‘Onde van os voos esquecidos’ vs ‘Larvas, adolescentes, terremotos’

Xornada 2. Xosé Dunca vs Marisol Gándara.

Onde van os voos esquecidos

–Onde quedan os voos que non emprendemos? Resérvanse para outra? Agardan na pista de engalaxe até que alguén os colle e comeza unha nova vida, talvez noutro lado do ancho mar? Onde quedaron os teus, miña pequena?

Levantou o fráxil corpo do insecto con moito mimo, oprimindo as pinzas o xustiño para non partir a súa número setenta e seis pola metade. Sacoulle o alfinete e pousona enriba da mesa. Limpou a fina vara de metal cun pano enchoupado en alcol, fregando con máis forza alí onde lle parecía ver algunha pequena marca de ferruxe.

–Aínda que… que me vas dicir ti, non si? Cravada nesa caixa, exposta no teu ataúde de cristal para toda a eternidade, tan só acompañada polo silencio das número sesenta até a setenta e oito.

Tomou de novo o cadáver disecado entre as pinzas e perforouno co alfinete exactamente polo mesmo sitio onde xa tiña feito o burato. Devolveu a bolboreta de intensa cor azul ao seu lugar na ringleira inferior da caixa e comprobou que a tapa non rozaba as delicadas ás antes de fechala por completo. Deixouse caer na butaca e paseou a vista pola súa colección de cento vinte e tres fermosos exemplares. Non era quen de lembrar cando a comezara. Obviamente, a súa primeira captura fora a número un. Atopáraa morta, aos pés dunha maceira na leira da súa nai, mais non conseguía poñerlle o día exacto. De feito, era a única de todas elas que carecía de data na etiqueta. Dera con ela, iso si, no verán do setenta. Non lle cabía dúbida, porque fora despois de romper con Xan ou, máis ben, despois de que el marchara desa vila sen futuro e ela non tivera o valor de acompañalo. Pero nese verán todos os días transcorreran iguais, iguais de escuros, iguais de baleiros. Así que a súa número un quedou numerada, mais non datada.

Ergueuse e foi até a ventá. Fóra, o vento teimaba en dobrar as árbores. As máis grosas nin se decataban dos seus intentos e só axitaban lixeiramente as frondosas melenas de follas verdes. No entanto, as outras ben que o notaban, e ondeaban coma milleiros de brazos a se despediren, a desexárenlle unha boa viaxe.

Abandonou a contemplación da furia de fóra e centrouse na desesperanza que a consumía por dentro. Deu un rodeo, pasando por diante da libraría ateigada de soños alleos, e sentou na butaca. Acariñou os repousabrazos, reprimindo o envite das bágoas, e volveu revisar a natureza morta que se exhibía dentro das caixas de cristal. De que vale a fermosura se non a deixamos respirar?, bisbou para si mesma, que finalidade teñen as ás dunha bolboreta se lle impedimos voar?

Abriu o caixón do escritorio e sacou o frasco onde gardaba os tranquilizantes. Sorriu ante a ocorrencia estúpida de que, alí dentro, non caberían cento vinte e tres comprimidos. Envorcounas entre as caixas de bolboretas e lamentouse de que a aburrida cobertura branca daquelas pastillas non fose dunha intensa cor azul.

………………………………………………………..

Larvas, adolescentes, terremotos

O café treme cando Angustias despega a cunca do hule. Nas mans adivíñaselle un sismo de sentimentos. Volveulle dar unhas labazadas ao rapaz sen saber por que. El berrou de volta e botou peito, como se non lle importase recibir outra máis.

O neno escapa”. Perante o café Angustias rompe en bágoas coma se perdese o trofeo a unha vida. “Educalo é duro”. Vai ata a porta do seu cuarto.

Xa está coa música. Iso é o único que lle importa”. Xira o pomo. Abre.

Que fas?—pregunta seca.

O de sempre —Xesús responde xirando a cabeza e volve aos libros.

Angustias obsérvao coma unha coleccionista de fraquezas. No aire hai vibracións estrañas que a empuxan fóra. Pecha a porta.

