Como gañar un “soldiño” coa poesía

Pluma e papel. MATT SEPPINGS/FLICKR.

Xesús González Gómez.

Sabemos do artista (poeta, novelista, pintor, dramaturgo, músico, etc.) cando novo; sabemos tamén do artista coma canciño –talvez estes dous sexan os máis coñecidos, en certo xeito–; coñecemos o diario do artista seriamente enfermo; sábese tamén do artista coma saltimbanqui, do artista coma paradoxo. Baseándose en Paul Valéry, Theodor W. Adorno retratou, mais ben esmiuzou, o artista como lugartenente (ou como vicario, segundo que tradución). Quen máis quen menos sabe do poeta como pensador, do poeta como vidente, do poeta como funcionario, e mesmo podemos saber do poeta como artista. De todos eles escribíronse as súas historias, os seus retratos. Tamén está o retrato do poeta como maldito; retrato que, felizmente, xa pasou á historia: hoxe o único malditismo é non saír na tv ou que o teu nome non apareza en Youtube ou en Google. Noutras palabras, temos ao noso alcance o retrato de calquera tipo de artista, de escritor. Normalmente, estes retratos, as historias destes artistas ou poetas, son abondo coñecidas. Moitos/as foron realizado/as por «plumas» de primeira magnitude. Mais a pesar de existiren tantos retratos do artista, do poeta (e imos a cinxirnos a este último), penso que non se fixo, ao mellor existe, pero eu nono coñezo, o retrato do artista como «investidor», é dicir, como «acaparador de premios» para encher o peto, ou a conta corrente, de cartos. O poeta investidor non é aquel que cos seus versos intenta acumular o que un bourdieniano denominaría «capital cultural», nin mesmo intenta acumular un «capital político», non; o poeta investidor inviste nos seus versos para gañar, simplemente, premios, é dicir, cartos. Noutras palabras capital «monetario». Como inviste? Moi doado: pregándose ás bases máis peregrinas e facendo poemas ao que sexa necesario. Como se sabe, para facer versos capital financeiro non se necesita moito, e pouco investimento pode producir moitos xuros.

Nas historias das boas familias sempre existiu a lenda do que se deu en denominar «ovella negra». Moitas destas «ovellas», a maioría das cales volveu ao curral, eran simplemente rapaces, poucas veces rapazas, pero isto haberá que botalo no haber da dominación masculina, que querían ser poetas. (Por outra parte, se a muller teimaba nos seus trece, xa sabemos o que acontecía: a) casábana á forza; b) metíana nun convento; ou c) ingresábana nunha institución mental, nun manicomio. Podían acontecer cousas peores.) Da poesía non se come, seica adoitaba ser a resposta do pai, poucas veces da nai, de tal ovella. Mais algunhas destas ovellas demostraron ao seu proxenitor que si, que se se quería se podía vivir da poesía, e se non vivir, cando menos conseguir un bos ingresos para axudar a economía familiar; ou para engadir aos ingresos habituais. Vexamos un exemplo.

Debido ao semi-confinamento, deume por seguir o historial de premios dun poeta galego, abondo coñecido e do que non diremos o nome. É este un poeta que axiña salientou nisto de gañar concursos, e de colaborar na prensa: as súas primeiras colaboracións nos xornais e emisoras de radio da súa cidade foron cando tiña apenas dezasete anos. E falaba de todo: de deportes a música, pasando pola literatura e outros quefaceres, e facendo entrevistas.

Se cando apenas con dezasete anos (corría o ano de 1960) comeza a colaborar na prensa, a esa mesma idade gaña os seus primeiros concursos. Puidemos encontrar tres destes concursos en que participou e levou algún galardón: infelizmente, a noticia non consignaba cantidades monetarias: son cousas que acontecen. Así, naquel 1960 (xa vai para 60 anos) o noso poeta acadou estes galardóns: Xogos Florais da Mocidade (Juventud) Antoniana (Lugo). Primeiro premio; IX Certame literario delegación Provincial del Ministerio de Información y Turismo, de Lugo. Primeiro premio; Xogos Florais de Betanzos, accésit. Como se pode comprobar á vista, ou lectura, destes datos, o noso poeta, xa na meta de saída, apertou o acelerador case a fondo.

