‘Dúas caras’ vs ‘Puntualidade’

Xornada 2. Breogán Martínez vs David Botana.

Dúas caras

Peppo ten dúas caras, ese é o seu don.
Ve á Sabela entrar en 1° C flotando etérea e perfecta na súa minisaia, entón: «Heheehh», maniféstase a primeira das caras. A clase enteira morre coa risa. Todos o animan a que a poña de novo no autobús, mais cando pasa pola ventá a Sabela, co moscón do Rober libándolle da orella, aparece «Moohh», a segunda cara. Ese día chegan tarde á casa porque o condutor ten que ir enxugando as bágoas de rir.
Peppo é gris en todo o demais: estudo, traballo, relacións. «Heeeheeehhh» e «Moooohhh» son a única luz da que dispón, así que fai carreira delas. Exercita o rostro, píntao para resaltar cada unha das súas expresións, pasa incontables horas diante do espello e outras tantas en prazas e parques. Coñece cada engurra, cada tic, cada mirada. Pode facer do «Heeheehh» un «Haahaa» e logo un «Ui!» en apenas un latexo. O seu «Moohh» muta en versátiles e máis escuros «Baahh» e «Ahá!» ou guturais «Meh!» e «Puagh!».
A súa ambición é conseguir facer un «Moohh» destilando ata o extremo un «Heheehh» puro. Só el pode entender a trascendencia de tal acto e por iso é o mellor do mundo no seu oficio. A xente adórao, pero está só. Ninguén aguanta preto dun «Moohh» que non durmiu dabondo ou dun irónico «Heheehh» acusador. Mais o peor son os silencios, os silencios absolutos. Cando non hai caras, só queda o Peppo liso, puído, inerte. A anódina nada. Hai anos que non fala.
É vello, cada engurra é un novo matiz que engade profundidade no mural do seu xesto. A complexidade das súas caras é tal que aparecen a miúdo en galerías de arte e estudos académicos. O gag vólvese performance. Inda así, a xente segue a rir, só rir.
Peppo sofre, algo se lle retorce dentro. «Moooohhh!»” é un queixume fondo. As enfermeiras tapan o sorriso con pudor mentres lle aumentan a dose. «Heeeheeehh» aparece coa febre nocturna e o compañeiro de cuarto ten que ir ao baño ceibar a gargallada. Polas tardes está mellor, entón saca o repertorio só por escoitar as risadas dos nenos.
Nun último esforzo, consegue que «Heheehh» e «Moohh» bailen xuntos por primeira vez. A cúspide da súa arte, un rostro vivo nun corpo morto. No velorio pechan a caixa, ninguén pode aturar tanta dor.
……………………………………………………….

Puntualidade

Em absoluto. Não. Eu o único que figem foi cumprir com a minha palavra. 

Ah. Isso já não o sei, se lhe digo a verdade. Porque a primeira vez que lhe falei deveu ser como hai um mês. Si. Mais ou menos. Digem-lhe todo bem clarinho. Que não voltara por ali. Que já era a terceira vez que chegava tarde pola sua culpa. Que à seguinte, haveriam de expulsar-me do instituto. Que? Disso nada, senhora, eu de parva não lhe tenho nada. Nove com seis de média, deveria informar-se um pouco antes de falar. Sabe o difícil que é entrar em medicina em Santiago? Ah. Então que queria que figesse? Deixar que um imbécil jogasse com o meu futuro?

Que? Não. Mire: na cidade hai quatrocentos passos de zebra onde fazer malabares, não hai? Então por que seguia empenhado o palhaço este em usar só os dous de caminho à minha escola? Os dous, si, não lho estou dizendo? No primeiro, fazia-nos ver inteirinho o seu numerito lastimoso. Depois corria diante dos carros até o segundo e repetia exatamente o mesmo. O mesmo! Nem um só truque novo! Todos os dias, si. Vostede sabe o lento que passa o tempo quando alguém que che está fodendo a vida se regodea na tua cara?

