‘A carauta de Fernando’ vs ‘Occidente salvaxe’

Carauta.

Xornada 4. Marisol Gándara fronte ao convidado enmascarado.

A carauta de Fernando

Cando Fernandito non quere comer, Fernando vai ó cuarto pechado, pon a carauta e Fernandito limpa o prato coa lingua. Se Fernanda quere poñer unha roseira no xardín, Fernando vai ó cuarto pechado, pon a carauta e nin rosas nin caraveis. Se Fernandito non se quere vestir, Fernando vai ó cuarto pechado, pon a carauta e Fernandito sae de uniforme.

Fernando é un home moi sociable e amable, está sempre disposto a facerlle un favor a calquera, gústalle o polbo con moito picante, presumir do que non ten e dicir o contrario do que pensa. 

Fernando ten a carauta desde pequeno, vai medrando con el e copia as súas enrugas. Gárdaa nun cuarto pechado sen luz nin fiestras, nin armario, nin cama, nin cadeiras. A carauta busca o xeito de saír, é todo óso e sempre ten fame. Raña na porta cos dentes e ás veces asubía, pero só fala cando Fernando lle presta a súa voz.

Fernanda caeu nunha depresión, ela di que por causa de ter un cuarto pechado na casa. Quéreo airear, poñerlle un punto de luz e fumigar. Dá voltas arredor da porta pero non entra. Ten pesadelos nos que Fernando a bota para dentro e a pecha coa chave. Está pensando en deixalo, pero sen chave non dá saído.

Fernandito mete os dedos por debaixo da porta do cuarto pechado e a carauta lápallos coma se fose un canciño. Bótalle grilos polo buraco da pechadura. Pega a orella á madeira e oe como chucha neles. Pensa que un día vai ter unha carauta coma esa.

Se Fernandito non quere ir á universidade, Fernando vai ó cuarto pechado, pon a carauta e Fernandito sofre unha crise de ansiedade. Se Fernanda quere marchar da casa, Fernando vai ó cuarto pechado, pon a carauta e a maleta desfaise. Cando Fernandito chega bébedo á casa, Fernando vai ó cuarto pechado, pon a carauta e Fernandito pártelle a cara.

……………………………….

Occidente salvaxe

Moisés de Gutiérrez tivo unha ascensión meteórica. De dependente en perfumería a xefe de sección, despois de planta e tras iso a gloria. Alén das habilidades sociais tiña certas condicións físicas idóneas. Por recomendación da muller do director cruzou o olimpo das vendas ata máximo responsable cando quedou vacante o posto. 

Baixo o logo do centro, Moisés humedeceu os beizos. Preparábase para o seu primeiro discurso no cargo. Tres ducias de novatos facían o seu debut nas rebaixas do Corte Inglés. Era un día grande. Os xefes de persoal do ramo admirábano, as dependentas desexábano e os demais soñaban ser coma el. A seda negra da camisa pegábaselle ao corpo debaixo da americana. Excitouse. Sentiu as raias diplomáticas subirlle á gorxa e imaxinou que o dragón tatuado no bíceps dereito saía para aniquilalo todo. Pasou a man polo cabelo e levouna ao peito, coma xurando perante a biblia. Os pectorais latexábanlle e con tusidos breves pediu silencio. Os candidatos a empregado do mes, endereitados nos seus uniformes, nun rectángulo de doce por tres, todo oídos, escoitaban.

Calquera día é bo para empuxar, insultar ou mirar mal a xente, iso sabémolo todos —sorriu e mirou para a morena da primeira fila—. Todos precisamos deixar caer a máscara, liberarnos, e esta xente máis que ninguén nestes momentos. Que non vos enganen, non sodes meros dependentes e dependentas —saltou á loira da segunda fila—, os que estamos aquí sabemos a verdade. Somos psicólogos, educadores da masa enfebrecida. Calquera época de rebaixas é crucial para o noso benestar pero… hoxe é o día, compañeiros e compañeiras —volveu á morena. Levantou as mans como querendo abrazalos a todos—. Ao longo do día sentirédesvos abafados pola marea humana e o traballo. Sabedes que vos digo? Resistide. Aguantade as inclemencias dos seus caprichos. O noso é un labor social. 

O silencio encheu a planta B do centro. Moisés respirou satisfeito. Eles esperaban coa respiración contida. Estendeu o brazo en dirección á entrada.

Mirádeos agardando os vosos consellos. Ollade —repetiu sinalando as cristaleiras onde se amoreaban centos de persoas para entrar—. Saben que este é o lugar perfecto para colmar as súas necesidades. Non me defraudedes e, sobre todo, non os defraudedes a eles. Cando se abran esas portas sentiredes a liberdade do mercado fluír infinitas veces cara ás vosas caixas rexistradoras. Loado o día! Abride! —exclamou a vivo pulmón. Os dependentes correron a abrir as portas esquecendo o protocolo recibido o día anterior.

Na súa euforia Moisés pasou por alto pequenos detalles. Esquecera agardar a que o director cortara a cinta. Esto provocou un efecto rebote que encirrou os do fondo, que empurraron con máis forza. Tampouco tivo en as conta que os gardas de seguridade non estaban aínda nos seus postos para conter as posibles avalanchas. Quizais empezou a pensar niso cando se viu incrustado no mostrador da perfumaría. Nin cheirou a posibilidade de traxedia ata que a tivo encima dos narices.

