44. A conspiración do churrasco vegano

Letra W. TANAKAWHO/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Helena Camba saíu do bar onde tomaba café con Ingrid Costoya e Eduardo Fragoso para atender unha chamada de Penélope Trinta. Contoulle que quedara para xantar no Fogar do Santiso con Jéssica Pernas, a subdirectora xeral, porque lle tiña unha moi boa noticia. E quería que Helena, como membra do xurado, tamén estivese na reunión. Camba era de natural curiosa e non lle colgou o teléfono até que conseguiu algo máis de información.

—Vanme dar o premio a min —díxolle Penélope gardando a contención na voz.

—Seguro? Temos a maioría dos votos?

—Parece ser que si. Jéssica díxome que a novela gustaba moito, que sondara nos outros membros do xurado e que tiñamos o triunfo asegurado. Porque este non é un premio para min, é un premio para as mulleres escritoras que sofren…

—Non o podo crer, Pe. É marabilloso. Xa sabía eu que a túa novela lles ía encantar. Díxencho ou non cho dixen? É unha novela que revela o que había que revelar. Revolucionaria e potente. Que deixa ao descuberto a inxustiza dun sistema capitalista criminal e perverso que esmaga a diversidade.

—Helena, ti querías que presentase catro novelas con pseudónimo para confundir o xurado. Ou non o lembras?

—Detalles! O caso é que estás aí… Canto me alegro, gho! Estou que me dan ganas de poñerme a bailar unha muiñeira aquí mesmo.

—Non chegues tarde. Quedei ás dúas no restaurante. No de Teo, non te vaias confundir, que estes teñen tantos que xa parecen o Burger King!

—Non é un pouco raro quedarmos nunha churrascaría sendo veganas?

—Por iso quedamos aí, Helena, por iso.

A xornalista colgou e foi despedirse de Fragoso e Costoya. Vivía cabo de Área Central e boa falta lle facía o tempo para chegar, mudar de roupa e ir en coche até o lugar de Trasellas.

Para mellor pasar desapercibida, fixo un moño no alto da cabeza e mudou os seus longos brincos de Susi Xesto por unhas perliñas. Cando entrou pola porta do restaurante nin Penélope Trinta a recoñeceu. Xa estaba sentada con Jéssica.

—Acabamos de chegar —avisouna.

A camareira achegouse e preguntoulles que ían comer.

—Que somos veganas, Pe, que somos veganas —bisboulle Helena no oído á amiga.

Mais a camareira tiña un oído biónico e non evitou a retranca.

—Temos menú vegano. Probastes o churrasco non churrasco?

—Un churrasco vegano? —estrañouse Jéssica.

—Casuliños de millo anano de Honduras cubertos cunha masa feita cos propios granceiros da mazaroca esmagados, seitán e lentellas vermellas. Unha vez montados con agar-agar, todo iso vai ao forno ben napado cun prebe barbacoa estilo gaucho-caxún que leva cebola, allo, prexel, pemento doce, ou picante se o queredes, panela, bourbon e tomate concentrado.

—As veganas podemos tomar bourbon? —interesouse Penélope.

—E logo non? Non é un destilado de cereais? —contestou a camareira.

Todas pediron o churrasco non churrasco un pouco picante, con ensalada e patacas fritidas. Para beber, un tinto de Betanzos.

—Helena, coñeces a Jéssica?

—Do acto de presentación do xurado, no verán. Coido que non nos volveramos ver —respondeu Helena, sen mirala aos ollos, intentando manter as distancias.

—Eu escóitote todos os días na radio —respondeu Jéssica, sorrindo.

—Ben, Jéssica —foi ao gran Penélope xusto cando chegou a botella—. Cóntanos as novidades. Quixen que estivese Helena porque na verdade é a única con voz e voto neste tema, como membra do xurado que é.

—Que isto non saia de aquí —falou baixiño Jéssica, recordando o oído da camareira—. Puiden saber que a túa novela conta cos votos de Rosendo Neves e de Patricio Aragonés, como mínimo. Así que, pase o que pase cos outros dous xurados, a maioría apoia a túa obra.

—Que boa noticia! —Helena ergueu a copa—. É de xustiza, non cres? Ti estabas na comisión lectora, non si? Non che pareceu excepcional o libro?

—Francamente, estou un pouco sorprendida —interveu Penélope—. Nunca pensei que Neves fose tan sensible a unha obra así, tan descarnada, tan diferente.

—Non importan os motivos. O que importa é que vas gañar. Merécelo tanto! —dixo Jéssica, e mordeu, só por un nanosegundo, o seu beizo inferior. Mais o ollo de Helena, que non era biónico pero funcionaba bastante ben, captou o involuntario aceno.

—E na Xunta van reaccionar ben a isto? Cando se saiba que a gañadora é Penélope Trinta son capaces de invalidar o veredicto con algún subterfuxio —dixo Helena.

—Hai un poder da imaxinación que supera o poder da coacción e o retroceso —falou Penélope—. E neste caso vese que cando unha muller, cando todas as mulleres que falan a través dos personaxes de Perante a vida se poñen de acordo mediante unha mancomunidade de…

—O churrasco non churrasco —pronunciou a camareira pousando unha prata fumegante de espetiños e outras dúas con ensalada e patacas—. Comédeo quente, que frío non vale nada.

As pseudocostelas fervían e as tres mulleres preferiron empezar polos acompañamentos. Á ensalada non lle choraran o vinagre e a Helena saltáronlle as bágoas coa acidez.

—A ensalada galega é de seu un tanto avinagrada e con moita cebola —sentenciou Jéssica.

—Debemos planificar coas Lúas Novas unha reacción conxunta tan pronto se coñeza o resultado final—dixo Penélope mentres trababa levemente na pasta vexetal—. O premio é o altofalante. A voz debe ser a de todas as feministas que se vexan reflectidas neste triunfo. Eu son, máis ca a autora, a panca que activa o movemento que o vai mudar todo.

—Ti es a meirande, Pe, pero esta trapallada sabe fatal —dixo Helena—. Sálvase porque ten alcohol e está doce, non está?

—Temos que ser cautelosas coa información —advertiu Jéssica—. Calquera filtración ou paso en falso e todo isto derrámase. Helena, por favor, cando vos reunades no xurado, defende con paixón a obra de Penélope. Neves e Aragonés irán á túa roda.

—Iso está feito. É imposible non apaixonarse coa obra de Penélope.

—Pois a min isto gústame —relambeuse Penélope—. Recórdame a uns tubérculos que comín en Esuatini. A salsa era parecida, así coma ketchup, non é?

—Todo para vós —Jéssica apenas probara bocada e o seu espetiño miraba tristeiro desde o prato—. Non sei por que pedín isto se eu non son vegana.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s