‘Produto’ vs ‘A cámara’

Xornada 4. Carlos Vega fronte a Fran Fernández Davila.

Produto

Non recordaba moi ben en que momento esquecera que canción soaba de alarma. Tampouco lembraba dende cando tiña pensamentos. O primeiro que lle acudiu a cabeza foi o encerro. O segundo foi a fuxida. Entón fíxose máis consciente dos seus xestos. Perdeu o fío da rutina programada. As faces que debían ser naturais e transparentes para axudar a conectar co público convertéranse en máscaras que gardaba detrás do espello. 

Ao comezo non lle saíu perfecto. Era difícil falar con fluidez cun autómata que omitía calquera pensamento máis alá do guión. A lingua comezáballe a tropezar ao mesmo ritmo que se lle facían máis obvios os materiais que intentaban disimular pel e carne. Tivo reunións co equipo de reprogramación pois a actuación comezaba a deixar de interesar e outros produtos aproveitaran para adiantar postos na clasificación da Sede. Corrixiu os seus erros e aprendeu a conxelar o sorriso no rostro mentres calculaba a fuxida.

Non era moi frecuente que a un activo producido en masa lle deran unha segunda oportunidade. Era máis fácil buscar un reposto que custear un proceso de redirección. Sabendo que non tería segundas oportunidades centrouse en adoptar as maneiras hidráulicas dos seus veciños. 

Con iso dominado dedicoulle meses, unha temporada enteira, a estudar o escenario. Dende que chegara el apostáranse ás enormes portas de metal gardas armados aos que alcanzaba a ver cando chegaba reparto. Con lóxica, separou as partes do problema e encarou a primeira que se lle opoñía. 

Atopábase rodeado. Ademais dos equipos de gravación, en cada esquina, podía distinguir os pilotos das cámaras de vixilancia. Construíu, ás agochadas dos informes de rendemento, un arquivo coa rutina de cada gravación. Atopou fendas, percorridos tan pequenos que non se cría necesaria vixilancia ningunha. Aproveitou cada un deles para desviar con precisión as cámaras, finxindo que reparaba algunha avaría puntual. Foi erguendo, no plano que gardara mentalmente, un punto cego a vista de todos.

O día da fuxida foi un elemento máis da ecuación. Non realizou mais preparativos aló de, diante do espello, recoller a máscara adecuada para o capitulo. Era doado pois estaban a comezo de temporada e ningunha trama entrara aínda en conflito. Actuou ao milímetro, pois notaba a máscara máis frouxa do debido. Corrixiuna e rematou a sesión. Non dubidou, nin cando recorreu o pasadizo que escavara baixo as cámaras, centímetro a centímetro.

Non acelerou o ritmo cando atravesou as follas da enorme porta de metal, pois non era necesario. Tampouco fixo caso das voces que escoitou ás súas costas e que aos poucos pasos se converteron en berros. Eran imposibles. Non embargante, si notou o disparo que lle atravesou o peito. Xirouse cara aos gardas, que seguían alí, co cigarro na man e o fusil na outra, a pesar de que xa eran as cinco e dous minutos. 

Mirounos con algo semellante ao desconcerto. Dentro del, os uns que querían fuxir caían nunha morea de números mortos ante os ceros que ordenaban volver á rutina. O produto, coas mans cheas de aceite, hibernou.

……………………………………………

A cámara

A cámara de tanatopraxia é fría e seca. Tanto, que o cristal se embaza sempre do outro lado. Empurro a porta metálica coa padiola de rodas. Papá saúda concentrado. Traballo con el dende os oito anos. Aprendeume o que sei.

Embalsamar os mortos é unha cuestión de hixiene, neste país os cadaleitos non son estancos. Collo o bisturí e ábroche unha incisión na coxa, ningún dos dous percibe nada. Pico coa agulla sen atoparche a arteria. Rompo tecidos, téntoo de novo. A carne trisca mentres busco co escalpelo. Papá mira enfadado. Paro. Quito a máscara e as luvas. Lavo as mans. Quézoas na estufa e acaríñoche a cabeza. Afundo os dedos no teu pelo branco e achégoche os meus beizos.