Curiosamente, ou talvez debido aos xornais que puiden consultar, o ano seguinte, é dicir, en 1961, o noso poeta, que xa colabora en diversos medios de comunicación escrita e falada (radio) do país, gaña menos premios. Tampouco desta vez puidemos saber cantos cartos gañou cos galardóns conseguidos: Xogos Florais de Lugo. Primeiro premio. Certame de poesía Corpus, de Lugo. Primeiro premio. Iso si, sabemos que levou para a casa algunha que outra «Flor natural». En cambio sabemos algunhas das cantidades que conseguiu o noso poeta en 1962, ademais das pertinentes flores naturais: IV Juegos Florales de la Juventud. Primeiro Premio, 2000 pts. Festas Minervais. Poesía Castelá. Primeiro premio. 5000 pts.      Festas Minervais. Poesía Galega. Segundo premio. Xogos Florais de Marín. Segundo Premio, 2000 pts. Ou sexa, naquel 1962, o poeta levou no seu peto 9.000 pts. Para axudar a economía familiar.

Do ano seguinte, 1963, só demos con estes dous premios conseguidos o mesmo día polo noso poeta: Primeiro Premio Poesía Galega Festas Minervais. 5.000 pts., e Segundo Premio Poesía Castelá Festas Minervais, mais semanas antes de gañar concurso, nunha entrevista concedida a un xornal compostelán, o noso poeta afirmaba que levaba embolsados uns «cuatro mil duros» (20.000 pts.) a conta da poesía –suponse que desde 1961. Se a esas 20.000 pts. lle engadimos as 5.000 que gañará semanas despois de conceder a entrevista, pódese afirmar que en catro anos o noso poeta cobrara a miserábel cantidade de 25.000 pts., o que nos da un monto de 6.250 pts. por ano. Non é moito, certamente, mais tamén hai que ter en conta dúas cousas: a) o poeta cumpriría aquel 1963 os 20 anos de idade e, b) ese mesmo ano de 1963, «instáurase» en España o denominado salario mínimo, que se fixou en 1.800 pts. mensuais. Salario mínimo para aqueles que estaban sindicados, sindicación obrigatoria. Haberá que lembralo, pero todo aquel que era asegurado pola súa empresa –e había empresas en que os traballadores non asegurados eran maioría– pasaba automaticamente a cotizar ao sindicato (vertical: é dicir, formado por patróns, que eran os que os dirixían, e obreiros, que eran quen os pagaban). Non era moito, pero era o terzo do salario mínimo anual, se contamos as pagas «dobres» (dúas). Tamén, acho, hai que ter en conta que o noso poeta empezou a gañar premios con 17 anos, idade na que un traballador era considerado aínda como «aprendiz» ou «pinche» e o seu salario era dunhas 720 pts. ao mes, se é que as gañaba ou llas pagaban. Noutras palabras, para o noso poeta, a poesía –monetariamente– «portábase» ben. E continuaría a se portar, como veremos.

En 1964 o noso poeta gaña os seguintes premios, dos que só de dous deles temos a contía: Primeiro premio Poesía Galega Festas Minervais. 5.000 pts.; Letras Españolas a la Eucaristía. XIV Concurso Literario. Primeiro Premio; Festas do Corpus de Lugo. Primeiro premio de Sonetos; Festas de Monforte de Lemos. Primeiro premio, 2.000 pts. Canto puido «percibir» o poeta polos seus versos aquel 1964, 10.000 pesetas? Talvez, mais tamén hai que ter en conta que o salario mínimo continuaba nas 1.800 pts. mensuais. Sería en 1967 cando o goberno español fixaría o novo salario mínimo en 2.500 pts. O noso poeta aumentaba os seus ingresos. Acontecería o mesmo en 1965? Verémolo.

