‘Dáme veleno’ vs ‘O paraugas’

Xornada 2. Ana Vigo fronte a Carlos Vega.

Dáme veleno

Alberto pensou que, por sorte, hoxe só había pedido pola mañá. Non tería moito máis que facer ata o descanso ademais de meter a factura no ordenador, e seguramente faría campamento na oficina, con calquera revista que lle tivera deixado o pai onte.

Aquela palabra envelenóuselle segundo lle saía dos miolos. As punzadas que ao instante semellaron atravesarllos interromperon todos os plans e propuxéronlle pasar a próxima media hora debruzado sobre o diminuto baño. Alí, por fin conseguiu desaloxar os últimos refuxiados, un vodka laranxa que xa semellaba vermello e un Thunderbitch que inexplicablemente se lle tornara verde dentro. Cos ollos medio pechados recordou o pouco de teoría cromática que dera no seu único ano en Belas Artes. A piques de chegarlle a memoria ao segundo cuadri, Alberto sacudiu a cabeza é, apoiando peito e espírito nos brazos, conseguiu erguerse fronte ao espello. 

Menos mal que lles aforrara esa visión aos país onte, pois xa se deitaran antes de chegar el. Un flashback rompeulle a tregua momentánea que mantiña coa cabeza, e recordoulle como, nos baños do after, atopara un home que anda a invitar. Botando as mans aos petos traseiros do pantalón atopou o agasallo daquela sombra da que só lle recordaba as mans, peludas e fortes. Das que che dicían que facer. Valorou a súa situación actual fronte á curiosidade científica por identificar aquela herba cos pulmóns. Pensou que, cun porrito en la mano, yo me lo lío.

Volveu entre nubes á sala principal da nave, onde a trituradora. Dende logo, as mans daquel home viñan de terras estrañas. Aquel campanote non era de aquí. Estarricou os brazos sobre a cabeza. O corpo, que ata aquela so lle dera sinais de vida polo aparato dixestivo, pareceu resucitar e, ao ritmo que agora era capaz de escoitar no rumbar das cadeas, foino levando ata o centro da pista, entre os xigantescos corpos.

Pero Alberto xa non vía os corpos. Xa non vía nada, aínda que cría ver o que imaxinaba. O cerebro dera por perdido o caso e, cedendo ao corazón, limitouse a pórlle diante dos ollos as luces vermellas do pub das tres da mañá. Do de bailar. Non lle fixo falta máis. Baixou a cabeza, solemne, e co brazo en alto, para que non lle caese a copa, comezou a seguirlle o xogo ao DJ, que non era outra cousa que unha picadora tamaño industrial.

Quixo o temazo que, nunha destas, lle tocase a man do vaso nun dos corpos que enfiaban pola cinta xirándose xusto a tempo de que o fume que levaba dentro lle puxera diante terrible maromo de dous metros co cu de pedra. Dende logo, a cabeza coñecíalle o gusto do corpo. 

Intentouno canear pero enredou a man na cadea que suxeitaba as pernas ao porco, cousa que o fume lle dixo eran as mans do mostrenco, que o turraban cara ao DJ, onde a música era máis forte. El, con ganas de terminar a noite en cama quente, non se resistiu.

…………………………………………………

O paraugas

O edificio enmudecera, pero nos seus oídos aínda retumbaban os berros dos animais sacrificados. Atrás quedara o tempo no que lle producían calafríos. Despois de tantos anos naquel matadoiro, embargáballe a indiferenza ante o sufrimento das bestas.

Aquela xornada traballaran sen pausa, co ritmo frenético de sempre. Foi a última en saír, entretivérase de máis na limpeza da maquinaria. Camiño do coche, sentiu que empezaba a chover. Detívose en seco; esquecera o paraugas no matadoiro. Aínda quedaba unha boa tirada ata o vehículo, polo que optou por dar volta.

