‘O disfrace’ vs ‘The Burial Society, 1944…’

BEN SHAN.

Xornada 4. Ana Vigo contra David Botana.

O disfrace

Todo comezara como unha broma. Paula vira aquela pintura tan estraña na casa do seu avó, quen lle explicara que as persoas retratadas vestían carapuchas cubrindo as cabezas para protexerse dun virus letal. Arte de Pandemia, chamárao. Pintárao nos anos 30, cando as enfermidades aínda existían. Moito chorara o avó ao lembrar aqueles tempos.

A Paula a historia parecéralle un conto de fadas, e ocorréraselle unha idea xenial. Xa no seu cuarto desfixera a cama para confeccionar un disfrace coa saba. Queríase asemellar á xente do cadro e facerlles crer aos amigos que unha perigosa doenza estaba a infectar os veciños.

O plan torcérase no momento de saír á rúa. Paula camiñaba con dificultade, a saba enleábase nas súas pernas e os buratos que fixera na saba non encaixaban ben cos seus ollos, polo que era difícil distinguir por onde ía.

Sorprendérona algúns berros afogados e o pranto de alguén. Paula moveu a saba para alucar por un dos buratos, e descubriu que eran as voces dalgúns dos seus veciños máis maiores. Ollaban para ela con expresións de espanto que nunca vira e murmuraban:

—Volveu…

—Teremos que pasar polo mesmo…

—Eu non o permitirei.

—Hai que atallalo canto antes.

Cada vez eran máis. Saían das súas casas, con aquela actitude temorosa que non lles impedía achegarse a Paula, non moito, pero si o xusto para que ela empezase a sentir medo.

—Só é un disfrace.

—Tamén daquela lle restamos importancia, que non era nada, que non era nada…

—Perdón, pero teño présa!

Cun mal presentmiento, Paula correu para afastarse daquel xentío. Alguén cargou un arma.

—Non o permitirei —repetiu a anciá antes de disparar ao peito da nena baixo a saba.

……………………………………..

The Burial Society, 1944

Ben Shahn, (Kovno 1898 – Nueva York 1969)

Pintura al temple sobre papel, 24 x 34 cm

Donación The Committee of Religion and Art of America, 1973

Inv. 23563

—Que fas aquí? Sabes a fila que fixen? Levo unha hora buscandote neste puto labirinto.
—Mira.
—O cadro?
—Non home, a parede.
—Teño fame, vamos xantar, anda.
—Son membros dunha chevra kadisha. Unha sociedade tradicional xudía que garantiza que os seus membros e familiares teñan un funeral digno, de acordo ás súas tradicións. Sempre me fascinou esta pintura. A composición, a cor. Parecen pantasmas. O que está en primeiro plano, coa cara destapada. Triste pero digno. É un deses cadros onde podes pasar horas intentado imaxinar o que está a pensar. Daría para varios relatos.
—É pequeno.
—Co entusiasta das cousas grandes que es non sei como te dignaches a facerme caso. Ah… claro, a conta corrente.
—Non estou de humor para as túas merdas. Teño fame.
—Eu creo que o morto era alguén que coñecía.
—Quen?
—O home triste do cadro. Seguro que estaba enterrando un familiar, ou un amigo. Imaxina que era un amante. Como se sentirá un enterrador preparando a alguén querido. Limpándoo, drenándolle o sangue, enmascarando ese pedazo de carne morta para que sexa unha sombra do que foi.
—Levo un día sen saber de ti, cítasme no puto Museo Vaticano e poste a divagar. A ti pásache algo.
—Vaia, resulta que estou casado con Sherlock. Son o teu doutorciño despois de todo.
—Vai cagar. Marcho xantar. Temos reserva en Ginno´s, por se che pasa o derrame.
—A quen estás fodendo?
—Que? A ninguén.
—Nunca deixa de abraiarme a naturalidade coa que mentes. Cantos cartos puido gañar ao póker esa fermosa cara de mármore.
—En serio, non estou hoxe para un dos teus…
—Teño sida.
—Que?
—VIH, a praga dos sodomitas. Eu xureille fidelidade á tua pirola perante o mesmísimo Elvis. Ti sempre fuches máis de andar a sacala por aí.
—Eu…
—E aló van as ganas de comer. Vas ter que anular o de Ginno´s.
—Estás seguro?
—Imaxino que despois de tanto tempo sabes a que me dedico. Como eu sei que se non fose algo serio porías condón.
—Ía deixalo. Non quería…
—Deixa, non o quero saber. Ao final fixemos ben, sabes?
—En que?
—En non adoptar. Tiñas razón. Era un acto egoísta.
—Escoita…
—Tampouco teño ganas de escoitar. Estate calado. Coma unha fermosa estatua clásica. Poderían expoñerte aquí.
—Que imos facer?
—Coidarnos, supoño.
—Síntoo.
—Sempre me deron envexa os xudeus ortodoxos con eses enterros, sabes. Esa purificación, ese rito. Estou por converterme e todo.
—Eu quérote. Pero levabas tanto tempo metido en ti mesmo…
—Que tiveches que meterte ti noutro.
—Por favor.
—Tes que avisalo. Vaino chamar. Que non o colla ninguén máis polo menos.
—Que vas facer?
—Vou quedar un anaco. Necesito saber o que pensa ese home. Despois buscarei a Deus na Capela, se non está moi ateigada.
—Vasme deixar?
—Alguén terá que mirarme así no meu enterro.

