‘Librería Bichos ocultos’ vs ‘Reivindicación do oficio’

ABBY CHUNG/PEXELS.

Xornada 3. Carlos Vega fronte a Marisol Gándara.

Librería Bichos ocultos

O discurso de todos os demos? Pois non sei se andará o autor por alí. De todas as formas estou a piques de pechar, así que se quere pódeme acompañar, que a sección oriental anda na outra punta da librería, entre os niños de víboras e os espellos de peto. Veña, oh, así aproveito e cóntolle un pouco sobre o negocio. A verdade, despois destes meses agradécese que aínda veña alguén a preguntar en persoa polos libros. 

A librería fundar non a fundou a miña familia, e o avó nunca nos contou a quen lla comprara. Dicía que a gañara nunha partida de cartas, pero todos sabemos que o avó non gañou unha man ao tute na vida. Morreu antes de que perdésemos a educación e llo preguntásemos. Por aquí. Agache a cabeza, que as caixas de arriba están algo soltas. 

Faille moito que non veño por esta sección. Entre que non nos entendemos moi ben cos autores e que tampouco teñen boa relación con outras seccións, pois ao final descoidámola bastante. Aínda que se teño que serlle sincero, Kenji Miyazawa é unha boa excepción. Algunha vez non puidemos completar unha venda porque o diaño andaba noutro andel, fóra de hora. Mire que lle somos comprensibles e adaptámonos á zona horaria, pero é que o pailán marcha cando lle peta. Por sorte coñecémoslle ás amizades e atopámolo rápido. Sempre anda lonxe de Giordano e de Von Juntz, pero Blake caeulle en graza, así que case sempre o atopamos en 英語の詩

Menos mal que os demais, se lles pillas o truco, son doados de controlar. Estes, menos Kenji, déitanse pronto, todo o contrario dos hispanoamericanos, que temos que procurar recoller sobre o mediodía, e amodo, ou botan todas as follas fóra. Os ingleses sonlle moito máis educados, a pesar da manía que teñen de que a mellor hora para as pantasmas é a unha menos dez. Iso tenos buscado algunha lea por abrir en horario nocturno pero entenderame vostede. Non? Ao final débome ao meu traballo.

Pois aquí debería estar, se contamos con sorte. Et voilà. Mire que ben coidadas ten as tapas, como se nota que é o que mellor lle saíu. A veces non podo evitar escoitalos, e seica Virxinia cómelle a cabeza ao pobre home con que o Discurso e A cidade secreta son o mellor que escribiu e claro, logo dálle vergonza estar nas antoloxías ou nesa novela curta que nin recordo. 

De todas as formas, aquí ten o libriño. Cóidemo eh? Que seica o papel este de arroz non aguanta moi ben a humidade. Non me queda máis que agradecerlle a súa visita e desexarlle que, no seu momento e coas circunstancias adecuadas, poida atopar nas súas mans a Kenji Miyazawa.

Se me acompaña agora á saída, fírmolle o recibo por se non estou eu cando o veña a devolver. Que fai oh? A que saca a carteira? Como? Que? Como que outras librarías cobran cartos? O QUE?

Carlos Vega.

………………………………………….

Reivindicación do oficio

Cando me propuxeron escribir un artigo sobre o carniceiro do Milladoiro aceptei sen pensalo. Entrar na mente dun asasino é un soño para un cronista da sección de sociedade e o caso volvera aos titulares pola súa posta en liberdade. Era a miña ocasión para darlle á tecla. Por fin xornalismo auténtico.

 

Estaba convencido de que me escolleran por ser da vila, así que me esforcei en disimular que non coñecía o caso tan en profundidade como era de agardar. Aproveitei a viaxe no AVE a Santiago para ler polo miúdo as crónicas do acontecido había dúas décadas. Entre monográficos sobre Barcelona’92 e a Expo de Sevilla fun entrando nos detalles do suceso. Durante unha exhumación rutineira no cemiterio de Biduído, a caixa que estaban cambiando de nicho fendeu e apareceron máis membros dos que posuíra o defunto en vida. Catro mans, tres pés e dúas cabezas resultaban estraños incluso sen saber contar. As partes que sobraban nunca puideron ser identificadas. 

