Antón Riveiro Coello: “A miña avoa materna tiña moita maña para contar e unha imaxinación hiperbólica”

Antón Riveiro Coello.

Antón Riveiro Coello é un dos autores de referencia na literatura actual. Ten no seu haber unha morea de premios e o recoñecemento do público aos seus títulos. O seu último libro publicado é O paraíso dos inocentes (Galaxia) premio Torrente Ballester de narrativa ex aequo canda Álex Alonso.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Non estou certo, pero seguro que ningún dos que un se poida sentir orgulloso. Talvez algunha desas novelas do oeste americano escritas por Marcial Lafuente Estefanía ou unha Odisea adaptada para rapaces que aínda conservo dende os doce anos. 

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Non hai moito, un meu alumno dun obradoiro faloume dunha novela que, aínda que tivo a súa repercusión no seu tempo, coido que debería figurar en todas as listas de grandes obras: Tentación, de János Székely. Tamén debería estar en todos os estantes de quen ama a boa literatura Filtro de amor, de Louise Erdrich.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

O home sen atributos, de Robert Musil.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Se é para unha noite de festa, escritoras ou escritores divertidos, por suposto, cun pouco de alcol para sacudirmos as vaidades. Nas ceas do premio García Barros, onde se mestura festa e literatura, adoitamos pasalo ben e, por sorte, nos últimos anos vanse incorporando máis escritoras, entre as que me gustaría ver outras que escriben ben como Inma López Silva, Olga Novo ou Emma Pedreira, por exemplo.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Aínda que entre nós sempre hai quen gusta de amolar as festas, boto balóns fóra e coido que non me divertiría moito nin con Julien Gracq nin con John Banville, dous escritores de forte estilo que sempre me gustaron. 

Un libro recente que lle gustase moito…

En galego, Silencio, de Agustín Agra. E en castelán, La forastera, de Olga Merino.

Unha novela que non puido terminar…

Moitas. Se cadra, a máis imperdoable sexa O Quixote.

Que novela lle gustaría protagonizar?

A Odisea.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, impresionoume cando eu abandonaba a adolescencia e tívome absorto durante uns días. Volvín a ela non hai moito e o efecto xa non foi o mesmo, pero sigo pensando que é unha novela xenial. En galego, impresionárame a forza narrativa de O triángulo inscrito na circunferencia, de Vítor Freixanes.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

A morte de Virxilio, de Hermann Broch.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Por pedir, conformábame con algunha noveliña curta como A esmorga, de Blanco Amor, Lulú, de Mircea Cartarescu, O bosque da noite, de Djuna Barnes, Ancho mar de argazo, de Jean Rhys ou Pedro Páramo, de Juan Rulfo.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Hai que apandar co publicado, pero se alguén me pregunta por onde comezar, adoito recomendar a partir de A quinta de Saler. Os anteriores, malia seren premiados, son textos con demasiadas eivas.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Non. Só cadernos para apañar anécdotas e historias que despois van parar aos libros.

Escribirá as súas memorias?

Son amante das rutinas e a miña vida non creo que sexa moi interesante para os demais. Agora ben, hai unha parte da miña obra que se alimenta moito das miñas experiencias e desa paisaxe psicolóxica da familia que nos acompaña sempre. Por iso, creo que estou, e moito, en Casas Baratas, A esfinxe de Amaranto, A ferida do vento, mesmo en O paraíso dos inocentes, a miña última novela.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

A miña avoa materna que, malia non publicar, tiña moita maña para contar e unha imaxinación hiperbólica.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Son bastante benévolo e calquera libro, por moi malo que sexa, sempre nos di algo e, co tempo, acaba levedando dentro de nós.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Soporto con todo, e máis se está escrito en galego.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Non creo que os nosos clásicos estean sobrevalorados, ao contrario. É certo que algúns envelleceron moito, pero os libros adoitan resucitar.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Os escuros soños de Clío, de Carlos Casares.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s