As orixes medievais dos gabinetes de prensa

Arquivo Nacional da Torre do Tombo de Lisboa.

César Lorenzo Gil.

As crónicas medievais raramente eran contemporáneas do que se relataba. O guarda-mor das escrituras da Torre do Tombo de Lisboa –é dicir, o maior bibliotecario do seu tempo no reino de Portugal– Fernão Lopes, recibiu canda o seu nomeamento, no 1418, a encarga de compendiar os feitos de todos os reis portugueses até a data, a saber: Afonso Henriques, que comezou a reinar no 1139, Sancho , Afonso II, Sancho II, Afonso III, Dinís, Afonso IV, Pedro, Fernando e João. Loxicamente, rematou tal proustiana tarefa ao final da súa vida, xa morto o seu patrón e o fillo deste, o rei Duarte.

Pasou á historia como un dos máis grandes historiadores portugueses. É certo que era un grande: un gran fabulador que sen deixar de parecer un rigoroso e obxectivo cronista, foi torcendo convenientemente o relato do pasado de Portugal para que a familia que lle pagaba quedase ben.

A súa técnica narrativa era moi moderna (por momentos utiliza recursos da linguaxe cinematográfica) e camuflaba a súa parcialidade con constantes alusións ao miúdo labor de investigación documental que realizara para relatar tal ou cal acontecemento. “Oo! com quamto cuidado e diligemçia vimos grandes vollumes de livros, de desvairadas limguageês e terras; e isso meesmo pubricas escripturas de muitos cartarios e outros logares nas quaaes depois de longas vegilias e gramdes trabalhos, mais çertidom aver nom podemos da contheuda em esta obra”.

Non foi o único caso. O seu homónimo Fernando (ou Ferrán) Sánchez de Valladolid empezou a escribir ao redor do 1340 o que sucedera nos reinos da Coroa de Castela a partir do reinado de Afonso X, iniciado no 1252, é dicir, noventa anos antes. Valladolid foi mestre de Lopes na maneira de falar do pasado coma se estivese a falar do presente. Por iso no seu relato sobre Afonso X dous terzos do texto comprenden só dous anos, entre o verán do 1271 e o outono do 1273, o período da gran revolta nobiliaria que o seu bisneto Afonso XI quixo pór de exemplo para os señores do seu tempo, nesa altura domesticados ben con prebendas ben con cadeas. Coas crónicas dos reis seguintes até chegar ao seu tempo usou a mesma técnica.

A historiografía ibérica, tanto a portuguesa coma a española, non só non puxeron en cuestión o que alí se conta senón que xustificaron eses textos para os lectores de hoxe. A misoxinia, o racismo, a incoherencia de datas e de personaxes, as ocultacións deliberadas por razóns políticas, as loas ás dinastías que lles pagaban o soldo…

Esa concepción da historia didactista e fantasiosa, de feito, pervive hoxe. É especialmente visible na historia popular (series de televisión, novelas históricas, estatuas e pinturas) cuxa orixe son estas crónicas. No caso das escritas por ambos Fernandos, tiñan como obxectivo superar os límites do público documentalista ou erudito e convertérense en algo así como romances que o pobo fose cantando. Non é novo entre os políticos recorreren á propaganda para lexitimar coa historia as súas decisións.

As crónicas medievais tiñan graves problemas para sobreviviren aos seus impulsores. Cada bando tivo o seu erudito disposto a contar as glorias e elevar do chan as demandas propias de cada partido. Mais só sobreviviron as dos gañadores. E nin tan sequera temos a certeza de que os textos non sexan apócrifos, compilados, corrixidos ou aumentados por outros anónimos autores.

Nos séculos seguintes, novos cronistas que escribían con maior distancia engadían, coma nun enorme xogo dos contos ao oído, novos detalles, novas personaxes no relato dos reinados medievais. Un dos máis misteriosos foi Frei Malaquías de la Vega, que deixou un manuscrito supostamente redactado no século XVII, que seguen a citar os historiadores actuais. Eis de novo o mito de que os cronistas estaban movidos pola verdade, que investigaban duramente para non daren un só dato que non estivese contrastado.

En verdade, naquel tempo os historiadores seguían a ser, principalmente, propagandistas. O método científico que usaban vese mellor no campo da Xenealoxía. Os xenealoxistas eran os máis ambiciosos para agradaren os seus mecenas. Houbo quen se fixo provir dos reis de Troia ou dalgún dos Reis Magos de Oriente. Houbo quen apuntou aínda máis alto. Diego Matute de Peñafiel y Contreras era un teólogo granadino, cóengo en Baza, que recibiu a encarga de escribir a xenealoxía do duque de Lerma, Francisco Sandoval y Rojas, valido de Felipe III de Habsburgo. O tal Matute non tivo reparos en afirmar que o seu patrón era nada máis e nada menos que 121º neto de Adán, por liña ininterrompida de varón.

No século XIX, cando por unha banda os románticos e pola outra os liberais converteron a Idade Media nun campo literario e xenealóxico fundamental para a nacente España constitucional, aqueles relatos adubiáronse con momentos truculentos e dramáticos. A Idade Media era fría e escura, unha mala noite nunha mala pousada. Esaxéranse os raptos, multiplícanse os asasinatos, a historia vístese de lenda para venderse mellor diante dunha sociedade que buscaba nos nacentes xornais e folletíns emocións fortes coas que sacudir as dores da vida.

Eses detalles incorporáronse ao relato histórico. Moitas das explicacións de guías turísticos diante de calquera monumento son simplemente lendas que malia vestírense como medievais naceron antronte, na mente dalgún folletinista frustrado. Velaí o conto do crime da rúa da Balconada ou o santo dos Croques, arraigados en Compostela e puros inventos de Antonio de Neira de Mosquera, un dos primeiros xornalistas que asimilou a máxima aquela de “non deixes que a verdade che arruíne un titular”.

Fernão Lopes e, en menor medida, o equipo de escribáns de Fernando Sánchez de Valladolid, merecen, non obstante, un digno lugar no recordo universal, mais non na historia da ciencia senón na da literatura. Ou, para sermos máis exactos, na da comunicación corporativa.

 

 

 

Un comentario en “As orixes medievais dos gabinetes de prensa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s