 

Varios datos craváronme ao fío da historia, especialmente a destreza coa que fora deseñado o ataúde que escondía o cadáver. Tamén o traxecto vital do único procesado, coñecido como Manolo da Coxa, con 52 anos daquela. De neno pobre pasara a emigrante acomodado, primeiro en Francia, despois en Sicilia. Foi alí onde xuntou os cartos para  volver á terra e montar unha fábrica de ataúdes. A pesar das probas na súa contra nunca confesou.

 

Ao chegar aluguei un coche e en menos de 15 minutos estaba fronte ao timbre do home que despezara un corpo e agochara algunhas partes no dobre fondo dun ataúde. Premín cinco, sete veces entre a aprehensión provocada polos achados da autopsia e o nerviosismo do encargo. Cando un ancián encollido e riseiro abriu a porta sentín ganas de abrazalo. Parecía calquera cousa menos un asasino. 

—Es ti o xornalista? —preguntou con desconfianza. Eu asentín e deixoume pasar.

Fixo café e ofreceume unhas galletas Cuétara. Cando me viu sacar a tableta empezou a comentar canto cambiaran os mundos. Monopolizou a conversa falando da súa infancia como acólito, saltou aos  tempos da mili e despois á emigración. Eu non sabía como abordar os motivos que me levaran ata alí e comecei a mirar para os estantes ateigados de libros.

—Cousas do rapaz —dixo como se falase dun descoñecido—. Teño un. Estudado coma ti. Tenche un bo traballo, sabes. Dino todo por el, para aforrarlle as penurias que eu pasei. Mágoa levar tantos anos sen nos ver —dixo con nostalxia, como se estivese mirando un álbum de fotos. Vin unha oportunidade para tomar as rendas da conversa. 

—Por que o fixo? 

— O que? 

—De verdade non sabe do que estou a falar? Vostede é o carniceiro de Milladoiro! 

—Carpinteiro, cona, operario da serra! —berrou enfadado, puntuando coa man cada palabra—. Tan estudados e parece que non vos decatades de nada.

Marisol Gándara.

 

8 comentarios en “‘Librería Bichos ocultos’ vs ‘Reivindicación do oficio’

  1. Bo día, paso a comentar este duelo e a dar o meu voto

    ‘Librería Bichos Ocultos’ Gustei do paseo polos seus andeis e das curiosidades e anécdotas, tanto de como se fixeron coa libraría como dos diferentes autores e volumes que alí gardaban. Pareceume que levou un bo ritmo narrativo, paseniño e calmo dabondo para dar tempo a gozar da visita.

    ‘Reivindicación do oficio’ Non acabei de collerlle o punto ao relato. Lino varias veces e tamén o pasei ben coas desventuras do cronista vido a menos e a presentación do suposto asasino, pero, fóra do xogo de palabras do final de carniceiro por carpinteiro, non rematei de verlle unha evolución firme que me levase da confusión inicial ao coñecemento do erro.

    O meu voto vai para ‘Librería Bichos Ocultos’

  2. Comento o último duelo.
    Librería Bichos ocultos, paréceme unha idea moi orixinal de darlle vida propia aos autores e seccións da librería. Moi ocorrente o de xogar cos autores e libros e atribuirlles certas virtudes ou defectos. Encantoume o final.
    Reivindicación do oficio, non lle topo case ningunha vinculación coa imaxe. Se cadra é problema meu, non do texto. E tampouco me fixo gracia a confusión de palabras. Gustoume menos que o primeiro.

    Voto por Librería Bichos Ocultos.

  3. Moi bo duelo. O máis equilibrado que lin nesta xornada, penso eu. Parabéns a ambas plumas.

    Librería Bichos ocultos

    Un relato moi imaxinativo que crea un universo precioso. Demostra unha habilidade e cultura que me dan envexa. Como noutros textos desta liga sentín iso de que non me importaba cal fose o final, porque xa estaba gozando coa lectura. Parabéns. Sinto iso con poucas cousas. Son do Celta. Gustoume moito a elección narrativa. Acáelle moi ben o formato de guía para presentar un universo. A única cousa é que non entendín moi ben o final, pero iso creo que é defecto meu.

