‘A algueirada’ vs ‘A morte do pallaso proxeneta’

We need you. ALBERTO BOTANA.

Xornada 7 e derradeira. Xosé Duncan fronte a Fran Fernández Davila.

A algueirada

―…

―Diso nada, neno, non foi así como está nese papel que lestes. Que nós andabamos de festa, neno, e non lle fixemos mal a ninguén. Igual rompemos algunhas cousas, pero quen arma unha desas xa sabe que algo sempre peta.

―…

―E o tipo ese, o das gafas que sae na tele, tampouco protestou. E mais foi el quen nos invitou. O que pasa é que dixo que perdera as chaves e houbo que cusmar unha fiestra. Que eu non fun, que foron o cura e o do sombreiro alto. Ese si que andaba raro, neno.

―…

―Si, un tipo con sotana e orellas do Playboy… Non me mires así. Quen ía pensar que xa houbese muvi dentro. Foi mala sorte, neno. O pavo quería desfasar e a chorba móntalle unha de pingüíns. Todos con gravata, sabes? Que ata había seguratas.

―…

―Si, seguratas, mangutas, neno. Que ao principio ben, sabes? Pero logo, con tanto alpiste que nos dera o tipo na praza, calquera non desfasa. Que rularon moitos petas, neno.

―…

―Os disparos? Os disparos foron culpa da Rufina, que se chinou ou lle fallou a metadona, non sei. Que nada máis entrar na casa queríalle arrincar a cabeza a un dos mazas, neno. Algo faría o turras. E vai o pavo e sácalle a pistola… Que tiveron que saír por patas, neno. Que somos xente tranquila, pero…

―…

―Despois non sei, neno. Embarullouse todo, neno. Priva, grifa, música a dolor… xa sabes. Que si, que movemos algunhas cousas, que igual desordenamos algún despacho, que aparcamos unha furgalla no hall… Non sei, o normal cando estás de festa, neno. Pero non foi culpa miña, neno, que o que dirixía todo era o cura, neno. Que subiu á varanda aquela do terceiro piso, neno, coma un director de orquestra. Que eu crin que rebentaban os balaústres, porque aquilo abaneaba que metía medo. E o chorbo, nada, púxose a sorrir e a mover o brazo coma un deses gatos dos chinos, sabes? E canto máis sorría o fulano, máis grande se lle facía a cabeza. E o corpo…

―…

―O corpo del, neno. O corpo do tipo vestido de cura. Que lle medraba e medraba o sorriso, e tanto lle medrou que tragou as orellas, e a cabeza e logo… e logo o corpo, neno. Desapareceulle o corpo e quedou en nada, neno. Só sorriso, neno. Unha lúa de dentes, neno. Coma a bandeira esa de turcos que sacan en Riazor.

―…

―Como che digo, neno, que se esfumou alí mesmo, pero deixou os dentes a brillar, a flotar no aire, neno. Vaia notas, neno.

―…

―Que non estou drogado, neno. Que non vou cambiar de roupa. Devólveme os cornos. E as peles. Por favor cho pido, que non me leven estes kinitos, que eu non fixen nada, que foi o cura. Fodédesme a min porque non atopades o cura. Non se lle pode cortar a cabeza a un home sen corpo, verdade nenos? Soltádeme, ghulais, fillos de puta…!

…………………………………………………………

A morte do pallaso proxeneta

Lola e Lulú cruzaron a porta collidas de ganchete. Unha persignouse e a outra turrou un chisco da minisaia para tapar o exceso de perna. Após a involuntaria mostra de respecto, entraron na capela. Camiñaban na punta do pé, procurando que os afiados tacóns non entoasen un caótico concerto de castañolas. Miraron a esquerda e a dereita e acenaron coa cabeza tantas veces coma convidados sentaban nos bancos. Unha para os irmáns da batea, acabados de chegar das Rías Baixas. Dúas para devolverlle o saúdo a Pepe o alambiques, que choraba desolado por perder o seu mellor cliente. Tres para un grupo de homes vulgares e correntes, vestidos de domingo, que baixaron a mirada como se non as coñecesen. Catro para o resto do equipo do prostíbulo, acompañando o xesto cunha salva de bicos lanzados ao ar. E unha quinta vez para o párroco, que as observaba inmóbil desde detrás da protección do altar.