6 comentarios en “‘O disfrace’ vs ‘The Burial Society, 1944…’

  1. Paso a comentar o seguinte duelo. Custoume decidir por quen votar e non o teño moi claro, xa que calquera dos dous teñen cousas que me gustan e que non.
    “O disfrace” penso que é unha boa idea o de retomar unha enfermidade que volve e trata un tema tan actual como o virus dun xeito orixinal.En xeral gustoume, pero non me convenceu o final que remata dun xeito abrupto, coma se acabase as 500 palabras.
    “The Burial society” o título do cadro e do relato. Ten partes boas cando fala do cadro e certos diálogos que están moi ben narrados, como a historia de (des)amor da parella. Pero levo fatal (“as túas merdas”, “o puto museo”, “vai cagar”) que aínda que serán usadas para transmitir unha linguaxe coloquial falada para min son innecesarias.
    Con moitas dúbidas, o meu voto é para “O disfrace”.

  2. O disfrace

    Está ben conseguida a representacion do medo neses ancians que viviron unha pandemia letal, tanto que reaccionan cunha violencia inusitada contra algo que lles recorda o que viviron neses momentos. En cambio, a execucion narrativa do relato non me pareceu tan acertada. É certo que o ton infantil lle da ó final un punto mais macabro, pero o texto non consegue recrear ben o que pretende, por exemplo, a frase final. A nena corre para afastarse… e peganlle un tiro no peito. Que costaba dicir que foi no lombo? E se queres que fose no peito, non digas que corre a afastarse, di que a rodearon.
    Ademais, suponse que as persoas levaban sabas para protexerse do virus, enton eran persoas sanas, por que dispararlle? Tiña que estar escrito “as persoas infectadas cubrianse con sabas para non contaxiar”, non para protexerse elas.
    Todo o relato necesita unha volta para transmitir ben o que ten no seu interior.

    The Burial Society

    Este debeu ser o titulo. The Burial Society. O resto sobra moito.

    Despois buscarei a Deus na Capela, se non está moi ateigada.
    suxiro: se non está moi ocupado.

    Do dialogo gustoume mais o fondo que o dialogo en si. O círculo que se pecha coa ultima frase queda moi redondo, é como ese placer que se sente cando ves ese carteis ou memes nos que algo cadra perfecto no seu lugar ou cando o nivel che di que por fin colocaches unha estanteria dereita. O que transmite o cadro traspasase ó que sente a personaxe e de aí rebotanos a nós. É un ping pong perfecto.
    O dialogo está ben aderezado, ten algo de humor e algo de tristura, a unica pega é que o que ten fame é demasiado pasivo, so recibe a informacion, e iso pesa un pouco no toma e daca. Case case se poderia plantear o relato sen el e funcionaria igual.

