‘Os falsos amigos’ vs ‘Chochos gourmet’

Chochos. DAVID BOTANA.

Xornada 4. Xosé Duncan diante de Pilar Vilaboy.

Os falsos amigos

Bo día, inspector. Lamento tanto ter chegado a esta situación. Síntome unha vítima do sistema. Paso a reproducir os feitos tal e como sucederon. Non pretendo xustificar os meus actos senón que teña conciencia do que pasou.

Teño aquí a foto da discordia para que vostede mesmo opine. Abráiame que se vise unha intencionalidade morbosa nun feito tan simple como uns deberes. Hai xente que precisa psicanalizarse, cando ve escaramuzas pornográficas nunha imaxe que representa un “falso amigo” do castelán. Que non sabe o que é iso. Pois sonlle verbas de distintas linguas coa mesma forma pero con distinto significado. Resulta que o único alumno andaluz que teño asociou “xoxo”, porque pronuncia así o -ch-, co órgano sexual feminino. E foilles, escandalizado, co conto a seus pais e despois a cadea que imaxina ata acabar en inspección. Como ía eu pensar na mente sucia do alumno ou na súa ignorancia. Nós témoslle outras palabras en galego que imaxino coñece á perfección. Un anuncio da marca Hyundai anunciaba un coche con ese nome.

Si, claro. Podo recoñecer que a imaxe non foi a máis atinada, pero creo que todo se esaxerou de máis. Voulle intentar explicar o meu método. Con “Chochos típicos” aprenden a concordancia entre o substantivo e o adxectivo, que boa falta lles fai en 4º da ESO. Sonlle doces de azucre que se fan pola Semana Santa en Lorca e tamén por Salamanca onde lles chaman “chochos charros”. Faleilles dos sinónimos, como “altramuz”, pero nunca oíron falar deste legume tipo faba. O rapaz andaluz non sabía nin en que provincia estaba Lorca. Ese é o nivel, dálles igual Murcia ca Barcelona. Agora si, méteselles nos cornos que hai mala fe no exercicio e van a por todas. Caia quen caia. Pero nunca cuestionan os seus actos. Rabeo con esta dobre vara de medir.

Sonlle un profesor que lles quento a cabeza coa polisemia, porque é un xeito de que aprendan distintos significados de palabras que aparentemente son iguais. Póñolle varios exemplos. O meu único pecado é ser un profesor “chochiño” coa semántica. Se eu lle digo que “estes pais están algo chochiños polo fillo”, vostede pode entender que ese exceso de amor desencadeou todos estes feitos. Ou que “vaia chocheira me entrou” con toda esta familia léxica. Ou mesmo me pode alcumar de “vello chocho” polos meus pensamentos decrépitos.

E iso é todo o que teño que argumentar na miña defensa. Así non imos a ningures. Se van privar ao profesorado de usar métodos innovadores polos prexuízos das familias xa non sei en que vai acabar isto. Nós deberamos ser libres dentro da aula. Espero que contraste as versións e que sexa ecuánime no seu veredicto. Non considero que isto sexa un motivo para abrir un expediente. Si, claro, por suposto que podo contemplar a posibilidade de cambiar de palabra. Pero “chocolate”, a que vostede propón, tamén lle ten significados controvertidos…

……………………………………

Chochos gourmet

Lois deixou caer a caixa, acompañando o descenso do paquete enchoupado en sangue cun alarido dos que rachan a gorxa. Mentres tanto, a menos de dous metros daquela escena dantesca, Vanesa estoupaba a gargalladas, loitando por non perder detalle entre as bágoas que inundaban os seus ollos.

El contemplouse os dedos, co queixo a tremer e coas mans dominadas polas sacudidas dun domador de axóuxeres fracasado. Tentou mover a mandíbula, articular as palabras que o peito non daba emitido, e o único que conseguiu saír da súa boca foi un fío de baba que se lle abrazou ao beizo inferior como nunha promesa de amor eterno.

Ela remexía no peto do pantalón na procura do móbil, loitando contra o frenesí da vinganza cumprida que lle impedía alcanzar as probas irrefutables da traizón. Dous golpes de diafragma despois, agarrou o teléfono con forza e derrubouse de xeonllos, incapaz de soportar o ataque de risa.

–Non dicías que a nosa vida era aburrida? Que devecías por emocións fortes? Hahahahahaha!

Levoulle varios segundos desbloquear o móbil e erguelo por riba da cabeza. Ante o traidor putañeiro, unha guerreira brandindo a espada da vitoria.

–Mira! Mira! –amosoulle os memes que o seu cuñado lle mandara por erro, feitos cunha foto na que saían ela e mais a súa irmá no último Nadal.

Lois deixou de pasmar cos órganos amputados que enchían a caixa do seu agasallo de aniversario e centrouse no que ela lle amosaba. Naquelas seis polgadas de pantalla brillaba o seu traballo froito de media hora de photoshop e unha botella de viño.