–Mira que lle botou collóns, velorio na igrexa…

–Filla, don Ramón é un dos nosos mellores clientes. Por que non lle ía facer o favor ao pobre?

–Non, se estou a falar de don Ramón. Poderían expulsalo desta diocese e mesmo de toda a Igrexa por prestarse a isto.

–Non esaxeres, parva. Oe –empurrouna para que se achegase aos pés do féretro–, a quen se lle ocorreu a idea de escoller esa foto del?

–A min non, desde logo. Pero non me digas que non é moi el…

–Si –saloucou, case chorando–. Aínda lembro o día que me entrevistou para o traballo. No segundo puticlú que abriu, aquel á beira da ría, lembras? Ai, miro esa foto e case o escoito dicir “Lola, nuns ovos con beicon a galiña colabora e o porco involúcrase. Non sexas a galiña”. Nena, como me motivou esa frase durante o meu primeiro ano…

– É que era como un buda…

–Un buda?

–Si, muller, eses monxes calvos da China que son tan listos. Boeno, máis gordo, cheirando a xenebra e con ese vicio estraño de disfrazarse a todas horas, pero igual de sabio.

–Si, sabio si que era.

–Sabes que me dixo unha vez no seu despacho despois de facerlle unha mamada?

–Non, dime.

–”Lulú, se non queres que te pillen facendo mal, non fagas mal”

–Hostia, que si que era sabio…

–Si, moito.

Calaron por un intre, fitando a foto daquel home que marcara as súas vidas, sentindo nos seus corazóns que aquel dedo aínda as sinalaba, escolléndoas de entre todas as mulleres perdidas na rúa para formar parte do seu ‘Palacio del Amor II’.

–E mira unha cousa…

–Dime.

–E logo, non lle poderás preguntar á Beti quen escolleu a foto esa? A verdade é que, despois de mirala durante un anaco, faise horrible, case desagradable.

–Dáme a min que foi a mesma experta en tendencias que se encargou das flores, parecen unha ensalada para hipsters.

–É que xa o dicía el, “se queres as cousas ben feitas, fainas ti”.

–Un buda, tía, un buda.

12 comentarios en “‘A algueirada’ vs ‘A morte do pallaso proxeneta’

  1. Procedo co derradairo duelo entre Xosé e Fran. Tomei 24 horas para deixalo repousar, pero sigo coas mesmas dúbidas ca onte. Os meus parabéns aos dous porque nos dous relatos hai cousas que me encantaron. Parecédesme moi bos e con moito potencial.
    A Algueirada
    Namorei do dialecto “coruño” e paréceme super orixinal o xeito de tratalo. Gústame esa linguaxe macarrilla e como parece que todo se desfasa dun xeito “natural”. Mantívome enganchada e sigo sen saber que son os “kinitos”, a policía?
    A morte do pallaso proxeneta
    Tamén me gustou e ten un puntazo que escollan esta foto para retratar o morto. Non me queda claro se Ramón é outro cura ou simplemente dono do prostíbulo onde traballan Lola e Lulú. Pode ser ambas as cousas… Non me gusta demasiado o final, pero é o único pero que lle poño.
    O meu voto é para A Algueirada. Reitero os meus parabéns aos dous, a Fran e a Xosé.

  2. A algueirada

    este relato venme perfecto como exemplo do que acabo de dicir no outro duelo.

