‘Un ángulo moi concreto’ vs ‘O premio’

Parella vendo un teléfono móbil. ANDREA PIACQUADIO/PEXELS.

Xornada 5. Pilar Vilaboy perante o invitado enmascarado.

Un ángulo moi concreto

Aínda que Oliver acordou tarde para ir traballar, o primeiro que fixo nada máis ter plena consciencia foi botar man do móbil para revisar  o Whatsapp. Un sorriso espreguizado ao comprobar que tiña mensaxes de Estela; escribíralle de madrugada. Vestiuse ás présas, barallando cal sería o mellor GIF para contestarlle. Fixo o almorzo mentres daba unha volta polo Facebook, comeuno en Twitter, botou o lixo en Instagram.

Lavou a cara e os dentes no baño antes de saír da casa. Hai un ángulo moi concreto en todo espello, se nos poñemos de lado, en que podemos ver o que hai ao noso redor sen nos mirar a nós mesmos. Non é difícil conseguilo. Oliver quitou as lagañas aí agochado, co móbil apoiado no lavabo, escoitando o último vídeo de Youtube dunha tipa que sabía que lle gustaba a Estela.

Tiña a contestación de whatsapp escrita desde que puxera os pantalóns, pero non a enviou ata coller o coche, non quería parecer ansioso. Fixo o traxecto ata a oficina cun podcast de fondo. Cando o quitou no aparcamento pensou que non lle gustara moito, mais en realidade non lle prestara apenas atención. 

No seu horario de 8 a 8 tiña poucas oportunidades de ver a Estela, así que intentaba que sempre fosen interesantes. Se ela viña traerlle uns papeis, el sacaba da manga o último meme gracioso que lle pasaran polo grupo dos colegas. No descanso de media mañá, volvía sondar o Twitter para ter tema de conversa na máquina do café. Outras veces era ela a que traía arsenal, e se saían fumar ensináballe o vídeo que seguramente el xa vira en previsión. Finxía sorpresa en cada chiste da youtubeira, ignorando do absurdo da situación.

Rematada a xornada, Oliver fixo o traxecto de volta en coche. Desta volta non puxo o podcast. Era o primeiro anaco de silencio de todo o día. Admitiu para si que o de Estela se lle estaba indo das mans, aínda non lle pedira de saír e xa se estaba namorando dela.

Os retrovisores están pensados para aproveitar ese ángulo en que podemos ver o mundo e non a nós mesmos. Son espellos de outros; mais sempre hai un ángulo morto. Non é un erro de deseño, está na súa propia natureza, o condutor debe ter en conta que non pode ver todo e actuar con cautela. Sen saber como, Oliver distinguiu os seus propios ollos no retrovisor esquerdo antes do accidente.

Acordou nunha sala de hospital e o seu primeiro instinto foi botar man do móbil, pero non puido. Tiña o brazo dereito escaiolado e un colar cervical obrigáballe a estar sempre na mesma posición, mirando de fronte. Incómodo, sen gravidade. Estela foi visitalo á mañá seguinte, moito máis rápido do esperable nunha compañeira de traballo. Oliver sentiuse oufano cando a viu entrar. Charlaron un anaco e foi correcto, pero un chisco desagradable. Forzado polo colar, el só podía mirarlle para a cara. Sen escapatoria, sen intermediario, sen ángulo onde esconderse. Nunca saíron xuntos.

…………………………………………………………….

O premio

Marcela naceu na China, pero foi adoptada sendo unha cría. Leva 25 anos vivindo en Santiago e é escritora. Ten a mesma idade ca Adrián, que coma moitos da Costa da Morte, ten ese xene loiro no cabelo e o azul nos ollos. Coñecéronse nun Máster de literatura da Universidade de Santiago e sempre houbo moita complicidade entre eles. Mesmo algo de tensión sexual non resolta. Hoxe quedaron para comer. Nada máis toparse Marcela ensínalle a boa nova a Adrián na pantalla do seu móbil.

–Acaba de saír a resolución do Premio Quenlla Branca, aquel que che comentei que me ía presentar… Déronmo a min!!

