O compromiso de Orwell, no seu 70 cabodano

George Orwell.

Xesús González Gómez.

Nunha libraría de segunda man compro o último libro de Miquel Berga: Quan la història et crema la má. Auden i Orwell entre dues guerres (Barcelona, Tusquets Editores, 2020), publicado en pleno confinamento alá polo pasado mes de abril. A mesma editorial publicou a versión castelá deste libro. Berga, profesor de literatura inglesa, e de quen falamos noutra ocasión nesta mesma web, é, como non podía ser doutra maneira, un anglófilo empedernido. Hai dous anos deu ao prelo unha escolma dos artigos que publica no xornal El Punt-Avui: Un aire anglés (Barcelona, Edicions del Periscopi, 2018), libro que recomendo a todo/as aquel/as que poidan lelo: é dicir, que lean –e entendan– o catalán e poidan dar co libro. Os artigos de Berga recollidos neste volume tratan de temas ou personaxes ingleses, e son (os artigos) divertidos, incisivos, sarcásticos, irónicos ás veces e mesmo informativos, lanzando de tanto en tanto algún dardo envelenado á política (e aos políticos) cataláns actuais. Berga reproduce bastantes anécdotas do repertorio, seica case que infinito, de Winston Churchill. Destas anécdotas reproducidas hai unha que me quedou gravada para sempre. Cito de memoria, pois non teño o libro a man. Durante a Segunda Guerra Mundial, Churchill, que era o primeiro ministro británico, como todos sabemos, reuniuse co Almirantado (os xefes da mariña de guerra británica). O primeiro ministro presentou un plano mediante o cal a mariña británica debía desembarcar nun punto determinado da costa de Noruega. Un dos almirantes interrompeuno e díxolle que entre as tradicións da Mariña británica estaba aquela de que os seus homes nunca abandonaban o barco, que non desembarcaban, que non se introducían terra adentro. Churchill cortouno bruscamente e díxolle que as únicas tradicións da Mariña británica eran: «O ron, o motín e a sodomía». Por suposto que os almirantes calaron e acataron as ordes do primeiro ministro; un primeiro ministro moi de dereitas, un primeiro ministro que se se enfrontou a Hitler non foi por ser un antifascista convencido, senón porque vía no nazismo un perigo para o imperio británico. Con todo, a esquerda británica entendeu no seu momento que Churchill era o home adecuado para dirixir o país no seu enfrontamento coas potencias fascistas (sobre o tema, véxase o máis que excelente libro de Chris Bambery, Historia marxista de la Segunda guerra mundial, Barcelona, Ed. Pasado y Presente, 2015). Poden imaxinar vostedes (lectora, lector) que un presidente do goberno español, sexa da cor política que queiran, lles dixese ao xenerais da Xunta de Estado Maior do exército, nun momento determinado, que as tradicións de tal exército eran (ou son): «O viño peleón, o bordel e o golpe de estado» (mesmo, para suavizalo, podía cambiar o de «golpe de estado» por «pronunciamento»)? Penso que tal escena, en España, só se podería dar nunha novela que fose unha fusión de ciencia ficción e realismo fantástico ou máxico. Mais volvamos ao que temos que volver, é dicir, ao libro de Miquel Berga.

Como se pode deducir doadamente, as dúas guerras do subtítulo son a Guerra Civil española e mais a Segunda Guerra Mundial, mais sobre todo a primeira, xa que será o acontecemento que marcará a obra destes dous escritores. Da «posición» orwelliana a respecto da guerra de España está escrito, penso eu, case todo. E el deixouno escrito en múltiplas ocasións, e non só no imprescindíbel Homenaxe a Cataluña. Auden veu tamén a España, daquela era un compañeiro de viaxe do Partido Comunista británico, como todos os poetas do seu grupo, o coñecido como o «grupo dos trinta» ou «trentistas», e tamén como Grupo de Oxford: Stephen Spender, que tamén estivo en España, Louis MacNeice –quen estivo en España antes do inicio da guerra– e Cecil Day Lewis (coñecido polas novelas policiais co pseudónimo de Nicholas Blake), e autor daqueles famosos versos que din «aliámonos cos malos para que non viñese o peor». Curioso este grupo de Oxford: Auden renegou do «marxismo» para volver ás redes do cristianismo; Spender durante moitos anos foi o director de Encounter, órgano británico do Congreso para a Liberdade da Cultura, e Day Lewis acabou como «poeta laureado», xa se sabe, ese que fai os poemas para conmemorar datas, actos e acontecementos da coroa británica. (En honra de Spender, digamos que desde que se soubo que o Congreso estaba financiado pola CIA –e polo MI-6 británico–, apuntouse, en 1968, á nova esquerda. Véxase Frances Stonor Saunders, La CIA y la guerra fría cultural.