    Esa estructura de dialogo silenciado está ben escollida, en relatos con palabras contadas é un bo recurso. A linguaxe está tamen ben lograda, sobroume algun “neno”, por moi realista que sea.
    Pero o que quero dicir é o seguinte.
    Dou por feito que o prota non está improvisando. Non o parece. Pode que a historia sexa inventada, pero non é improvisada.
    Enton, a 2º liña de dialogo TIÑA que ser esta (a 1º mantemola):

    -Diso nada, neno, non foi así como está nese papel que lestes. O que dirixía todo era o cura, neno. Que subiu á varanda aquela do terceiro piso, neno, coma un director de orquestra. Que eu crin que rebentaban os balaústres, porque aquilo abaneaba que metía medo. E o chorbo, nada, púxose a sorrir e a mover o brazo coma un deses gatos dos chinos, sabes? E canto máis sorría o fulano, máis grande se lle facía a cabeza. E o corpo…

    Non empezar por aqui é esborrallar o relato todo. Non só polo que dixen de dicir canto antes aquilo que ten que impactar ó lector, senon porque no contexto dun relato oral, nun interrogatorio aparentemente non estructurado, o 1º que contas é o fantastico e despois xa matizas o que sexa. Como dixen antes, imaxina que lle estás contando a anecdota a alguén. Ese feito fantastico é o nucleo da historia. E neste caso, cun dialogo in medias res, o normal era que fose o inicio do relato. Non vos da a sensacion de que o que conta o prota está demasiado estructurado para como o conta?
    Voume arriscar: este relato, se se le ó revés (primero a ultima entrada de dialogo, etc) é moito mellor relato, transmite mellor o que quere contar. Facede a proba, en serio. Ti tamen, autor.

    A morte do pallaso proxeneta

    A frase do beicon é tremenda.

    O relato ten momentos moi bos (a entrada de lola e lulú na igrexa e A FRASE) e logo outros que o van desinflando ata que xa non queda nada. O dialogo, por exemplo, dame a impresion de que remata mal. E sabendo o que ven despois, diria que sobra a parte dos acenos. Tampouco teño claro quen é Ramon. É proxeneta ou é cliente? Non pode ser o morto porque falan del en presente, pero despois parece como que si o é. Nin idea, vamos. Se ó autor lle parece importante que o lector teña claro quen é Ramon, quen era o morto, quen o cliente e quen o proxeneta, daquela perdinme algo importante. Teño a esperanza de que non fose así.

  3. Boas! Moi bo duelo, este, tardei en decidir o meu voto.

    ‘A algueirada’: Gustoume o uso da linguaxe e a forma do relato, penso que acerta ao omitir as preguntas de quen interroga. Había palabras que non coñecía, pero que polo contexto se entenden ben. E tamén creo un acerto que finalmente non se revele se está a inventar, alucinar, ou se o suposto cura existe.

    ‘A morte do pallaso proxeneta’: Coincido en que é algo confuso por non deixar ben claro se o morto é don Ramón, e se este é cliente, cura, proxeneta ou todo á vez. Porén, fáiseme curioso e hilarante, unha lectura moi amena.

    O meu voto, finalmente, é para ‘A algueirada’.

  4. Boas tardes. Paso a comentar este duelo. Unha foto complicada que os autores resolveron con gracia, parabéns a ambos.
    “A algueirada”
    Gustoume este relato. Sinto contradicir a Lois pero a min éntrame ben o diálogo. Hai xente que conta así as historias, alongando a quenda de palabra e dando voltas, recreándose na súa propia voz na vez de ir directamente ao asunto. O personaxe non é un narrador, é alguén que quere adobiar a historia, non me choca que o faga así. O que si, sóbranme un par de “neno” por aí. A conversión do tipo nun sorriso xigante recordoume algún debuxo animado. Pareceume moi orixinal.