Adrián mira o nome da súa amiga Marcela Vidal e ambos esbozan un sorriso diante do móbil.

–Canto me alegro Marcela. Aínda han de ser 3.000 euros de premio! Os meus parabéns, ruliña! Abrázaa e dálle un bico.

Pero Marcela coñece ben a Adrián e decátase que no xeito de felicitala hai certa frialdade. Non sae dun xeito natural, é un chisco impostado. E pregúntalle ao seu amigo:

–El logo, Adri? Semella que non te alegras moito por min.

–Vouche dicir a verdade, Marcela. Penso que sabían de antemán quen eras ti. Ese premio está convocado polo Concello de Santiago e alguén pode coñecer o teu xeito de escribir…

–Adri, non sei que estás insinuando. Que me deron o premio por enchufe? Eu alucino contigo. Ademais os premios son anónimos, non se sabe quen o escribe. Como ían saber o meu pseudónimo antes de abrir a plica cos datos persoais?

–Ai Marceliña, que parviña es. Moito anonimato pero despois todo é unha endogamia entre coñecidos. Imaxina que eu estou no xurado, ti disme cal é o teu pseudónimo e asunto amañado. Ou poslle algo moi evidente que xa saiba eu quen es.

Adrián teclea en Google a composición do xurado do premio e apareceu un achegado da familia de Marcela que lles dera clase no Máster.

–Viches? Non me digas que todo é pura casualidade, nada esperable. Este home coñécete persoalmente, ademais de darche clase. Isto non é obxectivo nin xusto.

–Adrián, eu non sabía que Quique ía estar no xurado. Ademais nas bases non poñía nada diso. Isto non é un tribunal de oposición. O dos premios sempre é moi subxectivo. E só premian a un, o resto dos aspirantes teñen que perder.

–O ano que vén vas formar parte ti do xurado? Se me presentase, votaríasme?

–Depende de como fosen os teus opoñentes, Adrián. Tentaría darllo ao mellor, pero todo é moi subxectivo e depende de miles de tesituras.

El tamén se presentara este ano ao Quenlla Branca. Tiña certo complexo de inferioridade porque consideraba que Marcela era mellor ca el. Ou se cadra tiña un chisco de envexa. Non lle ía confesar a súa candidatura.

–Pois eu, Marcela, daríache o meu voto se estivese no tribunal. Estou seguro que ningún orixinal me gustaría máis ca o teu.

E agora si que lle deu un abrazo que lle saía do corazón.

Pilar Vilaboy.

 

 

9 comentarios en “‘Un ángulo moi concreto’ vs ‘O premio’

  1. Un ángulo moi concreto

    gustoume o inicio. so un apunte “acordou tarde para ir traballar”, dito así da a impresion de que espertou demasiado tarde como para pensar sequera que podía chegar ó traballo ese día.

    “Lavou a cara e os dentes no baño”, se os lavara dentro do armario, sería digno de mencion.

    “non quería parecer ansioso”, entendo que non qeria parecerse ansioso a si mesmo, porque a destinataria da mensaxe non podía deducilo.

    Vou pola metade do relato. Oliver é un tipo raro. Iso está ben, pero non estou seguro de se é raro porque el é así ou porque a/o autor/a non se acaba de expresar de forma precisa e exacta nalgunhas frases dandolle un aire así como cubista ó seu prota.

    Definitivamente é raro el. Gustame o tema do espello e a sua relacion coa personalidade de Oliver. Non acabei de integrar o feito de non ter escapatoria da cara de Estela co destino final (de quen foi esa decisión? foi unha decepcion mutua?) de non chegar a saír xuntos.

    Inerpreto que Oliver pode ser un simbolo de que cada vez usamos mais intermediarios (as RRSS e as pantallas) para comunicarnos cos demais, e que como neste caso son case esenciais para que prospere un namoramento. Oliver estaba nú sen o movil igual que o estaba sen un tema de conversacion preestablecido.

    Gustariame que o relato afinase un pouco mellor a punteria das suas frases, pero en esencia gustoume.

