A función da crítica literaria segundo Natalia Ginzburg

Natalia Ginzburg.

Xesús González Gómez.

En outubro de 1969, é dicir, hai 51 anos, aparecía no xornal turinés La Stampa o escrito de Natalia Ginzburg cuxa versión galega damos a continuación. Penso que tanto a autora, coma o escrito que traducimos (tirado do volume Mai devi domandarmi, Milán, Aldo Garzanti Editore, 1970) non necesitan máis presentación, só lamentar que ningunha obra desta grande escritora italiana estea vertida á nosa lingua, que saibamos nós –e canto nos gustaría equivocarnos.

A crítica

Natalia Ginzburg.

Quenquera que escriba hoxe, e escriba o que escriba –novelas, ensaios, poesía ou teatro–, deplora a ausencia ou a rareza dunha crítica, é dicir, a ausencia ou a rareza dun xuízo claro, indesmontábel, inexorábel e puro. No desexo de semellante xuízo agóchase talvez a lembranza da forza e severidade con que se proxectaba, na nosa infancia, a figura paterna. Sufrimos pola ausencia da crítica, do mesmo xeito que sufrimos pola ausencia, na nosa vida adulta, dun pai. Mais extinguiuse, ou case se extinguiu, a estirpe dos críticos, porque se extinguiu a estirpe dos pais. Orfos desde hai tempo, xeramos orfos, porque fomos incapaces de nos converter en pais: e así, inutilmente, andamos a buscar entre nós aquilo do que temos unha sede profunda, unha intelixencia inexorábel, clara e elevada, que nos examine con distancia e atención, que nos observe desde o alto dunha ventá, que non descenda a se mesturar connosco no po dos nosos currais. Unha intelixencia que pense en nós e non en si mesma, mesurada, implacábel e límpida na confrontación das nosas obras, límpida en nos coñecer e nos revelar o que somos, inexorábel para encontrar e definir os nosos vicios e erros. Mais para acubillarmos en medio de nós unha intelixencia desta especie, deberiamos ter no noso espírito unha lucidez e unha pureza da que hoxe todos estamos privados; e entre nós non pode vivir un ser demasiado diferente de nós mesmos.

Respecto á nosa actitude fronte aos críticos –do que esperamos deles, e que case nunca obtemos, é dicir, un xuízo que nos ilumine a nós mesmos, nos axude a ser con maior forza o que somos e non outra cousa–, a miúdo somos incivilizados. Adoitamos esperar dos críticos a benevolencia. Esperámola coma algo que se nos debe. Se non a obtemos, sentímonos incomprendidos, perseguidos e vítimas dun odio inxusto; e estamos dispostos a descubrir nos outros fins desprezábeis.

Se un crítico é amigo noso ou se, simplemente, se trata de alguén a quen vemos de cando en vez e con quen intercambiamos algunhas palabras, a amizade ou eses encontros ocasionais nos dan a certeza de que o seu xuízo será eloxioso para connosco. E se non é así e no canto dun xuízo eloxioso obtemos, pola contra, unha lección desapiadada, ou talvez unicamente un prudente silencio, vémonos acosados por unha incomodidade estupefacta e despois, subitamente, por un acceso de velenoso rancor: coma se a amizade ou aqueles encontros escasos nos deran dereito a un favor eterno: porque o noso mal costume nos leva a pedir a amizade ou mesmo un simple sorriso de cortesía, non a verdade senón un proveito inmediato.

Certamente, ao crítico non tería que importarlle o noso rancor; como non tería que importarlle en absoluto a un pai sereno, que tivese unha clara conciencia de actuar e pensar con xusteza, o rancor dos seus fillos. Mais os críticos son, hoxe en día, igual que os pais, fráxiles, nerviosos e sensíbeis aos rancores dos outros. Temen perder os amigos ou ofender os coñecidos. A súa vida social é tan ampla e está tan chea de compromisos que, ao ofender a unha persoa, pode ofender a outras mil. Coma hoxe os pais, os críticos temen o odio; teñen medo de se atoparen sós dicindo a verdade nunha sociedade hostil. Ou ben, pola contra, queren odio, aspiran a el coma a un condimento forte e esencial para a súa vida de críticos. Desexan vestirse co odio coma se se tratase dun rico e alucinante uniforme. E a aspiración ao odio, ostentada coma unha coquetería social, igual que o medo ao odio, non poden constituír unha base social para a procura e a afirmación do verdadeiro.

Unha cousa que penso non debe facer nunca quen escribe é queixarse das críticas negativas ou do silencio que recae sobre a súa obra. Atribuír unha desmesurada e esencial importancia ao éxito da nosa obra revela en nós unha falta de amor cara a tal obra. Se no pasado a amamos verdadeiramente e se a amamos aínda saberemos que o que lle sucede, a súa carreira e a súa sorte, a incomprensión ou o favor que poderá atopar, só teñen unha importancia efémera, ao igual que para un río ou para unha nube non teñen importancia as distintas árbores e diferentes rexións que encontra ao seu paso.