En 1965 gañou os seguintes galardóns: Primeiro premio Poesía Galega Festas Minervais; Xogos florais do Atlántico. Segundo Premio; Concurso Literario del Día de la Provincia. Primeiro Premio ex-aequo; e acumulou unha cantidade de 17.500 pts: 5.000 das Festas Minervais; 10.000 dos Xogos Florais do Atlántico e as 2.500 pts restantes do Día de la Provincia. Os ingresos producidos pola poesía ao noso poeta aumentaron aquel 1965 un 75% con respecto ao ano anterior: que negocio produce dun ano para outro tan espectacular aumento? E o salario mínimo, como dixemos, continuaba en 1.800 pts. Digamos que os ingresos que lle produciron os poemas ao noso poeta o ano seguinte, é dicir, 1966, foron mais baixos que os do ano anterior: Efeméride de Los amantes de Teruel. Deputación de Teruel. Primeiro premio[1]; Certamen Literario Periodístico de La Tierra Llana. Primeiro premio Poesía. 5.000 pts.; Xogos Florais de Vilagarcía. Primeiro premio, tal é a nosa dedución sen sabermos as cantidades reais. Mais tamén é certo que gañou unha viaxe a Teruel, con gastos incluído (hotel e complementos): non sei se finalmente foi á cidade aragonesa.

O grande ano, no que a ingresos se refire, para noso poeta foi 1967. Se, como xa dixemos, o salario mínimo subía de 1.800 a 2.500 pts., ou sexa, case un 40%, os ingresos do noso poeta, por poemas que gañaron premios, foron os seguintes: Certame literario-Periodístico Tierra Llana. Primeiro premio. 5.000 pts. Mondoñedo. As San Lucas. Certame Poético en honra a Noriega Varela. Primeiro premio, 10.000 pts. Festas Minervais, declarado deserto. Accésit por una triloxía, 3.000 pts. Premio Ciudad de Melilla, 15.000 pts. Premio Excmo. Ayto. de Tomelloso (Ciudad Real), 5.000 pts. É dicir, aquel 1967 lle produciron ao poeta os seus versos un ingresos de 28.000 pts., o que equivalía ao salario correspondente a 11 meses e un pouco máis. Con pouco menos de 10 poemas, un poeta podía gañar tanto como un albanel en 11 meses: quen dixo que a poesía non daba cartos?

Se ben podemos considerar 1967 o ano en que o noso poeta alcanzou o seu cénit, no que a ingresos crematísticos producidos polos seus poemas se refire, digamos que os tres anos seguintes, anos dos que non contamos con todos os datos, se ben non gañou moita cantidade de galardóns, os ingresos, con seren menores, non foron desprezábeis: 1968. Xogos Florais de Barcelona, Primeiro Premio Poesía Galega, 10.000 pts. De 1969 non atopamos dato ningún: non ganou ese ano ningún concurso? 1970. II Festa da cantiga. Festas da Coruña. Primeiro premio: 20.000 pts. 1971. Premio Ayuntamiento de Melilla de Poesía, 25.000 pts.; […] Premios destinados al conjunto de poemas a la Virgen de Valvonera fue declarado desierto […] El jurado acordó repartir las 20.000 pts. del premio […] a los trabajos que siguieron en méritos al galardonado con la Flor Natural. Obtuvieron estos dos accésits de 10.000 pts. cada uno, don José Maria Bermejo de Madrid y don… (aquí nome e dous apelidos do noso poeta, así como a cidade onde está domiciliado). Información tirada de El libro Español. Revista mensual del Instituto Nacional de Libro, nº 167, novembro, 1971. Digamos, ou lembremos máis unha vez, que non consignamos todos os premios que gañou o noso poeta, xa que non demos con eles. Sabemos que en 1967 gañou un concurso convocado polo Casino do Ferrol, pero non sabemos a contía nin como se denominaba dito premio, etc.

