos pobos –esencialismo e psicoloxía que están presentes nas referidas recensións e que desaparecen nos dous escritos posteriores a 1945–, de aí que endureza as súas críticas a romanistas alemáns como Curtius, lembremos que este é autor dun opúsculo titulado O espírito alemán en perigo –o perigo, evidentemente, viña do comunismo, do marxismo– e outros que aínda usaban estes «conceptos».

Marti Monterde no seu prólogo lembranos que a maioría dos romanistas (e comparantistas) alemáns aceptaron o nazismo sen dar un chío: aceptou, sen ser nazi, o nazismo e non se meteu en «líos». Karl Vossler, «profesor e reitor da Universidade de Munich durante os anos trinta e corenta e colaborador de diversas revistas fascistas» – Juan Ramón Jimenez, en canto o soubo, negouse a saudalo–, Hugo Friedrich, íntimo amigo de Heidegger, catedrático en Friburgo en 1937 e en Berlín en 1942, Robert Curtius, que sen ser nazi prefería o nazismo ao bolxevismo, etc. Moitos destes romanistas están hoxe esquecidos, mais os dous últimos que acabamos de citar son, aínda hoxe, «insoslaiábeis» no que se refire aos seus estudos: Estrutura da lírica moderna e Montaigne, de Friedrich; e de Curtius sobre todo Literatura europea e idade media latina. Como tantos outros críticos e estudosos da nosa contemporaneidade.

[1] Por outra banda, o lector deste libro pode facer una comparativa do proceso de desnazificación da Alemaña do Oeste co proceso de «desfranquización» de España: semella o español copiado liña a liña do caso alemán.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s