‘Foto derradeira’ vs ‘Lume’

JILL WELLINGTON.

Xornada 3. David Botana fronte a Pilar Vilaboy.

Foto derradeira

Unha tarde apática de domingo, facendo limpeza nos caixóns, esta imaxe desenterroume o pasado. Unhas lembranzas agochadas que me trouxeron bágoas aos ollos. Non son quen de rompela nin iso aliviará a miña dor polo sucedido.

Hai vinte anos destes feitos. Eu son a do medio, Carla. O dos brazos en posición muiñeira é Brais, que ocupa o meu corazón desde aquela. O outro arrítmico é Antón. Estudabamos cuarto de filoloxía en Santiago e semellabamos un trío, en vez dunha parella. Compartiamos piso e andabamos sempre xuntos, de esmorgantes.

A foto fixémola en Ferrol, na praia de Ponzos. Foramos de fin de semana varios colegas de acampada e na exaltación da amizade e do alcol alguén decidiu inmortalizar o momento en que intentabamos demostrar as nosas habilidades de baile sen música. Retáronnos a improvisar unha coreografía e velaí estamos, entregados a morte. Era verán, penso que no mes de xullo. Brais, un xenio do Photoshop, meteulle esa auréola luminosa que case nos converte en inmortais. Seres felices nese instante, tocados por algo divino, sen trabas nas nosas andainas.

Un ano despois desa foto, acabado de licenciar, Antón non tiña moitas perspectivas de traballo aquí, polo que decidiu marchar de lector para Londres. Escribiunos varias cartas nos primeiros meses pero, de súpeto, deixou de dar sinais de vida. Brais non lle deu importancia, pensou que Londres o convertera noutra persoa, máis apática nas relacións sociais. Pero a min dábame o corpo que algo non marchaba ben.

Cando no Nadal non veu visitarnos, tiven claro que algo pasaba. Non coñeciamos a súa familia, pero si sabiamos dun veciño del que rexentaba un bar en Santiago. Contounos que Antón levaba tres meses morto. Suicidárase cunha sobredose de pastillas. Conteillo a Brais e aló marchamos a Arzúa intentar localizar a súa familia. Foinos doado, a única carnicería da vila era de seu irmán. Díxonos que levaba meses intentando dar connosco, pero a única referencia que tiña era a foto de Ponzos.

Contounos que cando a compañeira de piso de Londres os chamou para contarlles o triste desenlace díxolle que o topara coa foto entre as mans. Entre os obxectos persoais que el mesmo recolleu no piso había un diario. Alí narraba explicitamente os seus sentimentos por Brais, do cal estaba namorado desde o primeiro día que se coñeceron. Decidiu marchar fóra porque non soportaba velo feliz comigo. Pero a morriña foi peor antídoto ca o segredo oculto. Non topou consolo noutros brazos nin noutras miradas e decidiu acabar coa súa vida. A única mágoa que leva é non abrir o seu corazón connosco. Sabía que iso nos faría dano e temía perder a nosa amizade. De aí a retirada para sempre.

Sentinme culpable de non intuír os sentimentos de Brais. De non evitar a súa morte. Por iso teño sentimentos encontrados coa derradeira foto, que nese intre deixaba albiscar algo de felicidade entre nós. Ese instante, hoxe, supón unha infelicidade eterna.

PIlar Vilaboy.

……………………………………………………………

Lume

O DJ lanza ritmos que eu interpreto posuída. O meu motor acelera cunha alquímica Hello Kity en dixestión. Teño sede, teño fame, estou quente. Ao fondo fanme sinais tres figuras envoltas en luz. A moza, Ela, dime: «Tes lume coma nós». Comprobo que é verdade no fondo escuro das súas meniñas. Bailamos xuntas, marabilladas co noso escintileo. Un dos mozos, o Pelado, fala de descansar. Cervexa, chocolate, herba e un amplo colchón agardan na súa furgoneta. O Greñas bica a Ela media rolda de porros despois, eu tiña pensado facelo na segunda. Pelado ten cara de irse lanzar na terceira. Rimos, bicámonos. «Quietos, por orden… sodes todos meus». Ela cóllenos polo pelo e interrompe o noso bico, a min cun húmido bocado, a Pelado con dous dedos na boca. Os raios dourados brincan polos nosos corpos con máis intensidade, o teito da furgoneta alumea nunha aurora boreal. Greñas sáltase varias fases e saca a pirola, ten maneiras de Boeing, aérodinámica e cabezona. Ela acaríñalla coa man inda húmida das babas de Pelado, que decide non quedar atrás explorando entre as nosas pernas na procura de terreo húmido. Eu son unha braña, segundos despois os meus dedos atópanse cos do compañeiro na tremesiña de Ela. «Non se pelexar, hai para todos» e ponse de catro quitando os pantalóns. Leva unhas bragas de Hello Kitty e iso ou é unha profecía ou un relato porno cutre. Mentres Ela xoga co 747 do Greñas, Pelado baixa comigo ese veo sagrado con pompa, cerimonia e bicos de beizón. Maniféstase a Santa Cona perfecta, eu non espero xa a vez e lánzome famenta. Ela debuxa un arco tensado cun xemido. Pelado loita comigo polo mel, non lle deixo nada, ata gardo o esfínter para a sobremesa aparcando o furabolos ata a metade. Decide cambiar de fronte e sinto unha pirola dando golpes nas cachas que teño amarradas. Isto é máis un Antonov, estudo enxeñería aeroespacial. Fágome a boa e déixolle sitio, pero é un acto egoísta, quero ver como entra. Únxoa de saliva para que todo esvare como debe e mentras el aterra con suavidade as seiscentas corenta toneladas do seu 225 eu arríncolle ata a puntilla das bragas apurando con ansia a sobremesa que tiña reservada. Conformamos unha masa que palpita, quence e alumea. «Ola». Greñas mórdeme a orella e sen darme conta xa me está fodendo. Marabíllame o resolutivo don da oportunidade que ten o do Boeing. Deitámonos, queremos máis cona e buscámola. Baixo ou subo segundo se mire. O Antonov muda de pista. Eu digo «perfectas», ela di «tetazas». Somos pezas de lego sen instrucións. Os avións colisionan mentres os capitáns intercambian puntos de vista. A súa maldita boca. O meu lume nos seus ollos. Somos hidróxeno e nun intre, helio.