A entrada principal estaba pechada, e non había vixilante. Tivo que arrodear para acceder por un lateral. Avanzou ás présas por aqueles espazos baleiros. Inquedábana a escuridade, o silencio e tamén o ambiente, aínda impregnado daquel cheiro a morte. Afixérase a el, pero naquel momento sentiu náuseas.

Por fin o viu, apoiado na parede. Acelerou o paso, alongou a man e aferrou o mango do paraugas. Notou un arrepío que nada tiña que ver co tacto do obxecto.

O silencio fixérase máis penetrante, case anormal. Algo se movera tras ela. Xirou amodo, sen moverse do sitio. O paraugas esvaroulle da man.

A falta de luz impedíalle ver con claridade os corpos despedazados que se arrastraban polo chan. Avanzaban cara a ela sen emitir son ningún, deixando unha pegada sanguinolenta ao seu paso. Paralizada polo medo, non puido nin berrar.

 

Ao día seguinte, os seus compañeiros preguntáronse por que había anacos de carne pendurados e listos para empaquetar, se deixaran todo ben limpo antes de marchar.

12 comentarios en “‘Dáme veleno’ vs ‘O paraugas’

  1. Bo día, paso a comentar este duelo.

    “Dáme veleno”. Por momentos sentinme un pouco perdido nalgunha das frases desta ‘rave-gore’, mais na segunda metade do relato conseguín meterme na pista de baile con Alberto e paseino realmente ben.

    “O paraugas” Atopei, ao meu ver, algunhas incoherencias nun espazo tan breve de texto. Non entendín como a protagonista era quen de pasar da absoluta indiferenza a sentir náuseas e arrepíos sen mudar de lugar de traballo nin, tampouco, transcorrer tempo entre o momento en que rematou a súa xornada e volveu ao matadoiro. Quero dicir que non vin que nada mudase dabondo como para meterme nunha situación de perigo para a protagonista.

    O meu voto vai para “Dáme veleno”

  2. Boa tarde, fago os últimos comentarios de hoxe.
    “Dáme veleno” resultoumede difícil lectura. Se cadra o problema non é do relato, senón meu. Non me convenceu moito Alberto nin esa “dobre vida” que parece ter.
    “O paraugas” gústame o principio. Tamén como desde un mínimo detalle vai progresando e convenceume máis ca o primeiro.
    O meu voto para “O paraugas”.

  3. Boas! Por causas de horarios e traballos non puiden participar nesta edición, pero leo a maior parte das roldas e vou ver se podo comentar algún dos contos, aínda que sexa desde a barreira. Como só teño voz e non voto, tamén teño outra liberdade e non sinto tanta necesidade de ser ecuánime hahaha.

    Curioso este duelo. Ningún dos dous contos me acaba de convencer moito, mais xusto por razóns opostas. Quizais “O paraugas” está mellor acabado, mais creo que non ten moita ambición: non fai nada por construír o personaxe (literalmente o único dato que manexamos dela é que traballa na fábrica hai anos), o momento terrorífico non me parece moi poderoso e o momento final fáiseme mesmo un pouco estraño. Se o que se insinúa é que é a muller a que está pendurada, como non van distinguir os traballadores dun matadoiro un corpo humano dun de porco como o que sae na imaxe? Non sei, a maior virtude deste conto é que emprega ben a estrutura de escalada de tensión, clásica pero efectiva. O problema é que non hai moita substancia despois no propio conto en si.

    Caso contrario é o de “Dáme veleno”, que penso que ten unha boa idea, mais que ten problemas de forma que fan difícil entrar nel. Non teño problema per se coa sintaxe un tanto barroca que emprega, mais escoller isto supón pedirlle maior compromiso ao lector, así que hai que recompensar este compromiso con pulcritude e exactitude nos termos empregados. Do contrario, é moi fácil perdelo. Sinalo algúns erros:

    – “Alberto sacudiu a cabeza é, apoiando peito e espírito nos brazos, conseguiu…” Non debería ser “é”, senón a conxunción copulativa “e”.