7 comentarios en “‘A carauta de Fernando’ vs ‘Occidente salvaxe’

  1. Boa tarde. Penso que me estreo eu nos comentarios desta volta… Neste duelo tan dispar, deixeime levar polas emocións que me transmitiron.
    “A carauta de Fernando” non me convenceu Fernandito nin Fernanda. Non me quedou claro se é un recurso literario o uso do mesmo nome, unha persoa bipolar ou que non entendín o relato na súa totalidade. Se cadra o problema téñoo eu.
    “Occidente salvaxe” enganchoume Moisés desde a primeira liña. Quixera ser unha pupila del, devecendo ser unha novata máis no meu debut de rebaixas. O relato vai collendo corpo e gústame o final. Parabéns ao autor ou autora por escribilo.
    O meu voto é para “Occidente salvaxe”

  2. Entendo que a máscara de Fernando é a mala hostia/violencia que gasta desde neno e que ten atemorizada á súa familia.
    A min gustoume. Ten moito ritmo.

  3. Este é o mellor duelo da xornada. Hai moitísimo nivel aquí, pero moito moito. É para estes casos nos que un quere pedir o comodín, ou un punto extra para o que non gañe. Ademais, a foto escollina eu e debo dicir que cando a vin, non pensei que fose fácil sacar caviar da súa lata. Moitísimos parabéns a ambas plumas.

    A carauta de Fernando

    Impresionante. Rítmico. Poético. Unha xenialidade o uso dos nomes para definir a pai, nai e fillo sen usar ningún termo de parentesco. E a imaxe do cuarto escuro… en dúas palabras: dáme envexa.
    Escápaseme o final, culpa miña. Que alguén mo explique, por favor, e me saque deste status interruptus.

    Occidente salvaxe

    Outro relato para colgar da parede do cuarto. Magnífico personaxe. Non puiden pensar máis que en Jude Law no balcón do Vaticano. Fascinoume. E o final: apoteótico.

    Como dixen, paréceme un crime no premiar os dous. César, había que indultar estes touros, pero se non pode ser, que o meu voto sexa para A carauta de Fernando polo plus de poesía.

  4. Coincido co compañeiro, non podo dicir nada malo de ningún dos dous relatos. Da familia ‘Fernández’ atrapoume a intensidade e o ritmo, unha agresividade agochada debaixo de cada palabra que non pode deixar indiferente. Do Moisés enganchoume algo que oculta nalgures entre os seus pectorais e o seu rostro de Adonis, unha ascensión meteórica e unha caída estrepitosa. Moi bo.
    Voto por ‘A carauta de Fernando’.

  5. Penso que este é o duelo da xornada. Ambos autores levan a imaxe por onde menos o esperaba. Eu pensaría en atracadores. Agradézolle aos autores ese extra de orixinalidade.
    Para min, A carauta de Fernando é o relato da xornada. Encántame o uso dos nomes e que o ritmo co que está escrito. Pareceme orixinalísimo. O xogo de imaxes é maxistral e, en particular, quédame na cabeza a da carauta chuchando nos grilos. Meus parabéns ao autor ou autora.
    Occidente Salvaxe está moi ben escrito. Constrúe á perfección á personaxe e ten frases moi boas como á de condicións físicas idóneas. O discurso dálle un ton grave que lle senta ben a un centro comercial. Paréce Enrique V lanzándose á brecha unha vez máis¡ O final, co da perfumería, queda redondo.
    O meu voto vai para A carauta de Fernando.

  6. Boas! Concordo en que ambos relatos son impresionantes e non é doado tomar unha decisión.
    “A carauta de Fernando”. Nin se me pasou pensar en bipolaridade, para min é unha historia de violencia doméstica narrada de forma maxistral.
    “Occidente salvaxe”. Entretidísima historia e personaxe, que se ben xa intuímos que se aveciña a súa caída, isto non resta calidade, nin épica a ese discurso tan apaixonado.

    Nesta ocasión o meu voto vai para “A carauta de Fernando”.

  7. Vaia pasada a imaxe. E vaia pasada de relatos. Pois si, é o mellor duelo da semana. Tamén teño que dicir que está sendo un fantástico torneo cun nivel bastante equilibrado de unha semana para outra. E tamén que case non chego vivo a esta xornada, menos mal que está aí o parón de nadal.

    “A carauta de Fernando”. Outro relato que non gasta toda a munición permitida. Cando apuntas ben precisas menos balas, cada frase deste relato foi tirada por un francotirador. Moi bo traballo coa personalización da familia, sobre todo en tan pouco. Esa máscara e esa habitación son grandes achados. A nai asfixiada pola espazo que vai ocupando cada vez máis esa habitación invisible. O relato é violento pero nunca usa a violencia, só unha vez, no final, cando Fernandito abre a porta da habitación e atopa a súa propia máscara. Relendoo eu creo que lle daría unha volta á ultima frase para que tivese algo máis de punch ou para que cadrase algo co ritmo (pero xa é ser repunante porque isto é un gran relato).

    “Occidente salvaxe” outro moi bo relato de corte humorístico. Está moi ben levado o narcisismo da persoaxe e as súas ínfulas de dominación mundial (do Corte Inglés), gustoume especialmente o seu demente discurso capitalista, tomándose completamente en serio. Vai moi ben ese discurso precisamente coa bandeira que enmascara a carauta da foto. O final tamén está ben levado inda que, como aí xa está o relato en modo gag, poida que lle fose mellor unha maior presencia física, algo máis de acción e dinamismo (ou Instagram), (é broma).

    O meu VOTO vai para “A carauta de Fernando” polos espazos creados. Pero os parabéns van para os dous autores deste gran duelo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s