    “A morte do pallaso proxeneta”
    Un relato entretido. Gustoume o primeiro parágrafo e o diálogo está ben levado. Sen embargo, tras varias lecturas xeroume certas dúbidas. Non sei se me entra de todo tratar dun proxeneta con amabilidade, aínda que sexa en clave de humor, seguro que son cousas miñas. No debate de quen é Ramón, para min é o párroco claramente senón a frase da expulsión non tería sentido.

    Voto por “A Algueirada”

  5. Boa tarde¡ Paso a comentar este duelo, cuxa foto merece un torneo de por si. Un universo enteiro arredor dela. O que di Lois de que o lector é do relato no que dura este. Eu son desa foro para a vida enteira. Pero non no bo sentido. No malo, no de cousa escura que che asalta cando te quedas quieto.
    Gustoume moito o toque de esmorga que ten A algueirada. O rexistro esta logrado dunha forma que penso que so se pode ter se o mamas. Se lle dou voltas ao asunto si que tería cambiado algún orde na mensaxe por mor da situación que reflexa, pero non caín niso ata que lin os comentarios. De todas formas, o toque surrealista e o sorriso enorme, que non sei porque me recordou ao gato de Cheshire, chegáronme fondo. Neste duelo non teño moi claro quen é quen pero vouma xogar. O autor igual se lembra de min, aínda levei bo camiño que andar para chegar ata aquí e foi toda unha honra participar no mesmo torneo que o tipo que fai os relatos estes que dan mal roio pero mal roio do bo.
    Tiña pensado falar cousas boas de todos os relatos, igual ata regalarlle o oído a alguén pero e que non dou atopado ningún no que sexa posible. Todos presentan méritos propios dabondo e penso que A morte do payaso proxeneta é o meu favorito. A escena inicial paréceme sacada do mellor Álex de la Iglesia, incluso a uns niveles aos que ao mellor ese señor non chega. Ten frases para enmarcar como a da galiña que me han ser difíciles de esquecer. En xeneral, é un relato acorde a unha foto perfecta. Faría o meme de O tío Sam necesitate pero dubido que non tivera lugar xa. A este autor, se non a liei como fago con todo e me confundín, téñolle que agradecer que sempre tivera tan boas palabras, acompañadas de criticas útiles, cousa rara. Moitísimas grazas e agardo atoparte noutro compate, aínda que desta engánchoche EH
    O meu voto vai para A morte do pallaso proxeneta.

  6. Sinto o da foto… bueno, realmente non, hehehehe… Un día por unha destas fotos algún autor vaime matar. Pero eu vou seguir turra que turra ata que alguén me faga un relato.

    “A algueirada”. Curioso duelo a base de diálogos. Os mesmo son moi naturais, e dígovolo eu que estudiei na Coru, neno. Molan aí coladas as reminiscencias ao gato de Chesire de Alicia (de aí ven o que me dicías ti, Mari, porque o gatobus de Totoro está sacado do gato de Chesire) misturado nada máis e nada menos que co asalto á casa Blanca do outro día. O Tio Sam da foto en clave Coruño marciano. Igual se lle bota en falta algo máis de variedade na descripción da troula.

    “A morte do paiaso proxeneta”. Este relato ten un ambientillo moi guai tamén. As primeiras esceas están moi conseguidas, e as persoaxes co seu diálogo definen perfectamente ao prota indirecto, o finado paiaso proxeneta (xa vos vale…). A min tamén me encantou a frase da galiña. O problema que lle atopo é que se vai desinflando unha mija…

    Neste duelo tiven moitas dúbidas. O meu VOTO vai para “A morte do paiaso proxeneta” polos pelos. Parabéns aos dous autores por un gran torneo. Alegroume moito que Fran (o meu Will Wheato particular…) deicidise apuntarse de novo e tamén reecontrarme cun vello amigo de escrita coma o gran Duncan. Vaia torneo fixestes os dous. Agardo baterme de novo con vós por aquí (ou nun bar).