Este novo libro de Berga, no seu conxunto, non descobre nada novo, achega, iso si, datos aparecidos nas últimas biografías, totais ou parciais, de Orwell e de Auden. Á parte, resume moi ben as posicións políticas e literarias tanto dun como do outro, os seus cambios, as súas esperanzas, e a posición que ambos mantiñan a respecto da literatura. Saberemos, se non o sabiamos, que a Auden lle producía unha grande irritación ver «como á literatura se lle esixía tomar partido e resolver problemas», aínda que el, cando estala a Guerra de España toma partido… en literatura: é o seu poema Spain, que logo, durante moitos anos non deixará reeditar e que, finalmente, corrixirá. Corrixiu o poema, pero nunca renegou da defensa que fixo da República Española, e a súa experiencia española, como afirma Berga, estará presente até o derradeiro minuto da súa vida. En 1939, nas vésperas da Segunda Guerra Mundial, Auden abandona Inglaterra e vaise aos Estados Unidos, o que foi tomado por moitos, e tamén por Orwell, como unha deserción. A partir dese momento, Auden pasa de ser un poeta engagé a ser un poeta dégagé: pero é que no tema do engagement (compromiso) sempre houbo moitos malentendidos.

[O tema do compromiso hoxe é, felizmente, unha reliquia histórica, penso. Mais con todo, o famoso compromiso non «sufriu» a crítica necesaria (ou pertinente, que diría un pedante estruturalista). O compromiso, no fondo, agacha unha problemática que non coincide necesariamente cos obxectivos políticos nin coa cuestión, desenvolvida por Adorno no seu día, da calidade estética da obra comprometida. A problemática de que falamos, e sobre a que pouco ou nada se dixo nin cando a palabra –compromiso– estaba en boca de todos, nin, por suposto, despois, vén, ou provén, do feito de que no acto de compromiso o individuo (home, muller) se carga da responsabilidade do estado do mundo, o que necesariamente é demasiado pesado para el: non hai lombo humano que poida aturalo. Por outra parte, o escritor comprometido facíase (faise?) unha imaxe grandiosa de si mesmo e o compromiso era considerado como un acto (fachenda) viril –no fondo, de machismo. Aínda é necesaria unha crítica do compromiso que dea como resultado un efecto curativo que debe dar paso a formas máis modestas de compromiso.]

Auden, gran poeta, excelente crítico, abandonou o marxismo, se algunha vez foi marxista (hai quen pensou que si, e que foi marxista até o final da súa vida, véxase o prólogo que lle meteu Horacio Vázquez Rial á súa tradución de El prolífico y el devorador, Barcelona, Edhasa, 1996 –poucos meses despois da publicación desta tradución, Vázquez Rial pasou a formar parte da escudaría intelectual dereitista española) para volver á casa cristiá. E mesmo chegou a dicir, como reproduce Berga, que consideraba como un cristián auténtico a Orwell: «Non podemos, no contexto deste capítulo [«Auden, un cristián entre Eros e Ágape»], deixar de salientar que Auden acaba as súas consideracións sobre Orwell cunha afirmación tan sorprendente como improbábel e que case podería lerse como unha beatificación póstuma: “Se me preguntasen por persoas ás que eu considero cristiáns auténticos, o nome de George Orwell sería dos primeiros que me viría á cabeza”» (p. 184): unha parvada coma outra calquera, como aquela que afirmaba que Xesus Cristo era o primeiro socialista da historia. Orwell era ateo, e pensaba, porque o deixou escrito, que os escritores «progresistas» (sic) cristiáns, católicos, para sermos máis exactos, eran unha inutilidade, cando non unha impostura.