En realidade, quen escribe non ten dereito a lle pedir nada a ninguén para a súa obra. Unha vez lle pediu ao editor que lle pague o que lle debe, esixencia lexítima e indispensábel, non lle quedan outras obrigas prácticas con respecto ao seu libro. Pode quedar na casa, descansando, pensando en si mesmo.

Talvez non lle sexa útil pensar demasiado nas obras que xa rematou e que avanzan entre aclamacións ou en silencio polo seu propio camiño. Tivo o gran pracer de escribilas, e isto, no fondo, debería bastarlle para sempre.

Non digo que os xuízos dos críticos deban serlle completamente indiferentes: pode serlle útil confrontalos co xuízo que el mesmo, no profundo do seu espírito, elaborou sobre a súa obra, e intentar indagar canto hai, no seu xuízo, de instintivo perdón polos seus propios erros, o que é límpida conciencia e o que é delirio e soberbia.

Non obstante, poucas veces conseguimos ser tan prudentes. Raramente contemplamos a nosa obra con auténtico amor. O verdadeiro amor polas nosas obras conserva sempre unha ollada irónica e xovial: ao igual que na nosa vida calquera paixón amorosa é imperfecta se non está iluminada por unha ollada xovial, aguda e penetrante, da conciencia.

Os xuízos que recibimos da crítica sobre as nosas obras rebordan tamén simpatía ou antipatía, afecto ou odio. Ás veces trátase de simpatía ou antipatía persoal; ás veces, a simpatía ou a antipatía non van dirixidas cara a nós senón á tendencia ou corrente á que se xulga que pertencemos: e porque, polo común, non sabemos ou non cremos que pertenzamos a ningunha tendencia ou corrente, xa que nos sentimos illados e solitarios, tales xuízos nos resultan estraños e inservíbeis.

A simpatía dos outros sempre se agradece moito e suscita a nosa propia simpatía; gozamos dunha fonda sensación de benestar durante algúns instantes; pero unha vez desaparecida esa sensación, os interrogantes sobre a calidade e a natureza da nosa obra volven acosarnos. A antipatía dos outros non nos comprace; inmediatamente volvémonos antipáticos, mais tamén se nos volven antipáticos aqueles que falaron con desprezo das nosas obras. Caemos nun estado de ánimo incoherente e confuso, de abatemento e de revolta. A dúbida de sermos vermes e a dúbida de que sexan vermes os nosos malévolos xuíces, xermina e desenvólvese en nós e detestámonos a un tempo a nós mesmos, á crítica e á vida. Mais nun ou outro caso trátase de estados de ánimo, é dicir, de malhumor ou de pracer: con respecto ás nosas obras, no fondo seméllanos non descubrir máis nada do que xa sabiamos ao principio.

A crítica é aínda para nós unha desilusión cando advertimos na súa escrita unha nostalxia punxente, a nostalxia ou o desexo da creación poética. Apenas advertimos ao lonxe o cheiro desta especie de nostalxia, extínguese en nós a fe no xuízo, aínda que tal xuízo se nos mostre adornado de elegancia e de graza: admirámolo mais non sabemos que facer con el. A elegancia e a graza, os refinamentos e a suavidade do estilo, e unha especie de melancolía intranquila que sentimos vibrar no fondo do seu pensamento, fannos ver no crítico un semellante noso, e en nós a admiración mestúrase cun sentimento de inseguridade, de malestar e de repugnancia. Vimos entre nós unha especie de parentesco: e nós non necesitamos un parente ou un compañeiro de xogo: necesitamos un pai.

Penso, non obstante, que se non temos un pai é porque, como xa dixen, non o merecemos. Incapaces de illar e de ler en nós mesmos os nosos erros, de chamalos duramente polo seu propio nome, dispostos sempre a censuralos e ignoralos, a finxir para connosco mesmos que non existen, tolerantes para cos vicios e os erros dos nosos consanguíneos, e amigos dunha tolerancia que non se xera na piedade ou comprensión senón que está feita de ocio, de indiferenza e, sobre todo, de confusión, adoitamos lamentarnos da ausencia da crítica como nenos que se foron á cama na escuridade.

Na nosa ansiedade é a espera dun pai que non virá a nos socorrer, simplemente porque non existe, contemplamos con desexo cada vez máis agudo a imaxe dun ser que quixera pórlle orde á nosa vida difusa e confusa. Vemos proxectada nas paredes a súa figura alta e vixilante, sentimos vibrar na sombra a súa voz severa. Mais no acto de nos enxaugarmos as bagoas e de asumirmos os despoxos do pai, este acto quizais tan simple énos imposíbel e non podemos realizalo, seguimos a nos mover na sombra, vacilantes e trémulos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s