    O premio

    Outro bo inicio. Moi ben exposto, limpo e eficaz. Unha intro que cumple a funcion encomendada.

    Inda que pareza unha bobada, gustariame ter sabido desde un chisco antes que era un premio literario. Bastaba con poñer “Premio de contos/relatos/novela quenlla branca”.

    O dialogo paréceme inconsistente. A reaccion del é rara. Incluso pensando que foi elexida a dedo, eu alegrariame de que lle deran un premio a un amigo excepto se penso que non o merecía, pero para iso hai que ter mais contexto que soltar simplemente que cho deron por ser ti, porque iso para empezar non é culpa do amigo. A continuacion a resposta de Marcela é realista pero non casa co que dixo Adrian. El dixo que podian recoñecer o seu estilo, e ela fala do anonimato.
    El volve á carga cunha actitude que deixa moito que desexar e que tampouco me cadra nada ben co final. Non podo crer que ese abrazo lle saira do corazón, non sei por que o narrador di iso cando é obvio que Adrian quedou mancado e o que sinte é resentimento.
    Penso que o relato tiña potencial para mostrar a humanidade (fea, como case todas) de Adrian. Un Adrian rencoroso, que ataca a Marcela por ganar ela, sería unha personaxe interesante de explorar, porque ese Adrian está en potencia dentro de todos nós e hai que mantelo a raia como sexa. Por desgraza o narrador toma chafa este camiño outorgándolle unha redencion de non merece e facendome pensar que a/o autor/a non percibiu que o verdadeiro potencial relato estaba aí.

  2. Moi boas! Unha imaxe casual, da que saíron dúas historias ben distintas. Imos cos comentarios:

    ‘Un ángulo moi concreto’: Paréceme unha boa crítica do dependentes que somos hoxe en día das pantallas e as redes para relacionarnos cos demáis, e a pouca naturalidade dunha conversa calculada de antemán. Non penso que Oliver sexa raro, como opina Lois, hai moita xente que non sabe como actuar sen ese intermediario, unha referencia dixital na que apoiarse. O final fáiseme algo brusco, pero paréceme coherente que nunca chegase a saír con Estela.

    ‘O premio’: Gústame a presentación dos personaxes, pero por desgraza o relato non me acabou de gustar. Concordo en que as reaccións son pouco reais, e a discusión perde sentido, así como o desenlace. Tamén penso que explica de máis (parecía evidente que Adrián ten envexa antes de que o relato o aclare textualmente).

  3. ‘Un ángulo moi concreto’ pareceume unha atinada crítica da nosa dependencia das redes sociais e o xeito en que mudaron as relacións humanas, esa máscara constante da nosa foto de perfil, ese escudo protector que é a pantalla do móbil ou da computadora. Por momentos fíxoseme un chisco repetitivo de máis no uso das referencias a cada unha das redes sociais, mais non foi algo que penalizase en exceso o resultado final do relato.

    ‘O premio’ non me gustou demasiado. Non sei se é porque non vin nel outra cousa máis ca unha reflexión en voz alta do que o autor pensa dos premios literarios. O diálogo entre a parella pareceume un pouco artificial e tampouco axudou a que entrase na escena, que non historia.

    O meu voto é para ‘Un ángulo moi concreto’

  4. Un ángulo moi concreto

    Magnífico relato. Encantoume o xogo tipo Black Mirror aplicado ao desfase que hai entre a imaxe que temos de nós mesmos e a que queremos dar. Encantoume o uso do detalle definitorio, do ángulo concreto, para espallar esa idea por todo o texto. Pouco máis que dicir que non digan as miñas compañeiras e compañeiros. Só unha cousa: gústame máis a historia se lle quito a derradeira frase. Multiplícanse as posibilidades.

    O premio

    Que boa idea a de tratar sobre premios literarios. Lémbrame a unha novela por entregas coa que estou a escachar de risa. Eu creo que daría para un xénero completo. Os personaxes están aí e resultan interesantes, pero creo que coma o diálogo habería que limpar e peitear un pouco.