  7. Pois xa está a tinta seca. Acabouse a liga. Oxalá ao Celta teña tanta sorte como tiven eu. Síntome coma o Madrid cando queda segundo pero lle gaña o clásico ao Barcelona. Non sei se alguén máis poderá dicir que sobreviviu a dous duelos directos con Botana, pero iso que me levo para presumir. Oxalá para a próxima sexamos máis. Lois, César, Daniel, Natalia, tomade nota.
    Habería que facer un All Star ou unha Champios League coas gañadores e gañadores de cada liga. Prometemos non lapidar a quen gañe.
    Grazas ao meu lector beta pola súa axuda. Foi toda unha honra recibir a súa axuda. Creo que xoguei con avantaxe.
    Grazas ao Invitado Enmascarado (que se manifeste) por non entrar antes. De boa nos libramos David e mais eu.
    Grazas a Lois polos seus comentarios, sobre todo cando apuntan fallos ou posibilidades de mellora. Hai xente que paga moitos cartos polo que aquí se fai gratis. Avisade se facedes un obradoiro que me apunto.
    E sobre todo, grazas ás compañeiras e compañeiros participantes.
    Grazas, Ana, por Lavandaría, por favor, esténdea. Grazas, Xosé, por A morte do pallaso proxeneta e as súas frases míticas. Grazas a Pilar pola retranca de Os falsos amigos, a Carlos pola súa Libraría, a Marisol por Chan ou Banco (para min o mellor texto desta liga) e a Botana polos todos e cada un das sete xoias que colgou aquí. Parabéns, merecida vitoria.
    Vouvos botar en falta.

  8. Por certo, respecto á pregunta de Marisol, non o teño moi claro. Cada vez que penso niso atopo unha razón diferente.
    Pode que escriba por terapia, por relaxación, por enfado, por estrés, para entreterme e non saquear a neveira, por experimentar, por competición, por obter a aprobación dos demais, para falar conmigo mesmo, por dicir algo con tempo para medir as palabras, para pensar noutra cousa, por construír mundos e mangonear a súa poboación, por vivir máis dunha vida, por crear, por procrear, pola fama e os ligues, por facerme millonario (de aí o de escribir en galego), ou porque son un sádico ao que lle gusta torturar os familiares e amigos cos borradores (iso debe ser o que Marisol chama literatuRRa).
    En fin, non sei. Pode ser que escriba por que si ou porque non podo non facelo. Por iso todo ou por nada en especial. O motivo é o de menos, o que importa é o lector.

    • Eso non vale. Das unha resposta que case abrangue todas as variables : D. O de literaturra foi algo que lin, non sei se foi á mantenta ou un erro tipográfico pero fíxome gracia. De todos xeitos xérasme outra pregunta non menos importante. Se o importante é o lector. De que lector estamos a falar?. Falamos do que é lector nun duelo, ou da idea abstracta de lector co que tentamos establecer comunicación?

      • Eu tiven a sorte de ter un rival literario que sempre me sacou anos luz no pensamento e que una vez me explicou que escribir era un dialogo entre o eu, o lector e o mundo. Unha especie de Trinidad chunga. E que a clave era atopar un equilibrio entre explicarse a si mesmo e darse a coñecer ao mundo, facendo que o lector se atopase a si mesmo nas túas palabras. Ao final é escribir para coñecerse a un mesmo e que o lector te coñeza e se coñeza.
        A cousa é expoñer o que atopas dentro de ti e dirixilo acía dentro e acía fora.
        Sempre discutiamos porque el facía poesía e eu prefería a arte superior de dicir UHHHH UNHA PANTASMA QUE MEDO A ONDE IRÁ? Mantéñome firme. Para min escribir está na competición. O que sería The thrill of the hunt, xa sexa tirarse contra un contendente ou contra un mesmo, que noutro universo paralelo fixo un relato un chisco peor.
        Pero iso, perdón pola chapa, e que me pareceu un debate interesante e que no seu momento pensei que era unha forma moi boa de velo, e por iso a gardei ata hoxe.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s