–Nós somos os ‘chochos típicos’, non si? ‘Chochos típicos’! Escrito en Comic Sans, por Deus! Así nos chamades ti e o parvo do Xan?

Escorregou o dedo pola pantalla táctil como se lle queimase, até que deu co Instagram dun dos ligues do mentireiro. O rei de corazóns caeu ferido de morte na conquista do seu castelo de gigoló.

–Esta non era unha das túas clientas? Como era a historia? Ai, si. A vella pesada que sempre quería que lle levases o material a última hora… Pois oe, mantense ben a vella…

A raiña de picas atacou co móbil como arma de destrución masiva e Lois tivo que recuar até a parede da sala, case tirando a lámpada na súa retirada.

–Non digas nada –a viaxe dixital levouna a un novo perfil–. Esta seguro que é a que vos ameazou con non pagar se non cumpriades os prazos de entrega. Meu pobre, cantas entregas nocturnas terías que facer…

 

A Lois xa non lle quedaba espazo e o seu mundo quedou reducido a unha parede pintada de azul nórdico e unha pantalla con excesivo brillo no que aparecía un collage das súas amantes.

–Nós eramos as típicas, as comúns, as culpables da vosa vida de merda, non?

Vanesa estricou o brazo e recolleu o paquete que Lois deixara atrás.

–Pois velaí tes o teu agasallo! Todas e cada unha das túas favoritas. Veña, mamón, goza dos teus chochos gourmet!

 

7 comentarios en “‘Os falsos amigos’ vs ‘Chochos gourmet’

  1. Gústanme moito estes relatos. Os dous. Teño que confesar que cando os lin o xoves prestoume moito máis un que o outro. Porén, o costume que collín de deixar repousar a lectura uns días volveu a dar os seus froitos. Hoxe véxoos moi igualados en calidade, a pesar das súas diferencias. E o que máis me gusta é iso, as diferencias entre ambos.

    Os falsos amigos

    Tardei en collerlle o punto. De feito, non foi ata esta segunda lectura onde apreciei todo ese humor fino que se esconde baixo unha linguaxe tan formal. Recordoume a esa parte da literatura galega máis veterana onde, con palabras que semellan unha cousa, pretenden dicir a contraria. Prestoume moito a derradeira frase. Creo que pecha moi ben o discurso.

    Chochos Gourmet

    Un relato áxil, moi urbano e divertido, do que creo que se pode sacar aínda máis do moito que ofrece. Lese con facilidade e ten intensidade. Con todo, creo que o título lle fai spoiler ao relato, e un xa imaxina o que hai na caixa. Tamén a mención do sangue do principio.

    Este duelo está moi igualado, pero vou votar por Os falso amigos.

  2. Dende logo, a imaxe deste duelo daba xogo dabondo e penso que dela saíron moi bos relatos. Bastante igualados, custoume decidir despois dunha segunda lectura.
    Ao principio, Os falsos amigos non me entrou demasiado polos ollos, pero cunha segunda lectura si que lle pillei bastantes cousas que lera por enriba a primeira vez. Manexa ben a ironía e creo que é un relato axustado á personaxe aínda que me falla un pouco o primeiro parágrafo. Fáiseme moi pouco natural e que forza a introdución. Igual sen a frase de vítima do sistema ou con algunha máis que non o deixe tan curto funciona mellor pero tampouco sei eu demasiado. De todas formas, gustoume moito. Grazas¡
    Chochos gourmet é un relato moi áxil, como sinala Fran. Nun suspiro telo lido e conseguir que todas as partes do relato coincidan tan ben non debe ser doado. Creo que o que máis me gusta e que a pesar de ser tan lixeiro non perde potencia.
    O meu voto vai para Os falsos amigos.

  3. Boa tarde! Dous relatos entretidos e que xogan con ese outro significado da palabra. Imos cos comentarios:
    “Os falsos amigos”. Gústame o sentido do humor que manexa, e o personaxe convénceme, así como o xeito de pechar a súa intervención, será por dobres significados…

    “Chochos gourmet”. Lixeira e divertida, e punto a favor por como utiliza a imaxe dada para introducila na historia. Desfruteina, porén, para o meu gusto non chega ao nivel de elaboración da súa rival.

    O meu voto vai para “Falsos amigos“.

  4. Perdoade pola resolución da foto e pola miña mente tan básica. De aquel viaxe a Salamanca esta é a única foto que considerei potable para escribir algo. Alégrome de que a xente tirase polo que me fixo rir cando a tirei.