Sing. Travis en vinilo, un salto no tempo. A música guía a Xesús no safari das emocións. O seu cuarto non é unha cúpula do trono onde tecer distopías. El nin sequera copula e pasa os días deformando fantasías colgadas da parede co logo da Metal Hammer. Co nome puxéronlle os modelos no ceo, entre santos e mártires, pero acabou sendo gótico, depresivo, un pouco emo. Templo polo que loitarán as industrias da alimentación, a moda e as tendencias farmacéuticas. Agora é todo impulsos. Un dinosauro sen metamorfose. Familia, escola, amizades. A súa vida está tan segmentada coma o corpo dunha eiruga e non hai transición doada entre o que fai e o que sente.

MERDA! —berra e cala.

Guinda os apuntamentos ao chan. Tamén está o que reprime. O seu corpo é un avespeiro de desexos no que as redes sociais multiplican dopamina. Todo peixe sen pan. Adicción pura. Coma unha bolboreta debaixo dun zapato, pégase ao móbil. Reparte corazóns, likes. Silencio. O baleiro ségueo mentres prepara o día seguinte á moda dos europeos pobres entre roupa feita na China. Acende o portátil e cámbialles a letra aos pensamentos. O seu Spotify é unha colección de himnos nihilistas á procura de pracer fosilizado nos instintos, pero aínda non o entende. Child in time. Na súa cabeza as amigas de papá bailan cos amigos que mamá nunca tivo. Todo parece de película. Unha mala secuela con xiros explicables. Prohibición, transgresión. A ambos lados da madeira están as funcións básicas do heroe, pero todo son esferas a crebarse e a trama detense nun nó incomprensible.

Baleira e enche unha mochila que non fará ningunha viaxe. Move cousas da mesa á cama e volta á mochila, ata que algún libro, contra a parede, bate as páxinas. Recólleo coma un animal ferido. Vínculos vexetais alén da sangue. Séntase no chan. Abrázase. Da plaqueta fría obtén a temperatura precisa para arrefriar a xenreira. Homeostase. En posición fetal salouca por debaixo da música. Outro útero que o envolve. Down in a hole. Fáltalle aire. Todo son raíces sen ás pero dentro sente terremotos. Decátase da presenza dunha mosca. Contén o impulso violento. Déixaa camiñar polo brazo ata a man. Escóitaa. Berra. Canta. Cala. CALA! Érguese e abre a ventá. A brisa rompe a cápsula. Saen.

 

5 comentarios en “‘Onde van os voos esquecidos’ vs ‘Larvas, adolescentes, terremotos’

  1. Boas tardes, comezo cos comentarios.
    “Onde van os voos esquecidos” paréceme un relato precioso, ben estruturado, emotivo e cun final sorprendente e aberto. Dos mellores desta xornada, para min. Os meus parabéns.
    “Larvas, adolescentes, terremotos” máis complexo na súa estrutura. Ten partes un chisco caóticas que non acabaron de engancharme. Gústame o final, pero fáltalle algo.
    O meu voto é para Onde van os voos esquecidos.

  2. En primeiro lugar pídovos desculpas por retrasar tanto o meu voto. Adoito ler os relatos en canto se publican e logo déixoos repousar para facer una segunda lectura máis pausada na fin de semana. A verdade é que, sen a ansia de saber o final, a lectura gaña moito e atopo cousas que moitas veces fan cambiar a miña opinión inicial.
    Gocei deste duelo. Hai calidade. Sorprendeume a coincidencia na temática escollida polos duelistas nunha foto que da para mil temas diferentes. Parabéns a quen a escolleu.

    Onde van os voos esquecidos

    Gústame como está escrito. Paréceme un relato de nivel, aínda que máis que un relato me semella un retrato, unha foto ben trazada da desesperanza, como se a muller, igual que a bolboreta, quedase conxelada no tempo aquel día do ano setenta. Unha cousa curiosa é que, a pesar de mencionarse cores coma o verde e azul, na miña mente a señora estaba todo o tempo en branco en negro, coma a foto, coma se o mundo continuase coa vida en cores e ela seguise alí, atrapada nunha escala de grises.

    Larvas, adolescentes, terremotos

    Outro relato de personaxe que ten visos de retrato xeracional e nos proporciona frases gloriosas. A súa estrutura lémbrame moito a “Unha chinche dorme no teito” de Ferrín, coa que penso que crea unha conexión a través do tempo. Aquí non hai unha nai morta, senón unha familia en descomposición. Aquí tamén domina a desesperanza.