    Reivindicación do oficio

    Gustoume a historia e o chascarraschás final. Quedou moi chusco o conto do periodista novato na busca da súa primeira gran entrevista para que ao final a realidade se impoña e acabe convertido nun deses bolseiros que as cadeas de televisión poñen á intemperie para cubrir o tempo, sucesos locais ou facer rigurosísimas enquisas entre os viandantes despistados. Parabéns

    Sentíndoo moito, hai que decidirse por un, e coma sempre gáñame a estética. Voto por Librería Bichos ocultos.

  4. Como dixeron por aí un duelo moi disputado. Os dous autores elaboraron textos moi traballados. Coñezo bastante ben os estilos e tendencias dos responsables (xa lles lin moito e con gusto) e teño que confesar que non teño nin remota idea de quen é cada un. Parabéns.

    “Librería Bichos ocultos”. Un relato de sensacións. Valo lendo e case ules os libros e escoitas ás pantasmas. Gústame ese aquel de surrealismo onírico que ten, e tamén o humor fino. O final está moi ben. Dalle xusto ese contrapunto fresco que lle facía falta.

    En canto a “Reivindicación do oficio”. A parte onde se desenvolve á persoaxe do periodista, do encargo, das súas ambicións está moi ben. É natural e define perfectamente á persoaxe. Pero penso que se come moito espazo. Non sei, creo que me prestaba saber algo máis do vello. Por un momento paréceme entender como que fixo o que fixo para que o seu fillo poidese estudar (escondía corpos traídos por sicarios?) O chascarrillo do final está ben, pero hai aí un problema co que quere contar o relato.

    O meu VOTO vai para “LIbrería Bichos ocultos”, prestoume máis o paseo polos seus andeis.

  5. Boa tarde, estas son as miñas opinións sobre este duelo:

    “Librería Bichos ocultos” presenta unha idea orixinal e ben construída. É doado desfrutar nesta librería tan especial, e o detalle final é moi divertido.

    “Reivindicación do oficio” pareceume máis frouxa. O personaxe do xornalista está ben construído, pero non me entusiasmou nin a historia nin o final. Por outra banda, tampouco lle vexo a relación coa imaxe.

    O meu voto é para “Librería Bichos ocultos”.

  6. Librería Bichos ocultos

    É un relato moi agradable de ler. Realmente as referencias poderian ser estas, outras totalmente distintas ou incluso inventadas. Iso da igual, o deseño é atractivo e moi evocador, é intelixente facer relatos que fan traballar o que xa ten dentro o lector por experiencias ou lecturas anteriores, nese sentido este relato ten mais de 500 palabras e sae reforzado.
    O unico que non entendin é o final. Que cobra ese libreiro? non, é mais: en que mundo vive que non sabe que cobran cartos nas outras librerias? Descolocoume totalmente e inda agora non sei a santo de uqe veu esa gracia.

    Reivindicación do oficio

    Este relato tamen ten mais de 500 palabra, pero noutro sentido. A historia que conta é moito maior que a escrita, pero non é nada facil deducila, nin sequera se sabe ben se o lector ten que decidirse a deducila ou non. Talvez o vello precisaba mais espazo como dixo Botana, porque unha vez rematado de ler un ve que o xornalista non é o verdadeiro protagonista. E para non o ser, as suas andanzas ocupan 2/3 do relato. O final gustoume, penso que mais que chiste é unha informacion util para darse conta de que o vello non matou a ninguen, só participou no encubrimento do cadaver, pero pillarono e apechugou con todo. Eu imaxino que os sicilianos lle pagaron unha compensacion á familia como soe verse nas series de mafiosos.

  7. Antes de nada parabéns ao meu contrincante, ben narrado! Eu non fixen os deberes como debería e levei nos dentes. Como ben dí alguén por aquí a parte do xornalista ocupa demasiado espacio e o que tería que ser o prota, Manolo, aparece sen desenvolver de todo. Aínda así dicir que non hai relación coa foto… non sei eu, pensei que a imaxe era como inspiración non para axudarnos a decidir o voto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s