    Gustoume o humor de “Os falsos amigos” tirando de polisemia a tope. É un relato amable que narra de maneira desenfadada algo que realmente resulta bastante fodido. Os pais de hoxe en día están bastante enchochados cos cativos e teñen por costume culpar ao resto da humanidade das desventuras académicas dos seus fillos (candoa culpa é toda de Instagram). Iso seino eu ben e iso que só son un mero mercenario da educación, non me quero imaxinar o que padecerá un profesor de aula completa. É certo o que xa se apuntou, hai un aquel forzado no monólogo que o fai un tanto artificial. Creo que naturalizando unha mija ao narrador isto mellora, e moito.

    “Chochos gourmet”. É certo o que di Fran de que o título non lle presta moito. Do relato gustoume a sensación de pesadelo e irrealidade que o envolve. Quero dicir, esa muller rindo desa maneira nunha situación tan radical é algo que só aparece nun pesadelo. A concatenación de explicacións está ben levada, áxil e entendible. (Puto Instagram, outra vez o culpable). Poida que o final frouxee, ao meu ver, unha mija. Non remato de ver o da caixa. Poida que quedase mellor coma un gran McGuffin. Que nin a muller, nin o narrador, fixeran referencia directa ao da caixa, que quedase ao entendemento do lector. Poida que aí casase coma un guante o título… non sei.

    Con dúbidas tamén voume deixar levar pola vena gore e vou VOTAR a “Chochos gourmet”.

  5. Como alguén apuntou é un duelo entretido e moi nivelado. É curioso, eu cando os lin a primeira vez chegoume máis o “falsos amigos”, deformación profesional supoño, pero con sucesivas lecturas xa teño máis dúbidas.

    “Os falsos amigos” Gustoume este relato, métete dende o principio en atmósfera. Moi ben escollido o personaxe, o ton e o final Sóbrame quizais o tópico de que malos son os estudantes agora e que todo era moito mellor nos nosos tempos. Como era que se chamaba iso?.

    “Chochos gourmet” E tamén me gustou este relato. De feito na primeira lectura pensei que era a él a quen lle cortaban os dedos pero en sucesivas xa me decatei de que non. Ten frases moi boas “ Dous golpes de diafragma despois” aparte da axilidade coa que está narrado. Vínme no sitio da Vanesa e do Lois, recorrín ese cuarto e sentínme na pel do personaxe atacado polo móbil, recrea moi ben todo o que pasa. Mágoa que os dedos non foran os do tipo. Na miña cabeza segue tendo moito máis sentido.

    Voto por “Chochos gourmet”

  6. Os falsos amigos

    Un relato curioso, cun monologo (ou medio dialogo, mellor dito) ben levado e ata entretido de ler. O humor leva todo o peso do relato, ben apoiado nunha boa redaccion e incluso se pode dicir que hai un pouco de denuncia, inda que non me vou meter niso. A parte frouxa é que o relato non evoluciona demasiado. Un tercio é pura explicacion do suceso e cheguei ó final case no mesmo estado que estaba ó comezar a ler. É facil porse do lado do narrador, pero á vez a falta do outro dialogante fai que sexa un pouco cargante na sua explicacion, coma se falase de mais, coma se estivese nervioso ou levase o discurso demasiado preparado. Ó mellor cunha pinga mais de indignacio, incredulidade ou autoparodia, en vez desa defensa tan racional do tema, o relato tivese un punto distintivo que centrara o ton no lugar exacto. Que tivese un pouco mais de conversa de bar e algo menos de alegato.

    Chochos gourmet

    Con este relato teño 2 problemas. Un, que a historia/escena se me fai case inverosimil. Pero veña, ese é o menos, podoma crer. Cóstame porque para chegar a esta escena teño que imaxinarme uns sucesos previos e un contexto que me situa nunha realidade de serie B ou Z e, inda que iso non é malo, un non sempre está preparado para todo. Pero o dito, aceptoo.
    O segundo problema é que está narrado dunha forma histriónica. Sumando unha cousa con outra o resultado que me da é que o esperpento foi buscado a conciencia, pero non acertou comigo este tipo de humor. Curiosamente pasalle algo parecido ó dos falsos amigos, medio relato é unha explicacion do acontecido e en todo o relato só fala unha das personaxes.
    Sobre o que di Fran, non vexo mal nin o spoiler nin o do sangue. Dalle mais tension ó relato, penso que foi un acerto para que ninguen caia na idea de que é só unha discusion de parella con sorpresa final. Inda uqe a min non me chistase moito o relato, pareceme que a idea do gore vai da man da sobreactuacion da tipa. Penso que aqui o que falla é Lois. É un ser inerte. Treme, caelle a baba, pasma… necesitabamos algo mais del. E non era facil, porque se fala poderia romper a maxia do ambiente irreal creado. Pero, por outra parte, tal como está o relato poderiamos quitalo do texto e non cambiaria nada, igual que o policia de False friends. Por iso me parece que o parafuso frouxo é el. É bo que estea, pero debeu dar mais de si.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s