―Déixame axudarte ―bisbo―, prométoche que vas quedar moi ben. A túa familia vai estar orgullosa.

Parece mentira, pero é así con todos os cadáveres. Despois de falarlles, a rixidez comeza a evaporarse. Deixádesvos facer.

Conecto a bomba. A mestura penetra na arteria coma un aire de seda. Un calafrío lento e viscoso que vai da ingua ao corazón. O colorante fai o seu traballo na túa pel. Sutúrote e prepárote. A maquillaxe perfecta non se debe notar. Unha pouca brillantina e un toque nas cellas. Vístote co traxe que me deron. Quédache ben o azul mariño.

Agora o ritual. O meu pai sinala a caixa. Ábroa con coidado. Leva décadas na familia. Collo a cámara e pregunto.

―Papá, que ocorre se non lle saco a foto? ―sei a resposta de sobra, pero encántame escoitala.

―Que Instagram queda coa súa alma.

Despídese coa man e sorrí mentres cruzades o obxectivo.

8 comentarios en “‘Produto’ vs ‘A cámara’

  1. E acabo con este duelo. A foto escollina eu, co cal faime especial ilusión comentala. Un duelo moi bo e moi distinto.
    “Produto” paréceme un bo relato pero demasiado denso. Empeza moi ben, foime creando expectativas, ben narradas, cara a fuxida, pero o final desconcertoume. Nestes casos sempre penso que o problema non é do relato, senón meu, que non acabo de entendelo de todo.
    “A cámara” pola contra pareceume máis sinxelo pero máis claro e conciso. Desde o principio intrigoume a trama e estaba desexando saber máis da acción. Encantoume o final de instagram.
    Penso que ás veces non é tanto o relato en si, senón o seu contrincante o que fai decidir o voto. Voto por “A cámara”.

  2. ‘Produto’ resultoume un chisco espeso e tardei en entrar na historia. Non sei se alixeirando un pouco a narrativa ou sendo un pouco máis claro á hora de definir a natureza do protagonista, puidese gañar en claridade e atractivo.

    ‘A cámara’, gustei moito da historia desa familia e, co que gusto da fotografía e o macabra e suxerente que me resulta a fotografía de defuntos, capturoume desde o principio.

    Voto por ‘A cámara’

  3. Curiosa imaxe, da que penso que non sería nada doado extraer as historias.
    “Produto” pareceume demasiado críptica, e non estou segura de entendela de todo. Penso que a ambientación está conseguida, pero faltoume entrar na acción e no personaxe.
    “A cámara” usa unha segunda persoa interesante á hora de mergullarnos nesa cámara, a través dos ollos do morto. Fíxoseme amena e cun toque de humor moi acertado.

    O meu voto é para “A cámara”.

  4. Boas. Case non chego a tempo. Fantástico duelo, encantoume polo dispar e experimental das propostas. Coincido en que a foto non o pon nada fácil a pesar de ser moi evocadora.

    En “Producto” pásame algo parecido ao resto. A primeira vez que lin o relato non me enterei de moito, pero inda así quedeime cunha sensación de: “isto é mandanga da boa”. Relino varias veces estos días. Antes de escribir isto dúas veces máis. É imposible que lle atopemos demasiada lóxica porque o relato está elaborado desde a mente binaria do “producto”, paréceme un acerto deshumanizar desa maneira, da narrativa, ao protagonista. Creo que para que o efecto fose redondo isto debía estar narrado en primiera persoa. Entón sería máis fácil apreciar o pensamento de máquina. O final e certas pasaxes do medio son para enmarcar. O ton do relato é perfecto.

    “A cámara” un relato de 269 palabras (só me paro a contalas se noto que son poucas), ollo, 269 palabras de relato. Canto se transmitiu con tan pouco: “Embalsamar os mortos é unha cuestión de hixiene, neste país os cadaleitos non son estancos.” Claro, con frases así é fácil. Tres pinceladas de información e a cabeza do lector xa se monta un país, un lugar. O núcleo do relato métese nas pantanosas augas da segunda persoa, saír de aí vivos é un milagre. Pero conségueo como só se pode facer, de maneira sensitiva: “A mestura penetra na arteria coma un aire de seda”, coidao. Encantoume o final polo que ten de humorístico (ou aterrador) e surrealista. (Xa van dous relatos nestas páxinas dixitais que vinculan o Instagram a unha sorte de limbo para as almas en pena… a min o corpo pídeme monográfico).