    É unha decisión difícil. Os dous relatos gústanme. Un, frugal en branco e negro e o outro, en negro puro, pero cheo de brillantes. Porén, vou votar por “Onde van os voos esquecidos”, porque creo que é o que máis tivo en conta a foto.

  3. Sorpréndeme nos dous a elección destes temas a partir da imaxe dada.
    ‘Onde van os voos esquecidos’ ten ese aire melancólico e reflexivo co que moitos se poden identificar, así como a historia que relata. Moi fermoso e ben escrito.
    ‘Larvas, adolescentes, terremotos’ fíxoseme máis críptica e escura, por iso calou algo menos en min.

    O meu voto vai para ‘Onde van os voos esquecidos’.

  4. Onde van os voos esquecidos

    Canto se parecen os 2 relatos. Gustaronme ambos. O primeiro é un relato mais teatral, coa prota facendose preguntas retoricas en alto e sempre en accion, coas bolboretas, erguendose do sofá, volvendose sentar, volvendose levantar e sentar de novo.. é moi interesante a forma de transmitir o estado de animo da prota a través do qeu fai e non só do que pensa. Tamen me gustou a anecdota de como comezou a coleccion con ese exemplar non datado, que da pe a tratar o verdadeiro drama que a corroe e que a identifica coas bolboretas pechadas nunha vitrina, é un relato moi habil.
    Con respecto á linguaxe (tamen teatral) eu teria rebaixado algunhas expresions que se me pasan de barrocas. O final deixoume un pouco confuso. Pensei que lle daba pastillas ás bolboretas. Despois pensei que as ia tomar ela, é dicir, que se ia matar. Como ese final non me chistaba volvín ó anterior.

    Larvas, adolescentes, terremotos

    Cambiamos a teatralidade por un (aparente) recollemento. Case todo ocorre na cabeza das personaxes. A primeira escena semella externa ó nucleo do relato, pero penso que foi boa eleccion, é unha pequena introducion que nos pon en contexto e deixa tan ben perfilada á nai como despois vai quedar o fillo. Gustoume como se transmite ese caos que se axita na cabeza de Xesus, penso que é premeditadamente dificil de seguir. É tan agobiante para o lector como para el. Por certo, outro relato ben levado en 3º presente, como o de Peppo.
    Como no caso do relato anterior, tampouco penso que o prota se matase. Eu imaxino unha evasion mais espiritual, ou, se acaso, que a fiestra estaba nun 1º piso.

    Pareceume un gran duelo.

  5. Outro dos motivos polos que sempre chego tarde (non nos vamos enganar, o primeiro e primordial é que son un lacazán) é que me gusta facer varias lecturas xuntas e despois deixar repousar os relatos na cacheira. Acostumo votar ao que máis veces me ven ao maxín nos seguintes días. Neste duelo tíveno moi complicado, os dous relatos son moi fortes e evocadores. Parabéns aos autores (que inda enriba son xa bos amigos).

    “Onde van os voos esquecidos”. Como apuntaron todos, os dous relatos decidiron afrontar a foto da maneiras similares. Os dous presentan persoaxes fermosas, pero atadas polo seu particular alfinete. Neste relato temos unha muller que se encerra en si mesma, que deixa consumir a súa vida encerrando a fermosura que atopa en impoluitas vitrinas. É un relato moi ben pensado e armado, cun ritmo e ton que lle acaen perfectamente. A anécdota da primeira bolboreta é fantástica.

    “Larvas, adolescentes, terremotos”. Neste relato o alfinete é a pubertade, a idade, as hormonas, a sociedade, a incomunicación, a rabia… encántame. É unha metralleta de sentencias moi fermosas e de imaxes fantásticas. Unha divagación brutal sempre acerca do mesmo. Cada frase é un mundo en si mesma, ten moita complexidade. Hai moito traballo aquí, incluso na selección musical. O principio está un tanto seccionado, esa nai queda sóa na cociña. Eu quédome tamén cun final máis metafísico, está ben que quedasen os dous finais abertos, porque un final de suicidio directo é algo moi tópico.

    Foime moi difícil elixir, pero o meu VOTO vai para “larvas, adolescentes, terremotos”. Pero parabéns aos dous, gran duelo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s