Despois deste último ano, 1971, o noso poeta continuou a gañar premios, en galego e en castelán, de poesía e de ensaio, mais só referenciamos os primeiros once anos da súa vida literaria no que a premios e galardóns se refiren. Nestes anos, facendo cálculos aproximados, o noso poeta ingresou, a conta de poemas, un pouco máis de 150.000 pts. non é moito, mais se temos en conta que a partir de 1967 xa traballa como profesor de Instituto… Digamos que esas 150.000, divididas en 11 anos dá a cantidade de pouco máis de 13.600 pts. por ano, o que sería un pouco máis de 1.000 pts. ao mes. Lembremos outra vez que, de 1963 a 1966 incluídos ambos, o salario mínimo, ou salario base, español era de 1.800 pts. En 1967 subiu a 2.500 pts. En 1968 pasou a ser de 2.875; o ano seguinte (1969) alcanzou a cantidade de 3.060 pts. En 1970 pegou un salto a 3.600 ptas e en 1971 a 4.075 pts. Lembrémoslles aos lectores e lectoras que en 1963 (este ano incluído) até agosto de 1967, en que sobe a 3 pts., un xornal custaba 2 pts. De 1968 (incluído) até febreiro de 1970, en que sobe a catro pesetas, o xornal continuaba a custar tres pesetas. E en setembro de 1971 pasa a custar cinco pesetas (todos estes anos, os domingos unha peseta máis). O lector, a lectora, máis novo/a, por exemplo, non saberá que un televisor, en 1963 e anos seguintes, custaba unha media de 20.000 pts. (case once meses de salario mínimo), por non falarmos dos frigoríficos ou das lavadoras: prezos prohibitivos durante os primeiros anos para a maioría das clases medias, que pagaban todo a «cómodos » prazos. Todo o que significaba aparatos electrodomésticos, era, proporcionalmente, moito máis caro que hoxe. Por non falarmos, por exemplo, dos prezos das viaxes en avión. Que era, proporcionalmente moito máis barato?: o prezo da vivenda, pero cos salarios que se pagaban, pouca/os podían intentar a compra dun piso, a non ser que houbesen ingresos extras e que traballasen os dous membros da familia, ou algún máis; ou que algún membro da familia estivese emigrado nalgún país europeo e enviase cada mes cartos para pagar os prazos do piso comprado. O que queremos dicir é que o noso poeta, se en 1963, por exemplo, dera, cos cartos gañados até entón, a entrada para a compra dun piso, en 1970, ou 1971, como moito, de seguro tería o piso en propiedade só cos cartos que lle produciran os seus versos. E iso que o noso poeta, en certo modo, «contíñase»: hai poetas, escritores, casteláns, que levan gañados moitos cartos presentándose a todo canto premio existe. Un día faremos as contas dun deles, case descoñecido para a maioría da/os lectora/es, e que está considerado o escritor español (en castelán) que máis galardóns e premios leva conseguidos. (Este escritor español en lingua castelá, de 1960 a 1975 gañou case mais de 60 premios (nós demos con 66, pero só foi nunha primeira «cata») concursos (xogos florais, premios de narración, de novela de artigos xornalísticos…) e se ben non sabemos a cantidade exacta que se endosou, si sabemos que deses 66 concursos gañados só coñecemos a cantidade de 47 dos premios conseguidos. Podemos adiantar que estes 47 galardóns lle reportaron a importante suma de 938.000 pts. Canto lle puideron reportar os 19 premios dos que non sabemos a súa dotación económica? Podiamos engadir, a ollo, unhas 200.000 pts, o que daría un total de 1.138.000 pts. en quince anos (do ano 1961 non demos con ningún), o que dá un o promedio dunhas 76.000 pesetas por ano, unhas 6300 pts. por mes. Bote contas o/a lectora lembrando o salario mínimo español (desculpen a brasa): de 1963 a 1966: 1.800 pts.; 1967: 2.500; 1968: 2.875; 1969: 3.060; 1970: 3.600; 1971: 4.075; 1972: 4.675; 1973: 5.575; 1974: 6.755; e 1975: 8.400. Só nos dous últimos anos non acada o promedio dos premios a cantidade do salario mínimo, en cambio, como se pode comprobar, algúns anos case a cuadruplica e en bastantes a triplica. Non obstante, como xa avisamos, non demos con todos os premios que conseguiu nin con todas as cantidades que gañou –nun deses anos gañou un premio que consistía nunha viaxe, en avión, e estanza con gastos pagados en hoteis para dúas persoas… en Guatemala. Digamos, por exemplo, e sen saber a cantidade de todo os premios conseguidos polo noso autor, que en 1973 gañara 300.000 pts., e en 1974 235.000. Anos en que superou con creces o salario mínimo. O noso autor tiña outros ingresos: colaborador de xornais como Arriba, El Alcázar, ABC, La Vanguardia e revistas oficiais como La Estafeta Literaria (que era quincenal), ademais de espazos poéticos en TVE, etc.: e Andrés Trapiello aínda ten o valor de afirmar que o franquismo non coidaba dos seus escritores…