    – “Menos mal que lles aforrara esa visión aos país onte”. Non son países, senon os seus “pais”.

    Destaco estes dous primeiro porque no que noutro conto son simples grallas que non teñen maior importancia, ao escoller este estilo de forma, esas pequenas grallas que levan a outras palabras despistan moito máis do que sería habitual. As pedriñas no zapato molestan moito máis costa arriba. (hai algunha gralla máis, pero tampouco é isto unha lista exhaustiva).

    Dicía non só pulcritude, tamén exactitude. Por exemplo na frase “Valorou a súa situación actual fronte á curiosidade científica por identificar aquela herba cos pulmóns.” Hai algo que me renxe nesa frase e en realidade é o feito de que “sopesou” concorda mellor que “valorou” tanto co sentido como coa construción de “fronte á” que emprega despois.

    Por último, co máximo respecto polo atrevemento que é pulir un estilo requintado, o texto pásase moito cos incisos, ata o punto de que parece entrecortarse sen ningunha necesidade. Na frase “Baixou a cabeza, solemne, e co brazo en alto, para que non lle caese a copa, comezou a seguirlle o xogo ao DJ, que non era outra cousa que unha picadora tamaño industrial.” hai unha sobrepoboación de vírgulas hahaha. Podería converterse en “Solemne, baixou a cabeza e co brazo en alto para que non lle caese a copa, comezou a seguirlle o xogo ao DJ, que non era outra cousa que unha picadora tamaño industrial.”, creo que cun ritmo moito mellor. En xeral este exercicio habería que aplicarllo ao conxunto do conto.

    Reitero que me pareceu divertida a transmutación do matadoiro en discoteca, pero tiven que lelo como 3 veces para entendelo ben de todo. Nun conto tan curto, isto é pecado gordo.

    Un saúdo!

  4. Dame veleno

    O primeiro que teño que dicir deste relato é que para min todo el transcorreu nunha oficina. Non entendin, por iso, o final (por exemplo, pensaba que era unha trituradora de papel). Só cando subin co rato e vin a foto me din conta do que pasara. Penso que é necesario que no 1º paragrafo se faga algunha referencia ó lugar no que transcorre a accion. Con meter a palabra matadoiro xa estaba. A non ser que si sexa unha oficina e o tema matadoiro sexa unha alucinacion.
    Tampouco sei que palabra se lle envelenou, “pai”? “onte”? Notei algunhas tildes e comas estrañas, por certo, facialle falta unha pequena revision ó texto.
    Gustame como evoluciona a historia. O 1º tercio (case a metade en realidade) é unha intro clasica pero moi ben levada, con varias accions que se suceden e gracias as cales imos sabendo cousiñas, ata que chegamos ó tema porro, que parece unha anecdota mais, pero non, será o disparador do relato. Moi ben.
    Non me explico por que o autor di corpos en vez de porcos.
    O final está xenial. Pena que, como din os compis comentaristas, costa un pouco chegar ata el (as pedriñas que di Guillermo).
    O titulo non me chista.

  5. O paraugas

    Creo que o maior problema deste relato é que non logra crear unha atmosfera adecuada de “inquietude”. Mellor dito: o problema é que existe un sobreesforzo en tentar creala e non se consegue. O primeiro parágrafo é un bo exemplo. A/O autor/a introduce conceptos (berros, calafrios, sufrimento, enmudecer, matadoiro, retumbar), pero non basta con iso. É mais, é contraproducente. Porque nin a prota nin o lector teñen razon algunha para sentir inquietude. Enton, en lugar de situarte simplemente nun matadoiro, que é un sitio chungo e con iso chegaba, o que fas é pensar “que esaxeracion, non é para tanto, so vai volver polo paraugas”. Ademais está o que di Duncan, para que dicir que sente indiferencia, cando que nos interesa é o contrario? Se ela sinte indiferencia, o lector seguramente tamen, porque a empatía funciona así. Tes que asustar á prota, non ó lector. E aqui o relato intenta, a traves de recursos da linguaxe no texto enviarlle sinais de terror ó lector en vez de asustar prota mediante a accion e a historia. Incluso cando se tenta mostrar á prota asustada non hai razon real para iso e é confuso: a prota asustase soa como necesaria antesala do que vai suceder ó final, porque quen escribe o relato sabe que o terror necesita ser escalado, pero non tiña como facelo, porque o terror real está concentrado na ultima escena.

