‘Primavera para Madrid’, as ‘gallinejas’ máis suculentas

Fragmento dunha das páxinas do cómic ‘Primavera para Madrid’, de Magius.

César Lorenzo Gil.

Chámanse gallinejas as tripas, de año ou cabrito, fritidas en abundante aceite, que se cociñan en Madrid, sobre todo durante a celebración do Santo Isidro. Hoxe apenas ritual gastronómico castizo, a súa presenza (e o seu cheiro intenso) recordan como a pesar de ser hoxe unha metrópole de varios millóns de habitantes, a capital do Reino de España resístese a abandonar a súa esencia de acampamento de pastores, de “viejo poblachón manchego”, que deixou dito Camilo José Cela. O desenvolvemento en aluvión, especialmente no século XX, especialmente grazas ao Estado das Autonomías que, paradoxalmente, beneficiou esta antiga provincia castelá convertida en Región e zona franca, co seu conseguinte proceso de modernización a todos os niveis e evidente transformación demográfica e cultural, non lle tiraron a Madrid os seus piares simbólicos. Madrid segue a ser, para a arte, en esencia, o mesmo que foi para Benito Pérez Galdós ou Ramón del Valle Inclán, unha pousa de pícaros e alucinados, de chupatintas, paniaguados e conversos.

Mais o mito de Madrid estaba talvez enxoito e, sobre todo, precisaba reiventarse na época na que, por primeira vez na historia, Madrid non era “rompeolas de todas las Españas” senón embigo dourado que o sistema económico e político español non cansa de lamber. Como calquera entidade autónoma, adulta, Madrid precisaba un relato que explicase a súa xenealoxía, o seu pecado orixinal e os seus particulares deuses e diaños.

Viñeta de ‘Primavera para Madrid’, de Magius.

Cunha cultura literaria acomodada e que apenas produce nada de xeito desde hai moitas décadas, ese Madrid quizais non podía explicarse cos materiais dunha novela ao uso. Talvez a depauperada linguaxe madrileña que se converte hoxe en koiné obrigatoria para todo o español peninsular non teña viveiro suficiente para expresar como é debido esta cidade-Estado con lindeiros infindos que repta pola meseta absorbéndoo todo.

Mais si foi unha novela, unha novela gráfica, neste caso, un cómic de 272 primorosas páxinas (ilustración realista, de trazo seguro, con inclinación máis sinistra ca burlesca, Goya tenebroso, Charles Burns aínda máis canalla), a obra que mellor conseguiu captar a esencia do que hoxe representa Madrid e o seu réxime oligomonárquico. E foi o seu autor, Magius (Murcia, 1981), quen deu coa chave para contarlle todas as vértebras á besta, nun exercicio visual e literario complexo mais perfecto.

Primavera para Madrid (Autsaider Cómics) é, talvez, a mellor obra literaria do 2020. Éo porque consegue algo moi complicado para unha obra artística: explicar o mundo no que se inscribe dunha maneira espontaneamente totalizadora sen por iso renunciar nin unha miga a crear un universo propio e autosuficiente. E todo iso amasando unha materia prima que aínda latexa: a transición entre a España de Juan Carlos I e a de Felipe VI.

Magius válese de dous personaxes para narrar a historia: Francisco Nicolás Gómez Iglesias, El Pequeño Nicolás, e Javier López Madrid. Na obra non aparecen con estes nomes, os reais, senón cuns figurados. Fai ben o autor porque así escusa demandas nin polémicas e porque, como isto é un cómic e podes debuxalos, as facianas delatan a súa identidade sen necesidade de poñerlles nome e apelidos. A escolla é maxistral. Nicolás representa o Madrid das oportunidades, o corno da abundancia no que a administración rexional meteu as mans a caneiro cheo. Nicolás é o jetas, vivales que se aproveita dun malentendido (parécese a un famoso empresario, todos o toman polo fillo deste) para intentar medrar, non pola vella, con eternas gardas para papar as migallas dos señoritos, senón ás bravas e rapidiño. López Madrid representa a clase dirixente, a corte de Felipe VI, o rei relambido en cuxo círculo próximo persiste o tufo a gallinejas e segue a brillar o lema “Usted no sabe con quien está hablando”.

A través deses dous fíos, Magius vai elaborando, cunha xenial narrativa capaz de abranguelo todo sen forzar nada, unha crónica de grande altura literaria do Madrid, da España esencial, do noso tempo. O cómic é un desfile de políticos e xornalistas, empresarios e policías, famosos todos, peciñas todas na gran trama do milagre madrileño que florece, nesa primavera do título, como a gran novidade política e cultural da era moderna española. Porque o que Magius nos vén contar aquí é como a monarquía española foi adestrada durante o reinado de Juan Carlos de Borbón para servir, case exclusivamente, á caste todopoderosa que manexa o Estado, xa non en beneficio da supervivencia da Coroa ou a prol dunha determinada idea de España máis ou menos idealizada a través dos séculos da invención da “nacíón”, senón para a creación dunha nova entidade cuxo feito diferencial eclosionou talvez o día no que se inauguraron as altas torres da Castellana: Madrid, coa súa propia corte e discurso, impoñendo a súa axenda local para unha audiencia obrigada de case 50 millóns de habitantes que viven, e padecen, cada laio da existencia da metrópole,.

Viñeta de ‘Primavera para Madrid’, de Magius.

É doado dicir que Magius reiventa o esperpento. É, ademais de acertado, revelador. Primavera para Madrid cínguese na tradición de El Ruedo Ibérico Luces de Bohemia. Amplía e actualiza a mirada e os acontecementos, obviamente,mais tamén Magius nos está a explicar que, un século despois, Madrid, ou España, non pode ser contemplada sen os espellos deformantes. Din que Magius tomou o seu nome artístico dun miniaturista do século X que revolucionou a pintura no reino de Galicia a través da súa escola monástica de Tábara, na actual provincia de Zamora. Magus é hoxe famoso polas súas ilustracións de quimeras e terrores para os comentarios á Apocalipse de Beato de Liébana. O Magius actual en Primavera para Madrid fixo algo parecido, con liña clara sobre papel de ouro.

♦ Primavera para Madrid, de Magius, Autsaider, 2020. 272 páxinas. ♠ 22€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s