Si, a poesía pode dar cartos. A maioría dos premios gañados polo noso poeta eran por un só poema cuxa lonxitude, normalmente, non podía superar os cen versos. O máximo de poemas que demandaban as bases destes concursos era de tres. Iso si, dedicados os poemas aos temas máis inverosímiles e/ou peregrinos: o noso poeta gañou concursos con poemas dedicados ao amor, ao viño, a unha vila ou cidade, á paisaxe de determinado lugar, ao mar, talvez a un espello rococó, etc.; sen esquecermos os madrigais dedicados á raíña dos xogos florais de marras ou á raína das festas, que o poeta recitaba o día en que lle era entregado o galardón. Vexamos un exemplo, ou dous

De Dios eres presencia,

sólo brasa de amor es tu figura

por ti la tarde es limpia llama pura,

y blanca se ilumina.

Existes tú… El tiempo sensitivo,

un hálito en ti vivo

va inundando de luz la oscura sima.

La tarde se serena… Eres presencia

de Dios; su transparencia

se deshace mortal por tu figura.

………………………………

De Lugo, doce Raíña,

ca ialma en amor comprida,

troveiro de voz antiga,

veño xunto a vós,

fontana leda de amor!

 

Lugo embora a Sant-Yago

froles de cantiga traio

no corazón namorado;

xunto a vós veño,

troveiro de xeito antergo!

 

De Lugo, por me postrar

diante do Trono a trovar

beleza de namorar,

veño xunta vós

fontana leda de amor!

 

Que vos louvar quere, dona

María Xosé V…de fermosa

i-a mais vós, belidas todas;

e digo sodes a rosa

de amor,

que levo no corazón

Aclaremos que a maioría destes poemas gañadores de concursos diversos, nunca foron recollidos polo poeta nos libros publicados por el, tanto en galego coma en castelán.

Para acabarmos o retrato do «poeta como investidor» talvez estaría ben reproducir o que José Joaquim Nunes escribe na introdução ás Cantigas de amor dos trovadores galego-portugueses (Lisboa, Centro do Livro Brasileiro,1973), cando fala dos xograres: «Jograis. Chamados a principio: mimi, histriones, thymelici, como certas personagens do teatro romano, o seu ofício consistia em divertir o público, nas ruas e nas praças, com música e canto, a par de charlatanices, prestidigitações, acrobacias, mímica, etc. // Igual denomiñação se dava tamén os que nos paços régios tinham por oficio distrair os monarcas, mas de que meio êles se serviam para o conseguir, se praticando os mesmos exercícios daqueles, se desempenhando o papel de bobos ou ainda se cantando, é cousa que ignoramos, por não no-lo dizerem os escritores do tempo» (p. 37-38). E continúa a dicir, páxinas máis adiante (p. 46): «Era portanto muito variado o seu repertorio, compreendendo, além das palhaçadas que ainda hoje vemos nos circos, canções sobre assuntos guerreiros. amorosos e até de piedade». A min dáme, non sei por que, que estes poetas participantes en toda caste de concurso poético, xogos florais, festas oficiais ou para-oficiais da poesía e cousas máis ou menos semellantes, e que son capaces de compor cancións (poesías) sobre o tema que for, ao igual os xograres que desempeñaban o seu oficio nas cortes medievais, desempeñan, mais que outra cousa, o papel de bobos. O poeta «investidor» (á parte de que pode gañar cartos abondo) exerce papel, conscientemente, xa que para poder continuar a encher o peto, é consciente de que debe ser o bobo dos novos señores e, xa que logo, desempeña con alegría ese papel.

[1] A noticia deste premio aparece nun xornal de Lugo e noutro de Compostela, sen máis datos. Procurando datos demos coa lista, na que non aparece ningún poeta galego: ou se esqueceron de incluílo, ou alguén inventou algo.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s