De Orwell sabemos que loitou na guerra de España e que despois de abandonar este país, intentou, por todos os medios, denunciar a política dos comunistas e defender os perseguidos por estes: o POUM e os anarquistas: só foi escoitado cando se iniciou a guerra fría. E máis que escoitado, foi manipulado, porque ao cabo, Orwell era un home fundamentalmente de esquerdas, socialista e demócrata, mais se hoxe é lido non é só pola denuncia dos «totalitarismos» e das burocracias, senón porque era un bo escritor. Un escritor, como afirma Berga, que «se afana por achar o equilibrio entre a fascinación que profesa pola experimentación das vangardas literarias e unha consciencia social que o empurra a encontrar sentido “político” ás súas capacidades artísticas». Ora, isto non quere dicir que Orwell use das técnicas experimentais das vangardas para intentar «coar» con máis facilidade o que poderiamos denominar a súa mensaxe política, que, en realidade, é outra cousa: polémica en procura da verdade e defensa do home corrente. Como afirma Berga, seguindo a Oriol Quintana (Vostè i George Orwell: sobre l’humanisme orwellià i la condició de l’home corrent (Barcelona, Edicions Viena, 2019): as novelas de Orwell, sobre todo as tres últimas (Coming Up for Air –da que existe versión castelá, Ed. Destino: Subir a por aire –; A revolta dos animais (Positivas) e a mesma novela con distinto título, A granxa dos animais (Factoría K), quen tamén publicou 1984[1]), «son unha exploración sobre como o home corrente mantén a súa humanidade nun mundo cada vez máis hostil  e con ameazas máis descarnadas para a plenitude individual». Unha exploración sobre a humanidade do home corrente, certa fascinación polas técnicas literarias das vangardas e atopar «sentido político» ás propias capacidades literarias non abondan para «explicar» o que foi literariamente Orwell, porque Orwell, sen ser o que se denomina un «creador de linguaxe», abriu camiños á literatura. Como o conseguiu? Acho que Berga o explica moi ben: «o autor activa unha serie de mecanismos narrativos que reforzan a impresión de verosimilitude o axudan a gañar a complicidade e a confianza do lector. Estas estratexias textuais son as que recoñecemos como propias dun estilo que caracterizan as mellores reportaxes e ensaios de Orwell […]. Os tempos verbais altérnanse entre  inmediatez dos feitos vividos e reflexión posterior que permite ao narrado ponderar o valor das “primeiras impresións”; o narrador sitúase habilmente dentro e fóra da narración, e isto xera no lector unha sensación de “obxectividade, etc.» (p. 56-57). Todo isto, e moito máis que explica Berga, conduciron a que hoxe se use, sobre todo no mundo anglosaxón, mais tamén en Francia e Italia, e menos no denominado Estado Español, o adxectivo orwelliano o como sinónimo dunha «prosa que combina unha fluidez aparentemente cristalina cunha mordacidade extremadamente eficaz para a polémica política». Orwell, guste ou non a unha esquerda que aínda non esqueceu os seus resabios mais ou menos autoritarios, mais ou menos totalitarios ás veces, e sempre dogmática (os erros que cometeron, ao falaren de Orwell, Raymond Willians ou Isaac Deutscher son «clamorosos»), é un grande escritor, e un excelente ensaísta e un non menos valioso crítico literario; é ademais un escritor comprometido como escritor e como cidadán (non esquezamos que veu a España a matar fascistas… e case o matan a el: os fascistas, que lle deron un tiro na gorxa no fronte de Aragón, e os stalinistas, dos que tivo que fuxir), que non intentou nunca –malia os regustos machistas dalgúns do seus ataques aos comunistas de salón: Spender, Auden, etc., como ben apunta Berga– botar sobre o seu lombo a carga do mundo senón, simplemente, procurar a verdade e defender os perseguidos.

Doutros aspectos de Quan l’història et crema la mà falaremos outro día (sobre todo de Auden), hoxe só queriamos chamar a atención sobre este libro, cuxa visita recomendamos encarecidamente e de paso lembrar que este 2020 se cumpren os setenta anos do pasamento de George Orwell.

[1] Na nota 1 da páxina 22, Berga lamenta que «se consolidaran as traducións en catalán e castelán que substitúen o Mil novecentos oitenta e catro (un deliberado indicador de ficcionalidade) pola simple “data”, cousa que Orwell rexeitaría claramente». Digamos que na tradución galega tamén se dá esa substitución.

George Orwell.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s