Luz. Un bico. «Bos días». A súa boca. «Son Eva, por certo». Risas. «Eu Laura». Silencio cómodo. «Morro por un kebab, tía». «Eu por vercho comer». Cinsas buscando a brasa.

David Botana.

9 comentarios en “‘Foto derradeira’ vs ‘Lume’

  1. ‘Foto derradeira’ A primeira metade encantoume, transmitiume todo o que agardo do achado dunha foto vella e de como rememora lembranzas esquecidas ou, máis ben neste caso, agochadas. Gañoume coa descrición dos bailaríns arrítmicos. Só me fallou un chisco a última parte da transición e o desenlace. Pareceume algo brusco, aínda que supoño que eses son os problemas do límite de palabras cando tes unha boa escena/historia entre as mans.

    ‘Lume’ Pasoume algo contrario ao do relato anterior. Non conectou comigo ao comezo, ni tampouco me chamou demasiado a atención o corpo do relato (alén dalgunha frase atinada, non me aportou nada máis có relato dunha escena sexual). Moi bo o diálogo final e, sobre todo, a derradeira frase.

    Valorando máis o global do texto e os sentimentos que poden volver ao atopar unha foto, o meu voto vai por ‘Foto derradeira’

  2. Teño un conflito gordo con este duelo. Non tipo Antonov, senón Saturno, pero Saturno planeta. Un dos relatos quédaseme curto e o outro sáese de órbita. Mesmo estou a escribir isto e aínda non sei por cal vou votar.

    Foto derradeira

    Esta historia gustoume moito e creo que daría para un bo relato xeracional. Teno todo: un triángulo amoroso, emigración e traxedia. Gustoume o ton evocativo aínda que me pregunto se non sería mellor comezar en presente para pasar despois a recordar. Parabéns a quen o escribiu.

    Lume

    Non sei que dicir. A ver… deixádeme pensar… Este relato pareceume unha mochila de amonal no medio do Gobi. Un dobre loop con parada noutra dimensión e volta ao punto de inicio. Non é que acabase e pensase WTF, é que xa ía así pola cuarta liña en modo WTF, WTF, WTF, WTF, WTF, WTF… e así ata o final. Por certo, a frase de peche é xenial, vouna bordar nas miñas sabas. Porén, coma as dunas daquel deserto despois de 48 horas, sigo a preguntarme “a que veu todo iso?”. Estética por estética e transgresión. Hai quen se labrou unha lenda con iso.

    Xa decidín o meu voto, que vai para Lume, por afouto, técnico e descarado. To boldly go where no man has gone before.

  3. Pois si que é conflitivo este duelo, por roubarlle a palabra a Fran. É case imposible tirar por dous sentidos máis contrarios, si señor. Tamén che digo, se o teu sentido é ir cara el pito, estas en contra de todos os sentidos e, por suposto, do común.
    Gustoume Foto derradeira, aínda que mentres o lía pensaba que non era o meu estilo. A pesar diso, o principio está moi ben escrito, se ben cara o final acelera porque se lle acaban as palabras. Dende logo, de poder facer unha versión máis longa do relato para darlle máis peso á viaxe había quedar fetén. De todas formas, chegoume ben a sensación de atopar unha foto vella e que traia toda a cinemática con ela. Grazas pola lectura.
    De Lume non sei que podo dicir que non o conte o mesmo relato. Dende logo, a metáfora de avión vaille que nin pintada. O ritmo está calcado, cámara en man. O final é naturalmente lóxico. Non lle podo sinalar nada que non saiba. Bueno, son as tres da mañá e mataba por ese kebab.
    O meu voto, aínda que o primeiro relato sexa un opoñente digno a tal abominación, vai para Lume.

