Moisés Barcia: “Daría un brazo por saír de esmorga en Londres con Caitlin Moran”

Moisés Barcia é director do grupo Rinoceronte (que engloba as editoriais Rinoceronte, Sushi Books, Morgante e Barbantesa). Tamén é un dos grandes tradutores literarios contemporáneos, a quen lle debemos as versións galegas das obras de J. R. R. Tolkien ou o Decameron, de Bocaccio, entre outras ducias de títulos senlleiros.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

O primeiro do que teño un recordo claro é O bosque de Ouriol, de Arcadio López-Casanova, que me fascinara moito polas cores e os debuxos, e tamén pola lingua. Debía de ter eu seis ou sete anos.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

O gran caderno, de Agota Kristof.

E que obra mestra canónica lle cae das mans? 

Intentei fincarlle o dente varias veces ó Ulises de Joyce e non fun capaz. Moby Dick, de Herman Melville, tamén me esgota sempre que volvo a el.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.

Supoño que non me importaría botar unhas pezas na discoteca rusa de Vladimir Kaminer. E daría un brazo por saír de esmorga en Londres con Caitlin Moran.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o.

Hai algún escritores españois contemporáneos que saben escribir pero cheiran tanto ó verroallo que non me achegaría a menos de dous metros. Podes poñer aí a Vargas Llosa tamén.

Un libro recente que lle gustase moito…

Rewind, de Juan Tallón.

Unha novela que non puido terminar…

Terminar, termineino, porque son unha persoa disciplinada, pero paréceme moi sobrevalorado Los asquerosos, de Santiago Lorenzo.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Igual protagonizala non, pero sería moi agradable ser un personaxe secundario nas fermosas paisaxes que describe Lucy Maud Montgomery en Anne a das Tellas Verdes.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Cando acabei a carreira, despois de cinco anos lendo obras académicas, descubrín a saga de novelas do detective anónimo de Eduardo Mendoza e paseino moi ben léndoas, polo divertidas que son e polo estupendamente que escribe ese señor.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Hai un que leva meses na morea, e que collo de cando para ler algún capítulo ó azar: A corner of Spain, de Walter Wood (1910).

Que libro lle gustaría ter escrito?

A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, ou Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Borges sentíase orgulloso dos libros que lera. Eu síntome orgulloso de todos os que publiquei.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Levo un dietario no que vou anotando as incidencias dos libros que traduzo.

Escribirá as súas memorias?

Quen sabe? Haberá que chegar alá, pero de momento non teño ningún motivo polo que decidir non escribilas, aínda que tampouco o desexo ardente de facelo.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Non podería dicir un autor concreto, pero no “núcleo irradiador” están Cunqueiro, Blanco Amor, Fole, Verne, Dumas, Gogol, Tolkien…

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Moitos panfletos feministas que se están publicando recentemente, nos que non hai unha soa liña de literatura. Só “mensaxe”.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Non puiden con Atuado na braña, de Xabier Quiroga. 

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Calquera de Berta Dávila é unha delicia.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Arredor de si, de Otero Pedrayo resúltame plúmbeo.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Os dous de sempre, de Castelao.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s