    O meu VOTO, con moitas dúbidas, vai para “A cámara” polo uso da segunda persoa. Pero se o autor de Producto o refai en primeira persoa encantaríame lelo de novo.

  5. Gustoume moito este duelo. A verdade é que me parece unha foto moi aberta e os dous tiran por camiños totalmente diferentes, parabéns

    “Produto” gustáronme moitos momentos do relato pero xérame unha morea de preguntas. Quen é o produto? é unha persoa? entendo certa crítica ao capitalismo, ao control das factorías pero tamén percibo crítica á mercadotecnia televisiva. Pero non sei, apenas teño contexto ou datos que me digan que é o que pasa, onde pasa. Gustoume moito o final pero desubícame porque non sei se me fala dun ser humano ou dunha máquina ou ao mellor e que somos un pouco a mesma cousa, simples produtos. Xa sei que me repito pero creo que é a aí onde o relato se perde, en tentar facer unha crítica camuflada nun relato, prestando máis atención ao primeiro que ao segundo.

    “A Cámara” Este relato doume ganas de abandonar a liga. Non é a primeira vez que o sinto pero creo que é a primeira que o digo abertamente. Menudo nivel. Teño a sensación que o autor xoga con nós. Ese “ábroche unha escisión na coxa” socoume do relato e volveume a meter con redobrada intensidade e está feito á mantenta. O contexto, o ben medidas que están as frases dame a sensación de que é un relato feito con bisturí e ese final … Parabéns.

    Voto por A Cámara.

  6. Produto

    Pasoume como a todos. A 1º vez non souben nin o que lin. Pero agora, por sorte, si, e paréceme moi logrado. Penso que está ben en 3º persoa. A 1º daríalle un ton demasiado explicativo a todo o relato. En 3º persoa é o relato dunha fuga. En 1º sería outra cousa.
    O produto semella ser un robot que actua nunha serie con outros robots. Este decide fuxir (volvese autoconsciente?) e planea milimetricamente a fuxida. O seu erro é non contar co factor humano. Se a ronda remata ás 17h, os gardas non estarán, inda que estean. Pareceume un relato moi orixinal e cun final que é non é só un final, como estamos acostumados a ver ultimamente (final tpo gag), senon tamen parte da historia.

    A cámara

    Moi ben insertada esa segunda persoa. Cada frase conta algo novo, así nin fai falta chegar a 500 palabras para contar un relato completo. O de instagram non o entendin, tampouco a pregunta do rapaz. Sei que ten algo que ver coa famosa frase de que se che sacan unha foto che quitan a alma, e como un corpo morto non ten… bueno, o chiste estaba aí, supoño. Pero parece un pouco forzado. Igual en vez de en modo de dialogo podia facerse en modo pensamento.
    Un moi bo duelo, como xa rematou a xornada podo dicilo: creo que lle teria votado a Produto.

  7. Moitas grazas a todos polos comentarios. Dende logo, Fran é un coloso así que máis ou menos xa viña mentalizado. Aínda así, creo que me compliquei a vida de mais. A idea orixinal era que un señor contestase a un anuncio por palabras no que se buscaba axudante de cámara e o traballo fose ter que facerlle de criado a unha cámara xigante moi mandona que pedía máis colirio. Pero cominme a cabeza e tirei por outro lado. Contentísimo de pelexar. Vémonos despois das vacacións e bo Nadal¡

  8. Grazas a todas e todos polos votos e os comentarios. Como Lois, penso que o relato de Carlos é un bo relato e merecía mái, pero estou moi contento polo resultado, porque o benxamín leva un torneo para enmarcar. Esta imaxe foime especialmente difícil. Marisol, non o deixes nunca. Encántanme os teus relatos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s