    De feito era moito mellor escribir o relato cunha linguaxe normal, sen referencias topicas, unha traballadora que esquece o paraugas e volve a por el, sen mais, e de repente -no medio do relato- soltar a escena gore. e enton ten inda medio relato para explotar esa creacion, a tipica persecucion que on é mais que unha excusa para manter a tension antes do desenlace.

    Na miña opinion os porcos zombis tiñan que ter aparecido antes e sen avisos previos (sen berros, calafrios, etc…).

  6. Boas! Duelo curioso. Non acabei de entrar en ningún dos relatos, é como se a foto non se despezara abondo e nos quedaramos só no matadoiro.

    Dame veleno.
    Alguén ademais de min pensou que os chunguitos tiñan que aparecer por algún lado, nalgún momento? Aparte da cuestión psicotrópica que non acabei de entender, hai outras cousas que non me quedaron claras. Que palabra o envelena? Pai, onte, non sei. A revista tamén me desubicou,e por riba era do pai. Eu vin unha playboy pero non sei. As mans peludas e fortes tamén me sacaron de lugar. Son tan importantes?, eran de lugares estraños. É posible. Hai algunha cousas que non entendín, posbilemente mea culpa, pero si me gustou o final.
    Paraugas.
    Breve, conciso, predecible. Porque non? apenas chega as 300 palabras e desenvolve unha historia con suspense incluído. Hai algunha incoherencia tipo “O edificio enmudecera, pero nos seus oídos..” un edificio con oído. É posible porque ela xa é todo indiferenza, ou non? Certo que se podería desarrollar máis a personaxe, recrear o suspense doutro xeito e a historia gañaría. Para máis info ler o comentario de Lois.

    Voto por “Paraugas”.

  7. Un duelo apañado ante unha foto difícil. Mea culpa.

    Dáme veleno

    A idea é fantástica e o final, perfecto. Na lectura do primeiro día entendín pouco, pero iso é defecto meu. Na segunda volta que lle dei, logrei penetrar a esencia do relato e gustoume moito. Iso si, creo que a historia melloraría moito se se eliminasen ou simplificasen algunhas frases, sobre todo aquelas que sacan ao lector do matadoiro.
    Gústame moito a idea da música de trituradora.

    O paraugas

    Un relato máis sinxelo e por iso mellor rematado. Faltoume un pouco máis de ambientación que me levase in crescendo ata o final. A idea das canais zombis pareceume fabulosa.

    Os dous relatos centráronse na foto, o que me gusta e, a pesar de que é un relato que necesita puír uns cantos aspectos, voto por “Dáme veleno”. Gústame que se asuman riscos.

  8. Como me gustaría a min ter esta foto… Ou polo menos un costillar desos.

    “Dame veleno”, gústame a idea, o prota, o ambiente. Pero hai frases que te sacan como dixeron todos os compañeiros. Creo que relato gañaría indo polo sinxelo ou, dándolle unha volta fina ao estilo requintado. O final está moi ben.

    “O paraugas” gústame que se apostase pola mínima expresión, hai poucas palabras. Creo que falta un pouco de recorrido para poder empatizar coa prota. Hai algunha incongruencia gorda. É raro que acabe xusto de saír e o feito de volver entrar pareza algo difícil. A min iso foi o que máis me sacou do texto. O final está ben, usando os mecanismos clásicos do terror. (Teño unha novela non escrita cun final moi parecido, encántame o tema da matanza como dinamizador literario).

    O meu voto vai para “Dame veleno”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s