‘A gran final’ vs ‘Rotonda celestial’

Xornada 2. Pilar Vilaboy fronte a Fran Fernández Davila.

A gran final

Chegamos tarde. As entradas esgotadas dende hai meses. O aparcadoiro cheo. Coches de todas as marcas. Os tornos lamben os códigos de barras. Ábrense de portas á rotonda central.

Pasamos dos sinais, nin Mundo Martín Codax nin Séculos Escuros, que lle dean ao Curro de Pondal e ao Odeón de Castelao, nada de Cunqueiro’s Bowl, tampouco o teatro Manuel María.

Guiámonos polo ruído, polo estrondo, polo rumor. Coliseo da Pedreira. Nin un asento libre. Máis ruído. Sentamos nas escaleiras. Temos sorte. Hai xente subida aos muros, xente de pé contra as paredes, xente pendurada dos farois, xente a punto de caer do anfiteatro. Xente, bruido, xente, clamor, grallar de xente coma gaivotas. E despois silencio, escuridade, música de tensión e logo estrondo, distorsión, mármore a baternos nas orellas.

Xigafonía, anunciación:

―Dende Muxía, con cincuenta quilos de estrofas, e metro e medio de verso… a poeta das ondas, a sílfide da costa, vinte e nove gramos de revolución… Andreaaaaaaaaaaaaa Noooooooooooonaaaaaa.

O estadio trona, as luces tremen, as estrutura trecolea, batemos o chan cos pés.

Terafonía, anunciación:

―Dende Santiago, con menos tres por cento de graxa corporal, e dez mil millóns de seguidores… o youtuber svaroski, o influencer do silencio, o lingua solta do caribe…Valdaaaaaaaaaaaaaaaaaaano Mar-Mar-Mar-Mar-Maaaaaaarxxxxxx.

Son de espadas de música moderna, terremoto presencial, os focos brillan por enriba da súa potencia, o mundo en fundido a branco, caen cascotes neuronais.

Xa non silencio, baleiro sonoro, unha escena de Kubrick no carreiro de Plutón. Declama Nona.

―«Han de saber as landras do noso centro que os atallos que algún tempo fomos deixáronse apañar polas formigas que había no pan».

Andrea Nona on fire! A audiencia voa entre partículas subatómicas. Medio millón de decibelios sentimentais. Vai ser difícil que Valdano se repoña. Valdano contrataca.

―«Gústame viaxar polo mundo, en coche, en tren ou vagabundo».

Primeiro asalto. Continuación. Segundo, terceiro e ao final o cuarto.

Apáganse os farois. O xurado delibera. Trinta mil pantallas agroman coma rosas de luz. Fretámoslles os pétalos coa xema. Repasamos as notas. Facemos apostas.

Petafonía, anunciación.

O xuri xa deitou o seu xuízo. Un home enorme, musculado, dous metros de alto e brazos coma bois, amarra os poetas polos pulsos. Conta atrás.

Exafonía, anunciación.

Música de Van Halen. Valdano gañador. O xingantón cólgao do brazo. Emite escorzos polos pés.

Cerimonia de coroación. O mastodonte e Andrea Nona desaparecen, «uíîîîîîî aaaaar de chaaaaaampions, mai freeeeheeeen…». Valdano ergue os brazos e sorrí mentres pasea. O primeiro croio atínalle nos dentes. O segundo non acerta. Logo cae un enxame de seixos, unha pléiade de rochas, un conglomerado de cantos, unha miriade de pelouros….

E o poeta acaba alí, devalado en monte, en pirámide de pedras, e logo en nada. Só unha data, só un nome para dez anos despois. Para o día das letras galegas mortas.

Abandonamos o parque enchidos de lexemas, de ideas e fonación.

―Eu saio contenta ―digo.

―Pois eu non sei que dicirche. Dáme pena por Andrea Nona.

―Si. Igual ten máis sorte para o ano.

………………………………………………………….

Rotonda celestial

Aquela imaxe manida de san Pedro recibindo os mortos cunha manda de chaves na man e un cuestionario que decidise se entrabas no ceo xa pasou á historia. Agora o comportamento na terra é coma un verso solto carente de rima.

San Pedro tivo que modernizarse, xa que os camiños do ceo son inescrutables. Tomou esta decisión canso de ser condescendente cunha chea de literatos e lingüistas mediocres. Tiña claro que non debía axuntalos cos bos e xenerosos. Fartouse de tantos silencios despectivos cando o santo lles preguntaba cousas básicas sobre a literatura ou a lingua do país. Que podía facer con eses “malos” despois de mortos? Argallou unha rotonda onde poder escoller un purgatorio persoal adaptado ás carencias persoais. Unha especie de olimpo das letras con varios roteiros:

O ramal 5 decidiu destinárllelo aos monolingües en castelán. Un servizo de tradución á carta. Ten como lingua vehicular o portugués e a única lingua censurada é o español. Acadas o nivel dun CELGA 4, pero no Alén non se expiden títulos oficiais nin fai falta ningunha documentación.