  4. Boas. Un duelo con temperaturas moi diferentes e de extremos.

    “Foto derradeira” Non me fascinou este relato pero gustoume como van pasando as cousas, ordenadamente, todo é precible e xa imaxinas o desenlace pero aínda así vas indo sen grandes complexidades. Gústame a idea de que teña un diario así ela pode saber todo despois e volve a foto. Paréceme un tanto ? non sei como dicilo que se suicide só por un desamor. Podería ter posto máis énfase na morriña e nas dificultades para adaptarse e non só ese trío que non puido ser. Gustaríame saber dese trío, ler ese conflicto e que o resolveran dun xeito menos tráxico, non necesariamente sexual.

    “Lume” menuda viaxe. Neste relato estaría a solución ao conflito do relato anterior
    Dos mellores relatos eróticos que teño lido. Ten momentos xeniais. “Hello kitty en dixestión”, “Son unha braña” “Maniféstase a Santa Cona” “Somos pezas de lego sen instrucións”.
    Gústame o que fai coa sintaxe, tece o decorado aos poucos, con frases curtas, amodiño, vaiche entrando sen que te percates e de súpeto….non me cerran as contas. Demasiadas drogas para tan pouca xente e máis para o que fan despois, como se precisase esa xustificación. O pelado ía lanzarse na terceira rolda, e faino na liña seguinte, ou lanzarse non era bicarse? Ao mellor son unha sentimental. Por momentos non sei quen fai que e gustaríame sabelo. É un acto egoísta, quero ver.” “Ela debuxa un arco tensado cun xemido” por por un exemplo pero hai máis. Lémbrame as composicións de Sade pero é mais caótico e máis amable, afortunadamente. Despois aparece o avión, coma un moscardón e o relato parece que cambia de protas, gaña masa pero flúe mais torpe, coma unha idea seca, e gocei menos. Gústame moito o final e creo que estaba aí o ton do relato e non no gran párrafo no que desaproveita unha idea para un relato erótico brutal e convérteo nun chiste, case unha caricatura, como se o sexo, o do bo, o que che libera os chacras, fose un pecado e un vicio e non unha necesidade básica.

    Voto por “Foto derradeira” porque aínda que o gocei menos, a narración resultoume menos caótica e coas ideas máis claras.

  5. Boas! Si que hai contraste entre ambos, que experiencia lelos seguidos!
    “Foto derradeira” peca de predecible, malia contar coa orde e claridade que o seu rival por momentos non ten. A historia talvez é dramática de máis, tamén penso que a limitación de palabras xogou na súa contra.

    “Lume” paréceme moi ben escrita, como describe a escea e o ritmo que ten. Como dixen, por momentos vólvese algo confusa, pero en ningún momento perde o seu interese.

    O meu voto vai para “Lume”.

  6. Foto derradeira

    o texto está un pouco sen desbastar, hai moitas palabras e expresions que suxeriría cambiar. Demasiadas como para dar un listín nestes momentos (esta semana como vedes vou retrasado nos deberes) pero por fortuna non tan graves como para impedir unha lectura fluida do relato.
    A historia pareceme moi interesante -moi “relatable”- e ben montada, excepto nun punto importante: o diario.
    Entendo perfectamente que o/a autor/a necesitaba darlle esa informacion ó lector, pero ó facelo a traves do diario o desenlace da historia volvese brusco e explicativo, e fai que a historia dun suicida deprimido pase a ser a historia dun suicida vingativo. Estalles botando a culpa da sua morte. Creo que non se pretendia isto. Os rapaces debian chegar a esas conclusion doutra forma na que o morto non se vise tan implicado. P.e., podía ser o irman quen o contase, que se matou por un desamor, incluso podia dicir o nome de Brais, pero enton era mellor que non os estivese buscando, simplemente eles vano ver e obteñen del uns detalles que lle fan chegar a esa conclusion, incluso Brais podia sabelo de anteman pero non terlle dado importancia, e asi atar cabos no final.

    Lume

    Pareceme un relato moi ben escrito e cheo de frases suxerentes e incluso magnificas (a das pezas de lego). Como se di por aí, un exercicio de estilo excelente. Sen embargo boto de menos un pouco mais de intrahistoria, un gancho emocional que non atopei. O relato é asi e non é xusto pedirlle que sexa o que non quere ser cando non o precisa para ser un bo relato. Pero a min como lector faltame unha dimension que valoro moito. Inda así, é un moi bo traballo, e é mellor afrontalo asi, cun deseño honesto, que tentar buscarlle algo que non lle pertenza, como darlle algun xiro final inverosimil.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s