Exacto: pola sua culpa. Cheguei tarde outra vez e expulsaram-me, si.

Não. Não meta a meu pai nisto, que não estava ali nem sabia nada. Anda bem malinho, o pobre, com febre. Eu? Nada, que lhe ia dizer! Que quedara na cama, que já me levava a mãe de Elba. Si. Não, Elba tampouco sabia nada disto. Repito que fum eu soa. Apanhei as chaves do SUV sem que meu pai se dera conta, saím e já está, vale? Si. Óbvio que conduzim eu, quem ia conduzir?

Ao princípio, não. Ao princípio não o vim porque tinha um carro diante. Fixe-se vostede que curioso: era o carro da mãe de Elba. Si, esse, o Seat Arosa. Esse mesmo. O imbecil acabou os seus numeritos e foi-lhes pedir dinheiro. Si, foi então. Que se me viu? Eu creio que si, porque lhe mudou a cara. De todas formas, eu não tardei muito em acelerar e esmagá-lo contra o carro da mãe de Elba. Depois dei marcha atrás e caíu coma um saco de patacas. Soltou as bolas de fazer malabares e vim que uma delas se metia polos condutos do esgoto. Digo, por se a querem recuperar para algo. Que? Não. Em realidade, não. Já lhe digo, um golpe e estava morto de todo. É que o SUV é potente, sabe? Ostentoso, diria eu. O único é que me sabe mal polo carro da mãe de Elba, que é boa gente. Haverei de pagar-lhes o dinheiro da reparação quando seja médica.

Nada, depois estacionei e fum para as aulas. Eh? Não. Não me deixaram entrar. Será por chegar tarde outra vez.

Logo apareceu vostede. 

E nada. Agora, aqui estamos.

8 comentarios en “‘Dúas caras’ vs ‘Puntualidade’

  1. Bo día, paso a comentar este duelo.

    “Dúas caras”. Malia que o comezo non me enganchou (pareceume demasiado apegado á foto), vai gañando, e moito, a medida que avanza a vida, e as desgrazas, do bo de Peppo. A segunda metade do relato, en especial, paréceme moi boa e conduce á perfección ao final do mimo bipolar.

    “Puntualidade” Describe á perfección a sensación de fastío e encabuxamento que sentimos cando algo interfire na métrica enfermiza das nosas rutinas. O monólogo paréceme moi ben logrado e as xustificacións a medio cabalo entre a esquizofrenia e a cordura. A escena final da pelota perdida é marabillosa.

    O meu voto vai para “Puntualidade”

  2. Boa tarde, sigo cos comentarios.
    “Dúas caras” tiven que ler o relato varias veces. As onomatopeas como un recurso definitorio poden ser orixinais pero creo que se abusa algo delas. Ten un final bo, pero non logrou engancharme ao inicio.

    “Puntualidade” paréceme que empeza ben e vai mellorando en intensidade. Consegue crear un ambiente de “thriller” que che fai ler dun tirón para saber o final da acción.

    O meu voto é para Puntualidade.

  3. Boa noite! Este duelo resultoume un tanto inquietante porque parecendo pouco realista ten cousas realistas e a foto é desacougante de por sí, máis aínda despois dos relatos.
    “Dúas caras” non me gusta o título paréceme demasiado obvio e dilúese coas características do Peppo. Xa só o nome do tipo ou os sons que fai parécenme mellor título. O que vai facendo gaña intensidade e todos coñecemos a algún deses rapaces no colexio. Gústame moito como dalgo aparentemente incomprensible como eses sons vai tecendo unha evolución na personaxe apoiado en “Moohh” e “Heheeh” a parte do ancián paréceme tan boa ou incluso mellor que a do neno. Gustoume o final pero “a caixa, ninguén pode aturar tanta dor” por que non risa. Gañou mooohh? ven podía ser ao revés.
    “Puntualidade”
    Non me gustou esa prota, puxome de mal humor dende a terceira frase. Non entendo moi ben porque se encirra con este pallaso. Entendo que o relato poida precisar unha vícitima pero porqué o pallaso? A frase das bolas está ben como dí Duncan, tamén que pense no coche da outra antes que nun morto pero resúltame un asasinato un tanto forzado para poder tecer este relato.
    Voto por Dúas caras .