  3. Bo duelo. Parabéns a ambas plumas. Gustoume que a imaxe fose unha parte complementaria dos dous relatos. Ter o cadro diante deulle outra dimensión á miña lectura.

    O disfrace

    A idea é boa e o relato pode chegar a ser dos mellores se se púen algúns detalles, como xa indicaron as compañeiras e compañeiros. Non é fácil chegar á mellor versión dos relatos cun límite de tempo. A morte dunha nena é un deses tabús que cada vez se rompen con máis facilidade na escrita para producir arrepío no lector. Para min, sempre que se use ese recurso, debe facerse con coidado e intensidade. Nótase que o autor ou autora pensa o mesmo, pero a min non chegou tanto.

    The Burial Society, 1944…

    Outra boa idea, esta vez creo que máis traballada aínda que creo que, con máis tempo, a autora ou autor tamén nos daría un relato maxistral. Chocoume un pouco o vocabulario culto e profundo do principio para unha conversa de parella. A cousa explícase despois cando se descobre que o home está nun momento decisivo da súa vida. A frase final é outra das que se deberían facer calcomanías.

    O meu voto vai “The Burial Society, 1944…”

  4. ‘O disfrace’, como xa se apuntou, vexo certos detalles que non me encaixan. Paréceme unha idea moi boa, pero que ten unhas cantas frases que che fan saír da historia.

    ‘The burial society’ encantoume de principio a fin. Talvez, como tamén apuntaron, fáltalle un pouco de traballo para rematar de puír certos puntos da conversa, mais é algo que sempre acontece cos diálogos, que nunca os das terminado por completo.

    Voto por ‘The burial society’.

  5. Un duelo moi bo¡ Fun eu quen mandou esa imaxe porque teño o cerebro enorme. Non sabía da historia detrás dela, pero ler os relatos fíxome investigar e iso que me levo. Grazas¡
    De O disfrace gústame a volta que lle da o cadro, e como retrata o pánico que lles sae aos anciáns. Sen embargo, atópolle o mesmo faio que sinalan arriba. O xiro da morte é moi brusco e contrasta demasiado co ton infantil que leva tan ben o relato. Quizais con máis extensión faríase menos brusco, ou buscarlle un final máis light. De todas formas, fíxoseme moi lixeiro.
    The Burial Society gustóucheme ben pero penso tamén que o esfameado pasa a ter un papel demasiado pasivo. Sería curioso ver como quedaría o relato sendo monólogo. O xogo de verse reflexado na pintura está moi ben traballado. Iso si, se o do Ginno´s vai polo restaurante este que costa ata mirar a carta é Gino´s, e debo dicir que en Santiago teñen un axudante de cociña moi destro :b
    O meu voto vai para The Burial Society.

  6. Posiblemente o duelo que máis me gustou. Gústame moito como se usa a imaxe/cadro nos dous relatos.
    “O disfrace”
    Gustoume moito este relato. Seguramente me falte técnica narrativa e lectora pero cómproo con todos as posibles faltas. De feito non caín nin na metade delas ata que lin os comentarios, por iso me gusta tanto esto dos duelos a pesar de levar nos dentes, por todas as cousas que estou a aprender.

    “The Burial Society, 1944”
    Este relato tamén me gustou moito pero perdínme por momentos. Como alguén comenta por aí non facía falla tanto título, ou ao mellor é o formato. Gústame moito a sorna e as expresións do observador de cuadros, a parsimonia para dicir cal é o celme do relato pero non sei se me convence todo o diálogo. Sen dúbida está moi ben escrito pero perdíame sabendo que dicía que e facéndome un mapa dos intercambios. Tampouco me convence moito a resignación do cornudo nin as reaccións do cornante.

    Teño moitas dúbidas pero voto por “O disfrace” porque me gustou máis a historia en xeral.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s