Os malos falantes deberán coller o desvío 1. Teñen dous sistemas didácticos: aprendes a falar polas boas ou con método alemán. O apartado de prácticas fonéticas é estrito e non saes de alí ata que distingas as sete vogais e o “n velar”. Hai lista de espera, unha chea de xente esperando a súa quenda.

O camiño 3 vén sendo un máster complementario ao tratamento específico da lingua con certos xéneros literarios. Aquelas poetas que vivas non escribisen cartas de amor deben facer intensivos de misivas románticas. E aqueles que non cultivasen a poesía en vida, obríganos a practicar co verso libre ou co rimado. Unha especie de castigo para os autores que non dan saído da súa zona de confort de sempre.

Para os músicos hai unha saída especial, a número 9. San Pedro comproulle ao compositor Billy Joel os dereitos da canción Tomorrow is today e ten que sacarlle rédito. Non cabe o silencio neste desvío. Todos aqueles artistas frustrados en vida poden redimirse aquí.

O derradeiro ramal, o 8, é unha oda aos chauvinistas. Como sempre pensan que o deles é o mellor, vense obrigados a ler o libro de George Bataille La part maudite e facer copias del ou un resumo dos capítulos máis interesantes. Este é escollido sobre todo polos amantes da literatura francesa. E teñen que ter un xeitiño francés para pronunciar as vogais coa boca moi pechada.

Hai días que san Pedro prefería non ter este traballo ou dimitir. Porque os seus pupilos non escarmentan e aprenden aos poucos. Os mortos chegan apáticos e desmotivados. Moitas veces seguen pensando que están vivos e que van poder liscar, como cando acabas de traballar e marchas para a túa casa. Ninguén lles contou que desde que escolles algún camiño desta rotonda xa todo é eterno. Eterno e sen volta atrás.

9 comentarios en “‘A gran final’ vs ‘Rotonda celestial’

  1. Bo día, paso a comentar este duelo.

    “A gran final”. O comezo resultoume un pouco incómodo, con ese primeiro parágrafo de frases tan curtas e, un chisco, inconexas entre si. Mais cedo colle ritmo e vai manténdoo e gañando intensidade escena a escena até chegar ao acto final. Gustei moito do epílogo. Só botei en falta poder asistir aos “rounds” seguintes ao primeiro envite, pero iso é un problema da limitación na extensión, non do relato.

    “Rotonda celestial”. Pareceume máis coherente e estable en canto a forma e ritmo e gustei da súa premisa. O único malo que lle podo atopar ao relato é que o lin despois do subidón de Van Halen e Queen do espectáculo do anterior. En calquera caso, aínda que non fose así, penso que lle tería quedado ben unha representación por parte dunha personaxe do funcionamento desa rotonda, en lugar de facer “só” unha descripción dela.

    O meu voto vai para “A gran final”

  2. A gran final

    O inicio é un pouco durete, pasoume como a duncan. Ademais ó ser en 1º persoa engadese unha dimension extra que penso qeu non era necesaria tal como se narrou esta intro. É un narrador un chisco teatral. Eu creo que en 3º persoa teria sido mellor, de feito a narracion ten un aire mais omnisciente que subxectivo.
    Outro dato: a narracion ten o mesmo caracter estrambotico que os anuncios por megafonia. iso tampouco queda ben. De feito pega mais con iso que co dialogo do final.

    do relato gustoume mais a idea que a execucion. entendo que tiña que ser algo tolo, pero non me entrou ben de todo polo que xa dixen.

    A idea, en cambio, é tremenda. unha distopia literaria que como toda distopia é tamen unha crítica ben traida. No futuro teremos qe ir matando os nosos poetas e novelistas para poder seguir dando dias das letras galegas (algo ási). É moi bo, hai que admitilo. É un relato que sen ser unha maravilla da tecnica mereceria estar en calquera antoloxia simplemente polo que conta.

