42. No que Patricio Aragonés conversa cun Ferrari Portofino

Letra U. STEVEN DAMRON/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

A Xulio Telleiro non lle importou que Patricio Aragonés o convocase no concesionario da Ferrari de Vigo. O seu posto na Xunta non era tan relevante coma para levantar suspicacias ou arriscarse a unha foto comprometida.

O escritor conseguira que lle deixasen probar un Portofino, o coche que conducía Gonzalo González Valladares, o millonario antagonista de Aymerich na novela Bicudo vermello. Cando chegou ao concesionario, todo o persoal estaba alí, de pé, en fileira e enmascarado, para recibilo. O xerente agradeceulle que pensase na marca para a súa nova novela e comunicoulle que na sede central, a Cittadella de Maranello, estaban ao tanto da súa visita e agardaban con degoiro poderen ler a súa futura obra.

—En Italia véndense moi ben os meus libros —dixo Aragonés—. A ver se acaba a pandemia dunha vez porque teño pendente un acto con centos de estudantes na Universidade para Estranxeiros de Perugia.

A seguir, unha vendedora presentoulle o modelo do Portofino que tiñan en exposición. No asento do copiloto repousaba un exemplar de Nadie te va a regalar nada e unha pluma da colección Ferrari, para a sinatura.

Patricio subiu ao coche e asinou o libro mentres escoitaba como a vendedora, desde o asento do volante, lle contaba as características técnicas do vehículo. Cando lle estaba explicando como funcionaba o sistema da capota do coche, apareceu diante deles o rostro sorrinte de Xulio Telleiro. A pesar de que Aragonés o presentou co seu cargo institucional, o persoal do concesionario non lle prestou demasiada importancia. Telleiro non quedou moi conforme; non estaba afeito a que o ignorasen daquel modo.

—Señorita —dixo Aragonés—, impórtalle se o señor Telleiro e mais eu saímos un cacho a dar unha volta no coche. Só é ir a Baiona e volver. Así pódome meter na pel do personaxe.

—Iso non é o habitual —interveu o xerente achegándose ao coche—. Sería mellor que Susana fose con vostedes, por se acaso necesitan algún consello técnico ou tivesen calquera incidencia.

—Agradezo a preocupación. Pero pense que, na novela, o personaxe consegue por fin xuntar o diñeiro e comprar un Ferrari, e necesito saber que se sente nese momento. Cando un conduce por primeira vez un coche deste nivel. Imaxina que alguén lle axudase a domar un corcel salvaxe?

O xerente calou e Susana cedeulle o lugar no posto de condución.

—Sube, Xulio —díxolle ao director xeral, que entrou no habitáculo sentindo unha punzada na res e quizais unha erección—. Vamos ver o mar.

Xulio e Patricio falaron unicamente do coche até chegaren á Zona Franca.

—Imos ir até o Monte Real pola costa. Non é esta a mítica Grande Corniche da Costa Azul pero terá que valer —dixo Patricio acelerando o coche—. Para que querías falar comigo?

—Xa sabes a quen vas votar para o premio do millón de euros? —si que tiña unha erección, a primeira en moito tempo.

—Podo ser sincero, Xulio? —o condutor desfrutaba dos aceleróns ríspetos nas rectas pinas de Comesaña—. Aínda non lin nin o primeiro. Abrín a caixa e alí quedou. Sinto ser tan preguiceiro pero neste tema coido que vou procrastinar e procrastinar.

Xulio sorriu. Aquela confesión excitárao máis ca o ruxir dos centos de cabalos do Ferrari.

—Paréceme o máis normal. A calquera lle pasaría. Cantos orixinais tes para ler, vinte, trinta? É unha matada criminal… E se che digo que non tes que ler nada, se non queres?

—A ver, unha lecturiña tereilles que dar, ou? Aínda que só sexan as primeiras vinte páxinas. Polo menos para saber de que van e poder debater o día das deliberacións.

—Iso non cho discuto, pero pensas que será dabondo con faceres unha lectura superficial para poderes defender un ou outro título? Talvez precises un pouco de asesoramento.

—A que te refires? —preguntou Patricio, xirando a destempo o volante en chegando a unha rotonda.

—Patricio, temos a inmensa fortuna de contarmos nese xurado con Rosendo Neves. É o crítico literario máis prestixioso e querido de Galicia. Sabe moitísimo de literatura. Vive para e polos libros. É o guía ideal nestas situacións. Fíate del. Ten criterio, vaite aconsellar moi ben.

—Espera, a ver se son quen de subir a capota —Patricio calcou en varios botóns no panel de mandos sen resultados.

—Fálalle ao coche. Estas máquinas agora todas están asistidas por voz.

—Ti cres? Haberá que calcarlle nalgún botón que poña micro

—Ferrari! —exclamou Xulio. Mantívose o silencio.

—Portofino! —o intento de Patricio tampouco funcionou.

—-Patricio! —intentou de novo Xulio, rindo só—. Estaban tan pendentes de ti que pensei que cho personalizaran até niso.

—Ábrete, Sésamo! —pronunciou Patricio.

—Hola. ¿En qué puedo ayudarte? —falou unha voz doce e cristalina polos altofalantes do coche.

—Ahahá, xa che dixen que era algo clásico —celebrou Patricio—. Por favor, sube la capota del coche.

—Claro —asentiu a voz e deseguido a capota foi escorregando sobre a cabeza dos homes até pousar por completo.

—A ver se entendín ben, Xulio… Estasme a dicir que o premio está amañado?

—Como podes concluír iso do que che contei —Telleiro riu nerviosamente—. Só che digo que Rosendo Neves é un home ao que hai que escoitar. A cadaquén o seu, non cres? Ti acabas de contarme que estás moi ocupado. Estás escribindo a nova novela, tes que promocionar a última que publicaches. Hai que ser pragmáticos. Aymerich é a prioridade, non si?

—Non estou entendendo nada —dixo Patricio, calmado, desfrutando das curvas e das vistas da estrada.

—Penso que temos que levar a Aymerich ao seguinte nivel. Que che parece unha película?

—Unha película… —Patricio entendeu e riu sonoramente. Apertou o volante e acelerou—. Mellor unha serie, coma Fariña.

—Eh… —dubidou Xulio mentres calculaba a cantos millóns se iría a produción de algo así—. Non lle vexo problema. Supoño que quererás o Morris de protagonista.

—Home, Xulio. Non liches as novelas? Aymerich é Monti Castiñeiras. En planta! Morris pode facer do comisario Garrido. E para Nataly quero a María Alkayali.

—Non lle vexo maior problema. Ves que ben nos podemos entender cando apreciamos a sabedoría de quen a ten?

—Teño un último favor que pedirche —Patricio mirou para os ollos de Telleiro. O coche estaba parado nun semáforo—. Quero ser o convidado estrela do Land Rober.

—Ufff. Non sei eu canto tempo estará en antena ese programa. Mira que Roberto Vilar agora anda moi atarefado. Agora até presenta el o Dígocho eu.

—Sésamo!!! —berrou Patricio— indícame dónde está la gasolinera más próxima… Como chupa este coche, mimá.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s