    O meu voto vai para Un ángulo moi concreto.

  5. Entroume a curiosidade, Fran… Podes dicirme o título da novela por entregas coa que estás rindo tanto? Nestes tempos fainos moita falta rir….
    Graciñas por adiantado

  6. Un duelo ao meu ver un tanto desigual cunha foto que ni fu ni fa. Igualmente parabéns a ambos autores por resolvelo de xeito tan coherente.
    “Un ángulo moi concreto”
    O primeiro paragrafo paréceme perfecto. O segundo, xenial, coa referencia ao espello que volve no penúltimo paragrafo, que me encanta. No terceiro máis que a ansia, que o entendín perfectamente aínda que a redacción poida non parecer axeitada, chocoume o periplo de deixar aí a mensaxe sen escribir. Nin sequera estou segura de que sexa posible.
    Segue coa descrición da xornada laboral e leo enganchada a historia porque aínda que sinto algo de caricatura do noso uso das redes sociais e o móbil vexo toda a situación perfectamente, moi ben narrada. O final pareceume fantástico e necesario, ao mellor un pouco predicible pero iso aínda fai que o relato me guste máis. Dame todo o que lle podía pedir. Por suposto a crítica as redes está aí e gústame moito como o fai. Desafortunadamente non creo que Oliver e Estela sexan tan raros, coñezo xente que só usa memes para comunicarse por whatsapp se iso é comunicación, vaia.

    “O premio”
    Non me convenceu moito este relato. A idea dun premio dado por enchufe a alguén que non sabía que tiña enchufe non me acaba de ter moito aquel, ao mellor porque despois de seguir parte da trama de “ A gran novela galega” quédase pequeno. Hai unha cousa que me preguntei a medida que avanzaba. Por que é importante iso de que naceu na China e foi adoptada? Non aporta moito ao resto do relato e case me sobra. Marcela podía ter nacido no Porriño e pouco cambiaría a cousa. “Estou seguro que ningún orixinal me gustaría máis ca o teu” non me parece un motivo para ese abrazo sincero e tampouco tería que ser certo.

    Voto por “Un ángulo moi concreto”

  7. “Un ángulo moi concreto”, gustoume bastante este relato. Tanto ese concepto de que as redes socias son un ángulo morto onde realmente non ter que frontar a nosa visión, funciona moi ben. Está moi ben narrada esa vida entre distintas redes. A relación dixital tamén, eu si que entendín ese gardar a resposta por non parecer ansioso, é de primeiro de ligoteo por chat. Gústame o final. inda que, como apuntou Fran, sóbrame esa última frase.

    “O premio”, penso que o de recalcar que ela é china e el loiro da costa da morte é por personalizalos cos protas da foto. O relato empeza ben e, ata a metade máis ou menos, segue ben tamén. O diálogo é un chisco artificial. E si, creo que lle ía mellor basarse máis no coflicto e nas inseguridades e celos do Adrián. Ese final tal e como está podería funcionar se ela rexeitase o abrazo.

    O meu VOTO vai para “Un ángulo moi concreto”.

  8. A verdade e que unha foto así é un verdadeiro reto que afrontar. Penso que dela saíron dous relatos moi frescor que me van vir de luxo para ir lixeiro a cama. E alégrame ver que non son o único enganchado a La novela de las tentaciones.
    Un ángulo moi concreto ten un xogo moi lucido co ángulo do espello que permite ignorar ao mesmo suxeito, pois penso que moitas veces é o papel que teñen as redes, de saturar a consciencia dun mesmo cos esperpentos dos demais. Gustoume moito este aspecto, ademais do ritmo e a linguaxe, que me levaron de forma moi suave ao final, que quizais se podería dar unha volta que lle dese máis posibilidades. Moitas grazas ao autor ou autora¡
    O premio gustoume o de falar de premios literarios, e o primeiro paragrafo funcionoume ben, pero o dialogo non me encaixou tanto, penso que, como di Lois, era unha boa oportunidade para retratar esa sensación marabillosa de invadir o éxito alleo.
    O meu voto vai para Un ángulo moi concreto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s