  4. Outro fantástico duelo. Quítalle encanto saber de antemán (case seguro) por quen votas. Eu non caín na conta ata despois de publicarse os relatos do meu duelo con Brais. Porén, se me tocase de novo, tentaría facelo en galego internacional. Precisaría axuda, pero seguro que sería unha experiencia divertida e enriquecedora.

    Dúas caras

    Tremendo. Centrado na foto. Os protagonistas son os xestos, que coma personaxes en si mesmos quítanlle o protagonismo ao pobre Peppo o gris, que só toma o control co seu grande xesto final.
    A derradeira frase é de dez.

    Puntualidade

    Moi boa historia sobre un día de furia. A conversa-relato do protagonista está moi conseguida. Meteume de cheo na acción. Se teño que pór unha pega é que a escolla do formato faime pensar nunha conversación telefónica onde só se escoita a un dos participantes, máis que nunha declaración ante a policía ou un xuíz.

    Parabéns a ambos autores.

    O meu voto vai para “Dúas caras”. Pareceume máis innovador.

  5. Boas! Aquí van os meus comentarios.
    ‘Dúas caras’: para min si funciona o uso das onomatopeas, que son a característica principal de Peppo e case a razón do relato. Gustoume o ritmo, a estrutura, e no final, concordo con Marisol, se cadra estaban ben unhas risas no canto da dor; supoño que ese detalle é un xeito de remitir á tristura interna do paiaso.
    ‘Puntualidade’ divertiume moito, o monólogo non se fai aburrido en ningún momento. Pero, mesmo se a protagonista non está nos seus cabais, para o meu gusto pásase de inverosímil.

  6. Dúas caras

    Gustoume, disfrutei moito este relato. Empezando polo nome, Peppo, así é como se debe escoller un nome, eso é medio relato. Desde o inicio se ve como Peppo se ve explotado polos demais polo seu “don”. Ademais é unha forma de autoexplotacion, non pode evitalo, polo efecto que causa, porque é adictivo, pero nunca consegue o que realmente quere, ser apreciado como persoa. Só se rin.
    Sobre o final, non é que gane “a cara mala”. Ambas caras facian rir.
    O presente funciona moi ben, está integrado no ton do texto. Por exemplo, sona moi raro que se nomee a Sabela cando non ten ningunha importancia no relato. Pero o presente dalle a cada frase unha importancia absoluta no seu propio contexto, porque non estamos ante unha historia contada a posteriori (en pasado). Narrar en presente dalle mais autonomia a cada frase (como se fosen as viñetas dun comic), o noso cerebro acepta mellor o cambio, ou mellor dito acepta mellor un cambio cun fio mas abstracto que se lemos unha historia narrada en pasado, onde cada frase é un gran de area que suma algo a un todo que se vai descubrindo de maneira mais programada (como se fosen as pezas dun puzle).

    Puntualidade

    Non entendo por que non está todo seguido o texto, ou pola contra, por qeu non hai un enter marcando cada intervencion da personaxe ó outro lado da liña. En cambio, o que vexo son uns cortes aleatorios cando os paragarafos se van facendo grandes. Creo qeu aquí se perdeu unha gran oportunidade de que o formato fixese sinerxia co contido.
    Está moi ben retratado o estado mental da prota. Tanto o actual coma o previo ó atropelo. Resulta ata verosimil por momentos, quen non faria o mesmo ca ela? Gustame como se mistura o humor co drama na absoluta inconsciencia dos seus actos da protagonista. Inconsciencia que se descobre practicamente como psicopatía coa frase da pelota perdida. Penso que o relato, tal como estaba deseñado, tiña un punto de dificultade que co que o autor soubo lidiar ben.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s