    Rotonda celestial

    De novo concordo con Duncan nas sensacions deste relato e no feito de que non lle favoreceu que a sua parella de baile tratase un tema similar (bueno, eu vexo similitudes) pero dunha forma moito mais histrionica e chamativa. Parecéronme divertidas as saidas da rotonda (recordoume os circulos infernais de Dante, que ven sendo o mesmo). Eu tamen botei de menos un protagonista co que camiñar por este escenario tan ben detallado. Ó mellor conviña sustituir a san pedro por un duo (un guia, que podia ser o propio san pedro + un recen chegado), para que a explicacion fose a traves dun dialogo. Non sei, ó mellor tampouco funcionaria. As descripcions dos ramais ocupan moito, pero ó mesmo tempo é o que lle da vida ó relato.
    Tamen me gustaria modular mellor o ton do narrador para que fose mais neutro, que tomase mais distancia co que está narrando. O narrador parece unha personaxe mais do escenario, e non qeuda ben porque xa temos a san pedro como elemento narrativo que cumpliria esa funcion, inda narrando en 3º persoa.

    Un duelo entretido.

  3. Bo día;
    Non comentades nada deste duelo, salvo Duncan… Como son parte implicada estou intrigada en saber a vosa opinión. Marisol comentou os outros relatos, pero este non. Por certo moitas grazas polos comentarios Lois Z. Parécenme moi atinados.
    Feliz domingo a todos e todas

  4. Si Xosé, xa o vin. No teu duelo estades ti e mais Marisol, co cal non podedes opinar. Pero o que me pareceu raro de Marisol é que opinase de dous, en vez de tres… O que falta é onde participo eu, que só ten o teu voto e comentarios de Lois Z. Fran Fernández non pode votar no noso porque somos competidores esta semana…
    Aínda hai tempo ata martes, creo…

  5. Boa tarde! Os dous relatos gustáronme, na radical diferencia de ritmos entre ambos, é certo que talvez é necesario tomarse uns minutos entre o primeiro e o segundo, para acougar.
    ‘A gran final’: gustoume moito a idea, pola epicidade que permite, e a imaxe que transmite é potente, con ese estadio cheo nesa gran final, que de seguro ten ao país paralizado.
    ‘Rotonda celestial’: a premisa tamén é interesante, o que pasa é que ao non haber trama como tal, custoume algo máis engancharme.

    O meu voto vai para ‘A gran final’.

  6. Boas, case me sinto obrigada a non deixar pasar de hoxe o debido comentario. As veces no camiño atopamos sinais que nos fan cambiar de ramal ou velocidade e algo diso hai neste duelo. Gustoume especialmente porque a foto é miña e traeme lembrazas dunha viaxe a Porto.Paso a comentar os relatos.
    “A gran final” Máis estraña aínda que a rotonda da foto. É un relato que pasada a intro, que non sabía moi ben a onde me ía levar, arrastroume a toda velecidade cos seus efectos de luz, son e sintaxe. Recoñezo que o tiven que ler un par de veces para ver de que ía a historia. De primeiras sobresaen frases e referencias que me parecen coma matrioskas, con moitas cousas dentro. En canto a idea como ben apuntou alguén é xenial.
    “Rotonda celestial” Este relato vai a outra velocidades distinta. Se arriba era euforia e loucura aquí é pausa.Pode que facelo dialogado lle dera máis ritmo pero nin de broma está pensado para arrastrarte senón guiarte. Eu imaxino a San Pedro poñéndoche a man enriba do ombro explicándoche todo con calma. Tamén por ese desfase diexeino repousar para lelo totalmente desvinculado do seu rival e gaña moitos puntos. O desvío 1 e 3 parecéronme especialmente ben tecidos pero non vexo moito unha conexión entre todos eles.
    Voto por “A gran final” pola idea do conxunto e por sacarme totalmente do sitio.

  7. Desculpa Marisol por presionarte e sentirte obrigada. Non era esa a miña intención. Simplemente barallei a posibilidade de que esqueceras un dos duelos. Grazas polos comentarios.

  8. Boas. Chego tardeeee pero a tempo. (Imaxinade como está o relato que teño que entregar mañá…) Son curiosos os camiños que trouxo a foto para ambos duelos. Moi parecidos no fondo pero radicalmente distintos en forma.

    “A gran final”, gustoume moito o ritmo do relato. Que use poesía para narrar un certame de poesía tamén é un acerto. Concordo en que a idea é fantástica, un relato afortunado. Tamén toca certos paus de moda, penso. O gañador recordoume a certo gañador-bot que está tan de moda últimamente. Poucas eivas lle atopo dignas de ser resaltadas.

    “Rotonda celestial” aquí a idea tamén é bastante boa. É certo que, como sinalaron outros, ter a un rival cun ritmo tan demencial faga de contraste con este ritmo moito máis pausado. Dame a sensación de que con algo máis de espazo (ou tempo) a idea podía coller outra dimensión. O final, tal como está, queda algo neutro. Sobre todo porque o do seu rival é moi potente. (Pd: Faltoume un ramal para os de Galicia Bilingüe directo ás entrañas do averno.)

    O meu voto vai para: “A gran final”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s